A delegada de prevención de riscos laborais da CIG tamén reiterou hoxe por rexistro telemático a solicitude de que o Concello de Betanzos realice as revisións médicas correspondentes, que levan sen se realizar desde o ano 2016. A solicitude rexistrada indicaba o seguinte:
EXPOÑO:
- Que a Lei 31/95 de prevención de riscos laborais indica no seu artigo 22 que o empresario garantiralle aos traballadores o seu servizo de vixilancia periódica o seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.
- Que no artigo 56 do Convenio colectivo do persoal laboral sinala que será de aplicación no Concello, a actual normativa vixente en materia de saúde laboral, Lei de prevención de riscos laborais (Lei 31/1995, do 8 de novembro). Así mesmo, que o Concello e os sindicatos asinantes deste Convenio velarán puntualmente polo estrito cumprimento da normativa aplicable e recollida na Lei de prevención de riscos laborais, en todos os servizos e dependencias deste.
- Que no artigo 57 do Convenio colectivo en vigor indica o seguinte con respecto aos recoñecementos médicos periódicos:Artigo 57.º Recoñecementos médicos periódicos.Os/as empregados/as públicos/as do Concello de Betanzos terán dereito a que se lles realicen recoñecementos médicos anuais de conformidade coa lexislación vixente.Ademais, no caso de que o/a traballador/a así o requira, e sempre que a doenza teña relación co desempeño do seu traballo, deberanse realizar ampliacións dese recoñecemento en aspectos específicos, mediante a consulta cun especialista no área correspondente (oculista, otorrino, dermatólogo, etc.).Os recoñecementos médicos incluirán (PSA) revisión sobre próstata para homes maiores de 45 anos e unha revisión xinecolóxica, coas probas mínimas de citoloxía, ecografía e de ser o caso mamografí.
- Que o Concello de Betanzos non realiza os recoñecementos médicos periódicos desde o ano 2016.
- Que compre lembrar, á vista de as últimas revisións realizadas foron xenéricas, que para a realización dos recoñecementos médicos débense ter en conta os riscos laborais presentes nos postos de traballo para o que os servizos médicos deben contar coa información ao respecto dispoñible: avaliacións de risco e resultados das investigacións de accidentes e enfermidades profesionais.
- Que as medidas de vixilancia e control da saúde dos traballadores serán desenvolvidas por persoal sanitario cualificado e os resultados dos informes médicos trataranse de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal , polo que se entregarán persoalmente en soporte papel ou telematicamente logo do consentimento do/a traballador/a.
- Que en febreiro de 2018 xa realizamos esta solicitude e o Concello nin respondeu nin procedeu a realizar as revisións correspondentes.
Por isto, SOLICITO:
- Que o Concello, en cumprimento da Lei de prevención de riscos laborais, e os artigos 56 e 57 do Convenio colectivo do persoal laboral, realice os recoñecementos médicos anuais correspondentes cada ano e informe puntualmente a todos os traballadores e traballadoras sobre os prazos e condicións das devanditas revisións.
- Que realice as revisións médicas específicas, tendo en conta os riscos laborais presentes en cada postos de traballo, e non de xeito xenérico tal e como se fixeran na última ocasión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario