20/02/19

CIG-INFORMA: 8 DE MARZO.FOLGA DE MULLERES

CIG-INFORMA: 8 DE MARZO.FOLGA DE MULLERES

Na histórica xornada do 8 de marzo do pasado ano, miles de galegas ateigamos as prazas e vilas do país participando no Paro internacional de mulleres, conseguindo pór no foco do debate social a problemática dos coidados e a discriminación que sufrimos as mulleres tanto nos lugares de traballo como fóra destes. Un ano despois, cómpre impulsarmos na Galiza un novo día de loita, para que dunha vez por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda nos quedan moitos por conquistar.

A precariedade segue a definir o emprego das galegas

A precariedade segue a ser a definición da tipoloxía do emprego das galegas. Seguimos a sufrir fenda  salarial, traballando  en categorías  inferiores,  con peores  retribucións  polo  mero feito de sermos mulleres. Continuamos afastadas dos grupos de poder e de toma de decisións por mor dun chan pegañento que nos impide promocionar.  Seguimos  aturando acoso  e agresións  sexuais a  pesar  da  existencia  de  protocolos  nas empresas. Aínda somos despedidas a causa da nosa  maternidade.  Continuamos  realizando duplas  e  triplas xornadas  e  con  escasos  dereitos laborais  que  faciliten  a  conciliación,  obrigándonos  na  práctica  a reducir  horarios  e  ingresos.

Somos  moitas  as  que formamos  parte  da  economía  somerxida,  exercendo  actividades laborais sen dereito a prestacións. Seguimos a sufrir o  impacto  dos contratos  a  tempo parcial  e  de curta duración... Vellas e novas fórmulas de explotación  laboral que  derivan  ao  final  da  nosa vida nunhas xubilacións miserentas, agravadas por mor  das  lagoas  de  cotización  derivadas do  coidado da familia. A isto hai que sumarlle o enorme risco de empobrecemento que persiste entre as  desempregadas,  xa  que  moitas  delas  carecen de calquera tipo de prestación, e máis da metade perciben subsidios de escasa contía.

Polas que estamos e polas que xa non teñen voz, iremos á folga. O 8 de marzo  na  Galiza as mulleres estamos chamadas a unha xornada de folga, unha folga laboral, no ensino, de consumo, de coidados. Unha folga para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos, mais tamén para desmontar e denunciar a hipocrisía e  a falsidade coA que se trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.


Este 8 de marzo faremos folga de 24 horas por todas as mulleres que son agredidas polas súas  parellas, exparellas, xefes ou descoñecidos, insultadas, perseguidas, cuestionadas, maltratadas, acosadas, violadas, explotadas; aldraxadas pola xustiza patriarcal que dita sentenzas machistas espallando a sensación de impunidade, multiplicando as agresións; por todas as mulleres asasinadas polo mero feito de ser mulleres.

ÁMBITO DA FOLGA DE MULLERES DO 8M

convocatoria de folga, rexistrada o pasado día 6 de febreiro, afectará a todas as actividades e centros de traballo, tanto das empresas privadas como do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Galiza. Comezará ás 00:00 horas e rematará ás 24 horas coas salvidades seguintes:

 
-Nas empresas, administracións e organismos que teñan varias quendas de traballo, o comezo da folga efectuarase na primeira quenda, aínda que comece antes das 00 horas do día 8 de marzo, e a súa finalización terá lugar unha vez rematada a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24 horas do día 8 de marzo


- Naquelas empresas que teñan unha única quenda de traballo que comece antes das 00 horas do día 8 de marzo a folga iniciarase á hora de comezo da actividade laboral e finalizará o día 8 de marzo na hora que conclúa esta.


MOBILIZACIÓNS DA CIG O 8M

Podes consultar lugar e hora nesta ligazón https://www.cig.gal/especial-8-marzo.html



MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS POLO FEMINISMO GALEGO


Así mesmo, a CIG fai un chamamento a participar activamente na 
MANIFESTACIÓN NACIONAL que percorrerá as rúas de Lugo o vindeiro 3 de marzo, saíndo ás 12 horas da Porta Falsa, convocada pola Asemblea Galegas8M, da que a CIG forma parte. Para facilitar o desprazamento a Lugo desde varios puntos do país sairán buses organizados por distintos colectivos. Tedes toda a información sobre prezos, horarios e lugares de saída na seguinte ligazón: http://galegas8m.gal/transporte-a-lugo/ .


A CIG chama tamén a participar activamente nas mobilizacións convocadas por Galegas8m en varias cidades e vilas do país durante a folga do día 8 
 http://galegas8m.gal/convocatorias/8m-2019/


Tanto nas mobilizacións da CIG como nas convocadas polo feminismo galego as actoras principais, suxeitos activos das mobilizacións e da folga do 8 de marzo, son as mulleres.


O 8 de marzo  participa na xornada de folga laboral, no ensino, de consumo, de coidados. Para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos, mais tamén para desmontar e denunciar a hipocrisía e  a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.


Fai folga e súmate ás mobilizacións convocadas pola CIG e polo movemento feminista o vindeiro 8 de marzo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario