29/10/15

O Comité de empresa denuncia no servizo de Inspección da Consellería de Traballo e Benestar a situación da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente

O Comité de Empresa acordou hoxe, por unanimidade, poñer en coñecemento do Servizo de Inspección de Familia e Menores a delicada situación que atravesan as compañeiras da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente.

Así, dirixiuse ao Servizo de Inspección de Familia e Menores dependente da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza coa finalidade de pór no seu coñecemento a situación de incumprimento da legalidade vixente no que ten que ver coa ratio legal no coidado e atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos que asisten diariamente á Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente dependente do Concello de Betanzos e indicarlle que esta falta de persoal pola non cobertura das baixas nin de longa nin de curta dirección está redundando nunha excesiva carga de traballo e na imposibilidade material de cumprir a legalidadida vixente no que ten que ver coa ratio e como consecuencia nunha dificultade de atendemento aos nenos e nenas matriculados na Escola nas condicións óptimas e desexables. Para finalizar, a representante do Comité de Empresa púxose ao dispor do organismo para realizar as aclaracións con respecto á situación que fosen necesarias e indicoulles que agardaba que puidesen dar os pasos que considerasen oportunos con respecto a esta grave situación.


Ao pouco de enviar a denuncia chegou a confirmación de recepción da denuncia da Xunta e desde o Servizo de Inspección de Familia e Menores indicáronlle ao Comité que vai iniciar as actuacións inspectoras con relación aos feitos denunciados. Esta información foi posta en coñecemento de inmediato das compañeiras afectadas, tal e como se fará con todos os pasos que o Comité dea tentando buscar solucións a esta situación completamente irregular que o goberno municipal permite e ampara, porque parece que vulnerar a lexislación vixente e non cumprir a ratio legal de persoal que atende aos pequenos e pequenas na Escola Infantil non é unha prioridade, mais si que é a súa responsabilidade, queiran ou non, non é responsabilidade do persoal que o Concello non teña o persoal suficiente, a responsabilidade é deste goberno local e da súa desidia en temas de persoal.

28/10/15

A Inspección de Traballo endurece o control de cotizacións sociais por accidente laboral

ITSS

O Ministerio de Emprego e Seguridade Social está a levar a cabo un amplo plan de inspección para comprobar as cotizacións sociais das empresas por accidentes de traballo cunha aplicación da lei moito máis severa. As inspeccións están a pecharse con reclamacións millonarias en moitos casos.

As cotas que se abonan para cubrir as continxencias de accidentes de traballo calcúlanse atendendo a unha tarifa que inclúe tipos de cotización diferentes en función da actividade da empresa e da ocupación do traballador. Canto máis risco ten a actividade, a cota á Seguridade Social para cubrir as consecuencias dun accidente de traballo é maior. Así, o tipo máximo é o 7,15% que se aplica aos mineiros, seguido do 6,70% para os traballadores da construción. A cotización máis baixa é o 0,90% aplicada á confección de pezas de vestir. Iso polo que se refire á actividade da empresa, pero hai un segundo cadro de tarifas subsidiario que se refire aos tipos aplicables a ocupacións e situacións en todas as actividades. Neste último encádranse os condutores de camións (cun tipo do 6,70%), o persoal de limpeza (cota do 3,60%) ou o persoal de oficina (cun tipo do 1%).

E aquí é onde está a clave deste plan de control do Ministerio de Emprego e Seguridade Social que se está resolvendo con decenas de actas de inspección. Unha empresa que estea encadrada nun sector de risco e, por tanto, soporte un tipo de cotización elevado, normalmente conta con persoal de oficina polo que cotiza só ao 1%. Este sistema, permitía que determinado persoal dunha empresa dedicada a unha actividade de risco cotizase por un tipo máis baixo ao realizar traballos de oficina. As empresas, sinalan dende o Ministerio, aproveitaban para 'engordar' o que encadraban dentro do persoal de oficina co fin de cotizar menos, aínda que estritamente eses empregados non fosen oficinistas. Agora a inspección vaia esixir que todos os traballadores dunha empresa coticen por accidentes de traballo no epígrafe que corresponde á empresa, independentemente do traballo que realicen dentro dela. Por exemplo, unha empresa dedicada á enxeñería civil ten un tipo de cotización do 6,70%, o que supón 5,7 puntos porcentuais máis que a cota polo persoal adscrito a oficina, a aplicar sobre a base de cotización.

Supoñendo unha empresa de 1.000 traballadores cun soldo medio de 2.500 euros que tivese á metade cotizando como persoal de oficina e á outra metade como traballadores de enxeñería, a nova interpretación da Administración suponlle un acta de inspección de máis de tres millóns e medio de euros -a revisión inclúe o últimos catro anos- e, no futuro, ter que cotizar anualmente 900.000 euros máis (polos cinco puntos máis de cotización cada mes nese medio milleiro de traballadores).

Nesta nova actitude da Inspección de Traballo inflúe por unha banda unha Sentenza da Audiencia Provincial na que se estima o recurso da Tesourería da Seguridade Social na que conclúe que debe aplicarse o tipo de cotización da actividade da empresa (servizos técnicos de arquitectura e inxeniería) e non o de persoal de oficiña, e por outra que no novo sistema de liquidación electrónica de cotas da Seguridade Social esíxese o convenio colectivo quedando así adscrito á actividade da empresa.


