“Na túa empresa tamén
hai violencia” é o lema da campaña deseñada pola Secretaría da
Muller da CIG con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a
eliminación da violencia contra as mulleres. Unha campaña coa que
se quere chamar a atención sobre as agresións e a violencia
simbólica, de abusos cotiáns, que sofren as mulleres no ámbito
laboral e que foi presentada no marco dun encontro nacional de
mulleres da CIG.
Margarida Corral, Secretaria das Mulleres da CIG,
fixo un percorrido pola situación de violencia que padecen as
mulleres, desde a máis extrema: o feminicidio –termo que
considerou imprescindíbel socializar-, até esas outras violencias
que chamou a “nomear” e “identificar” para tomar consciencia
dunha realidade cotiá á que ningunha muller é allea.
Respecto da súa manifestación máis extrema,
sinalou que segundo a OMS “a violencia machista é a principal
causa de morte das mulleres de entre 15 e 44 anos, por diante do
cancro, a malaria, os accidentes de tráfico e mesmo as guerras” e
que “case mil mulleres foron asasinadas no Estado español desde
hai unha década, delas, case un cento galegas”.
Respecto desas outras manifestacións, denunciou as
“formas sutís” que están na base da sociedade patriarcal: desde
o humor sexista, até o control, a publicidade sexista, a anulación,
a invisibilización do xénero feminino na linguaxe e os
micromachismos. Unha violencia que, dixo, “podemos atopar nas nosas
relacións familiares, sociais, no ámbito da parella, no traballo,
na escola, nas organizacións e na comunidade no seu conxunto”.
Ante isto, Corral explicou que coa campaña deste 25
de Novembro a Secretaría das Mulleres pretende dar claves de
identificación desas múltiples manifestacións de violencia e
sexismo no ámbito laboral, na propia empresa, para comezar polo máis
próximo. Así sinalou que “son violencia machista” os
achegamentos físicos excesivos por parte dun xefe ou un compañeiro
de traballo” mais tamén que se poña en risco a saúde da muller
ou do feto cando a empresa non adopta medidas preventivas no
traballo; as diversas formas de humillación que sofren as
traballadoras cando non se recoñece nin o seu traballo nin a súa
valía; cando se paga menos polo mesmo traballo; cando non se
promociona á muller polas cargas familiares ou cando se culpabiliza
a unha traballadora que solicita unha redución de xornada por
coidado creando un clima de traballo hostil “facendo crer ao cadro
de persoal que teñen que traballar nun horario incómodo pola súa
culpa”.
Fixo ademais fincapé nos micromachismos que se
poden manifestar na propia entrevista de traballo cando á muller se
lle pregunta se ten familia o seu cargo ou se ten previsto tela;
cando lle quitan valor ás ideas ou opinións das mulleres
minusvalorándoas ou mesmo cando se cambia unha reunión cando cadra
cun partido de fútbol, mais non cando coincide con actividades
extraescolares das crianzas.
Corral subliñou o erro, no que as veces se cae, de
considerar que a violencia contra as mulleres é un tipo de violencia
máis e de que se trata de casos illados. Fronte a isto, alertou de
que “se activan por causas inxustificadas e teñen por obxectivo
deixar de manifesto quen ten a autoridade da relación”.
Para a secretaria das Mulleres “recoñecer estas
actitudes non significa aceptar que vivimos nunha sociedade que
perpetúa a desigualdade e a diferenza entre mulleres e homes, e que
agocha a discriminación e a violencia contra as mulleres”. Ao
contrario, demandou un maior investimento público nos programas de
atención e protección das vítimas, penalizando aos agresores e
evitando que poidan reincidir e unha intervención directa nas causas
da violencia de xénero. “Para irmos á raíz, temos que ir ás
orixes, valores e condutas xerados pola cultura dos xéneros e
propiciar cambios e alternativas.
SITUACIÓN ALARMANTE
Corral fixo ademais un percorrido polo datos máis
alarmantes, entre os que salientou que en 2014 foron asasinadas 9
mulleres –oficialmente só se recoñecen 6- e que no que vai de ano
2015 xa foron asasinadas 8; que actualmente en Galiza están vixentes
7.759 ordes de protección; que o centro de Recuperación Integral
para mulleres que sofren violencia de xénero atendeu, desde xuño de
2014 até decembro, a 28 persoas: 14 mulleres e 14 crianzas ou que o
teléfono da Muller atendeu o ano pasado un total de 4.870 chamadas.
Unha situación que para a secretaria das Mulleres
“é máis que grave” e que porén non foi considera así polo
goberno do PP, que aínda que incrementou este ano os recursos
públicos nun 5,3% respecto do anterior, chegando aos 10.310,2
millóns de €, non chega para compensar os recortes introducidos
desde 2009 cando o orzamento foi de 11.792,8€.
Corral denunciou ademais o impacto que os recortes,
en xeral, tiveron na vida das mulleres. Recortes cos que a Xunta de
Galiza provocou o desmantelamento das políticas e igualdade,
incidindo directamente nos dereitos humanos das mulleres. Neste
sentido sinalou que a ONU suspende ao goberno do PP en todas as áreas
que, de xeito directo e indirecto consolidan a discriminación das
mulleres: violencia de xénero, igualdade, saúde, emprego, dereitos
sexuais e reprodutivos… e un longo etcétera”.
Tal é así que o Estado español ocupa o posto 29
dun estudo que abrangue a 142 países e que sitúa entre os dez
primeiros, ademais de europeos como Islandia, Finlandia, Noruega ou
Suecia, a outros como Ruanda ou Filipinas, que van 20 postos por
diante.
Mobilizacións
Margarida Corral anunciou ademais que, ao igual que
en anos anteriores, a CIG convocará concentracións de delegadas/os
en cidades e vilas galegas, ademais de sumarse ás mobilizacións que
se convoquen desde o movemento feminista. “Sairemos novamente ás
rúas amosando que é responsabilidade de toda a sociedade mudar e
reverter o noso modelo de relacións sociais”, dixo.
MOBILIZACIÓNS DA CIG CONTRA A VIOLENCIA
MACHISTA:
A Coruña: ás 12 horas na Praza
Luís Seoane, ás 12 horas
Ferrol: ás 12 horas diante do
Edificio Administrativo da Xunta de Galiza
Compostela: ás 12 horas diante da
Confederación de Empresari@s, na rúa do Vilar, 54
Pontevedra: ás 12 horas na Praza 8
de Marzo
Vilagarcía: ás 11 horas diante da
FECA (Federación de Empresarios/as da Comarca de Arousa, na Rúa
Castelao)
Ourense: ás 11 horas diante do
local sindical
Lugo: ás 12 horas diante da CEL
(Confederación de Empresarios/as de Lugo)
Vigo: ás 12 horas nos Xulgados o
día 24 de novembro
Ningún comentario:
Publicar un comentario