10/10/11

Dubidoso cumprimento da Lei de prevención de riscos laborais no Concello de Betanzos

Outro grave problema detectado recentemente e que xa se lle comentou ao concelleiro de Persoal foi que consideramos que neste Concello hai xa máis que un dubidoso, hai un deficiente cumprimento da Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais, xa non só porque lle temos preguntado en múltiples ocasións ao Concello sobre os Equipos de Protección Individual dalgúns colectivos coma o GRUMIR e o Concello non é quen de responder con rotundidade se os traballadores contan con toda a equipación necesaria, senón tamén porque, polo que parece, neste Concello nin hai un servizo de prevención, como indica o convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos, e nin sequera se nos sabe responder sobre a existencia ou non dun Comité de Seguridade e Saúde que marca de obrigada existencia e en función do número de traballadores a Lei de prevención de riscos laborais que é do ano 1995, e que mesmo o noso convenio recolle como de aplicación no artigo 39. Non temos a certeza, pois, de que existise con anterioridade este Comité de Seguridade e Saúde mais o certo é que o Comité actual non foi convocado á súa constitución nin a ningunha reunión deste organismo que segundo a Lei 31/1995 debe ser convocado trimestralmente.

Sorpréndenos, pois, máis unha vez, como o incumprimento do convenio tan nomeado polo Concello para desestimar solicitudes en detrimento dos traballadores, agocha moita desidia por parte da Administración local. Por iso puxemos este feito en coñecemento do Goberno ao nos decatar que este grave incumprimento das leis en materia de saúde laboral pode supoñer un risco para os traballadores e, igualmente, instamos a que se hai tanta vontade de amañar as cousas como se nos indica verbalmente en reiteradas ocasións, se comecen a dar os primeiros pasos para solucionar estas eivas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario