Alerta do perigo de despidos en masa e da deterioración das condicións laborais
As medidas que aprobará hoxe o
Consello de Ministros e Ministras están, para a CIG “moi lonxe do
que se está a facer noutros estados europeos”. Así o considera o
secretario xeral, Paulo Carril, que cuestiona unha decisión “inxusta
e que desprotexe, desampara e deixa na intemperie a moitos
traballadores e traballadoras sen garantir que todo o mundo poida
quedar na casa”. Para a CIG “a fórmula de fomentar os ERTEs coas
modificacións introducidas, baseándose no articulado dunhas
reformas laborais, xa de por si lesivas, e actualizar os elementos
máis perversos destas reformas a través desta vía, parécenos
inaceptábel e irresponsábel” di Carril, quen advirte de que “non
se van impedir así os despedimentos que xa se están producindo, por
moito que se presenten os ERTEs ou reducións de xornada como fórmula
para evitalos”.
Nese sentido, o secretario xeral da CIG
lamenta “que UGT e CCOO sexan promotores destas inxustas medidas”
porque “a modalidade de ERTEs non preserva os ingresos dos
traballadores/as, porque non garante a integridade dos salarios que
terían que percibir os traballadores/as, nin actualmente, nin nos
próximos meses, porque isto vai repercutir na xeración de pagas
extra e de vacacións”.
Por outro lado, advirte Carril,“xera
antecedentes” porque deste xeito “facilítase que nos próximos
meses poida haber, onde non se produzan agora, despedimentos en
masa”.
Garantías de seguridade e saúde
laboral
Por outro lado, a CIG alerta de que
“seguen sen se adoptar as medidas necesarias para que todo o mundo
poida quedar na casa, nin se lle dispón dos medios para que as
traballadoras e traballadores que teñan que ir traballar poidan
facelo coas necesarias medidas de seguridade”. Xunto isto,
salientou que as empresas que están ofrecendo o teletraballo non
garanten nunhas condicións mínimas de respecto aos dereitos
laborais e, en moitos casos, incluso baixo a obriga de poñer o
traballador ou a traballadora gratuitamente todos os medios materiais
para o desempeño do traballo no domicilio.
Neste sentido, Carril lamenta “que a
policía e o exército se estean despregando para labores de control
social mais que para garantir que non haxa a actividade laboral, agás
onde é obrigatoria, e que esta se desenvolva coas medidas oportunas
de seguridade, nomeadamente nos sectores máis sensíbeis como o de
alimentación, SAF, residencias...”.
Xunto a isto, lamenta tamén “que non
se dote de medios á Inspección de Traballo e que esta non desempeñe
o labor de control necesario para garantir esa protección ás
traballadoras e traballadores que non poden quedar na casa e están
obrigados a traballar”.
Para Carril “é un problema de
vontade política non ir a unha protección maior do conxunto das
traballadores/as, tendo en conta que a UE está aprobando cada día,
e actualizando, as autorizacións para facer o gasto necesario”.
Neste sentido apunta que “para a CIG é esencial que non se
escatime en pór a disposición da situación todo o gasto social que
sexa necesario”.
Por iso considera que “o famoso
escudo social, tal e como se lle está chamando agora, é claramente
insuficiente e inxusto”.
Lamenta, xunto a isto, que non se vaia
pola vía que vén propoñendo a central sindical desde o primeiro
día -pola que si están optando noutros países europeos- , que é a
do permiso especial por deber inescusábel, que ten base no artigo
37.3 do Estatuto das Traballadoras e Traballadores, e sinala que
“isto é, precisamente, o que está provocando toda esta
situación”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario