28/02/19

Sanción de 114.000 euros pola falta de avaliación e planificación da acción preventiva

Quedou constatado que a empresa vulnerou a Lei de Prevención de Riscos Laborais , a cal establece nas súas disposicións normativas as medidas de seguridade que deben adoptarse en caso de risco de caída de obxectos, proxeccións ou rotura de elementos. Trala investigación da Inspección de Traballo e tres sentenzas, o Tribunal Supremo condena ao organismo para indemnizar ao traballador con 114.651 euros por danos e prexuízos.

O traballador foi contramaestre en Salvamento Marítimo durante 24 anos ata que un accidente de traballo, que tivo lugar mentres realizaba tarefas de salvamento, incapacitoulle de maneira permanente. Tras unha investigación da Inspección de Traballo e tres sentenzas, o Tribunal Supremo condena ao organismo para indemnizar ao traballador con 114.651 euros por danos e prexuízos.

O accidente tivo lugar en 2007. O funcionario traballaba nun buque de salvamento que realizaba o rescate dun barco pesqueiro afundido a máis de 140 metros de profundidade co obxectivo de remolcar o barco ata augas menos profundas.

Os traballadores tiñan que atar cun cable o codaste do barco afundido e levantalo cara á superficie. Mentres se realizaba esta operación a hélice do barco activouse -debido a un sistema automático que fai que o buque se manteña na mesma posición a pesar do vento e as ondas-. O cable de salvamento enganchouse coa hélice, tensándose de forma violenta, e provocou que o traballador saíse despedido polo aire a máis de catro metros de altura.

Como consecuencia do impacto, o traballador sufriu fracturas na morna e peroné, unha lesión no menisco e trastorno de tensión postraumática, “lesións cualificadas clinicamente como graves”, segundo Inspección de Traballo. O informe sobre o accidente emitido pola empresa, pola súa banda, alega que a operación que estaban a realizar os funcionarios “non supoñía ningún risco”.

A Autoridade Laboral sanciona ao ente público e puntualiza que as causas directas do accidente foron a falta de avaliación de riscos por parte de Salvamento Marítimo e a situación do traballador xunto a equipos de traballo que implican un risco grave de proxección, “pola  sobretensión motivada polo sistema automático do barco”, precisa o inspector de Traballo.

Tras a investigación do accidente pola Autoridade Laboral, queda constatado que a empresa vulnerou a Lei de Prevención de Riscos Laborais (PRL), a cal establece nas súas disposicións normativas as medidas de seguridade que deben adoptarse en caso de risco de caída de obxectos, proxeccións ou rotura de elementos.

“Existe unha falta de avaliación de riscos do traballo desempeñado e unha falta de planificación da acción preventiva e da determinación de procedementos de traballo seguros”, sinala a Inspección. De acordo co artigo 16 da Lei 31/1995 –que planifica a actividade preventiva de riscos laborais– “a prevención debe estar integrada no sistema xeral de xestión da empresa” e Salvamento Marítimo infrínxeo, segundo a autoridade. 

Fonte: Prevencionar.com



O SEPE denégalle o dereito a cobrar o paro ao persoal do GES de Guitiriz por considerar ilegal o ERTE

A CIG esíxelle ao Concello a retirada inmediata do expediente e a reincorporación dos traballadores

Tal e como tiña advertido a CIG, o expediente de regulación de emprego polo que o Concello de Guitiriz suspendeu o contrato de sete traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal é ilegal. E así o confirma o Servizo Público de Emprego, que hoxe remitiu un escrito ao persoal afectado denegándolles o dereito a percibir á prestación por desemprego por este motivo.

Deste xeito, os traballadores quedan na máis absoluta precariedade ao teren os seus contratos suspendidos pero sen poder cobrar o paro, polo que a CIG reclama ao Goberno local que de inmediato proceda á suspensión do ERTE, reincorpore os traballadores nos seus postos e regularice a súa situación pondo ao día o pago dos salarios.

Ademais, para a central sindical resulta incomprensíbel a resolución da dirección provincial do SEPE toda vez que aos traballadores lles foi suspendida a relación laboral co Concello de maneira involuntaria e, polo tanto, teñen dereito a percibir a prestación por desemprego. Coa súa decisión o SEPE está excedendo as súas competencias, xa que é o xulgado quen debe pronunciarse sobre a legalidade ou ilegalidade do expediente. Por iso, a CIG tamén recorrerá a resolución do servizo público de emprego.

Doutra banda, non deixa de chamar a atención a desidia da Consellaría de Traballo (como autoridade laboral que é) por non ter informado ao Concello de Guitiriz da manifesta ilegalidade na que estaba incorrendo, xa que as Administracións Públicas non son competentes para iniciar procedementos de suspensión dos contratos ao amparo do artigo 47 do Estatuto de Traballadores/as, tal e como pretende facer o Goberno municipal de Guitiriz.


Así as cousas a CIG insta alcaldesa a que, dunha vez por todas, abandone a política laboral unilateral, caprichosa e neglixente, retire o ERTE e comece a practicar unhas relacións laborais baseadas no diálogo, nos respecto aos dereitos e no cumprimento da legalidade. 

O goberno municipal teima en levar adiante unha RPT que exclúe e discrimina ao persoal laboral

Hoxe tivo lugar a que parece a última xuntanza de negociación da Relación de Postos de Traballo, dicimos que parece, porque a anterior xa ía ser a última antes da Mesa Xeral de Negociación.

Tal e como informamos, a documentación foi entregada con menos de 24 horas de antelación, o que dificultou o seu estudo polo miúdo, isto unido aos erros en datos económicos que contiña e que mesturaban a última proposta coa actual, asemellouse a unha chapuza de última hora.

A cuestión de fondo segue sendo a mesma, unha empresa que lles fai recomendacións aos sindicatos para que aproben o que eles consideran e que valora unha realidade laboral que descoñece por completo cunha certeza que nos deixa abraiados. Un concelleiro de Persoal que por fin manifestou que efectivamente esta RPT é discriminatoria para o persoal laboral mais que teima en botar por terra o compromiso acadado co convenio colectivo en 2015 de iniciar o camiño da equiparación salarial co funcionariado. O último elo da cadea é a ruptura definitiva entre os sindicatos que representan ao persoal laboral e o funcionariado, posto que os representantes deste último colectivo ignoran por completo a gravidade de apoiar un documento cuxo eixe é a discriminación dos traballadores e traballadoras laborais e impórtalles unica e exclusivamente unha suba salarial que lles afecte a cantos menos traballadores do Concello posibles, xa que a exclusión do documento de 55 prazas beneficia claramente ás que si que forman parte dela.

Este documento demostra e deixa patente que para o PSOE o traballo do persoal laboral vale menos que o do funcionariado, a pesar de que o primeiro colectivo engrosa a maior parte de traballadores e traballadoras do Concello.

Agora quedaría a Mesa Xeral de Negociación, onde se o goberno non modifica a proposta e os sindicatos non mudan de postura podería aprobarse co apoio de CCOO e CSIF. Logo tería que tramitarse a aprobación provisional no pleno, como moi tarde de abril, e abriríase un prazo de presentación de alegacións. Estas alegacións deberían resolverse no pleno, dependendo do que tarden en ir a este, ao mellor xa as resolvería unha nova corporación, que tamén se podería enfrontar aos recursos que procedan por parte dos traballadores e sindicatos que decidan interpoñelos no caso de que se aprobe definitivamente e consideren que vulnera a legalidade ou os seus dereitos.



A CIG chama a participar na manifestación nacional convocada por Galegas8M o domingo 3 de marzo en Lugo


Baixo o lema "Por todas as mulleres, por todos os dereitos: Revolta feminista"

A CIG fai un chamamento a participar na manifestación nacional que a Asemblea Galegas8M ten convocada para este domingo 3 de marzo en Lugo, no marco das mobilizacións organizadas arredor do Día Internacional da Muller Traballadora e da folga de mulleres convocada para esa xornada. A marcha sairá ás 12 horas dende a Porta Falsa da Muralla e rematará na Praza Horta do Seminario, onde se dará lectura a un manifesto e onde terán lugar diversos actos lúdicos.

Baixo o lema "Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista" a manifestación, sairá ás 12:00 horas da Porta Falsa, continuará pola Ronda da Muralla, Rúa Montevideo, Rúa Bolaño Rivadeneira, Rúa Quiroga Bellesteros, Santo Domingo, Ronda da Muralla, Praza da Constitución e Rúa Anxo López Pérez para rematar na Horta do Seminario, onde se procederá á lectura dun manifesto.

Alí tamén se poderá gozar da actuación de Batuko Tabanka (agrupación musical de mulleres procedentes de Cabo Verde e establecidas en Burela), haberá unha performance por parte do grupo de teatro feminista a cargo de Isa Herrero, e despois unha sesión musical de cancións feitas por mulleres. Así mesmo, na propia praza instalaranse varios postos de comida para quen queira quedar a xantar.

Para facilitar o desprazamento a Lugo, están organizadas 16 rutas de transporte por todo o país e xa está confirmada a chegada de 20 autobuses con todas as prazas cubertas.

Dende Galegas8M animan a todas as veciñas de Lugo, e en especial a todas aquelas que teñen a súa casa no percorrido, a pendurar da fiestra ou do balcón un mandil, "como sinal de apoio e sororidade, e unirse a este gran movemento que sen dúbida será inesquecíbel para Lugo".

Unha gran mobilización para quentar a convocatoria do 8 de Marzo

Cómpre destacar que Galiza é o único territorio no que está convocada unha gran mobilización co motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, antes da propia xornada do día 8, co obxectivo "de darlle un último pulo á folga e ás convocatorias locais do 8M, que xa foron un éxito sen precedentes no pasado ano".

A plataforma Galegas8M, integrada por máis de 50 organizacións e da que a CIG fai parte, chama a participar activamente nesta mobilización nacional e na folga de mulleres convocada a nivel internacional para o 8 de Marzo, tanto no ámbito laboral como estudantil, de coidados e de consumo, e visibilizar as discriminacións e a desigualdade e o contributo das mulleres tanto na esfera produtiva como reprodutiva.

A Asemblea Galegas8M formouse en decembro de 2017 co obxectivo de reflexionar e a traballar nun 8 de Marzo a nivel galego que sexa o máis diverso, horizontal e inclusivo posíbel. Tras o éxito da convocatoria do ano pasado en Vigo e da Folga de Mulleres do propio 8 de marzo, a plataforma retomou a súa actividade cara á organización da manifestación unitaria de 2019 que, seguindo o carácter descentralizador da convocatoria, se acordou fora en Lugo, "para amosar outra faciana ben distinta da Galiza moitas veces esquecida, a do interior, en contraste coa elección de Vigo do ano pasado".

A CIG anima a secundar a Folga de Mulleres


Desde a Secretaría das Mulleres da CIG chamamos ás estudantes, xubiladas, desempregadas e asalariadas a secundar este 8 de Marzo a folga de mulleres de 24 horas para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos, mais tamén para desmontar e denunciar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.

CCOO e CSIF aproban a Oferta de Emprego Público do ano 2019 co voto favorable á proposta do goberno municipal

A Cig abstense na votación da Oferta de Emprego Público do ano 2019, tal e como fixo na do ano 2018, aínda pendente de se tramitar, por considerala insuficiente e porque rexeitamos os pactos que a nivel estatal acordaron en Madrid os demais sindicatos co goberno con respecto á taxa de reposición e á non recuperación do emprego público perdido durante todos estes anos. 

Ademais, solicitamos que o Concello corrixa a proposta posto que fai referencia á "correspondente Relación de Postos de Traballo" e segundo o propio Concello, que mesmo nos entregou un informe externo para avalar isto, seica neste Concello non existe ningunha RPT válida, por tanto, nun documento dunha Oferta de Emprego Público entendemos que non pode constar tal referencia, do contrario é unha incongruencia co que o Concello está defendendo no proceso de negociación da Relación de Postos de Traballo.

En último lugar, esta oferta de emprego, sen dubidar que sexa necesaria a convocatoria dos postos de Policía, entendemos que non soluciona nin sequera comeza o camiño para solucionar os problemas do cadro de persoal do Concello de Betanzos.

Os postos que formarán parte da Oferta de Emprego Público do ano 2019 son os seguintes:

SUBGRUPO: C1
N.º VACANTES: 2
DENOMINACIÓN: POLICÍA LOCAL
FORMA PROVISIÓN: 1 LIBRE (OPOSICIÓN) / 1 MOBILIDADE (CONCURSO)


SUBGRUPO: C1
N.º VACANTES: 1
DENOMINACIÓN: OFICIAL POLICÍA LOCAL
FORMA PROVISIÓN: 1 PROMOCIÓN INTERNA (CONCURSO-OPOSICIÓN)

UGT, CSIF, CCOO e goberno municipal do PSOE aproban uns servizos mínimos abusivos para a folga do 8 de marzo

Na Mesa Xeral de Negociación de hoxe e tratáronse por solicitude da CIG e acordáronse os seguintes servizos mínimos para a folga do 8 de marzo co acordo de UGT, CSIF, CCOO e o goberno municipal do PSOE:

Rexistro: 1 persoa
Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente: cumprir a ratio (entendemos que 5 persoas)
Axuda no fogar: segundo o informe de necesidade
Colexios: 1 conserxe

A CIG solicitou que nos postos que hai prazas ocupadas por mulleres e homes, se nomeen para os servizos mínimos homes, que o ano pasado se nomeou unha muller para rexistro cando tamén hai auxiliares administrativos homes. O concelleiro de Persoal retrucou que se falara expresamente coa traballadora e fixo público así un comportamento manifestamente irregular, posto que non se lle pode preguntar ás traballadoras se van facer folga, as traballadoras teñen dereito a facela, non teñen a obriga de comunicalo e se non lles chega unha notificación conforme forman parte dos servizos mínimos poden facela libremente.

A gravidade destes servizos mínimos acordados cos outros tres sindicatos vén motivada porque o Concello ten incumprido historicamente a ratio en moitas ocasións na Escola Infantil e as propias traballadoras llo teñen indicado tanto por escrito como verbalmente, facendo este caso omiso ata que aparecía a Inspección da Xunta de Galicia. Agora nunha folga, onde os servizos deben ser mínimos e calquera que non se preste en fin de semana non tería nin porqué abrir pretende que se cumpra tal ratio e impedirá o dereito á folga da maior parte das traballadoras da Escola Infantil, un sector totalmente feminizado, así como o dos Servizos Sociais, e que demostra claramente que o traballo dos coidados segue sendo desenvolvido en grande medida polas mulleres.

A CIG espera a que se publique o decreto de servizos mínimos para recorrelo por ser claramente abusivo e tentar vulnerar o dereito das traballadoras á folga o vindeiro 8 de marzo. Así mesmo, considera unha actitude claramente machista por parte do concelleiro de Persoal, Diego Fenández, que non acepte a proposta de que nos postos nos que hai homes non nomee a mulleres para servizos mínimos, e afonde na dificultade para facer folga das mulleres o vindeiro 8 de marzo. Entendemos que esta é unha petición lóxica que simplemente facilitaría a asistencia á folga das mulleres, polo visto, non pensan o mesmo nin o goberno do PSOE nin os sindicatos UGT, CSIF e CCOO que non se pronunciaron con respecto a esta proposta da CIG e, a maiores, votaron a favor dos servizos mínimos propostos polo goberno municipal.

27/02/19

O Concello dificulta a negociación ao entregar a documentación con menos de 24 horas de antelación

A CIG vén de presentar por rexistro unha queixa xa que o Concello entregou hoxe pola mañá, ás 11:30 h unha documentación de 172 follas para a reunión de mañá ás 10:00 h.
Esta documentación, a maiores, ten cambios con respecto á entregada en decembro e nin sequera se entrega unha guía coas modificacións, o que facilitaría o traballo e que ben podería facer a empresa contratada por 36 000 euros que finaliza o contrato nun par de meses, logo de máis de dous anos de contrato.
A CIG expúxolle ao goberno municipal que este proceder obstrúe e dificulta a negociación e imposibilita o estudo da documentación que se tratará, á vez que dificulta o traballo dos delegados sindicais e os sitúa nunha posición de inferioridade na negociación con respecto ao goberno municipal.

25/02/19

O Concello convoca Mesa de Negociación pola Oferta de Emprego Público 2019

O Concello de Betanzos convoca unha Mesa Xeral de Negociación para este xoves ás 09:30 h na Sala de Xuntas do Edificio Liceo pola Oferta de Emprego Público do ano 2019.
Aínda sen levar sequera ao pleno a Oferta de Emprego Público do ano 2018, o Concello convoca unha nova Mesa Xeral para negociar unha Oferta de Emprego Público do ano 2019 exclusiva para o persoal funcionario.
A proposta do goberno municipal sería para tres postos de Policía, dous de Policía Local e un de Oficial, un libre outro de mobilidade e o último de promoción interna.
O goberno pretende aprobar por segunda vez unha Oferta de Emprego Público sen aprobar orzamentos, porque desde 2017 non hai orzamentos aprobados, mais o goberno segue aprobando ofertas de emprego, exclusivamente para persoal funcionario e tanto na proposta do 2018 como na do 2019 con postos de promoción.
A maiores, o goberno municipal do PSOE, fixo caso omiso ás solicitudes da CIG para a negociación dos criterios de pagamento da produtividade, a ampliación da partida nun 0,3%, tal e como posibilita a lexislación e a fixación dos servizos mínimos para a folga 8 de marzo. Visto o visto, as cuestións que lle poden preocupar á totalidade do cadro de persoal, non son tan importantes como as que lle afectan a determinados colectivos e departamentos, nomeadamente de funcionarios/as.

O Concello de Betanzos convoca unha xuntanza para a negociación da Relación de Postos, mais descoñecemos a versión que se negociará desta volta

O Concello de Betanzos convoca unha xuntanza de negociación para este xoves ás 10:00 h no Salón Azul do edificio Liceo.

O único punto da orde do día é a negociación da Relación de Postos de Traballo, mais coa convocatoria non achega ningún documento, polo que descoñecemos cal das versións dos documentos achegados nos últimos dous anos pretende negociar o Concello de Betanzos.

Ábrese o prazo de inscrición aos cursos da 1ª convocatoria do Plan de formación agrupado 2019 que organiza a Deputación da Coruña


Ábrese o prazo para presentar solicitudes de asistencia aos cursos da primeira convocatoria do Plan de formación agrupado 2019 destinados ao persoal das entidades locais da provincia. O dito prazo remata o venres, 8 de marzo.

As solicitudes presentaranse a través da plataforma telemática Subtel. Para acceder a esta plataforma deberá ter unha conta de correo activa no Directorio público local. 

Non se admitirán solicitudes en papel.


Toda a información relativa a esta convocatoria está dispoñible na web de Formación www.dacoruna.gal/formacion.





20/02/19

Cursos de prevención de riscos laborais, nivel básico (EGAP)


De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a EGAP e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) convoca dous cursos en teleformación en materia de prevención de riscos laborais.

Destinatarios: Empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.


Matrícula: desde as 9 horas do 20 de febreiro ata as 23.55 horas do 28 de febreiro en http://egap.xunta.gal/matricula 




A fenda salarial das traballadoras galegas é do 21,5% mentres a das pensionistas é dun 36,6%, 15 puntos máis


Corral: “Convocamos folga de 24 horas o 8M porque estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos”


A secretaría das Mulleres da CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, o Informe de “Situación sociolaboral das Mulleres en Galiza (ano 2018)”. Un estudo elaborado polo Gabinete de Economía da central sindical no que se evidencia que persiste unha fenda salarial do 21,5% e que esta se afonda no caso das pensionistas, alcanzando o 36,6%, 15 puntos máis. Unha situación provocada polas máis baixas bases de cotización das mulleres ao longo da súa vida laboral, mais tamén por mor do menor tempo cotizado. De feito, as mulleres de menos de 25 anos acumulan xa 2 meses menos cotizados que os homes da mesma idade.

Diante desta situación e porque “non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se recolleron as reivindicacións e demandas para que as mulleres teñamos vidas dignas, nin por parte do goberno galego, nin do goberno do Estado”, a pesar de que miles de galegas rebordaron as prazas e vilas do país. Mais tamén porque “asistimos a un rearme do patriarcado nas institucións nas que ostenta o seu poder” a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, afirmou que “cómpre impulsarmos na Galiza unha xornada de combate e de loita” o vindeiro 8 de Marzo.

Unha folga de 24 horas para que, dunha vez por todas “o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos, e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda nos quedan moitos por conquistar”.

Unha folga laboral que a CIG ten convocada porque “é o instrumento do que dispomos as mulleres da clase traballadora para exercer presión para obtermos unha mellora nas nosas condicións laborais, na reclamación dos nosos dereitos” e que Corral estendeu ao eido estudantil, de consumo e de coidados “para concienciar do traballo invisíbel que facemos as mulleres, amosando que o noso papel na sociedade non é subsidiario, senón fundamental para o desenvolvemento”.

Mobilizacións

A secretaria das Mulleres da CIG fixo un chamamento a participar masivamente nas 27 mobilizacións que a central sindical ten convocadas en cidades e vilas do país, ao longo da mañá do propio 8 de Marzo.

Xunto a isto chamou a participar tamén na manifestación que a Asemblea Galegas8M -na que está a participar activamente a Secretaría das Mulleres da CIG- convoca en Lugo para o vindeiro día 3 de Marzo, a partir das 12:00 horas, desde a Porta Falsa. Unha mobilización para a que, lembrou, se están poñendo autobuses desde as distintas comarcas. Isto xunto co chamamento a participar dos distintos actos e mobilizacións convocadas tamén por Galegas 8M, durante o transcurso da xornada de folga.

Día Internacional da Muller Traballadora

Margarida Corral sinalou que para as mulleres da CIG o 8 de marzo é un día de “reivindicación, de denuncia, de combate, de loita”, mais tamén de lembranza dos motíns de subsistencia e os tumultos convocados por mulleres na Galiza o século pasado, desde Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo, contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos, nas labregas enfrontadas aos caciques e á garda civil, neses mitins e manifestacións de mulleres das clases populares do país que  percorreron as rúas galegas, “tantas veces esquecidas, neste país colonizado, e que deben ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos dereitos”.

Un día tamén para lembrar que foi en 1910 cando na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas en Copenhague se escolleu o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora sostendo que “as mulleres traballadoras debían librarse da opresión do réxime capitalista, reclamando o dereito ao sufraxio feminino, a redución da xornada laboral, melloras nas condicións de traballo e o dereito á sindicalización”. Unha orixe “revolucionaria” que chamou a non esquecer porque do contrario “corremos o risco de falsificar a historia”.

Asegurou que, por iso se convoca a folga laboral, como “o instrumento de que dispomos as mulleres da clase traballadora para exercer presión, para obtermos unha mellora nas nosas condicións laborais, na reclamación dos nosos dereitos” e chamou a todas as mulleres a negarse a realizar “dun xeito total o traballo que temos encomendado estamos evidenciando as eivas dun sistema que nos discrimina, que nos agride, que nos precariza”.

Unha de cada catro mulleres por debaixo da liña da pobreza

Desa discriminación e precarización falou Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía da CIG, que foi quen debullou os resultados máis salientábeis do informe (que se adxunta ao pé) e comezou lembrando que a crise provocou que as desigualdades sociais se incrementaran exponencialmente. Por iso manifestou a súa preocupación diante da posibilidade de que a desigualdade de xénero poida pasar por iso desapercibida, porque hai indicadores que melloraron con respecto aos homes.

Unha mellora que, subliñou, “non se debe a que mellorara a situación laboral das mulleres, senón que houbo un empeoramento tremendo da situación laboral dos homes” que perderon o seu posto de traballo en sectores como Industria ou Construción provocando que baixaran as medias “sen que a situación da muller mellore”.

Con esta matización de partida, para medir a situación sociolaboral das mulleres, López Gromaz puxo sobre a mesa a situación de pobreza que, hoxe máis que nunca “ten faciana de muller”. En todo caso, advertiu tamén que como a liña da pobreza se calcula en función da mediana dos ingresos e estes baixaron “hai mulleres que sen mudar os seus ingresos, ou mesmo con ingresos inferiores a hai 10 anos, agora están fóra da liña de pobreza” pero porque “baixou a vara de medir”.

Aínda así sinalou que en 2017 o 22,2% das mulleres en Galiza viviron por debaixo da liña da pobreza, practicamente 1 de cada 4; que segundo datos do Ministerio de Asuntos Sociais o 59% das persoas perceptoras do RISGA en Galiza, foron tamén mulleres, unha porcentaxe que se eleva ao 94%, no caso de familias monoparentais perceptoras do RISGA.

O 37% das traballadoras non chegan ao SMI

Tirando dos datos da Axencia Tributaria, López Gromaz cualificou de “moi preocupante” que    as mulleres en Galiza ingresaran de media, bruto anual, 16.123 €, mentres os homes ingresaron 20.554 €. Un total de 4.431 € menos, o que sitúa a fenda salarial no 21,5%.
Porén salientou que desagregando un pouco máis é “terrible” (tal e como se aprecia na gráfica) que nos tramos de menores ingresos, até 1,5 veces o SMI, o número de mulleres é moi superior ao dos homes. Porén, a medida que se pasa deses ingresos a porcentaxe de mulleres vai descendendo até que, no último tramos, que se corresponde coas persoas que perciben 10 veces o SMI, tan só hai un 17% de mulleres, mentres que o 83% son homes. “A vista destes datos o teito de cristal non precisa de máis explicacións”, concluíu.

Mirando esas porcentaxes polo miúdo a responsábel do Gabinete de Economía chamou a atención sobre o feito de que o 37% das mulleres que declararon ingresos a Facenda no ano 2017 non chegaron ao SMI e, peor aínda, o 20,5% non chegou sequera á metade deste.

Precisamente no colectivo no que máis se incrementou a ocupación foi no de mulleres que ingresaron entre a metade e unha vez o SMI, alcanzando en 2017 o 37% cando, no ano 2009, era do 33%.

Precariedade, contratos a tempo parcial e elevada rotación

Este forte medre da precarización produciuse porque o sector no que máis se incrementou a ocupación foi en Servizos, con salarios máis baixos e, dentro deste, en “Outros servizos persoais e de ocio”. De feito, no ano 2017 o 87% das mulleres asalariadas en Galiza traballaban nalgunha actividade relacionada con este sector, cando no ano 2009 eran o 85%. Entre mentres, no resto dos sectores destruíuse emprego. Estamos falando duns ingresos anuais, en 2017, de 7.823 euros, moi por debaixo do SMI, que foi de 9.906,40 euros anuais para ese ano.

Nesta precarización salarial inflúe tamén o tipo de contrato ou xornada realizada polas traballadoras. Mentres o 21,9% das mulleres teñen xornadas parciais, só o 5,9% dos homes tiveron este tipo de xornada no ano 2018. O resultado é que as mulleres ocuparon o 77,3% do total dos traballos a xornada parcial no ano 2018. Ano no que, ademais, a taxa de temporalidade masculina se situou no 25,6% mentres que a feminina foi do 27,5%, 2,1 puntos superior.

Pero é que ademais en 2018 se asinaron un total de 498.344 contratos iniciais para 117.400 mulleres, o que dá unha media de 4,2 contratos por muller cando no ano anterior eran 3,8 contratos por muller. Xunto a isto, Natividade López salientou que dos temporais asinados o 36,1% duraron menos dunha semana e o 48,6% menos dun mes.

Fenda salarial nas pensións

A fenda salarial dáse tamén nas pensións. En 2017 foi do 36,6%, ou o que é o mesmo, unha pensionista galega ingresou, en temos absolutos, 357,31 euros mensuais menos, isto é, 5.000 euros menos ao ano.

Esa fenda salarial, segundo a economista da CIG vaise agrandando ao longo dos anos e comeza ao inicio da vida laboral das mulleres, porque as menores de 25 anos xa acumulan, con esa idade, 2 meses menos de cotización. Unha circunstancia que, ao seu entender, non se xustifica nin por unha menor formación, porque nesas franxas de idade é superior nas mulleres, nin por maternidade, porque a media de idade na que teñen o primeiro fillo é en Galiza superior.

Por iso Natividade López concluíu chamando a atención precisamente sobre este feito. Porque esa fenda nas pensións prodúcese como consecuencia de que ao final da súa vida laboral as mulleres cotizaron, de media, 10 anos menos o que xunto ás máis baixas bases de cotización provoca que as súas pensións sexan moi inferiores.


CIG-INFORMA: 8 DE MARZO.FOLGA DE MULLERES

CIG-INFORMA: 8 DE MARZO.FOLGA DE MULLERES

Na histórica xornada do 8 de marzo do pasado ano, miles de galegas ateigamos as prazas e vilas do país participando no Paro internacional de mulleres, conseguindo pór no foco do debate social a problemática dos coidados e a discriminación que sufrimos as mulleres tanto nos lugares de traballo como fóra destes. Un ano despois, cómpre impulsarmos na Galiza un novo día de loita, para que dunha vez por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda nos quedan moitos por conquistar.

A precariedade segue a definir o emprego das galegas

A precariedade segue a ser a definición da tipoloxía do emprego das galegas. Seguimos a sufrir fenda  salarial, traballando  en categorías  inferiores,  con peores  retribucións  polo  mero feito de sermos mulleres. Continuamos afastadas dos grupos de poder e de toma de decisións por mor dun chan pegañento que nos impide promocionar.  Seguimos  aturando acoso  e agresións  sexuais a  pesar  da  existencia  de  protocolos  nas empresas. Aínda somos despedidas a causa da nosa  maternidade.  Continuamos  realizando duplas  e  triplas xornadas  e  con  escasos  dereitos laborais  que  faciliten  a  conciliación,  obrigándonos  na  práctica  a reducir  horarios  e  ingresos.

Somos  moitas  as  que formamos  parte  da  economía  somerxida,  exercendo  actividades laborais sen dereito a prestacións. Seguimos a sufrir o  impacto  dos contratos  a  tempo parcial  e  de curta duración... Vellas e novas fórmulas de explotación  laboral que  derivan  ao  final  da  nosa vida nunhas xubilacións miserentas, agravadas por mor  das  lagoas  de  cotización  derivadas do  coidado da familia. A isto hai que sumarlle o enorme risco de empobrecemento que persiste entre as  desempregadas,  xa  que  moitas  delas  carecen de calquera tipo de prestación, e máis da metade perciben subsidios de escasa contía.

Polas que estamos e polas que xa non teñen voz, iremos á folga. O 8 de marzo  na  Galiza as mulleres estamos chamadas a unha xornada de folga, unha folga laboral, no ensino, de consumo, de coidados. Unha folga para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos, mais tamén para desmontar e denunciar a hipocrisía e  a falsidade coA que se trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.


Este 8 de marzo faremos folga de 24 horas por todas as mulleres que son agredidas polas súas  parellas, exparellas, xefes ou descoñecidos, insultadas, perseguidas, cuestionadas, maltratadas, acosadas, violadas, explotadas; aldraxadas pola xustiza patriarcal que dita sentenzas machistas espallando a sensación de impunidade, multiplicando as agresións; por todas as mulleres asasinadas polo mero feito de ser mulleres.

ÁMBITO DA FOLGA DE MULLERES DO 8M

convocatoria de folga, rexistrada o pasado día 6 de febreiro, afectará a todas as actividades e centros de traballo, tanto das empresas privadas como do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Galiza. Comezará ás 00:00 horas e rematará ás 24 horas coas salvidades seguintes:

 
-Nas empresas, administracións e organismos que teñan varias quendas de traballo, o comezo da folga efectuarase na primeira quenda, aínda que comece antes das 00 horas do día 8 de marzo, e a súa finalización terá lugar unha vez rematada a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24 horas do día 8 de marzo


- Naquelas empresas que teñan unha única quenda de traballo que comece antes das 00 horas do día 8 de marzo a folga iniciarase á hora de comezo da actividade laboral e finalizará o día 8 de marzo na hora que conclúa esta.


MOBILIZACIÓNS DA CIG O 8M

Podes consultar lugar e hora nesta ligazón https://www.cig.gal/especial-8-marzo.html



MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS POLO FEMINISMO GALEGO


Así mesmo, a CIG fai un chamamento a participar activamente na 
MANIFESTACIÓN NACIONAL que percorrerá as rúas de Lugo o vindeiro 3 de marzo, saíndo ás 12 horas da Porta Falsa, convocada pola Asemblea Galegas8M, da que a CIG forma parte. Para facilitar o desprazamento a Lugo desde varios puntos do país sairán buses organizados por distintos colectivos. Tedes toda a información sobre prezos, horarios e lugares de saída na seguinte ligazón: http://galegas8m.gal/transporte-a-lugo/ .


A CIG chama tamén a participar activamente nas mobilizacións convocadas por Galegas8m en varias cidades e vilas do país durante a folga do día 8 
 http://galegas8m.gal/convocatorias/8m-2019/


Tanto nas mobilizacións da CIG como nas convocadas polo feminismo galego as actoras principais, suxeitos activos das mobilizacións e da folga do 8 de marzo, son as mulleres.


O 8 de marzo  participa na xornada de folga laboral, no ensino, de consumo, de coidados. Para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos, mais tamén para desmontar e denunciar a hipocrisía e  a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.


Fai folga e súmate ás mobilizacións convocadas pola CIG e polo movemento feminista o vindeiro 8 de marzo!

15/02/19

Actividades de formación continua en materia de igualdade e violencia de xénero (EGAP)


A Escola Galega de Administración Pública convoca 22 actividades formativas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero dirixidas aos empregados públicos galegos. 

Destinatarios: o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional e da Administración de xustiza de Galicia, das entidades locais e da administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).


Matrícula: desde as 8 horas do 14 de febreiro ata as 23.55 horas do 25 de febreiro en https://egap.xunta.gal/matriculaO número máximo de cursos que se poden solicitar limítase a tres. 


Convocatoria de actividades de formación continua en materia de idiomas (EGAP)


A EGAP convoca 47 edicións formativas e 1750 prazas en cursos de lingua inglesa, francesa, alemá, portuguesa e lingua de signos. 

Requisitos dos/das participantes: poderá participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza, das entidades locais de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).


Matrícula: desde as 8 horas do 13 de febreiro ata as 23.55 horas do 22 de febreiro en https://egap.xunta.gal/matriculaO número máximo de solicitudes limítase a tres.
Probas de nivel: 

  • Nas actividades de teleformación: ata o 22 de febreiro estarán dispoñibles na aula virtual da EGAP probas de nivel orientativas.
  • Nas actividades presenciais: antes do seu comezo a EGAP convocarao a unha proba de nivel coa finalidade de crear grupos o máis homoxéneos posibles. 

Convocatoria das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia (EGAP)

A EGAP convoca un total de 1900 prazas en cursos de teleformación das cinco materias que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia dirixidas aos empregados públicos galegos e cunhas probas de avaliación descentralizadas nas seste grandes cidades galegas. 

Persoal destinatario: o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza, das entidades locais de Galicia e da administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).


Matrícula: desde as 8 horas do 13 de febreiro ás 23.55 horas do 22 de febreiro en https://egap.xunta.gal/matricula

O número máximo de actividades que se poden solicitar limítase a tres. 

11/02/19

O Concello segue sen convocar a Comisión Negociadora do Convenio, a pesar de que o compromiso era que esta tivese lugar a primeira semana de febreiro

Debido a esta demora, á que se lle suman todas as anteriores e ao desastre acumulado de meses facendo caso omiso aos acordos tomados cos representantes do persoal laboral, a representante do Comité de Empresa optou por reiterar a solicitude e lembrarlle ao concelleiro que se comprometera a convocar a reunión a comezos de febreiros, mais que na actualidade segue sen data nin convocatoria.

A CIG solicita información sobre os acordos do novo regulamento de axudas sociais e a Oferta de Emprego Público do ano 2018

O 12 de novembro na Mesa Xeral de Negociación tomáronse unha serie de acordos relativos, entre outros ao novo regulamento de axudas sociais e mais á oferta de emprego público do ano 2018 e os criterios de reparto da produtividade.
A previsión do Concello era que os dous primeiros acordos fosen, como moi tarde, ao pleno do mes de decembro, tres meses despois aínda non se someteron a aprobación plenaria e o Concello non nos comunicou os motivos, de aí que lle pedísemos información ao goberno municipal sobre a tramitación destes acordos e o motivo da demora.
O mesmo acontece cos criterios de reparto da produtividade, que debería estar acordados desde o mes de decembro, mais que o Concello teima en non negociar mentres reparte ao seu antollo a partida orzamentaria como lle vén en gana.

A CIG solicítalle ao Concello que paralice os traballos de pintado e vernizado na Casa do Concello en horario laboral

A delegada de prevención da CIG vén de lle solicitar ao Concello que paralice os traballos de pintado de vernizado da Casa do Concello que está realizando en horario laboral e que poden prexudicar ao persoal, especialmente tendo en conta que o vernizado debe realizarse con máscara e durante estes días, tanto estes traballos como os de pintura se están a realizar en horario laboral e mentres os traballadores e traballadoras están nas oficinas, o que xa provocou queixas do persoal.
Esta actitude do Concello non está xustificada e é imprudente, ademais de que atenta contra a saúde do persoal que presta os seus servizos nas oficinas municipais. O Concello pode facer estes traballos cando non hai persoal nin público e logo ventilar os espazos o suficiente para que os traballadores non o padezan, mais no canto disto opta por sometelos a un risco innecesario e aunhas condicións non adecuadas para traballar.
A CIG rexistrou esta solicitude agardando que o Concello tome unha determinación, de non cesar de inmediato os traballos cursará unha denuncia ante a Inspección de Traballo provincial.

07/02/19

Considerado accidente laboral o estrés xerado por un “incómodo ambiente de traballo”

O maxistrado titular do Xulgado do Social 8 de Bilbao, fallou unha sentenza na que considera como accidente laboral dun traballador o “incómodo ambiente de traballo” xerado dentro da súa empresa cara á súa persoa e que tiveron a súa orixe nas reclamacións salariais e de categoría que este expuxera e condena á empresa aseguradora, ao Instituto Nacional e á Tesourería da Seguridade Social e á empresa para responsabilizarse das súas consecuencias.

“Non nos atopamos ante o concepto xurídico de acoso no traballo (…), senón máis ben outra figura que vén emerxendo na actualidade e que son os riscos psicosociais, isto é a denominada tensión laboral”, causado polas circunstancias mencionadas.

A empresa, Construcións e Reformas, non aceptou as reclamacións do traballador. Ademais, levou a cabo “uns cambios” na súa “estrutura organizativa” que provocaron no afectado “un estado de ansiedade”.

De acordo co fallo, o empregado comezou a traballar en Construcións e Reformas, como auxiliar de segunda administrativo o 18 de xuño de 2014, desempeñando as súas tarefas no departamento administrativo da empresa. O 2 de febreiro de 2017 iniciou un proceso de incapacidade temporal por continxencias comúns co “diagnóstico de ansiedade”. Foi dado de alta o 30 de marzo dese mesmo ano e despedido o 24 de abril de 2017 recoñecendo a empresa a improcedencia do despedimento.

No informe da Inspección de Traballo consta que tanto o representante da empresa como dous traballadores recoñeceron a existencia dun conflito co traballador denunciante, -orixinado pola reclamación dun incremento salarial e de categoría- que derivou nunha perda de confianza do Administrador, que lle revogou as claves que o traballador utilizaba para acceder ás contas bancarias da empresa “ao obxecto de desenvolver as súas tarefas de control e xestión dos pagos e cobros”.

Nesa época, ademais, produciuse a incorporación dun novo responsable do departamento financeiro a tempo completo. Ata setembro de 2016 dita función realizábaa unha persoa externa que faleceu, polo que boa parte da carga de traballo que era responsabilidade do traballador demandante, foi asumida polo novo responsable.

Dende o punto de vista do maxistrado “En esencia o actor está a expor que como consecuencia dun suposto ‘acoso’ no traballo xeróuselle un estado de ansiedade”.

“O acoso moral (“mobbing”) consiste nun agresión do empresario, ou dalgún dos seus empregados co coñecemento e tolerancia daquel, mediante feitos, ordes ou palabras, repetida e duradeira no tempo, co fin de desacreditar, desconsiderar e illar ao traballador, que pode chegar mesmo a deteriorar a súa saúde, con obxecto de conseguir un auto-abandono do traballo, producindo un dano progresivo e continuo á súa dignidade. A resistencia do traballador ante este ataque depende da súa fortaleza psicolóxica e da súa capacidade de sobrepoñerse á adversidade”, apunta o maxistrado.

 “Non nos atopamos ante o concepto xurídico de acoso no traballo como tal (…), senón máis ben outra figura que vén emerxendo na actualidade e que son os riscos psicosociais, isto é a denominada tensión laboral, causado por un incómodo ambiente laboral, como consecuencia da conflitividade laboral orixinada polas reclamacións salariais e de categoría deste, non aceptada de entrada pola empresa, e acompañadas de cambios na estrutura organizativa da empregadora, que provocaron no demandante un estado de ansiedade, que deu lugar ao proceso de IT”, explica.

 “A cualificación como accidente de traballo deste tipo de enfermidades vén sendo admitida pola xurisprudencia, a condición de que se acredite fehacientemente a relación causa/efecto entre a realización dun traballo e a aparición posterior da enfermidade”.

E correspondíalle á empresa a carga da proba: “demostrar que a lesión, trauma ou defecto non se produciu a consecuencia da realización da tarefa”.

“Para que unha enfermidade sexa cualificada como accidente de traballo, sen conexión ou vinculación con enfermidade previa, é preciso que concorran os seguintes requisitos a) que a enfermidade fose contraída con motivo do desempeño da actividade laboral e b) que o traballo sexa a única ou exclusiva causa da súa aparición, extremos ambos cuxa proba incumbe á persoa traballadora que pretende incardinar a súa padecemento na consideración de accidente de traballo”, relata o maxistrado.

En canto ao primeiro elemento ou requisito dos dous, “no caso das enfermidades de corte psíquico, ha de engadirse, ademais, que abonda con que a actividade laboral haxa provocado a doenza, aínda que non poida vincularse a mesma a unha concreta actuación laboral ( STS do 18 de xaneiro de 2005, RJ 1157)”.

En canto ao segundo dos requisitos, “un indicio que evidencia a existencia de nexo causal directo entre o traballo e a patoloxía en cuestión é a inexistencia de sintomatoloxía previa allea ao traballo e doutras causas que puidesen facer xurdir a enfermidade. En todo caso, é preciso que concorra algún axente externo que explique a aparición da enfermidade”.

 “No caso que agora se axuíza”, conclúe o maxistrado, non cabe “ningunha dúbida acerca de que a situación de Incapacidade Temporal iniciada o 02/02/2017 obedece á ambiente conflitividade laboral, orixinado polas reclamacións salariais e de categoría do demandante, non aceptadas pola Empresa, acompañadas de cambios na estrutura organizativa da empregadora, o que evidencia que foi ese ambiente na empresa nos duros termos en que se produciu, o que foi o único detonante da enfermidade, o que provoco no actor o cadro de ansiedade, en consecuencia a demanda debe ser estimada”.

Fonte: Confilegal