A precariedade laboral,
-entendida como un conxunto de factores nos que se inclúe a
temporalidade no emprego, a imposibilidade de decidir sobre as
condicións de traballo, a vulnerabilidade ante os abusos, os baixos
salarios e a insuficiencia de dereitos-, inflúe negativamente na
saúde xeral e na saúde mental dos traballadores.
Segundo os datos sobre Catalunya que onte debullou
Joan Benach, director do Grupo de Investigacións en Desigualdades da
Saúde da Universitat Pompeu Fabra, os problemas de saúde mental son
tres veces maiores nas persoas que traballan en situacións
precarias.
Os resultados deste estudo da UE, que coordina Carme
Borrell da Agència de Salut Pública de Barcelona sobre a relación
entre as políticas sociais e a saúde indican que a precariedade en
España é do 48% e do 42% en Catalunya; A prevalencia da
precariedade laboral é maior en mulleres (51,4%) que nos homes
(34,1%). Esta afecta sobre todo aos mozos, ás mulleres e aos
inmigrantes -no colectivo das mulleres novas inmigrantes a
precariedade alcanza o 90%-. Os investigadores tamén detectan que
esta situación está a alcanzar a colectivos que sobre o papel poden
parecer non vulnerables, é o caso do que se cualifica como “empregos
instrumentais”, traballos a tempo completo relativamente estables e
con ingresos “sustentables” pero con escasos beneficios, poucas
oportunidades de formación, participación e implicación.
Situacións laborais nas que se atopan sobre todo mulleres,
oficinistas, traballadores de servizos ou do sector industrial. E
ainda que en menor medida, tamén se percibe nos “empregos de
carteira”, con elevada cualificación, intensidade e flexibilidade
horaria. Segundo Benach “A precariedade laboral aínda que con
diferenzas sociais está a estenderse a capas máis amplas, está a
atrapar unha parte importante da forza laboral”.
Ao analizar a seguridade (a percepción de que se
pode perder o emprego) de maior a menor, España ocupa o lugar 24 dos
34 países analizados, onde os “máis seguros” son os nórdicos e
os menos os do Leste. Respecto á calidade do emprego, aparece na
posición 19 de 34, onde de novo nos polos opostos están os nórdicos
e os da Europa do Leste.
Ningún comentario:
Publicar un comentario