A ampliación do permiso de paternidade
até equiparalo no 2021 co permiso de maternidade é xa unha
realidade que comezará a aplicarse en xaneiro do 2019 no ámbito da
Administración Xeral do Estado tras un acordo entre o Ministerio de
Política Territorial e Función Pública e as organizacións
sindicais con representación na Mesa Xeral, incluída a CIG.
No marco das negociacións para a
modificación da Lei 2/2015 de Emprego Público de Galiza, a CIG
trasladou toda unha batería de medidas para mellorar as condicións
de conciliación familiar de todo o persoal da Xunta, desde o docente
ao sanitario pasando polo da administración xeral. Entres estas
propostas estaba o incremento dos permisos de paternidade e
maternidade até conseguir que cada un deles acade, con carácter
intransferíbel, os 12 meses de duración.
Somos conscientes de que esta é unha
medida que require de prazos para a súa consecución e xa nos
últimos anos instamos á administración galega a dar pasos nesa
dirección. Para o ano 2019 a Xunta xa avanzou a súa intención de
incrementar o permiso de maternidade até as 22 semanas, mais deixou
inicialmente sen tocar o incremento do permiso para a outra persoa
proxenitora, á espera de como rematasen as negociacións abertas en
Madrid.
Acordo en Madrid: 16 semanas de permiso
de paternidade no 2021
No ámbito do Estado asinouse un acordo
o pasado 29 de outubro centrado no permiso de paternidade. Este
acordo implica o incremento paulatino até acadar as 16 semanas no
2021, o que supón a mesma duración do permiso de maternidade, que
nese ámbito non tivo melloras como aconteceu en Galiza nestes
últimos anos, onde foi aumentando de 2 en 2 semanas até chegar ás
22 a partir de xaneiro de 2019.
Ese acordo foi subscrito por catro das
organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral da AXE
(Administración Xeral do Estado), entre as que se encontra a CIG, e
estas son as novidades (actualmente o permiso de paternidade é de 5
semanas)
O criterio dun permiso intransferíbel
vén sendo defendido desde hai anos pola CIG, como mellor camiño
cara o fomento da corresponsabilidade no coidado das nosas crianzas
entre ambas persoas proxenitoras. O feito de que a maior parte do
permiso non vaia ser simultaneo incide precisamente nesta vía de
romper con roles perpetuados polo patriarcado que son claramente
discriminatorios coas mulleres. Desde a CIG tamén instaremos a
que desde a Xunta se fagan os cambios oportunos na normativa actual
para asegurar que o permiso de maternidade sexa igualmente
intransferíbel.
A CIG demanda un paso adiante da Xunta
de Galiza, até acadar as 22 semanas no 2021 e pactar un plan
plurianual de incrementos até acadar os 12 meses para cada permiso.
Tendo en conta o obxectivo final fixado
pola CIG (12 meses intransferíbeis para cada permiso) e os propios
pasos dados pola Xunta nestes últimos anos no aumento da duración
do permiso de maternidade, a CIG trasladoulle a Función Pública que
o incremento do permiso de paternidade para o persoal da Xunta se
acompase co propio permiso de parto, elevando a un mínimo de 22
semanas o permiso de paternidade no 2021, e sempre adaptándose ás
posíbeis ampliacións do permiso de maternidade.
A CIG trasladoulle a Función Pública
a necesidade de acadar un pacto plurianual para aumentar ambos
permisos e emprazou á Xunta a incorporar os cambios na Lei 2/2015
para conseguir a súa efectividade desde o 1 de xaneiro de 2019.
Debido ao avanzado dos prazos de negociación da Lei, sen que a
administración galega atendera as demandas iniciais da CIG e tendo
xa superado o trámite parlamentar , desde o sindicato instamos ao
goberno galego a que, de non se poder incorporar na reforma da Lei,
se arbitren as medidas legais necesarias para que todo o persoal da
Xunta poida ver aumentado o permiso de paternidade no sentido das
nosas demandas xa a partir de xaneiro de 2019.
Ningún comentario:
Publicar un comentario