Máis info en www.cigsaudelaboral.org

No Estado morre unha persoa en accidente laboral de tráfico cada dous días

SEGURIDADE

Segundo un informe da Fundación Mapfre, elaborado con datos do INSHT, cada dous días morre un traballador en accidente de tráfico durante a súa xornada laboral. A metade do total de accidentes mortais de traballadores son de tráfico.

Os accidentes de tráfico relacionados co traballo provocan 181 falecidos ao ano, dos que 111 son in itínere,  o que representa máis do 20 por cento do total de accidentes con baixa laboral e o 33 por cento dos graves.

Os sinistros de tráfico no traballo están a reducirse cos anos, aínda que esta diminución é menor que a dos accidentes laborais en xeral. O perfil da maioría das vítimas dos accidentes laborais de tráfico é home, de entre 25 e 54 anos e que traballa no sector da construción, reflicte o estudo, que analiza a sinistralidade viaria entre 2003 e 2012.

Segundo progresa a semana, baixa a sinistralidade viaria laboral, sendo o luns o "máis conflitivo e máis accidentado", segundo o estudo, día que rexistra o 21,1 por cento deste tipo de accidentes.
En canto ao sexo, os homes sofren máis accidentes de tráfico traballando que as mulleres. Isto débese a que os sectores nos que se producen con máis frecuencia -transporte e distribución- son "habitualmente ocupados por eles".

Os que maior número de accidentes de tráfico teñen en horario laboral son os menores de 24 anos, pero é a partir dos 55 anos cando estes sinistros son máis graves.

En canto ao tipo de contrato, os temporais teñen máis accidentes deste tipo que os indefinidos, concretamente un 75 por cento máis no período analizado, sobre todo nos desprazamentos de casa ao traballo.

A directora da Dirección Xeral de Tráfico, María Seguín, destacou que o 2014 pechou "sen un empeoramento de sinistralidade viaria" e animou ás empresas para dar a coñecer os seus plans de seguridade viaria para que outras poidan levalos a cabo.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org


27/10/15

REUNIÓN EXTRAORDINARIA DO COMITÉ DE EMPRESA

A presidenta do Comité vén de convocar unha reunión extraordinaria do organismo de cara a tomar decisións ante a delicada situación que está a vivir o persoal da Escola Infantil Municipal, cuxo traballo se está vendo gravemente afectado pola negativa do goberno municipal a cubrir as baixas nin de longa nin de curta duracuón, e mesmo nalgúns casos previsibles, coma no de maternidade, e ante unha situación que leva xa bastante tempo intentando resolverse pola vía do diálogo sen acadar os resultados agardados.

Hai xa bastantes meses que a situación é delicada mais nos últimos vén sendo moito máis grave polo continuo incumprimento da ratio que complica e agrava a situación das traballadoras afectadas e falta de resposta á situación por parte do Concello a unha situación laboral que desde a Sección sindical da CIG consideramos gravísima.

O pasado 28 de setembro o Comité de Empresa reuniuse de urxencia co alcalde para lle transmitir a gravidade da situación, a esta reunión acudiron tamén a concelleira da área e mais o concelleiro de Persoal. Nesta reunión a presidenta do Comité explicoulle detalladamente que a situación fora posta en coñecemento da concelleira da área sen que ata o momento se buscasen solucións e a situación agrávavase coa chegada de fin de ano e a obrigatoriedade de desfrutar os permisos pendentes, lembrouse que mesmo se emitira un informe da directora do centro onde poñía en coñecemento do Concello a situación e que a excesiva carga de traballo que estaba redundando nun inadecuado atendemento dos nenos e nenas e un incumprimento claro da lexislación vixente, coa gravidade que supoñía que este ano houbera máis matrículas que o ano pasado e os nenos e nenas en período de adaptación. Advertíuselle ao alcalde que había un incumprimenrto reiterado da ratio en determinadas franxas horaria e unha realización continuade horas extraordinarias e xornadas que impedían a recuperación necesaria para realizar o traballo ao día seguinte. Finalmente o Comité faloulle da necesidade inmediata de cobertura das baixas e dun sistema áxil que permita cubrir en cada momento as necesidades do servizo que e lembroulle que ese determinado traballo é unha grande responsabilidade e no momento que non hai docentes suficientes tiña que ficar claro claro que a responsabilidade non é das traballadoras do centro desde o momento que o Concello permite o incumprimento da legalidade vixente no que ter que ver coa ratio.

Un mes despois, e logo da publicación onte das bases das listaxes para cubrir as baixas, o problema é cada vez máis grave e tendo en conta que o procedemento para a cobertura das listaxes non é inmediato cómpre dar pasos adiante para que o Concello deixe de derivar sobre as traballadoras as súas propias responsabilidade e poñer en coñecemento de autoridades superiores a situación de ilegalidade que as compañeiras padecen e que repercute na posibilidade de ofrecerlle o servizo á cidadanía en condicións óptimas. Por iso, a CIG proporá na reunión que vén de convocar de xeito extraordinario, que o Comité denuncie ao Concello na Inspección pola vulneración da legalidade e o incumprimento da ratio legal de xeito continuo.

Xa non valen as escusas de que as listas non se poden usar, basta xa das trapalladas ás que nos ten acostumados o goberno local, este mesmo verán o goberno cubriu as vacacións das compañeiras de axuda a domicilio coas bases idénticas ás dos postos da Escola Infantil Municipal publicadas no 2008, en só tres meses e sen cambiar absolutamente ningunha lexislación o goberno dinos que o secretario pasa de informar postiva a negativamente nun caso idéntico, outro tanto coas de limpeza, pois ben, se hai quen lle quere tomar o pelo ao alcalde que llo tome, a nós desde logo non, porque ata o momento sabemos ler e se as listas levan anos caducadas tamén haberá a quen pedirlle responsabilidades a quen permitiu e informou que se podía seguir facendo uso delas, ten que velar pola legalidade e parece que informa positiva ou negativamente cando se lle acende ou non unha bombilla.

Cando contrataron ás compañeiras de limpeza do aulario en presunta fraude de lei tiraron da listaxe de substitucións a pesar de que eran novos postos de traballo, porque seica era un procedemento urxente, agora, un ano despois, nunha situación moito máis grave, non hai solucións urxentes basicamente porque non interesa, porque á vista está que cando interesa si que se buscan. Por todo isto o Comité instará á Inspección que tome cartas no asunto e obrigue ao Concello a asumir a súa responsabilidade e deixe dunha vez por todas de facerlle pagar aos compañeiros e compañeiras as consecuencias da pésima xestión do persoal que leva anos arrastrando o goberno municipal.

26/10/15

Bases específicas para a formación de listas de substitución (Técnico/a superior en educación infantil para a Escola Infantil Municipal)

Bases específicas para a formación de listas de substitución (Técnico/a superior en educación infantil para a Escola Infantil Municipal)

Bases xerais para a selección de persoal laboral temporal do Concello de Betanzos mediante listas de substitución

Bases específicas listas de substitución limpadores/as centros escolares e dependencias municipais

Bases específicas listas de substitución limpadores/as centros escolares e dependencias municipais

Bases xerais para a selección de persoal laboral do Concello de Betanzos mediante listas de substitución

22/10/15

Información sobre o expediente de resolución de inscrición e publicación do convenio colectivo

Tal e como vos informabamos hai unhas semanas a Consellería de Traballo enviou un informe con respecto ao convenio colectivo do persoal laboral no que sinala algúns aspectos e recomendacións a ter en conta para continuar coa tramitación do documento, entre as que destacan diversas actualizacións normativas logo da aprobación da Lei 2/2015 de Emprego Público de Galiza posterior ao acordo asinado polo Comité de Empresa e o goberno municipal.

O documento enviado pola Consellería e o seu contraste co texto aprobado polo Pleno hai xa bastantes meses foi realizado pola Asesoría xurídica da CIG e unha vez que tivemos unha resposta e puidemos definir a postura nesta nova fase a presidenta do Comité de Empresa indicoulle hoxe mesmo ao concelleiro de Persoal que en canto o Concello teña os informes que precisa pode convocar a Comisión Negociadora do Convenio colectivo para adoptar a decisión que se considere pertinente sobre as propostas realizadas no informe da Consellería.

A documentación enviada fai especial mención a varios aspectos e recomendacións mais a única que se pode determinar como tallante é que á que se refire á conversión do persoal laboral en situación de fraude de lei en indefinido por convenio. Cómpre lembrar que esta foi unha proposta do propio Concello derivada en certa medida do conflito dos anos 2012, 2013 e 2014 cos compañeiros e compañeiras readmitidas do anterior GRUMIR e dunha Administración que ten a unha parte do cadro de persoal con contratos en presunta fraude de lei e que veu avalada pola empresa Galivalia, ademais de que efectivamente xa consta en convenios vixentes polo país adiante; non obstante, cómpre recoñecer que desde o principio fomos escépticos pola dificultade legal que presentaba esta proposta mais que constou no acordo final co Concello logo dun proceso de negociación de anos e no que ambas partes tivemos que ceder, tal e como é común en calquera proceso deste tipo, e tal e como desde a CIG entendimos que era preceptivo se queriamos ter un convenio actualizado e non un vixente desde hai case dez anos e á marxe da normativa actual, cos múltiples problemas que isto lle ten causado ao persoal laboral deste Concello.

O resto do informe son "consellos" que nalgúns casos mesmo poden ser considerados valoracións e que, agás as actualizacións normativas da posterior Lei de Emprego Público de Galiza e mais o recente Decreto 10/2015 que nin se menciona por ser posterior á emisión do informe mais que tamén haberá que ter en conta á hora da actualización, en  ningún caso taxativos. Tamén destaca no capítulo do sistema retributivo que a masa salarial total non debe aumentar mais nin desgrosa os criterios da equiparación retributiva, nin se fixa polo miúdo no novo sistema á vista de que os criterios de reparto son obxectivos e para todo o persoal en igualdade de condicións.

A postura da CIG, e, por tanto, da maioría do Comité, canto esta nova situación será clara, tal e como xa se lle expuxo ao concelleiro de Persoal,  actualización do texto coa normativa vixente e mantemento dos pactos iniciais, agás que nalgún caso puntual, poidan supor unha clara conculcación da lexislación vixente e pór en perigo o resto do texto, máis aínda tendo en conta que a cuestión da indefinición pode ser doadamente solventada no xulgado polos compañeiros e compañeiras que queiran denunciar a presunta fraude dos seus contratos. 

Por outra parte, entendemos que o outro sindicato con representación no Comité non terá nin sequera nada que dicir na medida en que non apoiou na fase final o convenio e abstívose para o seu acordo, por tanto, tampouco lle interesa nin o proceso previo á aprobación, nin os trámites que nos vindeiros meses hai que realizar con respecto a un texto que criticou ata a saciedade porque consideraba mellor un aprobado hai dez anos e completamente desfasado ademais de con múltiples cláusulas discriminatorias non só con respecto á lexislación do funcionariado senón tamén que ten ocasionado discriminacións entre o propio colectivo do persoal laboral.

Tal e como indica a propia xefa de Sección da Xefatura Territorial no documento remitido ao Concello "para proceder á inscrición e publicación do convenio é preciso que contesten a esta comunicación de corrección cargando novamente o texto coas modificacións que consideren procedente introducir de acordo co sinalado anteriormente e a ratificación polo Pleno da Corporación do texto definitivo". Por tanto, logo de que se reúna a Comisión Negociadora e chegue a un acordo con respecto á introdución ou non das modificacións propostas o convenio deberá ser de novo ratificado polo pleno.

Unha vez superado ese trámite a Autoridade laboral podería dirixirse de oficio á xurisdicción competente se considera que hai que corrixir anomalías, no caso contrario procedería á sua publicación e entraría en vigor no mesmo momento da súa aprobación.

En canto teña lugar a Comisión Negociadora informaremos puntualmente a todo o persoal das novidades con respecto á tramitación do novo convenio colectivo.

5 meses despois seguimos sen Mesa Xeral de Negociación nin Comité de Seguridade e Saúde

O goberno local está tomando esta lexislatura aínda con máis calma que a anterior, as présas para asinar convenio e chegar a un acordo co persoal antes xusto das eleccións locais quedaron atrás e deron lugar a unha calma chicha na que parece que nada importa.

A Mesa Xeral de Negociación que a CIG solicitou que se convocase de urxencia, ata o momento descoñecemos se o resto dos sindicatos tamén ou a actitude de UGT, CCOO E CSIF é a mesma pasotista en connivencia co goberno local, segue sen se constituír cinco meses despois, o mesmo acontece co Comité de Seguridade e Saúde, xa solicitado tamén polos delegados de prevención da CIG.

De seguir así esta situación nas vindeiras semanas os delegados de prevención da CIG decidiron que acudirán á Inspección de Traballo a denunciar a unha Administración local que leva un ano sen reunir o Comité de Seguridade e Saúde que segundo a Lei de Prevención de Riscos Laborais ten que se reunir cada tres meses e do que os novos delegados mesmo descoñecen os compoñentes por parte do goberno local.

Desde a Sección sindical da CIG valoramos como nefasta a xestión en persoal dos primeiros cinco meses de goberno e lamentamos que poida ser a consecuencia directa dos intereses que o concelleiro de Persoal , Diego Fernández López, ten postos fóra de Betanzos e nas eleccións estatais e que dá como resultado unha nula xestión nos primeiros días de goberno á fronte de novo da área de Persoal. Entendemos que son moitos os méritos que fixo para continuar coa carreira política nos últimos catro anos coa lexislatura máis conflitiva na historia deste Concello cos traballadores e traballadoras mais non perdemos a esperanza de que volva a vista para o cargo que foi electo hai cinco meses e mude o rumbo da xestión, facendo caso ás demandas do persoal, aínda que non haxa fotos nin notas de prensa polo medio.

19/10/15

A CIG mobilízase contra os tratados de libre comercio e alerta das graves consecuencias que terán para as galegas e galegos

Nin CETA con Canadá, nin TTIP con Estados Unidos!

Centos de persoas mobilizáronse esta mañá coa CIG nas cidades e vilas galegas (menos en Vigo, onde a protesta foi o pasado día 10) para manifestar a súa oposición ao TTIP. As concentracións coincidiron coa manifestación convocada en Bruxelas como colofón a unha semana de mobilizacións en diferentes cidades europeas que se iniciaron o 10 de outubro.

Segundo explicou Suso Seixo, que participou na concentración convocada en Compostela, con estes actos “pretendemos contribuír a dar a coñecer e chamar a atención da cidadanía sobre uns Tratados que se están a negociar cun grande secretismo e que poden ter graves consecuencias para as nosas condicións de 
traballo e a nosa calidade de vida”.

Seixo lembrou que canda o tratado de libre comercio con Estados Unidos (TTIP) xa está negociado outro con Canadá o CETA, e que os seus promotores: as grandes corporacións económicas e os partidos políticos que defenden os seus intereses, os xustifican alegando que van supor crecemento económico e creación de emprego.

