22/05/13

A CIG denuncia que o Concello paralizou a negociación do convenio colectivo



Máis dun ano e medio despois de ser denunciado polo Comité de Empresa o Concello de Betanzos teima en deixar en punto morto a negociación do convenio colectivo baixo a pretensión de deixar ao persoal laboral sen convenio. A día de hoxe, e despois de escasas reunións, non vai nin a metade do convenio negociado e as negociacións do convenio están en punto morto dende hai catro meses, logo de máis dun ano de falsas promesas por parte do goberno socialista proclamando unha vontade de negociación que na práctica é inexistente.

Dende a CIG coidamos que a finalidade de dilatar esta negociación non é outra que provocar que o persoal laboral do Concello de Betanzos quede sen o seu marco normativo de referencia, o que provocaría en moitos casos unha perda de dereitos, maior precariedade e un maior abismo entre as condicións do persoal laboral e funcionario pola aplicación de diferentes normativas en función do tipo de contrato. Esta paralización da negociación moito nos tememos que pode supor un dos maiores retrocesos para o persoal laboral por culpa dun goberno empeñado en agravar as diferenzas co funcionariado e que non é quen de dialogar cos seus propios traballadores.

Dende a sección sindical da CIG do Concello de Betanzos moito nos tememos que no caso de que non se retome a negociación do convenio de xeito inmediato quedaremos sen convenio por culpa do goberno municipal e instámolo a que reaccione dunha vez e tome unha actitude responsable neste tema. O propio concelleiro de Persoal, entrou falando de diálogo cos representantes dos traballadores e logo de case dous anos non foi quen de negociar unha Relación de Postos de Traballo, uns orzamentos nin un convenio cos traballadores, por non falar das trabas para o acceso á información que lles pon aos delegados sindicais, especialmente aos da CIG, que dificultan o seu traballo dun xeito considerable. Non hai que esquecer que aínda recentemente a CIG se viu na obriga de recorrer os orzamentos do ano 2012 pola falta de negociación e que a día de hoxe este recurso está en trámites no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

A maiores, logo de anos de problemas coa convocatoria e resolución de axudas sociais, en decembro de 2012 o Concello comprometeuse a negociar un novo regulamento de axudas sociais que propiciase unha distribución máis xusta, en función de criterios realmente sociais para o que a día de hoxe aínda non foi convocada a Mesa Xeral de Negociación, a pesar de que hai case seis meses o Concello se comprometeu co Comité de Empresa a negociar este tema e mesmo amosou boa predisposición ante as propostas dos traballadores. Meses despois descubrimos de novo que non era máis que unha artimaña e unha mentira para non negociar de novo.

Finalmente consideramos esta actitude autoritaria fronte aos representantes dos traballadores do goberno municipal como unha falta de respecto a todo o persoal laboral e unha clara intención de rebaixalo, unha vez máis, fronte ao funcionariado, e queremos denunciar a preocupante situación da xestión do persoal laboral do Concello de Betanzos alentada pola ineficacia do concelleiro de Persoal, e, por defecto de todo o equipo de goberno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario