31/03/16

Axudas redución xornada

No DOG de hoxe xoves 31 de marzo saen publicadas as axudas aos traballadores que se acolleron á redución da xornada de traballo, e da que tamén se poden beneficiar as traballadoras que formen parte dunha familia monoparental, entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de abril de 2016 inclusive, durante polo menos 60 días, para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos (ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %).
 
Tamén poderán acollerse a esta axuda os traballadores (e traballadoras que formen parte dunha familia monoparental) que adopten un/unha menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, sempre que sexa menor de 12 anos.
 
Hai de prazo desde o 1 de abril até o 1 de maio de 2016 para solicitar as axudas.
 
Como requisito figura ter uns ingresos non superiores a 5,5 veces o (IPREM) para o ano 2015
 
Contía das axudas:
 
a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel (8 meses):
a.1) Unha/un filla/o a cargo: 1.700 euros.
a.2) Dúas/dous fillas/os a cargo: 2.000 euros.
a.3) Tres ou máis fillas/os a cargo: 2.300 euros.
 
b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel (8 meses):
b.1) Unha/un filla/o a cargo: 2.800 euros.
b.2) Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.100 euros.
b.3) Tres ou máis fillas/os a cargo: 3.400 euros.
 
c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % e ata o 50 % ou máis dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel (8 meses):
c.1) Unha/un filla/o a cargo: 3.100 euros.
c.2) Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.400 euros.
c.3) Tres ou máis fillas/os a cargo: 3.700 euros.
 
Tedes toda a información (formularios incluídos) nas seguintes ligazóns:
 
 
Diario Oficial de Galicia: 31/03/2016
 
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
 
VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

 
VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

EXTRACTO da Resolución do 28 de marzo de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.



Riscos novos e riscos emerxentes: T+55


En termos xerais é indubidable que os accidentes de traballo son máis susceptibles de producirse en certos sectores de actividade, consecuencia en moitos casos da realización de certas tarefas profesionais que levan asociadas no seu desenvolvemento un potencial maior nivel de risco.


Esta maior recurrencia e incidencia dos riscos, e polo tanto dos accidentes, vese notablemente incrementada cando o colectivo que desenvolve esas tarefas é o de traballadores/as maiores de 55 anos. Aumento da vulnerabilidade consecuencia directa do natural e progresivo deterioro das capacidades psicofísicas asociadas aos procesos de envellecemento dos seres humanos.

Se temos en conta o progresivo e constante envellecemento da poboación traballadora que se está a producir na maior parte dos estados europeos, e especialmente no estado español, faise urxente e necesario deseñar e poñer en marcha políticas axeitadas en materia de seguridade e saúde no traballo, cuxo obxectivo sexa garantir a seguridade e a saúde dos/as traballadores/as ao longo de toda a súa vida laboral, especialmente en relación ao colectivo de traballadores/as maiores de 55 anos, máis sensible e vulnerable.

Este incremento ou plus da vulnerabilidade aos accidentes, pode e debe ser considerado como un risco novo e emerxente (incrementado), non só tendo en consideración a esfera individual do/a traballador/a directamente afectado/a, senón tamén como consecuencia do  notable crecemento e repercusión do colectivo de traballadores afectados.

Efectivamente, se atendemos á incidencia e as características da accidentalidade deste colectivo, podemos construír un perfil de vulnerabilidade que claramente o define como un grupo laboral especialmente sensible, especialmente afectado na súa saúde polas condicións nas cales desenvolve o seu traballo. Así estabelecendo unha relación de tendencias ou predisposicións que dun xeito non exhaustivo configuran o máis significativo de dito perfil de vulnerabilidade, atopámonos con:

- Maior vulnerabilidade ás enfermidades infecciosas.
- Maior predisposición a sufrir trastornos do sistema osteomuscular.
- Maior incidencia de caídas por falta de equilibrio.
- Maior número de accidentes por perda de agudeza visual, forza muscular, resistencia á fatiga e/ou flexibilidade. Distensións, esguinces, etc.
- Maior incidencia de enfermidades profesionais de longo período de latencia: cancro profesional, enfermidades respiratorias, etc.
- Maior desactualización profesional en procesos de constante evolución tecnolóxica.
- Maiores efectos como consecuencia da exposición aos axentes químicos e biolóxicos.
- Maiores penalidades para afrontar a realización de traballos pesados de alta esixencia física.
- Peor adaptación aos inaxeitados deseños ergonómicos para o manexo de máquinas e ferramentas.
- Peor adaptación ás estruturas horarias e a duración da xornada laboral.

Tendencias ou predisposición en definitiva que requiren dunha avaliación dos riscos específicos, que se agravan e acentúan como consecuencia destas e outras vulnerabilidades derivadas da idade, e que sen dúbida tamén necesitan da adopción de medidas de prevención e protección específicas, así como das modificacións e adaptacións do posto de traballo que en cada caso sexa necesario realizar.

Consecuencia do progresivo e até agora imparable proceso de globalización e dos avances tecnolóxicos aplicados á produción, aparecen en escena novos modelos de organización do traballo que conlevan a introdución de tecnoloxías da información, novos horarios e ritmos de traballo ou maior flexibilidade e desregulación das relacións laborais. Isto unido a outros factores como a diminución do tamaño das empresas ou a aparición de novos modelos e tipoloxías de emprego, rematan por propiciar a aparición de riscos novos e emerxentes que afectan especialmente a unha poboación traballadora cada vez máis envellecida e susceptible a estes riscos emerxentes, unha veces riscos novos e outras veces riscos coñecidos, mais notablemente incrementados polas vulnerabilidades propias da poboación traballadora maior de 55 anos á que afectan especialmente.

É evidente e constatable que a introdución de novos modelos de traballo e de prácticas profesionais, rematan por facer emerxer novos riscos ao mesmo tempo que aumentan o perigo e o alcance doutros riscos xa existentes, especialmente se falamos da poboación traballadora de maiores de 55 anos. Así factores tales como os aumentos da carga de traballo, a maior esixencia de rapidez na realización das tarefas ou os maiores niveis de responsabilidade que o/a traballador/a ten que asumir no seu desempeño, fan que finalmente aparezan riscos físicos e psicosociais que sen dúbida algunha influirán na súa saúde e no seu nivel de satisfacción en relación ao traballo que desenvolven, afectando en última instancia ás súas capacidades laborais, ao seu rendemento e ao seu grao de benestar e saúde física e psicosocial.

Como é sabido, os riscos psicosociais emerxentes cobran cada vez maior importancia pola súa importante repercusión. Os mesmos poden vir derivados ou ser consecuencia de múltiples factores, algún dos cales pasamos a expoñer en función da súa procedencia ou orixe, así como pola súa especial repercusión nos/as traballadores/as maiores de 55 anos:

Factores derivados da estrutura organizativa da empresa que poden xerar insatisfacción laboral:

- Inestabilidade laboral permanente que remata por xerar fondas inseguridades, desafección e falla de identificación coa empresa.
- Relacións xerárquicas ríxidas e mal deseñadas en termos de participación e toma de decisións, que finalmente acaban configurando un estilo de mando autoritario, unidireccional e non compartido.
- Ausencia por parte da empresa dunha política de comunicación e información formal, accesible, fluída, pertinente, oportuna e comprensible.
- Inexistencia de políticas xustas e equilibradas de recoñecemento e promoción profesional.
Factores derivados da configuración do posto e da carga de traballo asociada ao mesmo:
- Inaxeitado deseño e configuración das tarefas, coas esixencias e riscos que deste proceso se derivan.
- Escasa e inaxeitada definición e delimitación de competencias.
- Pouco e limitado nivel de autonomía na organización do propio traballo e na toma de decisións.
- Escasa valoración e recoñecemento do traballo que se desenvolve na empresa.
- Baixo nivel de motivación co que conta o/a traballador/a para o desenvolvemento do seu traballo.
Factores derivados da organización do tempo de traballo:
- Traballo a quendas. Especialmente cando se inclúen e esixen quendas de noite.
- Mala planificación de pausas e descansos que non permiten unha axeitada recuperación.
- Altos ritmos de traballo.
- Longa e mal estruturada xornada laboral.

En definitiva, factores de risco derivados da organización do traballo e dos novos modelos de produción que na práctica, supoñen a aparición de novos riscos ou a agudización doutros riscos xa existentes, que cobran unha especial importancia polo seu alto nivel de afectación e incidencia nun colectivo cada vez máis amplo e representativo no conxunto da poboación traballadora.


As mulleres na dirección melloran os resultados das empresas


Os resultados dunha enquisa realizada a 21.980 empresas de 91 estados, incluído o estado español, confirman que a presenza de mulleres na alta dirección, mellora os seus resultados. Segundo sinala o Instituto Peterson de Economía Internacional no seu estudo "É rendible a diversidade de xérnero?" as empresas nas que polo menos o 30% dos executivos/as son mulleres suman 1 punto porcentual á súa marxe neta. No estudo tamén se conclúe que as empresas con maior igualdade de xénero poden aumentar un 15% a rendibilidade. “A enquisa representa unha instantánea; por tanto, os resultados deben interpretarse con precaución”, advirten os autores.

Na enquisa revelase a escasa presenza de mulleres en postos executivos e na parte superior dos niveis de xestión empresarial a nivel mundial. Resultan evidentes os baixos niveis de participación feminina nos consellos de administración e na liña executiva. Case o 60% da mostra, 13.017 empresas, non rexistrou conselleiras. Pouco máis do 50% ,11.802 as empresas, non teñen executivas. Da outra metade, o 57% ten só unha muller executiva..

En relación á política de cotas, a enquisa amosa que existen persoas críticas con esta medida; hai quen afirma que a inclusión forzada de mulleres nas xuntas reduce a súa calidade e eficacia, pois pode suceder que acedan persoas sen experiencia, feito derivado da obriga de cumplir a cota. O estudo destaca como no Estado español non se multa por incumprimento en igualdade de xénero.

A relativa escaseza de mulleres en postos de liderado nas empresas é un tema político emerxente. No noso entorno, Francia, Finlandia, Islandia, Noruega e o estado español contan cunha política de cotas que obriga á existencia de representación feminina nos consellos de administración. Países asiáticos están a adoptar medidas de política similares co fin de acadar obxectivos de igualdade de xénero, por medio de cotas nos consellos de administración e a ampliación das políticas centradas na familia.

Segundo este traballo, a presenza das mulleres en postos de liderado empresarial se correlaciona de xeito positivo con algunhas características da empresa, como pode ser  tamaño, así como con algunhas características do entorno, como o rendemento das mozas nas avaliacións de matemáticas, a relativa ausencia de actitudes discriminatorias cara ás mulleres executivas, e a dispoñibilidade da licenza de paternidade, entre outros.


No sector de finanzas por exemplo, os homes e as mulleres ocupan os postos de entrada en aproximadamente igual número, a presenza das mulleres redúcese á metade no nivel de xestión medio, quedando un menor número de candidatas seleccionables para os cargos directivos. Pola contra, nos sectores  tradicionalmente masculinizados, como transporte, loxística e enerxía, as contratadas teñen máis oportunidades de ascenso tanto a mandos intermedios como directivos.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org

Con 51 traballadores/as falecidos/as no pasado mes de xaneiro, no Estado español os accidentes laborais con resultado de morte experimentaron un estratosférico incremento do 89% en relación ao mesmo mes do ano pasado


Segundo datos do propio Ministerio de Emprego e Seguridade Social, destes falecementos, 41 producíronse durante a xornada de traballo, 20 máis que en xaneiro de 2015, o que implica un repunte do 95,2%. Os 10 accidentes mortais restantes rexistrados en xaneiro foron "in itínere" (os que se producen no traxecto de casa ao traballo e viceversa), un 66,7% máis que os experimentados no mesmo mes de 2015.

En xaneiro contabilizáronse 36.883 accidentes laborais con baixa, o que supón un aumento do 6,8% respecto ao número de sinistros dun ano antes, cando se produciron 34.534 accidentes. Do conxunto de sinistros, 31.786 accidentes rexistráronse no lugar de traballo e 5.097 foron sinistros "in itínere". Os primeiros aumentaron un 7,8% respecto de xaneiro de 2015, mentres que os segundos incrementáronse un 1,2%.

Os accidentes leves con baixa no posto de traballo sumaron 31.542 en xaneiro, un 7,8% máis, e os graves alcanzaron os 203, os mesmos que en igual mes de 2015. No caso dos sinistros "in itínere", rexistráronse 5.040 accidentes de carácter leve (+1,3%) e 47 de gravidade (-20,3%).

Por actividades económicas, a industria manufactureira rexistrou o maior número de accidentes con baixa en xornada de traballo, ao aglutinar 5.326 sinistros (+6,7%), seguido do comercio almacenista e comerciante polo miúdo e reparación de vehículos a motor, con 4.786 accidentes (+5,2%); as actividades sanitarias e os servizos sociais, con 3.289 sinistros (+3,9%), e a construción, con 3.014 accidentes (+15,3%).

Case todas as actividades incrementaron en xaneiro o seu número de sinistros respecto ao mesmo mes de 2015. Sálvanse as industrias extractivas, que recortaron o seu volume de accidentes un 11,7%, ata sumar 174 sinistros, e a Administración Pública, con 2.513 sinistros, un 1,1% menos que en xaneiro do ano pasado.

Por contra, os maiores repuntes déronse na hostalería, cun aumento do 17% e un total de 2.807 accidentes; na construción (+15,3%, 3.014 sinistros), e en transporte e almacenamento (+11,9%, 2.386 sinistros).

A maior parte dos accidentes laborais débense a sobreesfuerzos físicos, caídas, tropezos, choques contra obxectos en movemento, e contactos con materia cortante, punzante ou duro.

Segundo a estatística de sinistralidade laboral do Ministerio de Emprego, en xaneiro notificáronse 46.515 accidentes sen baixa, un 3,4% máis que en igual mes do ano pasado.

Mais info en www.cigsaudelaboral.org.

Revisións médicas 2016

Este ano as revisións médicas terán lugar os días 4, 5,6, 8, 11, 15, 20, 21, 22 e 25 de abril na Mutua Fraternidad Muprespra, na Coruña, que está na Rúa Rafael Alberti n.º 8.

O Concello pon un vehículo a disposición do persoal para ir ás revisións que sairá cada un dos días ás 08:30 h do Campo.

É necesario inscribirse nas Oficinas Xerais para as revisións médicas e lembrade que en anos anteriores o tempo que non estivese dentro da xornada de traballo e que se estivese na revisión médica se compensaba na xornada do mesmo día.

Os delegados de prevención de riscos laborais do Comité agradecemos calquera información ou suxestión que o persoal poida ter para mellorar estas revisións. Cómpre lembrar que hai anos non se realizaban anualmente e moito menos nunhas condicións normais, mais grazas ás achegas realizadas polos delegados do persoal laboral o Concello foi mellorando nesta liña e adecuando os prazos e as condicións. Se ben é certo que un punto pendente e no que o Concello indica que sempre vai incidir logo das reclamacións mais que ata o momento non o fixo é en que se fagan revisións específicas, é dicir, adaptadas a cada posto de traballo, de cara a valorar como os diferentes traballos afectan á saúde do persoal, mais un ano máis estaremos pedentes de se dunha vez por todas conseguimos que se fagan as revisións específicas.

21/03/16

Informe sobre as axudas sociais 2015

O pasado luns 14 de marzo o Comité de Empresa entregou en tempo e forma o informe correspondente ás axudas sociais do ano 2015 que podedes consultar abaixo. 
Unha vez máis, o Comité lembroulle ao Concello que incumpre as bases ao non publicar as listaxes provisionais e definitivas e non ofrecer uns prazos de reclamación para o persoal que non estea de acordo nalgún dos aspectos da axuda e/ou contía concedida. É obvio que hai un problema de procedemento que vén derivado da xestión administrativa amparada polo goberno municipal e que a escusa histórica foi a falta de persoal nun departamento que contaba cunha persoa en 2011 e que en 2016 conta, practicamente con tres, mais o que consideramos inaceptable é que o Concello non lle comunique ao persoal, ben de xeito colectivo, ben de xeito individual, a axuda que lle corresponde.
Tamén, e tendo en conta que durante varios anos consecutivos a partida orzamentaria é insuficiente, solicitámoslla ao Concello que a amplíe de cara a cubrir todas as solicitudes e mais que inicie, dunha vez por todas, o novo regulamento de axudas sociais que ten apalabrado desde 2011, momento en que o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, lle indicou aos representantes do Comité que non había ningún problema e que tiñan toda a vontade de negociar un novo regulamento... xa se viu catro anos despois que seguimos igual!
Polo demais, agardamos que o Concello corrixa as deficiencias sinaladas e pague en tempo e forma as axudas sociais como xa veu facendo estes últimos anos logo dos conflitos dos anos 2011 e 2012 motivados en grande medida polos informes do que daquela era secretario municipal que non pretendían máis que frear o traballo dos representantes dos traballadores que querían que as axudas fosen de coñecemento para todo o persoal e todos os traballadores e traballadoras as puidesen pedir en igualdade de condicións.

Vacacións 2016

Segundo o artigo 10 do Convenio colectivo do persoal laboral, o Concello de Betanzos debe ter elaborado o día 1 de abril o plan de vacacións anual correspondente ao ano 2016 e aínda que tal e como se indica "o calendario anual de vacacións poderá ser modificado con carácter individualizado, trala solicitude dos interesados, sempre que non exista oposición, fundamentada en razóns obxectivas do servicio, e non se afecte a intereses de terceiros", é recomendable solicitar ao longo deste mes as vacacións en tempo e forma.

A pesar de que neste Concello nunca foi de coñecemento público o calendario de vacacións e o persoal tendeu a facer traballo que debería facer o propio Concello acordando as quendas de traballo nas vacacións estivais o certo é que deste artigo do Convenio, a falta do que inidique Comisión paritaria de interpretación do texto que o Concello se nega a reunir, enténdese que temos ata finais de marzo para solicitar as vacacións.

Para solicitalas lembra que hai un modelo de documento habilitado para o efecto e que na actualidade existe un rexistro no Departamento de Persoal, polo cal podes entregar a túa solicitude directamente alí, ademais neste caso recorda que o procedemento administrativo indica que o silencio administrativo con respecto á túa solicitude é dun mes e interprétase como positivo, é dicir, que se non che responden tes dereito a coller as vacacións do xeito solicitado. 

23 de marzo: aniversario ou cabodano?

Este mércores, 23 de marzo, cúmprese un ano desde a sinatura do convenio colectivo.
Se recapitulamos e temos en conta que o convenio vixente é de xaneiro de 2006 e ten dez anos (co que mudou a lexislación neste tempo) poderiamos pensar que o que pasa nesta Administración local moi normal non é. Se a isto lle sumamos que o convenio vixente foi denunciado o 22 de setembro de 2011 e o proceso de negociación comezou o 24 de outubro de 2011 e durou case catro anos ata que o 23 de marzo de 2016 o Comité de Empresa e o Concello de Betanzos asinaron o acordo e que esta semana hai un ano que foi asinado e aínda non entrou en vixencia, poderiamos pensar que a xestión do Concello de Betanzos no que ten a ver coa negocación colectiva e a mellora dos dereitos do persoal laboral é interesadamente un fiasco total.
Mais se aínda por riba temos en conta que este novo texto, cos seus defectos e as dúas virtudes, mellora sensiblemente as condicións do persoal laboral do Concello de Betanzos e a pesar diso o sindicato que tivera a maioría ata 2011, a UGT, está en contra do texto, isto poderianos levar a pensar que vivimos baixo o foco dunha cámara oculta, porque llo contes a quen llo contes non o cre.
Ás veces está ben reflexionar sobre a absurda realidade á que nos enfrontamos os traballadores deste Concello para nos decatar de que isto non é o normal por moito que sexa corrente e habitual, e o que neste Concello leva catro ou cinco anos levar adiante noutras Administración foi conseguido hai anos, e neste caso non por falta de vontade dalgún dos sindicatos con representación senón por unha clara deixadez do equipo supostamente socialista de Ramón García para o que é obvio que os traballadores laborais somos o último e sempre podemos agardar.
Certo é que canto ao tema do convenio, o concelleiro de Persoal, ultimamente ten informado ao Comité puntualmente dos avances que se van producindo mais isto acontece logo de meses de inactividade e por volta do vergoñento aniversario dunha sinatura. E aniversario é vergoñento porque a esta altura o problema tiña que estar máis que solucionado.
A última información que nos veñen de facilitar é que nestes días se enviará de novo coas modificacións indicadas pola inspectora e que a previsión é que poida ir ao pleno de abril de novo para ser ratificado polo pleno, mais cando vexamos é cando o creremos porque o cumprimento dos prazos que se indican non é precisamente un dos puntos fortes desta Administración local e especialmente no que ten a ver a  coa tramitación deste convenio colectivo é obvio que a demora formou parte dunha estratexia para aforrar cartos, porque canto máis tarde entre en vigor o convenio máis tarde entrarán en vigor eses novos salarios que son un pequeno e primeiro chanzo cara á igualación co funcionariado, aínda moi lonxe mais cara á que este texto inicia o camiño.

Resumo da reunión ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde do 10 de marzo de 2016

Na reunión do Comité de Seguridade e Saúde que tivo lugar o pasado 10 de marzo de 2016 o Concello levou un só punto da orde do día para das conta do informe das baixas do persoal laboral e funcionario. Os delegados de prevención do Comité de Empresa presentaron, pola súa parte, ao inicio da reunión por escrito, os temas sobre os que querían falar que foron os seguintes:


Con respecto ao estado das avaliacións de riscos laborais a secretaria do Comité lembroulle ao presidente  que segundo se recolle na acta de constitución do Comité de Empresa, o Concello indicou que no primeiro trimestre de 2016 se realizarían as avaliacións pendentes e solicita información sobre o tema. Diego Fernández indicou que hai que contratar eses traballos coa mutua e que só quedan pendentes algúns centros. Non obstante, desde a CIG solicitamos a documentación de todas as avaliacións reavisadas porque temos serias dúbidas de que non sexan papel mollado e as deficiencias non fosen amañadas.

Polo que respecta ao estado da Oficina de Turismo, xusto nos días anteriores e posteriores á reunión do Comité de Seguridade e Saúde e á visista do inspector comezaron as obras de reforma. O concelleiro de Persoal indicou no Comité que moitas das adecuacións xa foran realizadas e botoulle a culpa ao retraso das empresas de subministros para alegar que non se solucionaran as deficiencias. Escusas, obviamente, baratas, se temos en conta que todo chegou para cando o inspector ía pasar pola oficina, logo de que o propio Concello lle solicitase á Inspección provincial unha prórroga para solucionar os problemas. A delegada de prevención do persoal laboral lembroulle que a día 10 de marzo seguían se se solucionar as deficiencias de cara a lle dar cumprimento ao requerimento da Inspección e lembroulle ao concelleiro de persoal que a instalación eléctrica non se modificara, non se sinalizaran os cadros eléctricos, non se elevara a caixa de conexións do punto de información, non hai plan de emerxencia e evacuación, non se melloraran as condicións de iluminación, non se eliminara o verdín das paredes e a traballadora non tiña información preventiva do seu posto de traballo. Nestes días puidemos comprobar como varias desas deficiencias foron solucionadas no minuto noventa e cando non había máis remedio, como vén sendo común neste Concello.

Os delegados de prevención do persoal laboral tamén lle trasladaron ao concelleiros as queixas dos compañeiros polas deficiencias nos botiquíns dos diferentes edificios e a necesidade de que a mutua realice o seu traballo e teña conta do material. É curioso ver como o goberno municipal defende continuamente a unha mutua que é obvio que está fallando, mais tamén hai que lembrar que todo o que se contrata custa cartos e é porsible, que a fin de contas, o único que pretende o Concello é aforrar os cartiños e en seguridade e saúde laboral do seu persoal. É máis, o propio concelleiro propuxo que fosen os delegados de prevención os que se ocupasen de revisar os botiquíns, cando ese non é para nada o seu traballo porque é unha obriga da empresa e da mutua que ten contratada, mais o que está claro é que aquí hai algo raro coa mutua do contrario o concello faríalle cumprir á mutua as cláusulas do contrato que supoñemos que haberá e se deixaría de tanta escusa barata e de mal pagador.

Outro tema que en varias ocasións teñen falado os delegados de prevención do persoal laboral é se o guindastre municipal está adaptado á normativa de seguridade laboral e se o Concello lle facilita aos traballadores o coñecemento sobre as medidas preventivas que deben levar a cabo cando fan uso del. Con respecto a este tema o conceleiro de Persoal indicou que o vehículo está ao tanto da ITV correspondente, ao igual que todos os vehículos municipais e que se pode consultar a documentación das certificacións no negociado de Bens do Concello, negociado polo que pasaremos nos próximos días os delegados de prevención para comprobar a documentación.

Finalmente, xa na reunión de constitución do Comité deramos conta de varios problemas estruturais da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente e desta volta volvimos preguntar polo Plan de Emerxencia que estaba pendente do simulacro e que como o propio concelleiro confirmara era imposible levar a cabo hai uns meses pola escasez de persoal, mais solicitámoslle ao Concello que se retome o tema agora que o cadro de persoal segue ao completo  e que é necesario ten previstas as situacións de emerxencia por se algún día desgrazamente ocorre algo.



Actas de constitución e aprobación do regulamento do Comité de Seguridade e Saúde

Moito traballo custou botar a andar con "normalidade" o máximo organismo de seguridade e saúde laboral do Concello de Betanzos, o Comité de Seguridade e Saúde. Nos anos anteriores foron varias as denuncias presentadas na Inspección de Traballon presencial para que se constituíse, para que se reunise, para que o Concello solucionase diversos problemas na Escola Taller, Casa do Concello ou Oficina de Turismo.

Por primeira vez, tal e como vos dixemos, a secretaría do Comité recae na parte social, o que entendemos que facilitará o seu funcionamento, non só porque xa non vai valer a escusa de que o funcionario responsable non ten tempo senón porque permitirá unha maior fiscalización do traballo do organismo. A maiores, nesta nova etapa, pretendemos que a información sexa de acceso para todo o persoal e procuraremos colgar as actas das reunións para que as poidan consultar todos os compañeiros e compañeiras.

Eis tendes a acta da reunión de constitución do Comité de Seguridade e Saúde e mais a da reunión extraordinaria que se realizou para aprobar o regulamento de funcionamento que os delegados da CIG propuxemos de cara a un mellor funcionamento do organismo.


Xénero, cambio climático e saúde

O informe da Organización Mundial da Saúde proporciona unha primeira análise de como interactúan entre si o cambio climático, o xénero e a saúde. No informe documéntanse os datos dispoñibles con relación ás diferenzas que existen entre ambos os sexos en canto aos riscos para a saúde que poderían acentuarse a consecuencia do cambio climático, e respecto das medidas de adaptación e mitigación que poden contribuír a protexer e promover a saúde.

Os datos procedentes de estudos de diversos casos indican que a incorporación dunha análise de xénero pode aumentar a eficacia das medidas adoptadas para protexer á poboación fronte á variabilidade e o cambio climático.

No informe se indica que a vulnerabilidade das mulleres e os homes ante os efectos dos fenómenos meteorolóxicos extremos está determinada non só pola bioloxía, senón tamén polas diferenzas nas súas funcións e responsabilidades sociais, que aínda que varían, existen en todas as sociedades.

Os autores do informe adoptaron un enfoque centrado na avaliación de riscos, ao examinar os datos dispoñibles sobre as diferenzas entre homes e mulleres no que respecta á vulnerabilidade. O cambio climático é un proceso lento que se desenvolve nun contexto dominado por fenómenos climáticos variables e transitorios, onde actúan moitos outros factores que afectan á saúde humana. Hai datos sólidos sobre as diferenzas entre homes e mulleres nas consecuencias para a saúde da variabilidade climática a curto prazo e de factores nos que inflúe o clima, como a malnutrición e a incidencia de enfermidades infecciosas. Emprégase esa información para avaliar as diferenzas de xénero máis previsibles no que respecta aos riscos para a saúde e as intervencións emprendidas ao longo de períodos de tempo máis longos relacionados co cambio climático.


Mirar unha pantalla máis dunha hora provoca fatiga visual, fotofobia, pesadez ocular e dificultade de enfoque

Segundo expuxo un estudo realizado por expertos da Universidade Complutense de Madrid -UCM- sobre unha mostra de 26 persoas con idades comprendidas entre os 21 e os 50 anos, pasar máis dunha hora mirando unha pantalla provoca fatiga visual, fotofobia, pesadez ocular, dificultade de enfoque e borrosidade na visión de preto.

A investigación tivo como obxectivo coñecer os motivos polos que o ollo non reacciona á sobreexposición á luz das pantallas de dispositivos electrónicos, a pesar de que estes emiten ata cinco veces máis luz de alta enerxía que o resto de fontes luminosas.

Nilo García, un dos autores do traballo comentaba: "Comprobamos que as persoas non notamos a intensidade da luz das pantallas xa que non contamos cos sistemas naturais para defendernos da devandita luminosidade".

Segundo Celia Sánchez Ramos, autora do estudo e da UCM, ante un texto reflectido nunha pantalla, as persoas son conscientes das molestias visuais que padecen cando son preguntadas por elas e non de forma espontánea.

O 92 por cento asegura que sente algún síntoma de fatiga nos ollos de maneira frecuente ou constante, mentres que un 42 por cento manifestaba padecer dun a cinco síntomas, o 35 por cento de seis a dez síntomas e o 15 por cento máis de dez síntomas.

A fatiga visual aumenta en función do tempo de observación da pantalla, dado que, as molestias increméntanse ata catro veces máis dende o inicio ata o final da proba. Isto é especialmente acusado no caso das mulleres, xa que, e aínda que "non se coñecen as razóns", padecen o dobre de fatiga visual que os homes, do mesmo xeito que as persoas que levan lentes de contacto ou lentes.

Co obxectivo de evitar as molestias, os autores destacaron a importancia de ser consciente da saúde visual e de levar a cabo determinadas medidas preventivas como, por exemplo, descansar 20 segundos cada 20 minutos diante dunha pantalla ou poñer protectores co fin de diminuír o exceso de luz.

Sánchez-Ramos concluía “o seguinte paso vai ser analizar como afecta aos menores e aos maiores, aos que estamos seguros de que lles produce moitas máis molestias".


11/03/16

Proposta de resolución de axudas sociais 2015

Estes días e logo de que o Comité de Empresa o solicitase, o Concello vén de formular unha proposta de concesión das axudas sociais do ano 2015 ao Comité de Empresa e solicitarlle un informe co obxecto de facelas efectivas coa nómina do mes de marzo e concédelle un prazo de dez días naturais para a emisión deste e proposta de distribución que considere.

Por este motivo o Comité de Empresa reuniuse hoxe mesmo para establecer os criterios do informe que se entregará o vindeiro luns no Concello e facer a proposta de concesión.

Un ano máis, a partida orzamentaria é insuficiente e o Concello propón unha redución proporcional á espera da proposta de representantes de persoal laboral e funcionario. A partida orzamentaria é de 25 000 euros e cantidade de axudas solicitades ascende á 27732,08 euros, dos cales 14750,48 euros se corresponden con axudas solicitadas polo persoal laboral e o resto polo funcionariado.

Desde a CIG proporemos, tamén, un ano máis, o aumento da partida orzamentaria de cara vindeiros anos para cubrir a totalidade das axudas así como instaremos, unha vez máis, ao goberno municipal  a que cumpra o apalabrado cos representantes dos traballadores hai catro anos de que ía haber un novo regulamento de axudas sociais cun reparto das axudas en base a criterios sociais, tal e como leva propoñendo desde o ano 2011 o Comité de Empresa actual logo da proposta da CIG.


Se algún compañeiro ou compañeira quere información sobre a contía que finalmente lle foi concecida pode falar con calquera dos delegados da CIG, non obstante, o Comité de Empresa solicitará, unha vez máis, que se cumpran as bases vixentes e que o Concello publique as listaxes provisionais e definitivas de axudas sociais de cara a coñecelas todo o persoal e poder facer as reclamacións oportunas quen o considerar necesario.

Días de asuntos particulares e vacacións para o ano 2016

Logo de moitas consultas de diversos compañeiros e compañeiras con respecto aos días de asuntos propios con carácter e xeral e días por antigüidade tanto de asuntos como de vacacións deixámosvos as dúas resolucións que afectan a estes dereitos. Lembrade que con carácter xeral teremos para o 2016 8 días de asuntos particulares e 22 de vacacións e que os días por antigüidade do ano 2015 tanto de vacacións como de asuntos particulares poden desfrutarse ata o vindeiro 30 de abril de 2016.




Varias solicitudes

Esta semana o Comité de Empresa rexistrou diversas solicitudes relacionadas con diversos temas como as horas extraordinarias, que o Concello leva meses sen lle entregar a documentación aos representantes dos traballadores.

O Comité de Empresa lembroulle ao Concello que ten pendente de lle entregar a relación de horas extras correspondente aos meses de novembro e decembro de 2015 e xaneiro e febreiro de 2016, xa solicitudas en diversas ocasións por rexistro e solicitoulle que lle entregue con puntualidade ao Comité de Empresa a información relativa ás horas extraordinarias, de xeito mensual, tal e como recolle o informe do asesor xurídico do propio Concello que se debe realizar.

Ademais, solicitoulle unha relación co importe das horas extras de todo o persoal laboral do Concello de Betanzos, debido a que as horas extras se cobran segundo o salario e en ningún documento público está reflectida os euros/hora de cada un dos postos de traballo e que se especifiquen os criterios de pagamento de gratificacións ou horas extraordinarias, toda vez que o concepto gratificacións para o pagamento da realización de traballos extraordinarios non vén definido no convenio colectivo en vigor como tal e podería estarse dando unha interpretación unilateral do convenio colectivo que debería ser interpretado pola Comisión Paritaria Mixta de seguimento do Convenio, ademais dunha discriminación á hora de realizar o pagamento das horas extraordinarias entre o persoal laboral.

Temos constancia de horas extraordinarias realizadas, coma sempre, polo persoal laboral mais o Concello non dá achegado nin esta documentación nin a correspondente ás horas extras do persoal funcionario, que a CIG solicitará de novo por escrito e valorará reclamar por outras vías no caso de que o goberno municipal siga facendo caso omiso ás súas reclamacións.

A CIG CRITICA A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS MUNICIPAIS E QUE O CONCELLO ALARDEE NA WEB MUNICIPAL DE PRIVATIZAR OS SERVIZOS PÚBLICOS

Logo das últimas novas na web municipal que alardean da privatización do servizos municipais do seguinte xeito:
Betanzos, 23 de febreiro de 2016. O Concello pretende adecuar todas as zonas verdes e o contorno dos parques infantís. Para iso acaba de sacar a contratación o proxecto de mellora e conservación de zonas axardinadas e parques infantís do municipio, no rural e na zona urbana, en total máis dun trinta de espazos. Os traballos consisten na curta de herba e maleza con medios mecánicos e manuais e a retirada de restos a un vertedoiro controlado.
O prego recolle que as labores se executen, na zona urbana, dúas veces ao mes, de marzo a outubro, e cinco veces en total durante os meses de novembro a febreiro. Na zona rural realizarase unha vez ao mes.
En cada zona os traballos inclúen a eliminación tanto de restos de vexetación como refugallos; así como calquera outro tipo de vexetación que medre na superficie da zona pavimentada; recortes e podas de sebes na época precisa segundo o tipo de vexetación; retirada de follas e ramas e acondicionamento da área dos areeiros dos parques infantís, procedendo á súa limpeza e movemento, situados no Pasatempo, Pintor Seijo Rubio, Condesa e Alfonso IX.
Levará a cabo tamén o mantemento de 300 xardineiras de modelos varios e distribuídos por distintas zonas do centro urbano, os traballos consisten no mantemento na limpeza destas con eliminación tanto da vexetación de crecemento espontáneo, follas caídas, flores secas danadas, restos de recortes e podas e calquera outro elemento alleo á xardineira, conservación das plantas existentes, abonado dúas veces ao ano, labores de poda, e substitución das plantas danadas.
O proxecto tamén inclúe o mantemento das rotondas que contan con zona axardinada como a das Cascas e a de Cal das Barras. Nestas zonas realizaranse catro veces ao ano os traballos coa limpeza e eliminación de vexetación e a reposición, dúas veces ao ano, das plantas, renovándoas ou resementando zonas que perderan ou minguaran súas características ornamentais.
Tamén se inclúe o mantemento dos sebes do Pasatempo, tres veces ao ano, realizándose podas en forma e época precisa.
O orzamento dos traballos ascende a 86 607 euros.
O Comité de Empresa solicitou, por iniciativa da CIG, unha reunión co concelleiro de Persoal o pasado 1 de marzo para solicitar información con respecto ás novas da privatización da xardinaría e as súas consecuencias para o persoal desta Administración, debido a que non só o Concello conta na Relación de Postos de Traballo con varias prazas de xardineiro e mesmo algúns traballadores do anterior GRUMIR levan facendo as devanditas funcións desde a súa readmisión.

Desde a CIG queremos denunciar a alarmante situación de desmantelamento dos servizos públicos que o Concello de Betanzos leva anos levando a cabo e a progresiva privatización que non só encarece os servizos básicos senón que malgasta os cartos de todos os veciños e veciñas. Nos últimos cinco anos esta privatización afectou á limpeza municipal, posto a limpeza dos edificios municipais segue en mans dunha empresa privada a pesar dos acordos plenarios, tamén á xardinaría e mantementos, en momentos puntuais á limpeza de rúas, pasando polo servizos de obras que na actualidade está practicamente desmantelado e mesmo a asesoría externas para a negociación dun convenio que ben puido ser negociado sen mediación de axentes externos.

O Concello ten a obriga de informar ao Comité de Empresa de calquera tipo de externalización de servizos, non obstante, os delegados sindicais saben das privatizacións polos alardes públicos que a Administración local fai delas na páxina web municipal. Porque se a privatización é grave aínda é máis grave que na mentalidade do goberno socialista se venda como un logro e mesmo estean orgullosos de gastar unha chea de cartos públicos cos que se poderían contratar traballadores, cubrir baixas, sacar Ofertas de Emprego Público e un longo etcétera no canto de dilapidalos en empresas privadas que o que buscan é o seu propio beneficio, porque O PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO BENEFICIO!

A día de hoxe, 11 de marzo, seguimos á espera de ser convocados para que o Concello nos aclare información con respecto a esta situación.

UN ANO DESPOIS... SEGUIMOS ÁS VOLTAS CO CONVENIO

Este mes cúmprense un ano de que o Comité de Empresa e o Concello de Betanzos asinasen un acordo para a publicación dun novo convenio colectivo. Moitas foron as voltas que o tema deu desde entón mais o que está claro a estas alturas é que o Concello leva xa moito tempo tentando frear a súa entrada en vigor e aforrar os cartos que lle suporían as novas retribucións comprometidas.

O problema inicial foi a parálise durante meses do convenio no Concello e sen enviar aos organismos correspondentes, se ben a día de hoxe temos constancia de que as conversas coa Xunta están tendo lugar, non é menos certo que estas xestións hai moitos meses que podían estar solucionadas e o convenio en vigor.

Tal e como vos comentabamos hai unhas semanas o texto está sendo informado pola Xunta e a falta dunhas pequenas adecuacións normativas, como o recoñecemento dos días por antigüidade, que é posterior, segundo informou onte o concelleiro, o convenio estará listo en breve para enviar a versión definitiva con todas as adecuacións indicadas polo organismo correspondente. Unha vez que a Xunta teña esa versión definitiva simplemente habería que convocar a Comisión Negociadora do Convenio, con posterioridade tería que ser aprobado polo Pleno e logo procederíase á súa publicación. Desde o mesmo en que estivese publicado estaría en vigor.

CAE A CLÁUSULA DA INDEFINICIÓN 

O cambio máis salientable é que, finalmente, e tal como nos temiamos, a claúsula da indefinición cae. Esta cláusula é a seguinte:

Terá a consideración de persoal laboral indefinido do Concello de Betanzos, coa entrada en vigor do presente convenio, todo o persoal laboral contratado polo concello con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano 2010, que preste servizos no momento de aprobación deste Convenio e/ou aquel outro persoal laboral que, nun período de 30 meses teñan sido contratados durante un prazo superior a 24 meses, con ou sen solución de continuidade, para o mesmo ou diferente posto de traballo, mediante dous o máis contratos temporais, dentro do concello de Betanzos ou os seus organismos autónomos.
Hai que lembrar que desde a CIG non vimos clara a declaración de indefinición sen pasar polo xulgado mais o certo, é que como reiteramos en varias ocasións, entendiamos que un proceso de negociación significar ceder por ambas partes e que o novo texto traería melloras que pagaban a pena. Chegado o momento que a Inspección puxo problemas con este texto reiteramos a nosa postura e se o Concello pretendía mantelo as consecuencias legais serían para el mais chegado este momento para o texto siga para adiante non pode levar esta cláusula segundo indican as instancias superiores.
O máis lamentable de toda esta historia é que a empresa Galivalia foi contratada por 21000 euros e tiña como proxecto estrela a indefinición do persoal por convenio, que finalmente é o que legalmente indica a Xunta que non se pode levar a cabo. Cartos tirados para unha consultora que non fixo máis que mediar entre un goberno que non quería escoitar ao persoal e os representantes sindicais. O traballo groso da negociación do convenio colectivo caeu no Comité de Empresa que viu como semana tras semana tiña que enviar correccións aos textos errados de Galivalia. Finalizado o contrato e sen posibilidades de incorporar a idea estrela coa que a empresa chegaba a Betanzos fica demostrado que non eran necesarios axentes externos na negociación se o Concello tivese amosado a súa vontade desde o primeiro momento.

Un ano despois seguimos igual, un ano despois o Concello segue discriminando ao persoal laboral coa precariedade salarial que tanto caracterizou a historia deste Concello, cos problemas coas horas extraordinarias, as discriminacións na asignación de complementos e serios problemas de organización de persoal derivados da mala xestión da area por parte do concelleiro, Diego Fernández e con resposabilidade directa do alcalde, Ramón García, que permite e ampara esta situación e ao que o tema do convenio tampouco parece importalle. As escusas da acumulación de traballo de determinados departamentos cansan e fartan a calquera porque cando as cousas queren que saian adiante así é, e cando as cousas se paralizan é porque o interese non é moito.

Desta volta agardamos que o Concello sexa áxil na resposta e quen de solucionar o tema do convenio canto antes porque un ano é demasiado, sabemos que o resultado electorais era o que o importaba había un ano mais aínda agardamos que o goberno demostre dunha vez que quere pór fin a situacións de discriminacións históricas non só entre o propio persoal laboral senón co funcionariado, sempre en superioridade retributiva con respecto á grande parte dos traballadores laborais.

Radiografía do sector público: transvase de cartos á empresa privada, destrución de emprego e negocio a conta das paradas/os

A CIG-Administración denuncia que entre 2011 e 2015, só na comarca da Coruña, a Xunta perdeu 1.630 traballadores/as
Desmantelamento, privatizacións, destrución de emprego de calidade, transvase de cartos públicos á empresa privada... Esta é a radiografía do sector público presentada pola CIG-Administración da Coruña logo de case un lustro de aplicación das políticas de recorte, sempre baixo a escusa do aforro e a austeridade. Neste proceso de destrución da esfera pública, a Federación comarcal puxo especial acento sobre as consecuencias da entrada das axencias de colocación suplantando as funcións que até agora realizaban os servizos públicos de emprego.

Aínda que os casos máis coñecidos de privatizacións se dan na sanidade e no ensino, a entrega a capitais privados das porcións do “pastel público” está afectando a todos os eidos da administración: estatal, concellos, deputacións, sector de correos, universidades, xustiza ou a administración autonómica. Así o explicaron en rolda de prensa a Secretaria nacional da da CIG-Administración, Maricarme López Santamariña, o Secretario de CIG-Administración da Coruña, Eduardo Freire, e a responsábel comarcal do sector da administración do Estado da CIG, Elisa Rodríguez.

Na comparecencia tamén participou o Secretario da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, quen enmarcou este deterioro dos servizos públicos nas políticas de recortes aplicadas polos gobernos nos últimos anos. “Precisamente foi no sector público onde primeiro se ensaiaron os recortes e as medidas antiobreiras que logo se aplicarían ao conxunto da clase traballadora”, apuntou. Neste senso, informou que este ano a central sindical conmemora o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, baixo o lema “Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!”. E con tal motivo, a CIG ten convocada mañá, xoves, unha concentración de delegados e delegadas ás 12:00 horas diante da Delegación do Goberno.

Destrución do emprego público

Un exemplo desta destrución de traballo e de servizos públicos atopámolo na diminución do censo de persoal funcionario da Xunta na provincia da Coruña, onde se perderon 366 postos entre os anos 2011 e 2015. Se nos fixamos no cómputo global do traballo no sector público (incluída a sanidade e a educación), neses anos, só na cidade da Coruña perdéronse 5.100 postos (no mesmo período, no sector privado foron 3.200 os empregos destruídos).

A estes datos, Maricarme López engadiu que na comarca da Coruña, en xaneiro de 2009, había 38.423 traballadores/as da Xunta. Porén, en xaneiro de 2015, esta cifra descendera até as 36.809 persoas; é dicir, 1.630 traballadores/as menos. “Paralela á perda de emprego prodúcese unha suba esaxerada da temporalidade, con contratos lixo de fins de semana ou mesmo por horas, especialmente en sectores tan sensíbeis como os servizos sociais, trasladándose o modelo de contratacións precarias do SERGAS ao resto da administración autonómica”, denunciou López Santamariña.

Elisa Rodríguez engadía que na Administración do Estado na provincia da Coruña foron 726 os efectivos perdidos dende xullo de 2011 a xullo de 2015. Ademais, destacou que o actual cadro de persoal ten unha idade media elevada, polo que nunha década se podería xubilar até o 60% dos traballadores/as “e non se convoca oferta de emprego público para substituír a este persoal”.

A este respecto, Eduardo Freire, sinalaba que o reparto dos servizos públicos en mans privadas permite ademais xustificar a amortización das prazas existentes. Unha perda de postos de traballo á que hai que engadir a imposición da taxa de reposición 0 durante varios exercicios, que impediu a cobertura, entre outras ausencias, das xubilacións. É dicir, onde antes había un emprego público estábel agora ou non o hai, ou está sen cubrir, ou directamente foi entregado a unha empresa privada, co conseguinte axuste das condicións laborais e salariais.
 
 
As contratas a empresas privadas refírense aos máis diversos servizos. Na Xunta afectan dende tarefas de limpeza, á xestión dos comedores escolares, servizo de consumo, tratamento dos expedientes da Lei de Dependencia, atención telefónica no Servizo de Valoración de Discapacidades, encomendan diversas na Subdirección Xeral de Meteoroloxía, Agader, etc.

Na administración estatal temos o caso do Catastro, fragmentado e repartido en múltiples contratos, a dixitalización dos expedientes de xubilación da clases pasivas ou mesmo a privatización da recollida de datos e o estudo das mostras das principais enquisas do INE: a EPA e os Presupostos Familiares. Incluso a atención telefónica da Tesourería da Seguridade Social ou da Axencia Tributaria foron externalizadas. Nesta última os servizos de cita previa, a información tributaria básica e a atención ao/á contribuínte ,“polo que agora cando un/ha contribuínte chama a esta administración non é atendido por un funcionario ou funcionaria, senón por un/ha teleoperador/a que, supomos, recibiu un cursiño rápido de formación”, advertiu Elisa Rodríguez.

Na Xustiza están externalizados os servizos de tradución e mesmo as peritaxes e as taxacións xudiciais, dándose casos tan esperpénticos como que non se poida sacar a poxa un ben embargado polo xulgado xa que a empresa adxudicataria non fai a taxación porque di que a Xunta non lle paga.

Fragmentación dos contratos para evitar o concurso

Para escapar da fiscalización, as distintas administracións recorren á fragmentación  dos contratos para non ter que convocar un concurso para a adxudicación (como ordena a lexislación vixente) e así asignar a obra ou o servizo de xeito directo á empresa elixida. Este exceso de contratacións e a picaresca dos gobernos para escapar da fiscalización é tan palpábel que até foi denunciada polo Tribunal de Contas en diversos informes.

A maraña de contratos é de tal calibre que, nun ano, a Seguridade Social chegou a facer até 20.270 contratos menores por valor de 36.58 millóns de euros. A Dirección Provincial do INSS da Coruña no mesmo día chegou a adxudicar 2 contratos diferentes polo importe de 23.479 euros á mesma empresa pola vixilancia nocturna.

A Autoridade Portuaria da Coruña rizou o rizo contratando a unha empresa de Valencia para desenvolver a coordinación de actividades dentro do Porto da Coruña. “É dicir, para realizar unha actividade de índole empresarial polo interior do peirao hai que falar con Valencia, pero non en galego, que non te entenden”, aseverou Freire.

Entrada de ETTs e Axencias de Colocación no SEPE

Neste marco de baleirado do público, resulta absolutamente escandalosa a suplantación  –permitida legalmente polo goberno de Mariano Rajoy mediante o Decreto 1796/210- da funcións propias dos servizo públicos de emprego por parte de empresas privadas, convertendo o desemprego nunha mina de cartos para estas axencias de colocación.

O BOE do 24 de xuño de 2014 publicaba o nome das 80 axencias privadas seleccionadas para colaborar co SEPE, nun contrato cun valorado en 200 millóns de euros a repartir en catro anos, e ás que a administración pagará unha contía fixa por cada persoa que consigan inserir no mercado laboral e por persoa cuxa inserción lle recomende con independencia do resultado.

Ademais, abonará un incentivo por especial dificultade de inserción, outro polo mantemento do emprego e mesmo se estabelece un pago de até o 15% do pago por inserción se se inicia un procedemento que conclúa coa imposición dalgunha sanción á persoa desempregada. Isto é,  sométese aos parados e paradas a grupos de presión, onde o SEPE se pode converter no verdugo ou colaborador necesario na criminalización dos sectores máis vulnerábeis.

•    Prezos máximos por desempregado ou desempregada

Rango de idade

Tempo de paro

Menos 6 meses

De 6 meses a 1 ano
De 1 a 2 anos
Máis de 2 anos
De 25 e menos
300€
575€
1.100€
1.850€
De 26 a 29 anos
300€
575€
1.100€
1.850€
De 30 a 44 anos
300€
625€
1.250€
2.300€
De 45 a 54 anos
350€
725€
1.850€
3.000€
55 ou máis anos
600€
1.275€
3.000€
3.000€