Para o secretario xeral da CIG estas xustificacións non son máis que “un engano á opinión pública” e que están “ben lonxe da realidade”. A este respecto explicou que sobre o posíbel crecemento económico os propios promotores destes tratados recoñecen que vai ser escaso, de apenas un 0,5% nos próximos anos.  “Un crecemento económico que, de habelo, vanse apropiar fundamentalmente as grandes empresas multinacionais”, subliñou.

Respecto da creación de emprego alertou de que moi ao contrario “é fácil que se dea destrución de emprego en moitos sectores incapaces de competir cos produtos das multinacionais norteamericanas e que o que se cree sexa en precario, con baixos salarios e con moitos menos dereitos”.

Consecuencias para a clase traballadora

Lonxe dos supostos beneficios que se lle atribúen a estes tratados, Seixo salientou os grandes aspectos negativos que terán tanto o TTIP como o CETA.

Entre outros advertiu que a supresión de aranceis que “poden afectar moi directamente ao noso sector agrogandeiro” ou que co sistema de resolución de conflitos entre inversores e Estados, estes últimos poden verse demandados diante de tribunais de arbitraxe privados por parte de multinacionais que se sintan prexudicadas nos seus beneficios por decisións ou leis adoptadas por eses Estados sobre calquera materia e en defensa do ben público.

O secretario xeral da CIG chamou a atención, pola súa transcendencia no mecanismo coñecido como “cooperación regulamentaria permanente” a través dun Consello Regulador creado ao efecto para harmonizar (igualar) toda a normativa e leis entre EEUU e a UE, en calquera materia que afecte ao libre comercio, sexa laboral, medioambiental, alimentar, servizos públicos…

A este respecto sinalou que “tendo en conta que por regra xeral a lexislación nestas materias en EEUU é moito máis permisiva cos intereses das empresas e, polo tanto, moito menos proteccionista cos dereitos e intereses da clase traballadora, estamos a falar dunha harmonización á baixa, tanto da lexislación presente como futura, con graves consecuencias e prexuízos canto a perda de dereitos e calidade de vida para a clase traballadora e para a cidadanía en xeral”.

Situación internacional

Para Suso Seixo estes tratados teñen moito que ver coa situación económica internacional. “É evidente que neste momento EEUU ve cuestionado por China o seu papel como primeira potencia comercial a nivel mundial e por iso ten moito interese por asinar estes tratados, sobre todo con mercados como o europeo ou o asiático”.

Ao seu entender isto explica a recente sinatura do Tratado de Libre Comercio do Pacífico con países de Asia, América Latina, Asia e Australia, que responderían precisamente a esa lóxica de intentar illar a China, o seu grande competidor, e mesmo aos países emerxentes, os BRICs.

Mobilización e soberanía

Ao entender de Seixo a mellor maneira de facer fronte a este tipo de acordos de libre comercio é “informar, concienciar e mobilizarse” para intentar chegar á opinión pública. Considerou que foi precisamente esa mobilización social en toda Europa a que posibilitou que hoxe se estea dando algún debate no Parlamento Europeo en torno a este tema e que mesmo se estea proporcionando algún tipo de información por parte da Comisión Europea.

Xunto a isto denunciou o enorme déficit democrático que evidencian  “tratados destas características, negociados nas altas instancias, na perspectiva de defender os intereses dos grandes grupos económicos e afastando da cidadanía a capacidade de decisións sobre cuestións que son esencias para o seu futuro”.

Por iso concluíu que é fundamental “reclamar a soberanía” para as nacións, para que os Parlamentos sexan realmente representativos e que se iso é importante para calquera nación con Estado “tanto máis o é para nós que somos unha nación sen Estado e que precisamos ter un Parlamento con total e absoluta competencia en todas as materias, realmente soberano para desenvolver as políticas económicas e sociais máis favorábeis á clase traballadora sen ter que depender das decisións que ao respecto adopten institucións como a UE ou o BCE, que están totalmente controladas polo capital financeiro”.





A Área Pública da CIG demanda a restitución de todos os dereitos das traballadoras/es da administración pública galega

Así o trasladou esta mañá na xuntanza convocada para presentar os orzamentos 2016 no relativo a empregados/as públicos/as

A Área Pública da CIG defendeu, na Mesa Xeral do persoal da Xunta de Galiza convocada este venres para tratar os aspectos referidos ao Capítulo de Persoal da Administración Pública Galega nos orzamentos para o ano 2016, a restitución de todos os dereitos dos traballadores da administración pública galega.

Segundo explicou ao seu remate María Carme López Santamariña, na Mesa explicouse que os orzamentos para 2016 contemplan unha suba nas retribucións do 1%. A este respecto, López Santamariña sinala que para a Área Pública da CIG “é absolutamente insuficiente”, tendo en conta que nestes anos as empregados e empregadas públicas “levan perdido un 30% do seu poder adquisitivo”.

