O goberno municipal do Concello de Betanzos vén de aprobar o pasado 24 de xullo en Xunta de Goberno Local os orzamentos 2014 logo de que só uns días antes todos os partidos da oposición coincidisen en non apoiar a aprobación destes orzamentos. Con esta estratexia fai un alarde antidemócrata nunca antes visto no Concello de Betanzos, onde os orzamentos, ata este ano 2014, e a entrada no goberno do PSOE, sempre foran aprobados pola maioría do pleno.
A isto témoslle que sumar a nula negociación cos representantes do persoal do capítulo 1 dos orzamentos, convocados a unha Mesa Xeral na que supostamente se negocia mais que o goberno municipal convocou exclusivamente para "dar conta". Máis grave podemos considerar isto aínda tendo en conta que o Concello presentou unha RPT dicindo que é a vixente, é dicir, a do ano 2008, mais que en realidade contén modificacións en postos que nin sequera foron tratadas cos propios traballadores afectados. Ademais, na documentación relativa a persoal aparecían diversos erros e ocultábase información relativa a antigüidades, postos e complementos persoais que descoñecemos se foron corrixidos antes de levar a documentación a pleno, a pesar de que o propio goberno municipal admitiu que de ser así se trataría de erros.
Unha vez publicada a aprobación provisional dos orzamentos ábrese un prazo para presentar reclamacións as persoas que teñan a consideración de interesadas e que tamén poderán examinar a documentación. O prazo comeza hoxe mesmo, 31 de xullo, e finaliza o vindeiro 19 de agosto, tendo en conta que estamos a falar de días hábiles.
Nos vindeiros días, en primeiro lugar, cumprirá comprobar se o Concello aprobou a documentación tal cal a levou á Mesa Xeral de Negociación ou engadiu algunha das propostas presentadas pola CIG, logo, dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos procederemos a elaborar as reclamacións que consideremos pertinentes e informaremos ao persoal ao que lle afecten directamente as modificacións para informalo sobre as posibilidades e a pertinencia das reclamacións individuais.
Un dato moi importante é que a Lei 27/2013 aprobada polo PP na que o goberno local vén de se amparar para aprobar os orzamentos 2014 impide que se poida facer unha modificación da RPT sen que esta sexa aprobada polo pleno, por tanto o goberno local non podería ter modificado a RPT con respecto á de 2008 por moito que aprobase os orzamentos na Xunta de Goberno Local. A maiores, resulta ben triste a estas alturas con xa máis de medio ano que leva cobrado a empresa que foi contratada para a elaboración da RPT, o Concello nin se dignase a presentar un bosquexo desa nova RPT que tan cara está custando e coa consciencia de que se a oposición non a apoia eses 21 000 euros para Galivalia serían tirados pola borda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario