12/06/18

A CIG rexistra unha queixa pola discriminación que supuxo a penosa xestión do Concello de Betanzos no conflito do pagamento das indeminizacións por asistencia a tribunais

Xa o propio Comité de Empresa lle transmitiu ao concelleiro de Persoal que a pésima xestión do Concello de Betanzos no conflito derivado da negativa ao pagamento das indeminizacións por asistencia a tribunais do persoal do Concello de Betanzos reperticutiu nunha perda notable, especialmente para o persoal laboral. Debido a isto, a CIG deixou constancia no rexistro da seguinte queixa:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos, logo de sete anos sen pagar as indemnizacións por asistencia a tribunais, que están reguladas pola lexislación vixente, pagou, xunto coa nómina do mes de maio de 2018 algunhas das pendentes de anos anteriores.

SEGUNDO. Que segundo nos indicaron, pagáronse un ano de atrasos ao persoal laboral e catro anos ao persoal funcionario, mais que nos casos en que había unha solicitude expresa este prazo interrompeuse e pagáronse aínda que fosen de máis dun ano e catro respectivamente.

TERCEIRO. Que a nefasta xestión do Concello nesta cuestión derivou en que moitos traballadores e traballadoras, especialmente laborais, perderon as indeminizacións por asistencia a tribunais durante anos e agora, no momento en que se aplica a lexislación vixente, como os prazos de atrasos son diferentes para laborais e funcionarios, isto repercutiu en que o persoal máis afectado por esta situación foi o persoal laboral.

CUARTO. Que, a maiores, temos coñecemento de que hai persoal que efectivamente fixo as solicitude por escrito e rexistro e, a pesar disto, o Concello non lle pagou as indeminizacións, parece ser que baixo a escusa de que só pagou os procesos selectivos que tiveron concurso-oposición, o que é unha clara discriminación tendo en conta que un tribunal dun proceso de selección ten que constituírse e reunirse o mesmo para un proceso con concurso-oposición, que de con concurso ou con oposición e independentemente do número de reunións que deba ter.

QUINTO. Que o Concello tampouco pagou o asesoramento nos tribunais do persoal que formou parte en calidade de asesor/a a pesar de que hai constancia de que efectivamente participaron asesorando nos devanditos tribunais e mesmo teñen, en moitos casos, decretos de nomeamento como asesores/as. Por outro e aínda que así non fose, se o Concello non fixo un decreto de nomeamento non é un problema do persoal, é un problema de tramitación do propio Concello que non ten porqué pagar o persoal afectado.

E solicitoulle ao Concello de Betanzos o seguinte:

PRIMEIRO. Que o Concello trate en igualdade de condicións ao persoal laboral e funcionario e evite este tipo de nefastas xestións que derivan en discriminacións e perda de cartos, en diferentes condicións, para os traballadores e traballadoras.

SEGUNDO. Que o Concello non discrimine no pagamento das indemnizacións por asistencia a tribunais tendo en conta o tipo de proceso selectivo, posto que debe pagar as devanditas indemnizacións sempre que haxa unha reunión do tribunal e lle pague as devanditas indemnizacións a todo o persoal que o solicitou expresamente, seguindo o criterio que levou a cabo co resto de casos.

TERCEIRO. Que o Concello lle pague as indeminizacións por asistencia a tribunais ao persoal que participou nestes en calidade de asesor/a.

Ningún comentario:

Publicar un comentario