Tal e como vos informamos o venres, o Comité solicitou a compensación en tempo para o persoal que está chamado ás revisións médicas fóra da súa xornada laboral e hoxe mesmo o concelleiro de Persoal remitiulle un escrito ao Comité de Empresa que indica o seguinte:
"Respondendo ao seu escrito de data tres de maio, indicarlle que a compensación do horario laboral dos traballadores que asistan ao recoñecemento médico fóra do seu horario laboral realizarase na mesma xornada do recoñecemento, descontando, previa comunicación ao encargado correspondente, na entrada ou saída o tempo empregado no recoñecemento."
Por tanto, pois, o persoal que realice a revisión fóra do seu horario laboral terá, por primeira vez, o dereito á compensación na súa xornada laboral, tal e como debeu ser sempre mais tristemente nunca foi, existindo ata o momento unha discriminación ao descontalo uns traballadores da xornada e outros do seu tempo de lecer. Aínda así, ata onde temos coñecemento o Concello só llo comunicou ao Comité de Empresa e non a todos os departamentos afectados, de aí que publiquemos este aviso e nos puxésemos en contacto co persoal que terá a compensación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario