25/01/18

A Deputación de Cádiz condenada por un accidente laboral


O Xulgado do Social número 2 de Cádiz condenou á Deputación de Cádiz a asumir o recargo das prestacións, na porcentaxe do 50%, de todas as prestacións que recibiu e recibirá por mor das lesións sufridas en 2013 ao caer dunha estada cando estaba a realizar unha obra promovida pola Institución Provincial. Aínda que a Inspección de Traballo exculpou á Deputación, o xuíz considerou que se imcumpriu a normativa de prevención de riscos laborais.

O accidente tivo lugar en abril de 2013, cando o traballador accidentado caeu dunha estada ao romper a plataforma sobre a que estaba traballando; segundo a sentenza, a estada "xa tiña unha deficiencia apreciable por quen a monta, considerando que era vella e con mofo". A consecuencia da caída o traballador fracturou unha boneca, estivo de baixa máis de 700 días e finalmente foille recoñecida unha incapacidade permanente absoluta. A pesares de que houbo un acordo de indemnización de 55.000 euros por danos e prexuízos entre o traballador e a aseguradora da Deputación, o traballador presentou unha demanda no Xulgado do Social na que reclamou que a Deputación fose condenada ao abono do recargo das prestacións derivadas do accidente.

Na sentenza o xuíz explica que a empresa cualificou o accidente como leve polo que non deu conta á Inspección de Traballo, que fixo un informe sobre o ocorrido dous anos despois, baseándose nas declaracións do encargado e de dous técnicos da empresa, sen ter en conta ao traballador accidentado nin a  testemuña inmediata que estaba na estada xunto co demandante. A inspección de Traballo considerou que non había infracción de normativa por parte da Deputación e que esta elixiu un equipo de traballo adecuado e correcto para a montaxe de estadas.



Recoñecemento do dereito a elexir horario na reducción de xornada para cuidado dunha menor

 Sentenza

O Xulgado do Social nº 1 de Logroño ven de ditar unha sentenza recoñecendo o dereito a elixir a concreción horaria na redución de xornada para coidado dunha menor; a traballadora solicitara reducir a súa xornada de 40 horas semanais (de luns a sábado, unha semana en turno de mañá e outra en turno de tarde) a 34 horas semanais en horario fixo de 8 a 14 horas de luns a venres, sábados de 10 a 14 horas, e en igual horario os domingos e festivos que lle correspondesen. A empresa negáse á concreción horaria, alegando que debía a reducción debía ser concretada na quenda horaria que lle correspondese por rotación.

Esta sentenza estabelece como prevalente o dereito de atención á menor sobre os criterios organizativos da empresa, baseando o fallo en normativa e doutrina jurisprudencial, como a Sentenza do Tribunal Supremo do 11 de decembro de 2.001, que sinalou que “nos supostos de xornada reducida por garda legal, téndese a protexer non só o dereito dos traballadores para conciliar a súa vida laboral e familiar para mellor cumprir cos deberes inherentes á patria potestade que enumera o artigo 154.1 do Código Civil, senón tamén o propio interese do menor para recibir a mellor atención posible. Por iso é polo que matice que na aplicación das reducións de xornada que establece o artigo 37.5 Estatuto dos Traballadores, ha de partirse da base de que tal precepto forma parte do desenvolvemento do mandato constitucional (artigo 39 da Constitución) que estabelece a protección á familia e á infancia. Finalidade que ha de prevalecer e servir de orientación para a solución de calquera dúbida interpretativa”. Así, argumenta que “debe destacarse, en primeiro lugar, que resulta incuestionable que a distribución orixinaria da xornada de traballo da actora con prestación de servizos de luns a sábado en quendas alternas de mañá e tarde, en relación co horario do centro escolar ao que acode a súa filla menor, de 3 anos de idade, así como co horario de traballo do pai da menor en quendas alternas de mañá, tarde e noite, pode orixinar dificultades e inconvintes para a conciliación da súa vida familiar e atender as necesidades inherentes ao coidado da súa filla menor”.


A constante perda de poboación activa ameaza o mercado laboral galego: 16.300 persoas menos no último trimestre de 2017


Os últimos datos da EPA amosan tamén un importante descenso do número de ocupados/as

A perda de poboación activa segue a ameazar o mercado laboral galega, até o punto de terse convertido nos últimos anos nun dos seus principais problemas. Os datos da EPA publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística amosan que esta tendencia non fixo máis que aumentar no último trimestre de 2017 agravouse este problema: en tan só tres meses reduciuse a poboación activa en 16.300 persoas, o que supón unha baixada do 1,3%. Ao mesmo tempo produciuse un importante descenso do número de ocupados/as, que atinxiu a 16.700 persoas neste período.


Segundo a EPA, o descenso da poboación activa con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior foi de 15.900 persoas. Unha parte importante dos activos/as pasaron á poboación inactiva (o 78%), mentres que o resto desaparece do mercado de traballo (3600 persoas).

A perda de activos/as prodúcese exclusivamente entre a poboación ocupada, xa que esta descendeu en 16.700 persoas no último trimestre (o número de parados/as medrou en tan só 400). Con respecto a hai un ano, a poboación ocupada incrementouse en 6200 persoas.

No último trimestre a caída do emprego afectou a todos os sectores produtivos, destacando o sector servizos onde se estiman 8000 ocupados/as menos. A finais de 2017 a poboación ocupada acadou a cifra de 1.055.800 persoas.

Por categorías profesionais, foi maioritariamente entre o poboación asalariada onde máis descendeu a ocupación (9000 persoas ocupadas menos), pero non é nada desprezábel o descenso entre a poboación empresarial, xa que a redución foi de 5500 persoas.

Todos/as os asalariados/as que perderon o emprego neste último trimestre do ano 2017 tiñan un contrato temporal e estaban contratados/as a xornada completa.

Como o descenso da ocupación veu acompañado dun descenso da poboación activa -é dicir, a xente saíu do mercado de traballo-, apenas afectou á poboación parada, de feito tan só se incrementou en 400 persoas, situando o número total de parados/as en 182.100 e a taxa de paro no 14,7% da poboación activa.

No que ten que ver coa situación económica dos fogares, foron 66.100 nos que habendo polo menos unha persoa activa todos/as os activos/as estaban parados/as, 4400 máis que no trimestre anterior.

Exclusión social

Máis alá dos datos conxunturais, que amosan unha tendencia moi preocupante, dende a secretaría confederal de Emprego e Industria da CIG inciden en que as verdadeiras eivas do mercado laboral galego teñen que ver co modelo implantado polos sucesivos Gobernos centrais de PP e PSOE nos que a precariedade, temporalidade e rotación do emprego vai camiño de converterse en estrutural. 
Segundo denuncia o seu responsábel, Fran Cartelle, este situación está a provocar a consolidación da figura do traballador/a pobre, “até o punto de que na actualidade dispoñer dun emprego non supón necesariamente esquivar a exclusión social”. A isto hai que engadir unha cada vez menor taxa de cobertura, que xa se atopa por debaixo do 50%. Ademais, as persoas que ingresan a prestación contributiva representan unicamente un 42,34% do total.

Un panorama que para o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG “non vai mudar mentres sigamos instalados na temporalidade e na precariedade que provocan as distintas reformas laborais do PP, nun modelo que pretende competir pola vía de baixar os custos de produción, reducir salarios e empeorar as condicións da clase traballadora”.


Na súa opinión, o único xeito de reverter esta situación e mediante un fondo cambio político que permita unha transformación das políticas económicas e sociais, “e isto só pode vir da man dun goberno que defenda os intereses da maioría social”.

O Concello adebédalle ao persoal laboral as subas salariais correspondentes nas horas extras desde a entrada en vigor do convenio

É a segunda vez que o Comité de Empresa lle solicita ao Concello que actualice as contías das horas extraordinarias, que non se adecuaron ás subas estatais correspondentes, mentres o funcionariado entendemos que cobra as gratificacións ao abeiro das novas retribucións. Por tanto, esta decisión do goberno municipal de non solucionar de inmediato esta cuestión está incidindo na discriminación xa existente en retribucións entre o persoal laboral e o persoal funcionario e afondando nas diferenzas históricas entre os dous colectivos.

O Concello volve a negarlle ao Comité de Empresa a información sobre as horas extraordinarias do persoal laboral

En seis anos, o Comité de Empresa, a instancias da CIG, xa debeu acudir unhas tres veces á Inspección de Traballo para que o Concello de Betanzos lle facilitase unha información que por lei lle corresponde e que o propio asesor xurídico do Concello indicou que se debería entregar de xeito mensual.

No ano 2018 seguimos nas mesmas e o Concello  adebédalle información de varios meses ao Comité de Empresa e négase a informalo como corresponde. O Comité fixo unha vez máis a solicitude correspondente e se, unha vez máis, o goberno municipal do PSOE se nega a entregarlle esta información verase na obriga de volver á Inspección para requirir a documentación; mais que o haxa que facer non significa outra cousa que esta actitude demostra unha falta de comunicación gravísima no que a esta cuestión atinxe cos representantes dos traballadores, que teñen que ir á Coruña, ao despacho duns inspector, para que un representante do Concello vaia ao mesmo sitio e lles entregue alí a documentación. É ou non é ridículo?

O Comité reitera a necesidade de definir o termo ·eventos· para o cobro do complemento de funcións extraordinarias

O Concello teima en non cumprir os acordos tomados na Comisión paritaria de seguimento do convenio colectivo do persoal laboral e seis meses despois de lle presentar unha proposta para a definición do termo "eventos" seguimos sen resposta por parte dun goberno municipal que teima en demorar a aplicación dalgúns acordos tomados no convenio colectivo.

Seis meses para decidir unha cuestión tan simple non é un período nin medianamente razoable e menos cando o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, xa lle dixo á representación do persoal laboral en tropecentas ocasións que proximamente se convocaría a Comisión paritaria. Por iso, o Comité de Empresa reiteroulle a solicitude e desde a Sección sindical da CIG estamos comezando a valorar que decisións tomar para reivindicar o cumprimento dos acordos no caso de que o Concello teime en vulneralos.


Asemblea de traballadores do Concello de Betanzos MARTES 30 DE XANEIRO

A sección sindical da CIG do Concello de Betanzos convoca unha reunión informativa para todo o persoal ao servizo do Concello. Esta reunión abordará principalmente o estado da negociación da Relación dos Postos e farase un resumo do que foi esta negociación ata hoxe, que xa se atopa na fase final.

Así mesmo, explicaremos a posición da CIG neste proceso e as consecuencias derivadas desta negociación para o persoal. Tamén a posición da empresa contratada, o goberno municipal e o resto dos sindicatos neste proceso de negociación e a situación na que se fica o persoal despois das decisións tomadas polo goberno municipal

Tamén nos acompañarán nesta reunión algúns compañeiros de CIG-Administracion para resolver as posibles dúbidas que xurdan durante a reunión.


Convidamos a todos os traballadores do Concello de Betanzos a asistir tendo en conta que estamos nun momento crucial para a negociación colectiva e entendemos que todo o persoal debe ser coñecedor de primeira man as decisións tomadas nos órganos de negociación para avaliar como poden afectar á súa situación laboral.

16/01/18

Cambios no calendario de negociación da Relación de Postos de Traballo

Nas últimas semanas non comunicamos novidades con relación á negociación da Relación de Postos de Traballo e varios compañeiros nos preguntaron polas distintas reunións que estaban previstas segundo o cronograma inicial acordado. 

Tal e como vén sendo costume neste Concello moitos acordos caen en saco roto e xa case nos estamos afacendo aos continuos cambios de datas e horarios das reunións que non están a demostrar demasiada seriedade por parte de quen convoca. Se a isto lle sumamos os cambios continuos de postura que lle afectan ás propostas de valoración dos postos estamos a resumirvos un escenario que ao comezo parecía idílico mais que vai mudando substancialmente segundo vai pasando o tempo. 

O caso é que segundo o cronograma inicial as negociacións terían finalizado o pasado 11 de xaneiro e ata o momento non se tomou ningún acordo a pesar de que as posturas de temas tan cruciais como a modificación dos grupos dos postos do persoal laboral ou a asignación duns niveis inferiores para o persoal laboral que para o funcionariado están claras. Isto non só se alonga cada vez máis senón que en cada nova reunión o goberno municipal lle dá unha volta máis para buscar escusas para a discriminación na asignación dos niveis ou a proposta de baixada de grupos do persoal laboral, sen esquecermos a novidade de que a RPT que o Concello de Betanzos ten publicada no portal da transparencia agora seica non existe.

En principio e se non hai novidades, que ultimamente temos moitas de última hora, a próxima reunión de "negociación" da RPT será o vindeiro xoves ás 12:30 h, e o Concello comunicará os postos que finalmente terá esa nova Relación de Postos de Traballo, así como os traballadores que deberían reclamar no xulgado a indefinición no caso de que quixesen que o seu posto formase parte da devandita relación.

04/01/18

Negociacións da nova Relación de postos de traballo

Tal e como temos informado aos compañeiros e compañeiras nas pasadas semanas a negociación da Relación de Postos de Traballo complicouse substancialmente polo descubrimento dun novo escenario que o goberno municipal puxo enriba da mesa na terceira reunión (22/12/17) de negociación.

O novo panorama parte da base de que non estamos a negociar unha modificación da RPT existente, senón que estamos a negociar unha nova completamente porque a que se consideraba que estaba en vigor desde o ano 2008, seica agora non é válida por diversos defectos de tramitación, entre eles a non publicación na súa totalidade no Boletín Oficial da Provincia. 

Por tanto, esta nova RPT que estamos a negociar só podería conter os postos de funcionarios, os do persoal laboral con sentenza de indefinición e os de cinco postos de persoal laboral fixo que contan cun nomeamento dos anos oitenta e que o Concello vén "descubrir" grazas á mobilización dos propios traballadores. O resto do persoal laboral (arredor de sesenta traballadores/as) debería acudir ao xulgado na busca do recoñecemento da indefinición se quixesen que a súa praza se recollese na Relación de Postos de Traballo. Ata o momento fican moitas dúbidas no aire, de feito, o Concello aínda vai valorar como tratar os casos das interinidades dos laborais, mais o certo é que este novo "descubrimento" cambia o panorama desta negociación de xeito substancial para o persoal laboral.

Por outro lado, na Mesa comezouse a falar dos niveis, e dicimos falar, porque as posibilidades de negociación consideramos que son case nulas, logo de dúas reunións nas que o Concello mantén unha asignación de niveis diferentes para o persoal laboral e para o persoal funcionario, alegando que os traballadores laborais temos menos responsabilidade que os funcionarios, e cuxa proposta é a seguinte:

Funcionario/a  Laboral

A1: 28-24..........Eliminan todos os postos de laborais de I e propoñen baixalos a II.
A2: 24...............II: 16
B:   20...............II.A: 14
C1:18-20...........III:11
C2:16................Eliminan todos os postos de laborais de IV e propoñen baixalos a V.
AP: 9.................V:7-11

A CIG defendeu e seguirá defendendo que IGUAL TRABALLO IGUAL SALARIO e que o compromiso para a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo pasaba por valorar de xeito real os postos, laborais e funcionarios, en igualdade de condicións e cun criterio aplicado á totalidade dos postos de traballo da RPT.

Polo momento non se chegou a ningún acordo con respecto a este tema, mais o concelleiro de Persoal xa adiantou que non hai máis marxe de negociación neste tema, a pesar de si que deixou entrever que ao mellor si que habería posibilidade de manter os postos funcionarios de C1 en nivel 20, e os postos de C2 en nivel 18, o que suporía que a práctica totalidade do funcionariado tería un nivel superior ao de calquera posto de persoal laboral, independentemente do grupo deste.

O noso país perde postos de traballo e gaña precariedade e temporalidade

A baixada do paro non significou un aumento do número de persoas afiliadas á Seguridade Social

O noso país rexistrou 3710 ocupados/as menos en decembro con respecto ao mes anterior a pesar de que o paro baixou nese período en 2162 persoas, o que significa que este descenso do paro non se produciu porque os afectados/as atopasen un posto de traballo senón porque ou ben se deron de baixa dos servizos públicos de emprego ou decidiron probar sorte na emigración.

Segundo os datos de afiliación á Seguridade Social publicados hoxe, o número de persoas ocupadas en Galiza pasou de 989.157 en novembro a 985.447 en decembro a pesar de que o paro baixou neste período en 2162 persoas. Deste xeito, o paro total rexistrado no noso país sitúase en 185.013 persoas, un 1,16% menos con respecto ao mes anterior. Con todo, esta baixada foi inferior á experimentada no conxunto do Estado, que foi do 1,77%, o segundo menor descenso do desemprego en decembro dende 2012. 

Trátase de novo dunha baixada conxuntural ligada á campaña de Nadal, xa que o sector servizos foi único no que descendeu (un 2,32%). Pola contra, tanto na industria (2,33%) como na construción (5,8%) produciuse un significativo aumento do paro.

Proba disto é a elevada temporalidade na contratación, até o punto de que dos 71.531 contratos asinados no noso país neste período unicamente 5365 (un 7,5%) foron rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida. O número de contratos temporais incrementouse un 7,15% en 2017 con respecto ao ano anterior.
Ao mesmo tempo, o número de persoas que reciben algunha prestación sitúase nas 91.007, o que mantén a taxa de cobertura por debaixo do 50%; en concreto, sitúase no 48,6%. A prestación contributiva unicamente a perciben un total de 38.795 persoas, o que supón só un 42,34%.

Reformas laborais do PP: máis precariedade e temporalidade

Así pois, segundo denuncia o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, seguimos instalados na temporalidade e na precariedade que provocan as distintas reformas laborais do PP, “un modelo que pretende competir pola vía de baixar os custos de produción, reducir salarios e empeor as condicións da clase traballadora”. 
Ter emprego non supón esquivar a exclusión social
Neste senso, critica que as nefastas políticas do PP ao servizo da elite económica lévannos a unha realidade na que ter un posto de traballo non supón necesariamente esquivar a exclusión social. “É preciso un fondo cambio político para reverter esta situación, un cambio nas políticas económicas e sociais que só pode vir da man dun goberno que defenda os intereses da maioría social”, remata. 

Condenado o concello de Figueres por non previr os riscos para a saúde derivados de conflitos laborais

SENTENZA

O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC) confirmou unha sentenza que condenou ao Concello de Figueres (Xirona) a pagar unha indemnización de 25.000 euros por incumprir o seu deber de previr os riscos para a saúde derivados dos conflitos persoais no persoal.

O TSXC desestima o recurso que o Concello de Figueres presentou contra unha sentenza dun xulgado social que o condenou a indemnizar a unha axente da policía local á que se recoñeceu como accidente laboral a baixa que sufriu por unha crise de ansiedade derivada dos conflitos entre traballadores no corpo.

A sentenza recoñece por primeira vez a obrigación de empresas e administracións públicas de adoptar as medidas adecuadas para evitar situacións de conflito e violencia psicolóxica no persoal.

O TSXC considera acreditados os danos e riscos psicosociais sufridos pola axente da policía local, ao longo de quince anos de conflitos laborais no corpo, polo que o Instituto da Seguridade Social recoñeceu en 2016 que a baixa que sufría obedecía a un accidente laboral.

A sentenza sostén que o Concello de Figueres coñecía a existencia de "graves conflitos interpersoais" entre a axente e outros membros da Garda Urbana, "que puidesen ser causa da materialización de riscos psicosociais". A pesar diso, engade o TSXC, o consistorio non fixo "todo o que tiña ao seu alcance" para evitar os danos sufridos pola axente, "pois o principal era identificar a presenza de posibles riscos psicosociais orixinados polos conflitos interpersoais".

Segundo a sentenza, aínda que o Concello dispoñía dende 2010 dun protocolo de actuación contra o acoso sexual, ata febreiro de 2016 non aprobou un sobre o acoso psicolóxico, o que en opinión dos xuíces "evitaría ou minimizaría os efectos dos riscos psicosociais detectados".

A sala desestima o recurso do Concello de Figueres e lémbralle: "non estamos ante unha demanda por acoso laboral senón por incumprimento en materia de prevención de riscos laborais".

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.