Unha situación que a levou a concluír que “nin se roza a recuperación”, porque ademais sen manteñen os recortes nas pagas extra, que representan un 4% da súa masa salarial. A isto engadiu que tampouco se fala da recuperación do 100% das retribucións en situación de baixa; nin da restitución de xornada laboral en distintos sectores; nin da recuperación dos acordos que había no Sergas, nin do resto das cuestións recortadas.
A respecto das pagas extra, na Mesa tamén se asegurou –e así se consigna mediante unha partida orzamentaria- que se incluirá a devolución do 49,73 restante da paga extra do ano 2012, aínda que “non se especifica nin cando, nin como se efectivizará”, matizou.

Tal e como se adiantara na xuntanza de orzamentos celebrada na tarde de onte, contémplase a transposición do RD Lei 10/2015 polo que se inclúen dous días adicionais de permiso por asuntos propios ao cumprir o sexto trienio, que se incrementará nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo. Porén, a Área Pública da CIG denuncia que “non se contempla a reposición dos tres días que tiña a Xunta de Galiza”.

A Xunta anuncia ademais que haberá unha OPE para cubrir o 100% das prazas de docentes, en hospitais e centros de saúde, fraude fiscal, prevención de incendios, asesorías xurídicas, persoal de universidades e dun 50% para o resto dos servizos.
Fronte a isto a CIG demandou un plan de recuperación do emprego en todos os servizos públicos considerando que esa cobertura prevista “non chega a nada” porque “ese 100% non é o emprego público que se destruíu en todos estes anos nos servizos públicos esenciais, senón só a cobertura das vacantes que se produciran en 2015”.

Nula vontade de negociación

Para a Área Pública nesta xuntanza quedou constatada a falta de vontade de negociación deste goberno, porque non se atendeu á batería de demandas que levaban as/os representantes da CIG, nin as relativas a garantir uns servizos públicos de calidade, nin para dotalos do persoal  necesario ou para recuperar os dereitos perdidos en todo este período.

Neste sentido, López Santamariña denunciou que máis unha vez chegaron á xuntanza da Mesa sen documentación algunha e que cando manifestaron a súa queixa por isto, “o Director Xeral de Función Pública xustificou a súa ausencia dicindo que aquí facíase igual que en Madrid”. Unha resposta que a portavoz da Área Pública lamentou porque “até nin niso se desvían do guión ditado desde a capital”.

Outra das demandas que tampouco foi escoitada polos representantes da administración foi a da derrogación do Decreto de Medidas Urxentes no Emprego Público e con el todos os recortes laborais e sociais que levan padecido as empregadas e empregados da administración pública galega.

Por iso a Área Pública da CIG considera que todos os anuncios que se están a facer desde o executivo galego son pura propaganda de cara ás vindeiras eleccións autonómicas que non van propiciar a recuperación nin a recuperación duns servizos públicos de calidade, nin frear o proceso de privatización emprendido polo PP, nin permitir que melloren realmente as condicións laborais, salariais e sociais do seu persoal.


Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 16

GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL – CIG

Ante a necesidade de abordar a reforma do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social, historica e amplamente demandada conxunto de organizacións sindicais, o goberno ven de promulgar a Lei 23/2015 de 21 de Xullo, Ordenadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social. Esta Lei adoece do deseño axeitado e do consenso sociolaboral necesario para configurar un novo sistema de Inspección de Traballo adecuado ás necesidades sociolaborais, eficaz, eficiente e rigoroso no seu obxectivo básico: garantir os dereitos de traballadores e traballadoras

Boletín CIG Saúde Laboral únicamente se publica en formato dixital.

O sumario deste número conta co artigo de Análise-Opinión"Aspectos críticos da nova Lei 23/2015, de 21 de xullo, ordenadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social".

Baixo o epígrafe Colaboración, atopamos o texto "O envellecemento da poboación traballadora" de Manuel Pedro Velázquez Fernández.

En Información, "A violencia física externa no traballo" e en Sabías que...? "Criterio Técnico Nº 83/2010 sobre a presenza de recursos preventivos nas empresas, centros e lugares de traballo".

Se estás interesado en recibir o Boletín CIG - Saúde Laboral na túa caixa de correo, podes darte de alta premendo aquí

As leis antitabaco apenas reduciron o consumo no ámbito laboral

SAÚDE

O último informe do Observatorio Español da Droga e as Toxicomanías sobre consumo de sustancias psicoactivas no ámbito laboral en España sinala que aínda fuman a diario un 34% dos traballadores, unha cifra similar á de 2007, cando entraron en vigor as primeiras lexislacións que restrinxiron o consumo e comezaron a realizarse este tipo de estudos.

Fúmase menos nos centros  pero aínda se segue a fumar, aínda existe un 12% de traballadores que seguen sendo fumadores pasivos, o que revela que a norma se incumpre, polo menos, nunha de cada dez ocasiones.

O último traballo, publicado hai só uns días, recolle datos referidos a 2013 e 2014 e as súas conclusións baséanse na análise de case 15.300 enquisas.

A sustancia que máis sinistralidade causa en España é o alcol, pero a máis consumida, e quizais a que máis gasto sanitario provoque, é o tabaco. Aínda fuman o 33,8% dos traballadores. A maioría dos adictos son homes, con estudos primarios ou como moito secundarios e sen parella. Os máis consumidores son os que realizan labores manuais de tipo cualificado. Fuman un de cada dez membros deste colectivo, nunha proporción lixeiramente superior á que se dá na hostalería (36,6%). Curiosamente, directivos e profesionais liberais son quen menos enganchados están (25,4%).

O informe avoga pola implantación de medidas lexislativas que permitan «manter e reforzar as intervencións orientadas ao consumo do tabaco e, en concreto ao tabaquismo pasivo naqueles sectores que continúan rexistrando cifras elevadas».

Os médicos móstranse máis preocupados polas cifras que arroxa o consumo de alcol. Un 11% dos traballadores enquisados recoñeceu que nos últimos 30 días bebeu a diario algún tipo de bebida alcohólica no seu lugar de traballo. E o que é peor: a enquisa advirte de que un 5% da poboación laboral realiza «un consumo de alcol de risco». Estes datos, cando menos, son preocupantes xa que o alcol causa sinistros laborais moi graves e representa un desafío sanitario maior que o do tabaco.

14/10/15

Aplicación do Decreto 10/2015 no Concello de Betanzos: non corre présa

Logo de solicitar por escrito que o Concello convoque a Mesa Xeral para a aplicación do Decreto no que o goberno devolve aos traballadores da Admón do Estados os días por antigüidade en vacacións e asuntos particulares e de que solicitase que o Concello pagase canto antes os 48 días da paga correspondente a 2012, a última información que tivemos sobre estes temas é a seguinte:

48 días da paga extraordinaria de 2012

Segundo informou o concelleiro de Persoal xa está informando Intervención esta cuestión, ou cando menos esa información é a que lle ofreceu Diego Fernández aos delegados do persoal laboral. Segundo parece, desta volta, en principio, non haberá que recorrer ao xulgado para os solicitar, tal e como os laborais tivemos que facer e non así os funcionarios, posto que a lexislación é clara, o Concello se ten solvencia económica debe pagar antes de fin de ano, agardamos, pois, ter máis novas e que o pago se produza nos vindeiros dous meses.

Días de asuntos particulares e vacacións por antigüidade

Xa levamos semanas agardando a que o Concello convoque a Mesa Xeral de Negociación coa finalidade de aplicar os permisos e días de vacacións por antigüidade que o goberno de Estado vén de lle devolver ao persoal ao servizo da Administración estatal, mais o concelleiro de Persoal foi claro “O CONCELLO PODE DEVOLVER ESE DEREITO MAIS NON TEN OBRIGA DE FACELO”, recalcando que non é obriga da Administración local do PSOE devolver estes dereitos roubados polo goberno do Estado do PP, medidas fondamente criticadas polos supostos socialistas e que agora non só retrasan a negociación senón que insisten en que non teñen a obriga de devolver os dereitos que o PP roubou co Decreto 20/2012, iso é coherencia e o demais son parvadas!

En todo caso, se nas vindeiras semanas non temos novas deste tema desde a CIG solicitaremos unha reunión co alcalde para lle trasmitir a nosa preocupación porque o goberno socialista non dea pasos de inmediato para a recuperación de dereitos que o goberno do Estado do Partido Popular nos roubou e que tanto criticou o seu partido cando se publicou o decreto de recortes no ano 2012. Agora que ten a posibilidade de que recuperemos algúns deles debería dar pasos áxiles para que así sexa, e sería tan doado como convocar a Mesa Xeral de Negociación que a Sección sindical da CIG solicitou hai xa varias semanas.

Devolución do sexto día de asuntos particulares

A pesar de que a súa aplicación é indiscutible, solicitóuselle, ao igual que por rexistro, tamén verbalmente ao concelleiro de Persoal que o comunique en todos os departamentos para que todo o persoal teña coñecemento dos seus dereitos e as actualizacións normativas destes. Cómpre lembrar que para este ano 2015 na actualidade temos un total de sete días de asuntos particulares.

12/10/15

Confirmada a condena dun ano de prisión para o ex-xerente do OUFF por acoso moral a unha traballadora.

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense ven de desestimar o recurso de apelación interposto pola defensa do que foi xerente do Festival de Cine Internacional de Ourense, OUFF, e confirma integramente a Sentenza do Xulgado do penal nº 2, de 27 de marzo de 2015, que o condenou a seis meses de prisión por cada un dos delitos declarados probados: contra a integridade moral (artigo 173.1, parágrafo 2 do C.P.) e de lesións psíquicas (artigo 147.1 C.P.), con inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo que dure a condena. Así mesmo, deberá indemnizar á traballadora acosada, con responsabilidade civil subsidiaria do Concello de Ourense. Esta Sentenza da Audiencia Provincial é firme e contra ela non cabe interpoñer recurso algún.
 
Na sentenza inicial se indicaba que o acusado "no ámbito da relación laboral e valéndose da súa superioridade xerárquica, iniciou, de forma deliberada, unha actitude permanente de acoso e desprezo hacia a traballadora, co fin de humillala e obrigala a que abandoase o seu posto de traballo.Así, procedeu a privala progresivamente das suas funcións, ata chegar a unha situación de falta de ocupación efectiva".

A traballadora sufriu, entre outras situacións vexatorias, a instalación no seu equipo informático dun programa que lle impedía acceder a contidos necesarios para a realización das súas tarefas, salvo autorización do administrador. Así mesmo o acusado remitiu correos electrónicos recriminando á traballadora supostos abandonos do posto de traballo e roubos de material de oficiña, feitos polos que nunca foi sancionada.

O CONCELLO CONTRATA A DETERMINADOS TRABALLADORES DE XEITO IRREGULAR E CON SALARIOS SUPERIORES AOS DO CONVENIO APLICADO AO RESTO DE LABORAIS

Un ano máis o Concello contrata de xeito irregular ao persoal docente da Escola de Folclore ao contratar a unha serie de traballadores sen un proceso selectivo, tal e como é preceptivo. A situación de irregularidade na que o goberno municipal mantén a este persoal desde hai moitísimos anos ponse de manifesto ano tras ano coa sinatura dun contrato cando o que debía haber dunha vez por todas é persoal fixo discontinuo, que preste os seus servizos ao longo do curso, mais non que asine máis un contrato en fraude ano tras ano.

Desde que a CIG chegou a este Concello puxemos de manifesto que esta situación era irregular mais cada vez resulta máis anómala tendo en conta que o Concello convoca continuamente procesos selectivos para outros postos con contratos dunha duración moi inferior, como o da patrón, auxiliar administrativo, técnico da Cemit e un longo etc e ano tras ano neste colectivo e mais no Conservatorio realiza novos contratos sen o proceso selectivo pertinente do que debe ir precedido todo contrato na Administración pública.

Se a isto lle sumamos que o Concello decidiu unilateralmente e sen negociación con representantes dos traballadores que a algún persoal escollido por el mesmo non se lle aplicaba o convenio colectivo e ía cobrar máis que o cobran o resto de laborais a situación é esperpéntica e antes ou despois deberá buscarse unha solución, entre tanto, o Concello teima en seguir cometendo irregularidades en beneficio duns pouco e en contra do resto de laborais, que son discriminados con estas decisións unilaterais.

O Comité de Empresa, solicitoulle, como cada ano, toda a información relativa ao expediente destas contratacións e lembraralle ao Concello que o amosa a súa disconformidade coas contratacións irregulares e defende que todas as contratacións e condicións contractuais se fagan baixo os principios de igualdade, mérito e capacidade e cunhas retribucións ao abeiro dun convenio colectivo que se lle aplica ao resto do persoal e que non indica nada especial para traballadores e traballadoras dalgúns colectivos. É máis, esta decisión non só discrimina a uns poucos fronte ao persoal doutros servizos senón tamén a algúns fronte a compañeiros do mesmo servizo que cobran segundo convenio.

Por todo isto, o Comité solicitoulle ao Concello que informe sobre o proceso selectivo do profesorado da Escola Municipal de Foclore e que lle achegue toda a documentación do expediente relativo a estas novas contratacións, que informe como se determinan as retribucións do profesorado da Escola Municipal de Folclore e os motivos polos que non se rexen polo mesmo sistema que o resto do persoal laboral, nin polo incluído no convenio colectivo nin na Relación de Postos de Traballo e que o Concello informe ao Comité de Empresa con urxencia sobre esta situación que está a producir un agravio discriminatorio deste colectivo fronte ao resto do persoal laboral da Administración e dea os pasos oportunos de cara a corrixila.

05/10/15

A Inspección fíxalle un prazo ao Concello para amañar as deficiencias da Oficina de Turismo

Logo dunha semana dando voltas pola Administración local chegoulle á representante do Comité de Empresa o documento no que a Inspección insta ao Concello de Betanzos a amañar de inmediato as deficiencias detectadas no expediente aberto pola Inspección de Traballo.

Non é a primeira vez que o Concello abre as cartas que veñen da Inspección de Traballo dirixidas aos delegados de persoal, por este motivo, hoxe mesmo presentouse unha queixa por rexistro advertíndolle ao alcalde que no caso de se producir en máis ocasións tomarían as medidas oportunas e solicitándolle especial coidado na correspondencia dirixida aos delegados sindicais para non vulnerar o dereito á privacidade e información.

Deixámosvos o documento recibido:

Abrindo camiños n.º 45 OUTUBRO 2015

Aquí tendes un número máis do noso Abrindo camiños, e xa van 45! Neste número poderedes ter novas sobre os seguintes temas:

-"A CIG insta ao Concello a que pague os 48 días da paga de 2012 canto antes e convoque a Mesa Xeral de Negociación para recuperar os permisos roubados"
-"O convenio, en estado de trámite".
-"Novo almacén do Concello: a entrada da Casa consistorial".
-"A CIG denuncia que o goberno local privatiza o servizo de limpeza nos tres primeiros meses de goberno".
-"Sete días de asuntos propios para o ano 2015".
-"A Inspección de Traballo dálle un ultimato ao goberno municipal para que solucione as deficiencias da Oficina de Turismo".
-"O Concello abre as cartas da Inspección de Traballo para os representantes dos traballadores e vulnera o dereito de confidencialidade".