24/03/14

HORAS EXTRAS E PRIVATIZACIÓN A CAMBIO DE NON CONTRATAR PERSOAL NOS SERVIZOS BÁSICOS

Ao longo destes últimos tempos, a CIG leva posto en coñecemento da Administración a delicada situación que padecen na actualidade algúns dos servizos básicos pola negativa do Concello a cubrir as baixas tanto de longa coma de curta duración e que repercute directamente nos propios traballadores do servizo. Desta volta, e ante a mesquindade dun Concello que teima en explotar ao persoal a base de continuos cambios de condicións laborais que o someten a un continuo extrés e que repercute directamente na súa saúde, temos que destacar a solicitude por parte da Administración de que certas traballadoras de limpeza de edificios realicen horas extras para cubrir o traballo das persoas que o Concello necesita e que se nega a contratar. É dicir, primeiro elimínase prazas ao non convocar as vacantes, logo, despídese ao persoal, tal e como vimos nos dous anos anteriores, e agora pídeselle aos poucos traballadores que quedan que repartan as horas extras para poder manter as instalacións do colexio nunha condicións decentes.

A deficiente xestión do servizo de limpeza de edificios levada a cabo polo concelleiro de Persoal, Diego Fernández, coa axuda do propio alcalde instalado na pasividade ante os problemas reais do día a día do persoal, que pretende cun número inferior de efectivos reais que hai uns anos prestar os mesmos servizos como Concello e quedar ben con todo o mundo, lembremos que mesmo ata hai pouco con fundacións privadas, xa foi posta en evidencia en varias ocasións polo propio Comité de Empresa, que lle preguntou polas vías de saída que lle daría a este problema, a resposta non existe, as ganas tampouco e a preocupación pola situación non saben nin o que é. A solución que dan agora ao persoal é pedirlle de favor que realice horas extras para cubrir os servizos, algo moi comprensible vindo dun partido obreiro, é dicir, a redución de postos de traballo súplese coa explotación do persoal que temos. No propio Departamento de limpeza outro grave problema é o de limpeza viaria e a falta de efectivos, que na última década se ten reducido á metade do que era pola negativa a cubrir ás xubilacións da propia Administración, o que supón que estes operarios estanse vendo saturados debida á magnitude do traballo para poder cubrir as necesidades dunha vila que medrou en extensión nos últimos tempos e ante a pasividade dun Concello que teima en non contratar persoal.

A esta situación tan delicada hai que sumarlle o abandono do cemiterio municipal provocado pola negativa do Concello a cubrir as baixas motivadas polas dúas xubilacións do persoal que tiña estes postos na Relación de Postos de Traballo en vigor e a pretensión de amortización das prazas deste servizo por parte do Concello aínda hai escasos meses o intento fracasado de aprobar unha nova RPT. O Concello de Betanzos, á vista dos feitos, non considera básico o servizo do cemiterio mais teima en derivar cara a el a compañeiros que non teñen ese posto de traballo, como aconteceu cun compañeiro do anterior GRUMIR despedido e aínda en espera de sentenza por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que a pesar de ser peón do servizo de emerxencias dedicábase unica e exclusivamente ao atendemento das funcións propias dun cemiterio municipal e que o Concello teima en non desistir da decisión tomada de despedilo hai dous anos, a pesar de acumular xa sete sentenzas por despedimento improcedente. Para colmo, na actualidade o Concello avanza no camiño da privatización e a destrución do emprego público posto que somos coñecedores que no cemiterio municipal non hai un só empregado municipal e moito nos tememos, a pesar de que non teñamos constancia da existencia dun contrato administrativo, que o traballo realizado antes por empregados municipais é agora desempeñado por persoal dunha empresa privada.


Dende a Sección sindical da CIG lamentamos fondamente o camiño de privatización que dende hai varios anos se iniciou neste Concello e que mesmo o ano pasado supuxo a contratación de persoal dunha empresa privada de apoio en festas mentres se negaban a cubrir as baixas de limpeza e da Escola Infantil Municipal, e que a día de hoxe se traduce na privatización parcial do servizo de axuda a domicilio, da xardinaría ou do asesoramento técnico ao concelleiro de Persoal, e cada vez un máis longo etcétera, sendo coñecedores de que os servizos públicos sempre son befenicio para toda a cidadanía, mentres que os privados só para uns poucos. Instamos ao goberno municipal, e ao seu máximo responsable, o alcalde, que ante a delicada situación que están a padecer determinados servizos públicos do Concello de Betanzos, que deixe de aplicar e ampararse nas políticas laborais de destrución de emprego público do PP que tanto critica noutras esferas e que logo teima en aplicar nos seu propio Concello.

19/03/14

Mesa Xeral de Funcionarios, 18 de marzo de 2014

A CIG, como sindicato, e a partir deste momento, tomará parte nas Mesas Xerais de Funcionarios, a estas asistirán a representante da CIG no Concello e Betanzos, Silvia Muíño, e o noso asesor de CIG-Administración local, Roberto Tizón. A Mesa Xeral de Funcionarios é o organismo que negocia o Acordo Regulador de Funcionarios/as toda vez que os funcionarios non teñen Comité de Empresa e que son os sindicatos os que directamente negocian coa Administración.

Cómpre sinalar, que, por primeira vez, parece que existe coherencia, entre o defendido na reunión con laborais e con funcionarios, aínda que hai varios puntos que é importante destacar do comentado polo asesor da empresa.
Tal e como se comentou na Comisión Negociadora do Convenio de laborais o que está acordado, que no caso de funcionarios pouco era, mantéñeno e a partir de aí achegaranlle aos sindicatos unha nova proposta de texto elaborada pola empresa na semana que vén.

Á vez que se levan a cabo estas negociacións o Concello traballará nun novo organigrama administrativo e tentará facer unha valoración de postos de funcionarios/as aínda que o esforzo de equiparación salarial será no persoal laboral, algo que consideramos totalmente lóxico tendo en conta non só as diferenzas, senón o volume de persoal contratado nesta Administración. Aplicarase, en permisos, licenzas e vacacións o principio de norma máis favorable e mesmo fíxose alusión aos días de antigüidade nas vacacións e a unha sentenza que lle recoñece ese dereito a unha compañeira delegada na CIG Autonómica-Ferrol e a posibilidade de recoñecer ese dereito no acordo baixo o principio de norma máis favorable.

Ademais disto, o certo é que o funcionariado, ao contrario que o persoal laboral, non se xoga moito no acordo regulador porque demasiadas cousas veñen impostas por normas superiores de aplicación, supoñemos que os maiores conflitos virán dados pola valoración dos postos de traballo tendo en conta que á vista dos complementos específicos na actualidade, tampouco nos funcionarios, están avaliados de xeito correcto e ás veces fan sospeitar que non se refiren a postos de traballo, senón a persoas, doutro xeito non se poden explicar semellantes diferenzas salarias entre persoal da mesma categoría e nivel.

Comisión Negociadora do convenio colectivo, 18 de marzo de 2014

Onte tivo lugar a primeira reunión da Comisión Negociadora do convenio do ano 2014, xa que dende abril do ano 2013 esta Comisión levaba sen se reunir e, por tanto, a negociación do convenio estaba ata o momento paralizadísima.

Desta volta, de parte do Concello, asistiron Antonio Vara, en calidade de secretario, Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e Javier Ferreira, como asesor do Concello, pola parte social asistiron, Marcos Dopico, Silvia Muíño e José Luis Sobrino como membros da Comisión Negociadora designados polo Comité de Empresa, e como asesores Roberto Tizón pola CIG e José Ángel Montes pola UGT. É significativo que os asesores funcionarios que asistían en anteriores ocasións por parte do Concello quedasen a un lado coa entrada en escena da empresa, e os que antes dicían si e non, agora nin sequera asisten ás mesas de negociación.

A actitude por parte da empresa foi significativamente mellor que en anteriores ocasións, e a idea principal da reunión foi a exposición da metodoloxía de traballo que tentan propoñer coa idea de chegar a un acordo e que no verán deste ano haxa un novo convenio, esa é a idea do Concello, o tempo desmostrará se as intencións desta volta son certeiras.

A principal novidade é que o Concello pretende, agora, negociar sobre un texto presentado pola empresa e que será entregado na vindeira semana á parte social da Comisión, baixo a premisa de que o texto presentado polo Comité de Empresa non está adecuado á lexislación laboral vixente porque foi presentado en xaneiro de 2012 e aprobado pola asemblea de traballadores en decembro de 2011. Certo é que o Comité de Empresa leva dous anos advertíndolle ao Concello que este era un dos riscos que corriamos por dilatar a negociación e o resultado final é que o texto que negociaremos finalmente non vai ser a proposta que o persoal laboral aprobou en asemblea, senón un novo que será achegado nos vindeiros días, e a única culpa disto tena o Concello de Betanzos por levar dous anos atrancando a negociación do convenio colectivo mais as consecuencias págaas todo o persoal laboral en canto tiña coñecemento do que se estaba a negociar e agora a negociación continuará cun texto diferente, para o propio Comité de Empresa este é un traballo a maiores, porque o texto anterior estaba consensuado polos dous sindicatos con representación neste, e aínda que a CIG ten a maioría no Comité e podería tomar as decisións que estime oportunas, o certo é que sempre é preferible chegar a acordos, por moi difícil que resulte, en ocasións, facelo con delegados sindicais instalados na defensa das irregularidades que a Administración comete.

En principio o bosquexo de información que o Concello nos ofreceu (sempre por boca do asesor da empresa, porque o concelleiro de Persoal non dixo nin chío), foi que negociaremos sobre o texto do Concello, modelo da empresa utilizado noutras administracións e que non difire en grande medida do presentado polo Comité de Empresa, aínda que o capítulo de retribucións deixarase para o final porque o Concello ten que facer "contas" e logo hase saber o que se pode amañar para tentar reestruturar algún dos desequilibrios retributivos existentes no persoal laboral. A idea do Concello é que en xuño estea acordado o convenio, e con cada texto que se presente haberá un sistema de funcionamento por escrito que tente facilitar  traballo nas Comisións Negociadoras de xeito que alí so se tratarán os puntos de discrepancia entre a parte social e o Concello. Paralelamente a esta negociación irán facendo un organigrama, a día de hoxe inexistente neste Concello, que se presentará en Mesa Xeral de Negociación mais nunha fase posterior á aprobación do convenio colectivo.

Algunhas das cuestións concretas que se exemplificaron e que a empresa proporá teñen que ver cunha xornada semanal de trinta e sete horas e media con certa felexibilidade que permitirá que non se desconten determinadas ausencias, unha vez instalados os reloxos de fichaxe; esta certa flexibilidade sempre terá un límite diario, semanal, mensual e un número de horas anual que non se poderá exceder. Preténdese facer unha homologación en permisos, licenzas e vacacións co funcionariado ao abeiro do Estatuto Básico do Empregado Público, tendo en conta sempre o principio de norma máis favorable. Canto ás horas extras, tal e como era a proposta de Comité, no caso de se cobrar será por categoría profesional, de xeito que todo o persoal dunha mesma categoría profesional cobre o mesmo e saiba o que lle corresponde por traballo extra realizado.

Unha outra proposta do Concello, que se negociará ao final por ser un tema de retribucións, é que o Concello pretende reformular os conceptos retributivos do persoal laboral sen redución salarial mais non para homologalos cos de funcionarios senón para refundilos e simplificar as nóminas, que é o certo é que esta é das ideas que nos suscita máis dúbidas e que haberá que estudar moi a fondo. A maiores, quérese engadir algunha previsión canto á consolidación de postos e funcionarización do persoal laboral mais pensando a longo prazo, non nun futuro inmediato, e que será pertinente ou non dependendo da vixencia que finalmente teña o convenio.

En conclusión, onte houbo unha declaración de intencións por parte do Concello que aínda é axiña para valorar se será positiva ou negativa para a mellora do conxunto do persoal laboral do Concello de Betanzos, iso haberá que ilo valorando segundo decorra o tempo e teñamos máis información sobre as intencións do Concello e como vai cambiar isto o marco no que traballamos, mais se algo hai que ter claro é que o convenio colectivo só se pode acordar se Concello e os traballadores están de acordo, non é, coma noutras decisións algo que unilateralmente pode acordar a Administración. 

A partir de agora e ata que finalice o proceso informarase puntualmente de todas as decisións, que nas primeiras reunións é posible que non sexan moi relevantes posto que temos un marco normativo que nos constrinxe en certos aspectos e simplemente constará no texto mais non hai moitas posibilidades de negociación, pola contra, é posible que cara ao final do proceso, cando se propoñan as maiores mudanzas que poidan afectar ao persoal laboral se convoquen novas asembleas para informar e tomar decisións, nomeadamente, a intención da CIG é, antes de asinar ningún acordo do Concello, que o texto finalmente acordado, no caso de que se chegue acordo será sometido á valoración da asemblea de traballadores, e será esta a que decida que é o que se debe facer, porque lle afecta a todo o persoal e é este o que debe decidir.

18/03/14

Aberto o prazo para solicitar a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos

As persoas beneficiadas poderán percibir 360 euros por cada crianza

A Secretaría de Muller da CIG informa da publicación no DOG da orde pola que se establecen as bases para a concesión da prestación económica de pagamento único por fillos e fillas menores de tres anos para este 2014. A Xunta volve excluír destas axudas, por terceiro ano, ás persoas que o pasado ano presentaron a declaración da renda, aínda sen ter a obriga de facelo, polo que será moi reducido o número de posíbeis beneficiarias da axuda.

Poderán beneficiarse desta prestación aquelas persoas que teñan fillas/os menores de tres anos a 1 de xaneiro de 2014 (nacidos entre o 2.1.2011 e o 1.1.2014, incluídos) e que, durante o ano 2012, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.
A prestación consistirá nun pagamento único de 360 euros por cada crianza menor de tres anos e o  prazo para entregar as solicitudes estará aberto até o vindeiro sábado 26 de abril.
No arquivo adxunto podes consultar a orde publicada no DOG e descargar o formulario de solicitude.


As organizacións sindicais da Mesa Xeral da Función Pública anuncian a presentación de máis de 400 contenciosos

Son demandas relativas á parte da paga extra do ano 2012 devengada ao funcionariado galego

As organizacións sindicais con presenza na Mesa Xeral da Función Pública de Galiza anunciaron, esta mañá en rolda de prensa, a presentación de máis de 400 demandas pola vía do contencioso-administrativo relativas á paga extra do ano 2012 do funcionariado galego. Xunto a isto demandaron da administración o pagamento da parte correspondente desa paga extra sen chegar á vía xudicial para evitar as custas derivadas.


María Carme López Santamariña, representante da Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Saúde, CIG-Administración) explicou que hai xa varias sentenzas favorábeis onde se recoñece o dereito á percepción da parte devengada da paga extra do ano 2012 “que nos fora roubada por parte de todas as administracións” a raíz das demandas presentadas perante os xulgados tanto para persoal laboral como funcionario.
Lembra que no caso do funcionariado, a diferenza do persoal laboral, ten que se acudir á vía administrativa porque non dispón dos recursos xurídicos que teñen os laborais a través de conflito colectivo e que por iso “teñen que presentarse demandas individuais por cada un dos centros pagadores das administracións públicas (Ensino, Sergas, universidades, concellos, deputacións...)”.
López Santamariña agarda que “as administracións, de unha vez, fagan efectivo o pagamento da parte da paga extra de 2012 sen obrigar a colapsar xulgados e mesmo evitando que a administración teña que facer fronte ás costas que vén impoñendo a xustiza”. Costas cuxa contía media ascende a uns 300€.
A portavoz da Área Pública denuncia que deste xeito as administracións están “dilapidando cartos públicos” sen lles importar que as contías das costas xudiciais sexan moi superiores ás contías da paga extra que teñen que devolver. “Prefiren gastar cartos que son de todas e todos nós para retrasar uns pagos que ao final van ter que facer efectivos empeñándose mesmo en facer recursos a canta sentenza favorábel que sae dos xulgados”.
A isto engade que estes cartos “deberían ser destinados a mellorar a calidade dos servizos públicos e a garantir que conten con persoal suficiente para unha axeitada atención e prestación dos mesmos”.
Todo o mundo sabe que a día de hoxe estamos con taxas de reposición cero, prohibición de ofertas de emprego, amortización de prazas vacantes co cal a situación, a día de hoxe, en todos os servizos públicos é moi precaria e mesmo ten provocado xa a desaparición de servizos básicos que se ben deben ser sempre considerados esencias, o son aínda máis en momentos de crise como estes.

Máis info en www.galizacig.org

17/03/14

Mañá, martes 18 de marzo, convocada reunión da Comisión de Negociación do convenio de laborais e Mesa Xeral de Funcionarios

O venres a última hora, coma sempre, e para non perder os bos costumes, o Concello convocaba aos representantes do Comité de Empresa da Comisión negociadora do convenio do persoal laboral baixo un único punto, e sen ningunha documentación, é dicir, sen ningunha proposta nova por parte do Concello, e iso que xa xogamos como con catro textos diferentes que o Concello leva dous anos que parece que nin se pon de acordo con el mesmo co que quere propor. Aí vos queda a convocatoria, mañá, agardamos que haxa máis novidades.



A maiores, a representante da CIG no Concello de Betanzos foi convocada polo propio Concello que o ano pasado acordou cos sindicatos con representación en funcionarios, CSIF E CCOO, que a CIG non debía ter dereito a voto na Mesa Xeral de Funcionarios, cando lle debería mesmo dar vergoña a unha Administración non saber que no caso de funcionarios quen negocian son directamente os sindicatos a estas alturas do xogo. Daquela, días despois todo se tornara cómico cando CSIF dixo que quería estar na Comisión Negociadora do convenio colectivo sen ter nin un só delegado en persoal laboral cando quen negocia neste caso é o Comité, é dicir, os que propoñen botar á CIG dunha Mesa Xeral na que ten dereito a estar pretenden decidir nunha Comisión na que só ter dereito a estar no Comité de Empresa. Aínda que, como se ve, o tempo pon a cada quen no seu sitio e, con moito esforzo, parece que hai cousas que comezan a facerse a xeito. Mañá, neste caso, tampouco sabemos que é o que nos espera, en todo caso moita cousa non, porque coa diferenza horaria entre unha convocatoria e outra para negociar, negociar, como que moito tempo non parece que haxa... nos vindeiros días, máis novas deste tema!

11/03/14

Informe do Comité de Empresa sobre as axudas sociais 2013

O pasado venres, o Concello achegoulle ao Comité de Empresa a información relativa ás axudas sociais do ano 2013 e indicoulle ao Comité que tiña dez días para emitir un informe sobre a devandita proposta. Hoxe mesmo, logo de reunir onte ao Comité de Empresa, este presentou por rexistro a súa proposta con respecto ao que se indicaba na información.

Para alén de todo  o que o Comité, coas propostas que a CIG fixo na reunión de onte, recolle no informe que tedes máis abaixo, cómpre destacar que este ano a partida orzamentaria foi insuficiente, o que supón que haberá unha redución dunha porcentaxe de arredor dun dez por cento nas axudas individuais de cara un dos traballadores, que o propio Comité lle solicitou ao Concello que en cumprimento das propias bases lle comunique ao persoal co obxecto de que cada quen saiba o que lle vai corresponder. A maiores, a proposta do Concello, foi establecer unha idade límite nos descendentes que sería a que a axencia tributaria ten de referencia, é dicir, os 25 anos; esta proposta xa o propio Comité a ten feito chegar de cara a que se recollese nunhas novas bases que leva tentando que se negocien dende o ano 2012, mais tamén lle fixo ver ao Concello que o feito de non indicar ese límite na propia convocatoria das axudas podería dar lugar a reclamacións por parte dos afectados e recomendoulle, como sería propio do procedemento administrativo, que denegase motivamente esas axudas e llo comunicase aos afectados, porque se quixesen reclamar, tendo en conta que ata este ano nunca houbo límite de idade, en contraposición ao que poñían as propias bases de 2001, consideramos que é discutible que teñan dereito ou non.

Igualmente, o Comité solicitoulle ao Concello a ampliación da partida orzamentaria porque é obvio que resulta insuficiente, que cumpra os prazos marcados na propia convocatoria, tal e como dixo o concelleiro de Persoal que farían e que retome dunha vez por todas a negociación dunhas bases que non haxa que estar interpretando continuamente, por obsoletas, hai que ter en conta que estas levas 13 anos en vigor, porque logo as consecuencias sempre as paga o persoal.

Hai que destacar que o espallamento da información que se produciu sobre estas axudas dende que comezou a traballar este Comité de Empresa actual foi notable en canto con máis traballadores no cadro de persoal sempre sobraran cartos e agora, que cada vez somos menos, non chegan, era obvio que había un problema, e só porque todo o persoal estea informado de todo o que lle atinxe pagan a pena as loitas dos dous primeiros anos con respecto ás axudas sociais cando o Concello estaba instalado na discriminación manifesta, e cando os representantes dos traballadores, nun informe do propio secretario municipal eramos cualificados como "colectivo axurídico sen capacidade de decisión" e dous anos despois é o mesmo organismo que nos excluía das decisións o que nos pide un informe de cara a resolver as axudas que dirán que non é vinculante, mais si que é preceptivo porque así o pon o convenio colectivo.

Canto ás axudas concedidas a cada quen, e tendo en conta que haberá unha redución, se calquera traballador ou traballadora, no caso de que o Concello non publique as listaxes que debería publicar indicando, como mínimo, a contía e o concepto, ten interese en saber o que lle corresponde antes de recibir a nómina pode poñerse en contacto con calquera dos delegados e delegadas da CIG, como sempre.




Informe Comité axudas sociais ano 2013 by cigconcellobetanzos

Última información

Hai uns días o concelleiro de Persoal tivo unha reunión coa representación do Comité de Empresa para tratar os temas propostos por este, nomeadamente pola CIG, que é o sindicato que sempre está preocupado de obter información sobre as distintas problemáticas do persoal laboral de cara a poder buscar solucións conxuntas co Concello. En resumo, e tendo en conta os temas de interese, a información que o concelleiro de Persoal nos ofreceu sobre algúns dos temas propostos foi a seguinte:

Paga extraordinaria de 2012

O Concello non recorrerá a sentenza e pensa pagar eses 14 días, tal e como debe facer logo da demanda presentada pola CIG no xulgado do social, non obstante, en principio, o pagamento non se realizará este mes porque o trámite administrativo é bastante complexo. Aínda así, dende o Comité instaron ao concelleiro a que este pago se realice canto antes e que se lle comunique aos traballadores a contía que lles corresponde de cara a teren toda a información correspondente para o momento no que o pagamento apareza reflectido na nómina.

Readmisión dunha compañeira cunha sentenza de despedimento improcedente do TSXG

O concelleiro indicou que a intención do Concello era seguir o mesmo trámite que cos compañeiros readmitidos con anterioridade, non obstante non fixou unha data para que isto se producise e, polo que se ve, o Concello ten interese en pagar cada vez máis salarios atrasados, que no caso desta compañeira ascenderían aos de algo máis de dous anos, que foi o momento no que o Concello a despediu de xeito improcedente.

Falta de información

O Comité expresoulle o seu malestar porque, a pesar de mesmo lle ter entregado ao alcalde en persoa, unha listaxe con toda a documentación que o Concello non lle entrega ao Comité de Empresa, meses despois isto non se solucionou. A maiores, varios compañeiros levan meses agardando a que o Concello lles recoñeza a antigüidade e ante a pasividade do Concello están valorando se demandar ao Concello antes que venzan os prazos administrativos, tendo en conta que o silenzo neste caso, logo de máis de cinco meses sen resposta, é negativo, aínda que o concelleiro verbalmente diga que se lles vai responder e ese momento non dea chegado.

Comisión de seguimento do convenio colectivo, o Concello volve ás andadas

Explicóuselle ao Concello polo miúdo que nas últimas contrataciónsestá interpretando de xeito unilateral o Convenio colectivo ao denegarlles o cobro da paga extra completa a varios compañeiros, a pesar de que no propio contrato indique que se rexen polo convenio colectivo e vulnerar este e ademais non convocar o organismo que segundo o propio convenio debe valorar estes casos, que é a Comisión de seguimento do convenio colectivo. É dicir, volvemos ás andadas, agora que parecía que dunha vez por todas o persoal subvencionado tiña os mesmos dereitos que o persoal cunha praza da RPT resulta que o Concello saca unha nova e inxustificable discriminación da manga e decide que os compañeiros e compañeiras que foron contratados nos últimos meses non teñen os mesmos dereitos que o resto do persoal laboral, é dicir, que agora o Concello considera que tamén hai persoal subvencionado de primeira e segunda. Manifestóuselle que isto é claramente disciminatorio e, a maiores, unha clara vulneración do convenio colectivo en vigor.

Roupa de traballo

Canto á roupa de traballo que necesitaban distintos colectivos xusto uns días antes da reunión foi solucionada en varios casos, simplemente están pendentes, en principio, varios compañeiros dos readmitidos e o concelleiro amosou a súa vontade para solucionalo.

A maiores, tratáronse problemas relativos ao servizo de limpeza e a mobilidade inxusta á que están a someter a varias traballadoras de edificios e instóuselle ao Concello a que convocase o organismo pertinente para negociar as modificacións de xornada mais que estaba poñendo moitas trabas na conciliación da vida laboral e familiar dalgunhas traballadoras e que aínda por riba esta lousa sempre caía sobre as mesma. A representación do Comité tamén lle trasladou ao concelleiro que considera, que agás as auxiliares de axuda a domicilio, co resto de traballadores contratados ao abeiro do Plan de Cooperación o Concello podería estar incorrendo en fraude de lei, toda vez que non estaban sendo utilizados para a finalidade que o Concello indica nos documentos ao abeiro dos cales o Concello lle solicitou as subvencións correspondentes á Deputación da Coruña, é dicir, advertiulle que o Concello podería estar incorrendo en erros do pasado que poderían ter consecuencias como xa aconteceu en anos anteriores.

Outro dos puntos fundamentais foi o problema das horas extras que pode ser considerado como unha das continuas asignaturas pendentes. Neste mes de febreiro, o Concello pagou horas correspondentes ao ano 2013 porque xa en outubro dese ano esgotou a partida orzamentaria correspondente, e, de seguir así, advertímoslle que este ano pasará o mesmo, e isto supón graves prexuízos para os traballadores afectados toda vez que estas horas, en primeiro lugar, se cobran a varios meses vista, e en segundo lugar, sempre lle entra na regulación correspondente a un ano no que non as realizaron, é por tanto, é un xeito de enganar a realidade laboral. A maiores, o feito de ter pagado as horas do 2013 co nómina de febreiro de 2014 supuxo que estean pendentes as de xaneiro e febreiro de 2014, é dicir, que isto é un conto de non acabar. Unha vez máis, dende o Comité instóuselle ao concelleiro a que amañen o problema das extras a través de convenio e RPT e que agora ten unha moi boa oportunidade para solucionar problemas históricos.

07/03/14

A CIG DENUNCIA DISCRIMINACIÓNS XENÉRICAS E INCUMPRIMENTO DO II PLAN DE IGUALDADE NO CONCELLO DE BETANZOS

Dende hai máis dun ano tanto a Sección sindical da CIG como o propio Comité de Empresa do Concello de Betanzos agardan solucións ás queixas rexistradas con respecto ao incumprimento do II Plan de Igualdade que o Concello de Betanzos ten en marcha, tanto a través do rexistro municipal como a través da caixa de correo da igualdade que o propio Concello habilitou para o efecto, así como a resposta a unha serie de propostas para a mellora do Plan lembrándolle ao Concello que debería ter en conta ao seu propio persoal para a posta en marcha de medidas en materia de igualdade e comezar a aplicar na propia Administración o que tanto predica de portas para fóra.

O Concello, na actualidade, segue a incumprir o Plan posto que existen indicadores de discriminación xenérica entre o propio persoal desta Administración, que deberían ser analizados, estudados e solucionados polo Concello, e o que nos resulta máis preocupante é que na última Mesa Xeral de Negociación onde a empresa contratada para a elaboración dunha nova RPT presentou as propostas do Concello nin sequera fixo unha mínima alusión á solución deste tipo de problemas. A grandes trazos, advertimos claras discriminacións salariais en función do xénero entre persoal de similar categoría e con semellantes funcións que están reflectidas na propia Relación de Postos de Traballo existente, onde as mulleres teñen adxudicados os complementos específicos máis baixos de todas as categorías profesionais que teñen postos ocupados por estas, e mesmo no caso de encargados e directores fronte a encargadas e directoras de servizos hai unha diferenza abismal nas retribucións dos postos por semellante responsabilidade.

Igualmente, as mulleres ocupan moitos menos postos de dirección que os homes entre o persoal do Concello e ocupan postos relacionados na maioría dos casos con profesións feminizadas, como as traballadoras da Escola Infantil Municipal, as auxiliares de axuda a domicilio ou as traballadoras de limpeza de edificios, sectores relacionados co coidado e a limpeza onde non existe nin un só traballador fronte a obras, xardinaría ou limpeza de vías onde o Concello nunca contratou a unha soa muller, por tanto, ao contrario do que o Plan de Igualdade indica a variable xénero é significativa e indicadora das políticas laborais discriminatorias do Concello de Betanzos.

Tamén queremos lembrar que no propio Plan incorpóranse actuacións concretas como a 1.4.6. “informar periodicamente aos persoal municipal das novidades en materia de dereitos laborais e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar”, a 2.1.2. “difusión da importancia do desenvolvemento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar”, 2.1.3. “impulsar a igualdade de trato nas relacións entre membros da administración” ou 2.1.4. “amosar boas prácticas sobre a presenza das mulleres no Concello” que consideramos que o Concello incumpre e ignora de xeito descarado, máis aínda na actualidade, cando somete ás traballadoras de limpeza de edificios a unha continua mobilidade e cambio de horarios e centros de traballo da noite para o día que imposibilitan a conciliación da vida laboral e familiar das traballadoras afectadas e, a maiores, non só incumpren o acordado no II Plan de Igualdade senón o propio convenio colectivo do persoal laboral no seu artigo 19, tal e como o propio Comité de Empresa lle indicou tamén xa por rexistro ao alcalde.



Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos exiximos que o Concello responda ás nosas propostas e ás queixas rexistradas para tentar buscar vías de solución que avalen un verdadeiro compromiso coa consecución da igualdade entre o propio persoal da Administración e agardamos que nos vindeiros meses de negociacións tanto do convenio colectivo como da Relación de Postos de Traballo o goberno municipal sexa quen de comprometerse e traballar pola igualdade dentro da propia Administración que goberna e dar así cumprimento ao Plan aprobado con esta finalidade.


A CIG denuncia discriminacións de xénero e incumprimentos do Plan de Igualdade no Concello de Betanzos


05/03/14

Códigos electrónicos: Prevención de Riscos Laborais

Trátase de compilacións das principais normas vixentes do ordenamento xurídico, permanentemente actualizadas, presentadas por ramas do Dereito.

Cada Código electrónico ofrécese para a súa descarga gratuíta nos formatos electrónicos PDF e ePUB, para facilitar o seu almacenamento e lectura en dispositivos electrónicos diversos. Todos os Códigos electrónicos poden comprar en soporte papel.
Os Códigos electrónicos compleméntanse cun sistema de alertas de actualización integrado nos servizos de BOE á carta, cuxa subscrición se pode realizar no momento da súa descarga.

Normas consolidadas contidas neste código:

  • 1. Lei de prevención de riscos laborais
  • 2. Lei de subcontratación no sector da construción
NORMAS REGULAMENTARIAS
  • 3. Sinalización de seguridade e saúde no traballo
  • 4. Disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo
  • 5. Disposicións mínimas de seguridade e saúde na manipulación manual de cargas
  • 6. Disposicións mínimas de seguridade e saúde no traballo con pantallas de visualización
  • 7. Riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo
  • 8. Riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos durante o traballo
  • 9. Disposicións de seguridade e saúde para a utilización de equipos de protección individual
  • 10. Disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización dos equipos de traballo
  • 11. Disposicións mínimas de seguridade e saúde a bordo dos buques de pesca
  • 12. Seguridade e saúde dos traballadores nas actividades mineiras
  • 13. Disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción
  • 14. Disposicións mínimas de seguridade e saúde nas empresas de traballo temporal
  • 15. Protección dos traballadores contra os riscos relacionados cos axentes químicos
  • 16. Protección dos traballadores fronte ao risco eléctrico
  • 17. Protección dos traballadores expostos a riscos derivados de atmosferas explosivas
  • 18. Protección fronte a riscos derivados da exposición a vibracións mecanicas
  • 19. Protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición ao ruído
  • 20. Disposicións de seguridade e saúde aos traballos con risco de exposición ao amianto
  • 21. Desenvolvemento da Lei reguladora da subcontratación no sector da construción
  • 22. Protección contra os riscos relacionados coa exposición a radiacións ópticas artificiais
INSPECCIÓN DE TRABALLO E SEGURIDADE SOCIAL
  • 23. Regulamento de organización e funcionamento da Inspección de Traballo e Seguridade Social
  • 24. Redución das cotizacións ás empresas que diminuísen a sinestralidade laboral
COMISIÓN NACIONAL DE SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO
  • 25. Composición da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo
COORDINACIÓN DE ACTIVIDADES EMPRESARIAIS
  • 26. Desenvolvemento do art.º 24 a Lei de prevención de riscos laborais
SERVIZOS DE PREVENCIÓN
  • 27. Regulamento dos servizos de prevención
  • 28. Acreditación de entidades especializadas como servizos de prevención
  • 29. Colaboración das Mutuas de Accidente de Traballo e Enfermidades Profesionais
  • 30. Organización de recursos básicos para desenvolver a actividade dos servizos de prevención
  • 31. Compensación de custos prevista no art.º 10 da Orde de 22 de abril de 1997
  • 32. Actividades preventivas na S.S. e financiamento da Fundación de Riscos Laborais
ADMINISTRACIÓN XERAL DO ESTADO
  • 33. Adaptación da lexislación de prevención de riscos laborais á AGE
  • 34. Actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social e medidas correctoras
CENTROS E ESTABLECEMENTOS MILITARES
  • 35. Adaptación da lexislación de prevención de riscos aos establecementos militares
  • 36. Prevención de riscos laborais do persoal militar das Forzas Armadas
GARDA CIVIL
  • 37. Prevención de riscos laborais na Garda Civil
CORPO NACIONAL DE POLICÍA
  • 38. Prevención de riscos laborais para os funcionarios do Corpo Nacional de Policía
INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
  • 39. Lei sobre infraccións e sancións na orde social
  • 40. Regulamento de sancións e expedientes liquidatorios de cotas da Seguridade Social
  • 41. Publicación de sancións por infraccións moi graves en prevención de riscos laborais

A CIG solicita a compensación dos festivos nacionais con dous días de asuntos propios máis para o ano 2014


A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos vén de solicitar a compensación dos sábados 1 de novembro e 6 de decembro de 2014 con dous días de asuntos propios máis ao abeiro  da Resolución do 12 de marzo de 2013, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas, e onde se recolle que: “se incorporará un día adicional de asuntos persoais por cada unha das festividades laborais de ámbito nacional de carácter retribuído, non recuperable e non substituíble pola Comunidade Autónoma, cando coincidan con sábado no dito ano”. Ademais, tal e como lle indica ao Concello, segundo o recollido no artigo 4 do propio Convenio colectivo do persoal laboral as melloras establecidas noutras disposicións de calquera rango, que sexan recoñecidas con posterioridade, serán de aplicación segundo o principio de norma máis favorable”.

Debido a isto, a CIG solicitoulle ao Concello que tome o acordo de concederlle ao persoal laboral do Concello de Betanzos dous días adicionais de asuntos propios e que, en aplicación deste, se comunique a todo o persoal que serán seis os dias de asuntos propios para o ano 2014 para que os diferentes servizos se poidan ir organizando.

Agardamos que o Concello responda coa maior brevidade posible a esta solicitude e non faga como en anos anteriores que publicou as resolucións correspondentes a este tipo de temas a finais de ano e a última hora, indo en detrimento da propia organización interna dos servizos para o desfrute deste tipo de dereitos.

Solicitude das vacacións

Segundo o artigo 10 do Convenio colectivo do persoal laboral, o Concello de Betanzos debe ter elaborado o día 1 de abril o plan de vacacións anual correspondente ao ano 2014 e aínda que tal e como se indica "o calendario anual de vacacións poderá ser modificado con carácter individualizado, trala solicitude dos interesados, sempre que non exista oposición, fundamentada en razóns obxectivas do servicio, e non se afecte a intereses de terceiros", é recomendable solicitar ao longo deste mes as vacacións en tempo e forma.

A pesar de que neste Concello nunca foi de coñecemento público o calendario de vacacións e o persoal tendeu a facer traballo que debería facer o propio Concello acordando as quendas de traballo nas vacacións estivais o certo é que deste artigo do Convenio, a falta do que inidique Comisión paritaria de interpretación do texto que o Concello se nega a reunir, enténdese que temos ata finais de marzo para solicitar as vacacións.

Para solicitalas lembra que hai un modelo de documento habilitado para o efecto e que na actualidade existe un rexistro no Departamento de Persoal, polo cal podes entregar a túa solicitude directamente alí, ademais neste caso recorda que o procedemento administrativo indica que o silencio administrativo con respecto á túa solicitude é dun mes e interprétase como positivo, é dicir, que se non che responden tes dereito a coller as vacacións do xeito solicitado. Tes o modelo de solicitude das vacacións aquí:


A información contida no dorso desta solicitude non é correcta nin está adecuada á lexislación actual en materia de permisos e vacacións logo da aprobación do Decreto 20/2012 por parte do Goberno do Estado. O Comité de Empresa solicitou en diversas ocasións por rexistro que isto se corrixise de cara a que non houbese información errónea nos documentos que se lle entregan ao persoal laboral mais aínda non tivo resposta nin ten constancia de que isto se corrixise, debido a isto se tedes calquera dúbida con respecto a algunha destas cuestións podedes preguntarlle, coma sempre, a calquera dos delegados e delegadas da CIG.

Tamén é importante lembrar que no caso de baixa por enfermidade ou accidente interrómpese o cómputo vacacional e reanúdase unha vez que o/a traballador/a recupera a alta.

A afiliación á Seguridade Social cae en Galiza en 6.299 persoas con respecto a febreiro de 2013

O tímido descenso do paro non consegue paliar a perda de activos/as e ocupados/as


O paro rexistrado descendeu en Galiza, no mes de febreiro de 2014, en 1.006 persoas, situando a cifra total de desempregados/as en 280.071 persoas. Isto é un 0,36% menos que no mes de xaneiro e un 4,35% menos que no mesmo mes do ano pasado. Porén, malia haber unha caída do desemprego respecto do mes anterior e mesmo respecto do mesmo mes que en 2013 hai tamén unha importante caída interanual da afiliación á Seguridade Social. Unha situación que a central sindical atribúe á desesperanza das persoas desempregadas e, sobre todo, á emigración.

Nun contexto de creación de emprego o normal sería que se incrementara o número de persoas afiliadas á Seguridade Social. Fronte a isto, a afiliación caeu en Galiza en 6.299 persoas respecto do mes febreiro de 2013. Isto implica que nin o tímido descenso do paro, nin o tímido incremento de afiliacións á Seguridade Social (0,18%) que se produce con respecto ao mes de xaneiro, conseguen paliar a perda de persoas ocupadas, activas e afiliadas á Seguridade Social.

Para o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, esta aparente contradición explícase por dúas razóns fundamentais: o desencanto, que leva ás persoas paradas de longa duración e que xa non cobran ningún tipo de prestación a deixar de se anotar nas listas de desemprego e á emigración, que explica, á súa vez, tanto a caída de activos/as, como a caída de afiliados/as á Seguridade Social.
Tampouco é máis esperanzador o panorama se se analizan os datos atendendo ao tipo de contratos rexistrados. E é que no mes de febreiro asináronse 45.525 contratos, 10.720 menos que no mes anterior (-19,06) pero 11.005 máis que en febreiro do ano pasado (9,36% máis). O grave é que 41.117 foron temporais e tan só 4.408 indefinidos. “Mantense a temporalidade e, en consecuencia a precariedade. O emprego que se crea é de peor calidade e ademais con menos dereitos”, afirma Malvido.

A isto cómpre engadir que a finais do mes de xaneiro non cobraban prestación algunha 126.948 desempregados/as. Isto, xunto co recorte de prestacións sociais sitúa nunha crítica situación a estas persoas ás que de non dar unha solución se aboca á pobreza e á exclusión social.

No seu conxunto os datos constatan o enorme deterioro ao que chegou o mercado laboral e obrigan a acender as alarmas, porque “de non se producir un xiro nas políticas económicas e laborais que permita a creación efectiva de emprego digno, estase a pór en xogo non só o presente de Galiza, senón tamén o noso futuro como país”, sinala Malvido.

O secretario confederal de Emprego entende que esta situación xustifica por si soa a ILP polo Emprego que a CIG levará ao Parlamento de Galiza. “As medidas que nela se recollen permitirían darlle a volta a esta situación, favorecer a recuperación económica e posibilitar a creación de emprego”.

O Sector de local da CIG-Administración elixe a Xabier Rodríguez Cerdeiro como Secretario Nacional

Celebrou a súa VI asemblea o pasado sábado, día 1 de marzo, en Compostela

O Sector de Local da CIG-Administración celebrou, o pasado sábado, a súa VI asemblea, na que resultou elixido como secretario nacional Xabier Rodríguez Cerdeiro. No decurso da mañá debatéronse as liñas de acción sindical arredor das que xirará o traballo do sector nos vindeiros catro anos e analizáronse as consecuencias das políticas impostas polo Partido Popular, nomeadamente a perda de dereitos laborais e salariais e o desmantelamento, na práctica, da administración local tras da aprobación da "Lei de sostenibilidade e racionalización da Administración Local".

Foron precisamente as políticas impostas polo PP e as súas consecuencias as que suscitaron maior debate porque poucos meses despois da última Asemblea Nacional –celebrada hai catro anos- estas obrigaron ao sector a mudar a liña de acción sindical acordada. E é que neste período aprobouse, primeiro, o Decreto Lei 8/2010, que supuxo a perda dunha media dun 5% nas súas retribución ademais doutros dereitos e a partir de aí varios decretos máis que continuaron recortando  tanto as retribucións, como outros importantes dereitos adquiridos. Entre outros subliñaron o RDL 20/2012 que “supuxo un grave prexuízo especialmente en aspectos como as baixas laborais con descontos nas retribucións, diminución do días de vacacións, permisos e licenzas, ampliación da xornada e recorte de horas sindicais”.

Do mesmo xeito, denunciaron a redución á mínima expresión da negociación colectiva, o que obrigou a centrar o traballo sindical en organizar e levar a cabo diferentes concentracións, manifestacións e outra medidas de protesta social en contra de todos os estes recortes, que na maioría dos casos foron secundados por outros sindicatos. Porén, subliñaron que “en importantes ocasións tivemos que saír solos a rúa por exemplo na folga xeral do 27 de xaneiro do ano 2012 data na que os sindicatos estatais estaban asinando o aumento da idade de xubilación co goberno estatal”.

Malia a escasa marxe de negociación que lles quedou tras se aprobar as reformas laborais o sector de Local salientou os seus esforzos por oporse á aplicación dos diferentes decretos nas mesas de negociación dos concellos galegos e naqueles que non foi posíbel, “procuramos minimizar os efectos devastadores que para as empregadas/os públicos supoñía a implantación de medidas que nos facían retroceder varias décadas respecto aos dereitos adquiridos”.

Lei de Sostenibilidade e Racionalización da Administración Local

Con todo, salientaron pola súa especial gravidade, a probación en 2013 da Lei de Sostenibilidade e Racionalización da Administración Local, que abre as portas ao desmantelamento da Administración local. O sector de local da CIG-Administración lembra que máis alá de solicitar a súa retirada fixéronse diversos actos de protesta para impedir a súa aprobación que finalmente se levou a cabo no mes de decembro entrando en vigor curiosamente o día 28 (Santos Inocentes).

Ante o alcance e as consecuencias desta lei, o sector concluíu que “estamos, sen dúbida, ante o maior ataque aos traballadores/as do noso sector pois a pretensión principal desta Lei e reducir drasticamente as competencias dos Concellos para que determinados servizos pasen a depender das Deputacións Provinciais e da Xunta de Galicia e outros deixaranse de prestar co conseguinte perigo de despedimento para moitos/as empregados/as públicos do sector local”.
Por iso acordaron centrar o seu labor nos vindeiros anos en rexeitar a aplicación desta lei, nomeadamente naqueles aspectos que poñan en perigo os postos de traballo de calquera empregada/o da administración local e continuar manifestando a súa oposición á aplicación da taxa de reposición de efectivos “favorecedora da privatización dos servizos e da precariedade laboral nas administracións públicas”.

Respecto da Policía Local, salientaron que en cada Concello o cambio de grupo levouse a cabo de distintas formas, por mor das eivas da Lei de Coordinación. “Aqueles máis afortunados conseguiron realizar o cambio con incremento das súas retribucións polo cambio de grupo, mentres outros levaron a cabo este cambio absorbendo este incremento da produtividade e mesmo no complemento especifico”.

No relativo aos servizos de extinción de incendios, ademais dos Bombeiros municipais, pasaron a formar parte do sector os bombeiros que traballan nas empresas concesionarias dos parque privados. A este respecto lembraron que a alarmante situación creada pola Xunta e Deputacións pola aposta polos parques comarcais privados e comarcalización dos municipais sen negociación da modificación das condicións de traballo obrigou a reaccionar de inmediato, convocándose importantes manifestacións pola defensa dun servizo público galego de emerxencias diante do Parlamento, Consellería e das Deputación de A Coruña e Lugo.

Presenza nos centros de traballo

Para enfrontar esta situación, de cara aos vindeiros anos, marcáronse como obxectivo situar á CIG como principal referente no sector, reforzando a posición que xa ten no mesmo e mobilizar ás compañeiras e compañeiros nos centros de traballo, para que participen activamente nas accións de protesta sindical e social que se poñan en marcha contra as políticas do PP.

Para iso, subliñaron a necesidade de incrementar a presenza nos centros de traballo e de manter ás traballadoras e traballadores permanentemente informadas/os antes, durante e despois das negociacións. Xunto a isto, valoraron tamén a necesidade de implicar na vida sindical a delegadas e delegados, garantindo unha formación sindical axeitada en materia de dereitos e garantías sindicais e o ideario, funcionamento, criterios a seguir na negociación colectiva e as directrices do sindicato en materia de estratexia, acción sindical, distribución da información e demais; incrementar a afiliación, como base principal do sindicato e, de cara ás próximas eleccións sindicais consolidarse como segunda forza no sector.

Negociación colectiva

O sector de Local sinala, no relatorio a debate na Asemblea, as diferentes condicións de traballo entre uns concellos e outros por mor da falla de regulación e a consecuencia de que estas son estabelecidas  “por capricho do edil de turno, con criterios caciquís e carentes de obxectividade”. Considera que esta é a causa pola que moitas empregadas e empregados públicos locais non gozan de algúns permisos e licencias, carecen de fondos sociais, anticipos... e as súas retribucións “baséanse nas prefixadas polo Goberno do estado ou polo Alcalde de forma arbitraria, sen ningunha posibiliddae de negociar nada”.

Por iso estabelecen a necesidade de homologar esas condicións de traballo e para iso consideran imprescindíbel dotarse dun marco de relacións laborais propio para as administracións públicas galegas. Porén sinalan que “isto estará condicionado pola forza coa que sexamos capaces de defender estas propostas no proceso negociador da Lei de Función Pública Galega”.

O sector de Local tamén se marca como obxectivo reducir a temporalidade na administración local; procurar estabelecer por todos os medios, nos convenios colectivos e acordos marco cláusulas de revisión salarial automática, de cara a evitar futuras desviacións do IPC; pelexar por acadar a xornada laboral de 35 horas; defender a creación de fondos de acción social constituídos polo menos co 1% da masa salarial de cada ámbito de negociación; loitar contra o adiamento da idade de xubilación e defender a xubilación parcial voluntaria das empregadas e empregados públicos.

En materia de seguridade e saúde laboral exixirá a constitución dos servizos de prevención propios, tendo en conta a particularidade dos distintos centros de traballo; avaliación de riscos para a seguridade e a saúde dos empregados e empregadas públicas en cada centro de traballo; constitución inmediata dos Comités de Seguridade e Saúde estabelecidos na Lei, coa dotación axeitada de medios para o seu funcionamento; garantir dentro dos servizos públicos de saúde, polos que deben poder optar todos os traballadores e traballadoras de forma individual, o aceso a recoñecementos médicos completos e periódicos, a inspección das condicións sanitarias e hixiénicas dos locais de traballo, à realización de campañas informativas e preventivas de riscos para a saúde e aos estudos sanitarios e epidemiolóxicos necesarios, así como a inclusión de protocolos médicos específicos nos centros de traballo e recoñecementos médicos, urolóxicos e xinecolóxicos voluntarios, con carácter anual.

Acción Sindical

Dada a actual situación, a VI Asemblea do sector de Local da CIG-Administración acordou centrar a súa acción sindical en facer fronte aos recortes laborais, das retribución e a destrución de emprego nas administracións públicas. Xunto a isto, acordaron centrarse na defensa do público, reclamando a supresión das diferentes modalidades de privatizacións xestoras dos entenes públicos así como das asistencias técnicas. Comprometéronse, xa que logo, a defender a xestión directa dos servizos públicos locais, con empregados/as propios/as das corporacións, opoñéndose a que “os servizos básicos prestados aos cidadáns se convertan en negocio para empresarios privados pois merman a calidade do servizo, producen precarización das condicións laborais e, xeralmente, provocan o encarecemento das taxas e prezos públicos que soporta a cidadanía”.

Outro dos elementos no que farán fincapé durante este período será na normalización da lingua galega na administración local. Por iso defenderán que nos acordos e convenios colectivos figure unha regulación sobre o dereito das/os empregadas/os públicas/os ao uso da lingua galega e o cumprimento polas respectivas administracións da Lei de Normalización Lingüística de Galiza.
Para levar a cabo todos estes compromisos entenden que a actividade sindical da CIG non debe cinguirse exclusivamente nin á mesa de negociación anual, nin ao proceso de eleccións sindicais. “Debemos ser partícipes do seu facer diario, do día a día. Esta é a única forma de evitar que os dereitos se convertan en favores”, concluíron.


03/03/14

Influencia da idade, o xénero e os riscos laborais sobre os Traballadores

A idade xunto co xénero, constitúense en importantes factores litimativos para un desempeño laboral sen riscos.

Os pasados días 10 e 11 de decembro, o Instituto Sindical Europeo (ETUI) organizou en Bruxelas un seminario no que investigadores, funcionarios, sindicalistas e outros interesados analizaron os efectos sobre os traballadores dos factores enunciados máis arriba, tendo presente que nunha enquisa realizada no ano 2010, o 41% dos traballadores europeos responderon negativamente á pregunta: Cre vostede que aos sesenta anos poderá continuar facendo o traballo que fai agora?
As interesantes presentacións efectuadas durante o seminario (ao redor dunha vintena) están dispoñibles na seguinte ligazón: