Baixo o lema "Por todas as
mulleres, por todos os dereitos: Revolta feminista"
A CIG fai un chamamento a participar na
manifestación nacional que a Asemblea Galegas8M ten convocada para
este domingo 3 de marzo en Lugo, no marco das mobilizacións
organizadas arredor do Día Internacional da Muller Traballadora e da
folga de mulleres convocada para esa xornada. A marcha sairá ás 12
horas dende a Porta Falsa da Muralla e rematará na Praza Horta do
Seminario, onde se dará lectura a un manifesto e onde terán lugar
diversos actos lúdicos.
Baixo o lema "Por todas as
mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista" a
manifestación, sairá ás 12:00 horas da Porta Falsa, continuará
pola Ronda da Muralla, Rúa Montevideo, Rúa Bolaño Rivadeneira, Rúa
Quiroga Bellesteros, Santo Domingo, Ronda da Muralla, Praza da
Constitución e Rúa Anxo López Pérez para rematar na Horta do
Seminario, onde se procederá á lectura dun manifesto.
Alí tamén se poderá gozar da
actuación de Batuko Tabanka (agrupación musical de mulleres
procedentes de Cabo Verde e establecidas en Burela), haberá unha
performance por parte do grupo de teatro feminista a cargo de Isa
Herrero, e despois unha sesión musical de cancións feitas por
mulleres. Así mesmo, na propia praza instalaranse varios postos de
comida para quen queira quedar a xantar.
Para facilitar o desprazamento a Lugo,
están organizadas 16 rutas de transporte por todo o país e xa está
confirmada a chegada de 20 autobuses con todas as prazas cubertas.
Dende Galegas8M animan a todas as
veciñas de Lugo, e en especial a todas aquelas que teñen a súa
casa no percorrido, a pendurar da fiestra ou do balcón un mandil,
"como sinal de apoio e sororidade, e unirse a este gran
movemento que sen dúbida será inesquecíbel para Lugo".
Unha gran mobilización para quentar a
convocatoria do 8 de Marzo
Cómpre destacar que Galiza é o único
territorio no que está convocada unha gran mobilización co motivo
do Día Internacional da Muller Traballadora, antes da propia xornada
do día 8, co obxectivo "de darlle un último pulo á folga e ás
convocatorias locais do 8M, que xa foron un éxito sen precedentes no
pasado ano".
A plataforma Galegas8M, integrada por
máis de 50 organizacións e da que a CIG fai parte, chama a
participar activamente nesta mobilización nacional e na folga de
mulleres convocada a nivel internacional para o 8 de Marzo, tanto no
ámbito laboral como estudantil, de coidados e de consumo, e
visibilizar as discriminacións e a desigualdade e o contributo das
mulleres tanto na esfera produtiva como reprodutiva.
A Asemblea Galegas8M formouse en
decembro de 2017 co obxectivo de reflexionar e a traballar nun 8 de
Marzo a nivel galego que sexa o máis diverso, horizontal e inclusivo
posíbel. Tras o éxito da convocatoria do ano pasado en Vigo e da
Folga de Mulleres do propio 8 de marzo, a plataforma retomou a súa
actividade cara á organización da manifestación unitaria de 2019
que, seguindo o carácter descentralizador da convocatoria, se
acordou fora en Lugo, "para amosar outra faciana ben distinta da
Galiza moitas veces esquecida, a do interior, en contraste coa
elección de Vigo do ano pasado".
A CIG anima a secundar a Folga de
Mulleres
Desde a Secretaría das Mulleres da CIG
chamamos ás estudantes, xubiladas, desempregadas e asalariadas a
secundar este 8 de Marzo a folga de mulleres de 24 horas para
denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos, mais tamén
para desmontar e denunciar a hipocrisía e a falsidade coa que se
trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da
patronal como por parte do poder político e do sistema.

Ningún comentario:
Publicar un comentario