A CIG presentou a convocatoria no
rexistro da Consellaría de Industria
A CIG rexistrou este venres, na
consellaría de Economía, Emprego e Industria o preaviso de folga
xeral para o 19 de xuño. O secretario xeral, Paulo Carril, asegurou
que “é a nosa moción de censura” diante da situación de
“emerxencia nacional” que estamos a vivir do punto de vista
laboral, social, económico e político-institucional. Chamou á
mobilización para recuperar os dereitos e derrogar as reformas que
provocaron o empobrecemento, a precariedade e a situación de
explotación laboral que padece a clase traballadora e asegurou
que “un sindicato digno de tal nome, nun momento como este, ou
dá un paso á fronte e convoca unha folga xeral ou, senón,
entendemos que o seu papel é inútil”.
Carril enumerou as múltiples razóns
que levan á CIG á convocatoria desta folga e denunciou, entre
outras, as reformas laborais, da negociación colectiva, a pobreza
laboral, a precariedade, o peche de camas, as reválidas, a LOMCE, o
recorte de liberdades democráticas ou de liberdade de expresión,
“ás que se lle suman cada día máis razóns”, dixo, e como un
instrumento en defensa “dos nosos dereitos e de dignidade da
clase”, nun contexto onde a corrupción do Partido Popular campa ás
súas anchas.
Por iso considerou que “non podemos
permitir que a desmobilización, a pasividade e o silencio sexan a
resposta” e asegurou que “nós non imos calar, non estamos
dispostos a que o PP manteña con mans de ferro estas políticas nin
en Galiza nin no Estado, que tanto drama social están a provocar”,
máis logo de se coñecer onte a sentenza que confirma que “é unha
organización que hai que ilegalizar, que é unha organización
criminal”.
Por iso chamou á folga xeral “non só
como expresión de indignación da clase traballadora ante o
empobrecemento xeneralizado e a explotación que estamos a vivir,
senón tamén como unha medida necesaria para demostrar a nosa
disposición para defender a nosa dignidade, os nosos dereitos como
clase e como nación”.
Lembrou que os orzamentos do Estado que
se veñen de aprobar consolidan todas estas políticas que “saquean
e rouban á clase traballadora” e alertou de que “está en risco”
que a precariedade e o empobrecemento avancen provocando que “esta
xeración vaia vivir en condicións peores que as anteriores”.
Lamentou, porén, “a pasividade das
forzas políticas e sindicais da esquerda que, coa súa actitude, co
seu consumo de enerxías negando esta folga” permiten que “cada
día que pasa o PP siga dando un espectáculo vergonzoso de
corrupción institucionalizada” mais alertou da gravidade de que
Ciudadanos poida ser a alternativa política porque iso significaría
“máis recorte de liberdades e de aprofundamento destas políticas
que precisamente con esta folga queremos evitar”.
Un paso á fronte
Chamou, xa que logo, a dar “un paso á
fronte” advertindo que “ou estamos do lado da clase traballadora
ou estamos doutro lado”. Asegurou que “as folgas que fracasan,
son as que non se convocan e a mobilización social que non dá
resultado é aquela que se perde en debates internos infinitos e que
é incapaz de dar unha resposta real á demanda social que existe nos
centros de traballo”.
A preguntas das xornalistas respecto da
posición das outras organizacións sindicais, Carril preguntouse “a
que teñen que esperar para dar unha alternativa”. Lamentou que “os
sindicatos que se denominan alternativos e os sindicatos que no
diálogo social entenden que está o camiño da solución”
coincidan “non en mallar á patronal, non en mallar no PP coas súas
políticas de recorte de dereitos e de empobrecemento xeneralizado
que están a ter, senón en criticar á CIG porque nos atrevemos a
convocar unha folga xeral”.
Asegurou que, se eles queren, “estamos
dispostos a compartir reivindicacións e datas de mobilización”
mais asegurou que “o que non nos vale é a inacción, a pasividade
e a desmobilización que, dunha forma ou doutra, están a facer”. E
concluíu que “razóns hai. É triste que non haxa, por todo o
mundo, esta mesma coincidencia, pero nós non imos deixar de
mobilizarnos por ese motivo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario