Unha
das causas de perda de emprego no último ano foi a flexibilización
das condicións nas que unha empresa con beneficios pode despedir a
todo ou parte do seu cadro de persoal, e a supresión da autorización
administrativa nos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE).
Despois de crear as condicións para lanzar a xente ao paro sen
contemplacións, entramos na fase de espremer ao límite a súa
capacidade de supervivencia.
O
Consello de Ministros do 15 de marzo avanza nesa dirección co Real
Decreto-Lei 5/2013, que dá outro paso máis na política de liberar
as empresas de obrigas coa sociedade.
A
Lei 3/2012 do 6 de xullo prevía que as empresas con beneficios que
despedisen en ERE a persoas maiores de 50 anos terían que aboar a
contía da prestación de desemprego, e tamén parte dos subsidios
posteriores a esgotar a prestación. O PP modifica agora a obriga,
reducíndoa a aqueles casos nos que a porcentaxe de persoas maiores
de 50 anos sobre o total de despedimentos do ERE sexa superior á súa
porcentaxe no persoal, o que é un xeito solapado de desactivar unha
medida que tendía a facer pagar á empresa con beneficios algunha
parte do custo social das súas decisións. A partir de agora o gasto
trasládase ao sistema de Seguridade Social.
A
protección por desemprego sufriu reducións importantes pola Lei
20/2012 do 13 de xullo. Xunto á medida máis coñecida, consistente
en baixar a contía da prestación a partir do sétimo mes do 60 ao
50% da base reguladora, realizáronse máis recortes. Un foi que o
SEPE (antigo INEM) deixou de achegar o 35% da cota de Seguridade
Social que corresponde pagar a quen está cobrando a prestación de
desemprego. Outro, que endureceron as regras para valorar os ingresos
de quen pretende cobrar o subsidio de desemprego unha vez esgotada a
prestación. E, por fin, que a idade mínima para cobrar o subsidio
para maiores até a idade de xubilación, pasou dos 52 aos 55 anos, e
diminuíse a base pola que o sistema de Seguridade Social cotizaba
para a xubilación de quen está percibindo o subsidio: do 125% da
base mínima de cotización baixou ao 100%.
A
última volta de parafuso contra as persoas paradas, o RDL 5/2013,
consiste en que o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos, que
en 2013 é de 426 euros ao mes, cambia a súa condición de dereito
individual pasando a converterse nunha prestación suxeita á
escaseza de ingresos da unidade familiar. Antes da reforma, tíñanse
en conta soamente os ingresos da persoa solicitante. A partir de
agora, fará falta que os familiares cos que conviva teñan tamén
unha situación económica extremadamente precaria: en concreto, que
os ingresos da familia constituída por cónxuxe e fillos e fillas
menores de 26 anos ou incapaces sexa inferior aos 483,98 euros por
persoa. É dicir, un cónxuxe que non chegue a mileurista (abondará
con que gañe 968 euros ao mes), mesmo se está en paro e o que está
cobrando é a prestación de desemprego, será considerado
responsábel do sostemento da outra parte, liberando o sistema de
Seguridade Social da súa deber de dar cobertura en situacións de
necesidade.
Diferenzas
salariais
Non
hai palabras. A medida terá un impacto xeral no empobrecemento da
poboación que depende do seu salario para sobrevivir, e moi
especialmente nas mulleres casadas. En xaneiro de 2013, o 67% das
persoas maiores de 55 anos que están cobrando prestación
contributiva de desemprego son homes, aos que no contexto de
desemprego actual, unha vez esgotada a prestación lles vai chegar o
momento de cobrar o subsidio. Tamén son homes o 59% de quen hoxe
cobra o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos, que esixe ter
cotizado 15 anos, seis deles a un réxime que teña a prestación de
desemprego. Estas condicións eliminan máis ás mulleres, que con
máis frecuencia permaneceron na economía mergullada ou traballando
no sector de fogar, cuxo réxime non ten prestación de desemprego.
En
diante, a diferenza salarial entre homes e mulleres terá como
resultado que a esposa non poderá cobrar o subsidio de maiores de 55
porque, ben de veces, o marido terá un salario ou unha prestación
legalmente suficiente para mantela. Tamén ocorrerá que, co
obxectivo de que o marido de máis de 55 anos poida aspirar ao
subsidio de maiores que pode estenderse até a idade de xubilación,
a esposa traballará de xeito non declarado. O paso á economía
mergullada dos membros da familia con traballos a tempo parcial,
intermitentes e/ou con peores carreiras de cotización é un fenómeno
típico cando están en xogo prestacións que teñen en conta os
ingresos familiares.
Atrásase
en dous anos a idade de acceso ás xubilacións anticipadas, tanto a
forzosa como a voluntaria, até alcanzar -progresivamente- as idades
de 63 e 65 anos respectivamente, seguindo o aumento da idade
ordinaria que se aprobou no 2011, de 65 a 67 anos. Ademais, na
maioría dos casos aumentouse a penalización por anticipo da idade,
sobre todo se a xubilación é voluntaria.
O
ingreso máis tardío ao traballo das xeracións actuais e as
frecuentes interrupcións das súas cotizacións polo desemprego
traerán consigo a aplicación das penalizacións máis altas, que
poderán supoñer reducións de até do 30% da pensión. Estas
reducións non só compensan o maior gasto do sistema de Seguridade
Social debido ao adianto do cobro da xubilación e polo tanto a
percepción desta durante máis tempo, senón que previsibelmente o
superan. A inxustiza agrávase pola carencia dunha regulación e unha
política eficaz para o mantemento no emprego das persoas maiores e
pola insuficiencia nas prestaciones de desemprego previas á
xubilación, que se agrava con este Decreto Lei.
Mentres
a política da dirección das empresas de prescindir das persoas
maiores, para substituílas por outras novas, con contratos máis
precarios e menores salarios, dá lugar a un elevado desemprego desas
persoas maiores (segundo o INE, no último cuadrimestre de 2012 había
máis de 530.700 persoas desempregadas maiores de 55 anos), o atraso
na idade de xubilación, unido ás restricións para a percepción do
subsidio de prexubilación, vai supoñer que unha parte substancial
destas vai quedar sen ningún tipo de prestacioóns da Seguridade
Social até que poidan acceder á xubilación, é dicir, nin
prestacións contributivas de desemprego, nin subsidios de desemprego
-que teñen duración limitada-. Cando accedan á xubilación, a súa
pensión vaise ver diminuída polo peor trato dos períodos sen
cotizar que xa fixou a reforma de 2011; para quen si poida percibir o
subsidio de maiores de 55, a base de cotización a cargo do Servizo
de Emprego, tal como se dixo, rebaixouse, o que incidirá
directamente nunha base reguladora menor para o cálculo da pensión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario