20/02/18

Resumo da reunión convocada polo concelleiro de Persoal 09/02/18

Na reunión que o Concello convocou o pasado 9 de febreiro o concelleiro de Persoal, co apoio do persoal da empresa Quorum SL explicou unha serie de cuestións con respectos aos puntos da orde do día.

En primeiro lugar, falou do proceso de implantación do sistema de control de presenza e de que están co proceso de captación das pegadas dixitais e que a partir do 1 de marzo comezará a funcionar en modo proba, coas cámaras instaladas, en todos os edificios municipais. Así mesmo, lembrou que os horarios deben ser negociados na Mesa Xeral de Negociación, tal e como a CIG xa solicitou hai varias semanas. Indicou que a finalidade é levar un control mais continuamente falou de flexibilidade. Esta flexibilidade descoñecemos se será como a actual que dependendo de quen sexa o traballador controlan se está ou non, se falta e xustifica a ausencia ou non, se pode entrar a unha hora diferente que o resto do persoal sen ter conciliación ou mesmo á discriminación histórica na xornada semanal entre algún persoal de servizos e o resto ou o persoal de oficinas.

En segundo lugar, abordou o tema da Relación de Postos de Traballo. Afirmou que o Concello baséase na inxestencia dunha Relación de Postos de Traballo anterior e, por tanto, o proceso de negociación actual é dunha nova Relación de Postos de Traballo que conteña os postos do funcionariado, do persoal laboral fixo e do persoal laboral con sentenza de indefinición. Todos os postos, pois, desta futura RPT, terán unha adscrición. Non obstante, os postos do persoal laboral con contratos por obra ou servizo ou interinidade, ao consideraren que está en fraude de lei, non constarán nesa Relación de Postos de Traballo. Eses postos só se poderán crear na Relación mediante unha sentenza xudicial de indefinición nos casos en que o persoal afectado decida acudir ao xulgado, aínda que o Concello indica que non porá trabas no xulgado e indícalle ao persoal que é a única vía de "regularización" da situación.

O dato dos 40 000 euros de remanente para subas salarias é moi relevante neste proceso, posto que só servirían para unha suba maiormente do persoal funcionario, que segue tendo uns salarios moi superiores que a maioría do persoal laboral aínda despois da suba salarias do convenio colectivo negociado durante os anos 2011-2015 e en vigor desde o 6 de abril do ano 2017. Aínda por riba, o goberno municipal, no canto de aplicar un sistema unitario de asignación de niveis que segundo o esquema que están a a seguir só lles afectaría a catorce postos de persoal laboral, mais que abriría a porta a unha futura equidade nos postos que progresivamente se vaian creando na RPT, teime en rebaixar ao persoal laboral baixo a premisa, continuamente repetida por Quorum SL e aceptada polo goberno municipal, de que o persoal laboral ten menos responsabilidade que o persoal funcionario. 

Desde comezos do mes de febreiro estamos á espera dunha nova reunión de negociación, polo momento o goberno municipal chegara a acordos con UGT, CSIF e CCOO na asignación dos niveis, con discriminación incluída para catorce postos de persoal laboral, e para os factores e as porcentaxes que formarán parte do complemento específico, incluído un factor de reparto discrecional.

Desde a CIG discrepamos en varias das cuestións que o representante da empresa expuxo na reunión e varios compañeiros nos transmitiron o seu malestar polo ton utilizado polo representante da empresa, que semellaba estar rifando aos traballadores no canto de limitarse a explicar a situación. Consideramos que neste proceso de negociación a empresa amosou falta de resolución en varias das cuestións tratadas nas reunións e que foi un erro gravísimo a creación de expectativas que o goberno municipal lle deu ao persoal laboral na fase previa á actual e que durou ata decembro de 2017, momento no que cambiaron de opinión e decidiron cal era a nova situación de partida.

O ÚNICO CULPABLE DA SITUACIÓN DO PERSOAL LABORAL DO CONCELLO DE BETANZOS É O PROPIO CONCELLO, OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS LABORAIS SON VÍTIMAS DUNHA PÉSIMA XESTIÓN HISTÓRICA DESTA ÁREA QUE NON ESTÁ DERIVANDO NO REQUERIMENTO DE NINGÚN TIPO DE RESPONSABILIDADE.

O GOBERNO MUNICIPAL DI QUE O PERSOAL LABORAL TEN QUE COBRAR MENOS COMPLEMENTO DE DESTINO PORQUE TEN MENOS RESPONSABILIDADE QUE O PERSOAL FUNCIONARIO, MAIS Á HORA DE EXIXIR RESPONSABILIDADES POLAS CONSECUENCIAS DA MALA XESTIÓN EN TEMAS LABORAIS, AQUÍ PARECE NINGUÉN TEN NIN TIVO RESPONSABILIDADES!

A consecuencia desta situación é que, máis unha vez, o persoal terá que tomar a iniciativa e tentar resolver acudindo ao xulgado esta desastrosa situación. Na actualidade o Concello de Betanzos ten persoal con contratos en fraude de lei de hai trinta anos, traballadores que xa se xubilaron con contratos por obra ou servizo logo de traballar toda a vida nesta Administración e que vían como os procesos de funcionarización sempre pasaban de lonxe e lle afectaban a determinados postos e traballadores, sempre precarizando o sector servizos para o que logo deu lugar á case completa privatización dos servizos que o Concello de Betanzos levou a cabo nos últimos anos, porque onde hai postos temporais sempre hai menos dereitos, precarización do traballo e salarios máis baixos, realmente por iso ao Concello de Betanzos lle pagou a pena historicamente manter en fraude de lei durante tanto tempo ao persoal. 

A CIG formaliza a presentación da folga de mulleres do 8 de Marzo


Chama a secundar os paros de dúas horas por quenda de traballo e as mobilizacións convocadas

A CIG formalizaba este luns no rexistro da Consellaría de Economía, Emprego e Industria a convocatoria da folga de mulleres que terá lugar o 8 de Marzo en Galiza, no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.

A folga, que afectará a todas as actividades e centros de traballo de Galiza, tanto das empresas privadas como do sector público, farase efectiva nas franxas horarias comprendidas entre as 00h e ás 02 horas, das 12 a 14 horas e das 19:30 a 21:30 horas; é dicir en paros laborais de dúas horas por quenda de traballo.

A secretaria confederal de mulleres da CIG, Margarida Corral, quen acudiu ao rexistro acompañada pola Comisión de Mulleres da CIG e o secretario xeral, Paulo Carril, explicou que a decisión de convocar paros laborais responde ao debate iniciado en novembro de 2017 nos diferentes organismos da central sindical, nos que se acordou que o 25 de novembro (Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres) se iniciase a conta atrás para a consecución o 8 de Marzo de 2018 dun Paro Internacional de Mulleres. Unha folga, en palabras de Margarida Corral, “que rache coa hipocrisía no que se están a converter a celebración de datas senlleiras vinculadas cos dereito das mulleres, recuperando o carácter reivindicativo e de clase que ten o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora”.

Chamada a participar nas mobilizacións

A concreción das horas dos paros obedece á intención de facilitar que todas as mulleres poidan participar na folga sexa cal sexa o seu horario laboral e ao tempo, nas mobilizacións que se convoquen durante esa xornada.

A propia CIG -ao igual que vén facendo cada 8 de marzo- desenvolverá ese día concentracións nas sete cidades galegas. Ademais, intentarase estender a convocatoria de mobilizacións ao maior número de vilas posíbel, para facilitar a participación das mulleres que non poidan desprazarse nesta xornada reivindicativa. Naqueles lugares onde non sexa posíbel convocar actos de protesta, a central sindical chama as mulleres que secunden o paro laboral a saír ás portas dos seus centros de traballo con carteis e simboloxía alusiva á folga.

De igual xeito, a Confederación Intersindical Galega fará un chamamento a participar en todas as mobilizacións que durante a tarde sexan convocadas polo movemento feminista galego nas principais localidades do país, e previamente, a secundar a manifestación nacional unitaria que se está a organizar para a primeira semana de marzo.

A CIG, na vangarda da defensa das reivindicacións das mulleres

O obxectivo desta folga, segundo explicou a secretaria confederal de mulleres da CIG, é mostrar a repulsa á desigualdade e invisibilidade históricas que soportan as mulleres, esixir a mellora das súas condicións sociolaborais e a fin da discriminación laboral que sofren, e que se veu agravada polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica.

A este respecto valorou xa como un éxito o feito de que se estea a debater nos centros de traballo a necesidade de convocar unha folga destas características e que se estea a xerar conciencia entre as propias mulleres das discriminacións das que son vítimas en todos os ámbitos da súa vida e que moitas veces, por cotiás, pasan desapercibidas. “É revolucionario que por vez primeira na historia o papel dos homes vaia ser secundario, na retagarda, de acompañamento, de solidariedade, e o das mulleres, protagonista, simbolizando a loita histórica que deu orixe ao 8 de Marzo, ás revoltas de mulleres en varios países do mundo, e a vixencia da convocatoria. Isto vainos servir para que no ano 2019 e en anos sucesivos vexamos a convocatoria do 8 de marzo, a xornada do 8 de marzo como algo diferente”, afirmou.

“Para nós –continuou- esta convocatoria é nova xa que non hai precedentes na historia do sindicalismo organizando convocatorias destas características. Conflitos protagonizados por mulleres temos a moreas, mais neste caso falamos dunha folga xeral de mulleres que vai ser secundada en 57 países do mundo; mulleres en loita contra os ataques sufridos polo mero feito de selo, no marco dunha convocatoria internacional que vai máis aló das discriminacións laborais, denunciando tamén as agresións sexuais, as agresións machistas e os feminicidios”.

Neste senso, Corral precisou que, aínda que formalmente a convocatoria foi rexistrada como unha "folga xeral" ao ser este o concepto xurídico que permite dar cobertura a unha folga en todos os sectores de actividade, a CIG fai un chamamento só as mulleres a secundar os paros e as mobilizacións do 8 de Marzo. "Queremos demostrar a forza e capacidade de mobilización das traballadoras galegas, por iso chamamos a todas as mulleres cun traballado remunerado, mais tamén as estudantes, as xubiladas, as desempregadas, etc. a que participen activamente nesta xornada de loita e reivindicación", xa que a folga vai máis aló do ámbito laboral "e afecta tamén ao eido social que nos é común a todas as mulleres", engadiu.

As discriminacións persisten

Na súa intervención, Margarida Corral subliñou que as mulleres somos as grandes vítimas do conxunto de reformas e recortes que os gobernos viñeron aplicando baixo a escusa da crise, e que lonxe de recortárense as discriminacións que padecemos con respecto aos homes, estas agrandáronse. Lembrou que as mulleres galegas perciben de media uns ingresos equivalentes ao 77,7% dos ingresos dun home, cando no 2009, coincidindo co estoupido da crise, a porcentaxe era do 76,9%. Pero este achegamento é enganoso, matiza Corral, xa que se debe á perda de ingresos dos homes durante este período e non a unha mellora nos ingresos das mulleres.

Engadiu que a fenda salarial en Galiza é do 23%, pois mentres o salario medio anual dos homes está nos 20.243€ o das mulleres só acada os 15.730€ e ademais, as xornadas das mulleres son maioritariamente parciais e os seus contratos temporais, o cal afecta aos seus salarios, á súa cotización e diminúe a posibilidade de acceder a unha xubilación digna.

Xunto a isto, as mulleres seguimos a sufrir atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, que converten a Galiza na segunda comunidade do estado na que máis demandas laborais se presentan en relación con concrecións horarias de redución de xornada, permisos de lactación, etc., acolléndose as mulleres de xeito maioritario a solicitudes de excedencia por coidado.

Pero ademais, "as mulleres continuamos a ser obxecto de agresións sexuais, na rúa e no lugar de traballo, sen que se adopten medidas urxentes que garantan a nosa integridade. De nada serve aprobar protocolos de prevención e actuación ante o acoso, ante a violencia machista, ou planes de igualdade de oportunidades se estes son baleiros de contido, se non identifican as discriminacións, se non mudan o status quo", valorou Corral.

Finalmente insistiu en que "temos que rachar coa hipocrisía que xira arredor da conmemoración dun 8 de Marzo. Non permitamos que nos feliciten, que o capitalismo comercialice e banalice esta data. Tampouco permitamos celebracións hipócritas por parte dos gobernos que teñen a responsabilidade de eliminar a desigualdade e de lexislar para que se garantan os nosos dereitos, e pola contra, se inhiben desta responsabilidade e mesmo negan a existencia de discriminacións".

Margarida Corral: “Ás galegas sóbrannos razóns para ir á folga este 8-M”




A fenda salarial foi do 22,3% no último ano, mentres que a das pensións foi do 36,8%

As mulleres cobramos menos ca un home; temos máis contratos a tempo parcial; máis dificultades para promocionar; pensións máis cativas; somos quen solicitamos excedencias;  seguimos tendo unha dupla ou tripla xornada e  impídesenos conciliar. Ao tempo, medra o número de mulleres con ingresos inferiores ao SMI e miles de mozas teñen que emigrar para evitar o desemprego ou a precariedade. Por estas e outras moitas razóns, a secretaria das mulleres da CIG, Margarida Corral, fixo un chamamento a todas as galegas a participar nos paros e mobilizacións convocadas con motivo do Paro Internacional de Mulleres convocado para o vindeiro 8 de marzo.

Así o explicou na rolda de prensa celebrada este martes, na que ademais de presentar a campaña arredor da que a CIG conmemora este ano o Día Internacional da Muller Traballadora e as mobilizacións que, con este motivo, están convocadas, explicou que “paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Porque hai que concienciar do traballo que fan as mulleres, de que o noso papel na sociedade non é subsidiario”.

Paros en todas as quendas

Corral lembrou que a CIG xa rexistrou, o pasado 29 de xaneiro, a convocatoria de paros parciais en cada unha das quendas: de 00:00 a 2:00 horas da madrugada; de 12:00 a 14:00 horas e de 19:30 a 21:30 horas para que todas as mulleres poidan sumarse á folga convocada no traballado asalariado, mais tamén á folga de consumo, a de brazos cruzados nas tarefas de coidado, ao boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista e a mobilizarse nas múltiples convocatorias previstas ao longo e ancho do país.

A secretaria das Mulleres da CIG reiterou ademais o chamamento a que, “nun momento dado do día, as mulleres deixemos o que estamos facendo e paremos para que entendan que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos” e fixo extensivo ese chamamento as estudantes, as desempregadas, as asalariadas, as funcionarias, as fixas, as eventuais… “para lembrar a esta sociedade que somos a metade da humanidade e que a metade nos pertence. Paramos para exixir xustiza”.

Mobilizacións

A secretaria das Mulleres da CIG fixo tamén un chamamento a participar activamente na xornada de loita acudindo ás concentracións convocadas pola central sindical en máis de 30 cidades e vilas de Galiza e na manifestación convocada pola Asemblea @Galegas8M para o vindeiro domingo día 4 de marzo en Vigo, así como nos actos locais previstos polo movemento feminista galego no propio 8 de marzo.

Fenda salarial do 22,3% en Galiza

E é que os datos son teimudos e, tal e como explicou Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía da CIG, na presentación do Informe sobre a situación laboral, que se adxunta ao pé, das mulleres en Galiza en 2017, a fenda salarial entre homes e mulleres situouse o ano pasado no 22,3%, cun incremento de dúas décimas respecto de 2016.

Unha fenda que López Gromaz atribuíu ao “trato privilexiado que o mercado laboral ofrece aos homes” e á “feminización dos empregos máis precarios  e con salarios máis baixos”, aos complementos discrecionais, ao acceso minoritario de mulleres a postos de alta responsabilidade ou a maior presenza dos contratos a tempo parcial nas mulleres.

Esa discriminación salarial é ademais “xeneralizada en todas as ramas de actividade”, denunciou e, de media, supón que unha muller ingresa 4.513 euros menos ca un home.

López Gromaz subliñou ademais que, no seu conxunto, o 20.7% das mulleres asalariadas percibiron uns ingresos inferiores á metade do SMI, menos de 1.804 euros ao ano e salientou que o grupo de idade entre o que máis medrou a ocupación foi no das mulleres de máis de 45 anos, que pasaron do 36,3% ao 46,8% desde 2009.

O 21,8% das mulleres traballan a xornada parcial fronte o 6% no caso dos homes.

No ano 2009 o número de traballadoras a tempo parcial representaba o 18,2% do total, unha porcentaxe que ascendeu en 2017 ao 21,8%. Porén, no caso dos homes, só o 6% tivo este tipo de xornada.

Con todo, se isto é grave, máis o é que o 60% das traballadoras con este tipo de xornada alegaran, segundo se recolle no Informe, “non atopar outro traballo a xornada completa”, ou o que é o mesmo, non accederon a este tipo de contratos por gusto senón porque non lles quedou outra alternativa.

A responsábel do gabinete de economía sinalou tamén que a taxa de temporalidade feminina se situou no 28,7% no ano 2017, mentres que entre os homes foi do 25,2% e asegurou que “cada muller con contrato temporal asinou unha media de 3,8 contratos” durante o pasado ano.

Ademais o 35% dos contratos rexistrado a nome de mulleres duraron menos dunha semana o que é indicativo da elevadísima rotación.

Apenas o 47% das desempregadas cobran algunha prestación.

Un total de 98.300 mulleres permanecen paradas no ano 2017, e o 40% destas leva máis de 2 anos nesa situación. Isto provocou, segundo explicou López Gromaz, que apenas o 47% das mulleres paradas percibira algún tipo de prestación.

A fenda das pensións é do 36,8%%

Esta acumulación de precariedade ao longo da vida laboral das mulleres é a que provocou, segundo Gromaz, que á hora da xubilación a fenda salarial se traduza nunha fenda nas das pensións aínda maior. A diferenza media entre as pensións das mulleres e as dos homes foi de 352,58 euros no ano 2016, último do que se teñen datos, o que implica unha fenda do 36,8%. No ano 2008 a fenda das pensión era de 35,4 puntos. A maior fenda xérana as pensión de xubilación (37,9%), 394,65 euros menos brutos ao mes.

MOBILIZACIÓNS

PAROS POR QUENDAS DE TRABALLO

* de 00h-02h da madrugada
* de 12h a 14h
* de 19:30h a 21:30h

A CORUÑA

BETANZOS: 12:30h Nas portas do Concello
CARBALLO: 12:30h Nas portas do Concello
CEE: 12:30h Praza 8 de marzo
RIBEIRA: 20:00h Praza do Concello
Ás 12:45h Nos centros de traballo

SANTIAGO DE COMPOSTELA:

* 12:30h no Centro Comercial As Cancelas
* 12:30h na Praza de Galiza
* 12:30h diante do Hospital Clínico
* 12:30h diante da Xunta de Galiza en San Caetano

FERROL

* 12:30h Praza de Amada García (Edificio da Xunta)
* 12:30h Hospital Arquitecto Marcide
AS PONTES: 12:30h Praza do Concello

LUGO

LUGO: 12:30h Diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza
MONFORTE: 20:00h Praza de España
A MARIÑA / VIVEIRO / BURELA / RIBADEO : 12:30h Diante dos Concellos

OURENSE

OURENSE: 12:30h Praza Maior
O BARCO DE VALDEORRAS:
20:00h Praza do Concello
VERÍN: 20:00h Praza do Concello

PONTEVEDRA

PONTEVEDRA:12:30h na Praza da Peregrina
VILAGARCÍA/O GROVE/CAMBADOS: 12:30h Diante dos concellos
A ESTRADA: 12:30h Diante do Concello
VIGO:
* 12:30h Na farola de Urzáiz
* 12:30h Na estrada Clara Campoamor (na rotonda de aceso ao hospital Álvaro Cunqueiro)
BUEU: 12:30h Diante do Concello (Rúa Eduardo Vicenti, 8)
CANGAS: 12:30h Diante do Concello (Avda. Castelao, 2)
MOAÑA: 12:30h Diante do Concello (Rúa As Barxas, 2)
TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)
TUI: 12:30h No Outlet


O TSXG condena ao Concello de Portas por non tomar medias para previr agresións.


SENTENZA

Demóstrase que non se trata dun feito illado, dunha defectuosa aplicación das medidas preventivas, senón de que non se tomou ningunha medida a pesar de constar numerosos antecedentes que facían prever esta agresión.

A traballadora social do Concello foi atacada cunha barra de ferro por un veciño, pai dunha usuaria, sufrindo fractura aberta do húmero e trastorno de tensión postraumática, que levaron á declaración de invalidez permanente absoluta.

O Concello e o INSS recorren a sentenza de instancia pola que se declara o dereito da actora a obter un incremento nun 50%; das prestacións de IT de invalidez devengadas así como das que se poidan devengar no futuro como consecuencia do incumprimento das medidas de seguridade.

Demóstrase que non se trata dun feito illado, dunha defectuosa aplicación das medidas preventivas, senón de que non se tomou ningunha medida a pesar de constar numerosos antecedentes que facían prever esta agresión, xa que o Alcalde coñecía a existencia de problemas anteriores entre a traballadora e os usuarios do servizo, ata o punto de que o propio Alcalde “en diversas ocasións… viuse na obrigación de saír do seu despacho e entrar no da traballadora social debido aos berros que se estaban producindo entre eles…”; tamén coñecía a existencia de “pintadas no edificio… que entendía que ían referidas á traballadora social agredida”; A administración empregadora tiña coñecemento de que con anterioridade á agresión sufrida pola actora a mesma xa sufrira ataques á súa propiedade, como danos en turismo (picadas en rodas).

A xulgadora de instancia, de maneira motivada na fundamentación xurídica, establece que ”a traballadora social estaba a recibir ameazas e insultos como consecuencia do labor realizado pola mesma” extremo do que o concello tiña “pleno coñecemento “.

O TSXG corrobora a sentenza de instancia, da que reproduce as medidas preventivas que se poderían tomar para evitar ou minimizar a agresión (accidente de traballo): “Existe un nexo causal entre os incumprimentos expresados máis arriba e a agresión, … Así, como tamén sinala a maxistrada de instancia, se a empregadora houbese, por exemplo, incrementado a vixilancia e seguridade no centro de traballo e anexos ao mesmo; ou reforzado a autoridade da demandante por exemplo, denunciando o propio Concello os incidentes acaecidos e dos que tivo coñecemento; ou proporcionado información e formación á demandante sobre como detectar e abordar situacións de conflito; ou establecido protocolos de comunicación e seguimento do servizo en relación a tales riscos, entre outras medidas posibles, parece razoable entender que ou ben o risco non se materializou, ou ben non o sería co fatal resultado acontecido”.

Por todo iso, considera “axustada á gravidade da conduta da empregadora” impoñer a recarga do 50% ás prestacións da SS, o máximo posible, ”… e iso debido a que nos atopamos, como xa se expuxo, ante o incumprimento de obrigacións fundamentais e básicas en materia de prevención de riscos, como é a non inclusión na avaliación dos riscos dun risco concorrente e especialmente relevante; cos consecuentes incumprimentos que iso leva na planificación da actividade preventiva, actividade que non se desenvolveu correctamente respecto do posto de traballo da demandante; e iso, cabe insistir, a pesar da gravidade do risco que debía ser abordado. En tal sentido, o concello non acreditou que adoptase medida algunha en relación ao risco de agresión que se derivaba da actividade desenvolvida e do posto de traballo ocupado pola demandante. Isto é, non nos atopamos ante un suposto de indebida ou defectuosa execución de determinadas medidas de prevención, senón ante un caso de meridiana inactividade ou pasividade da empleadora en relación ao risco referido”.

Ligazón á sentenza

Máis info en ww.cigsaudelaboral.org

O espazo de traballo ideal non depende só do ruído, senón que tamén e especialmente das interrupcións


SAÚDE

Novas investigacións demostraron que poida que non sexa o son en si mesmo o factor principal que nos distrae, senón que o principal sexa quen ou que o está a facer. De feito, un certo nivel de murmurio de oficina en segundo plano podería beneficiar á nosa capacidade para realizar tarefas creativas, a condición de que non nos involucremos na conversa. En lugar dun silencio total, o ambiente de traballo ideal para as tarefas creativas ten un pouco de ruído de fondo.

Existen unha serie de estudos que examinan o efecto do son no cerebro e revelan por que a súa estratexia funciona. De investigacións anteriores, sabemos que o principal problema dos/as traballadores/as coas oficinas abertas ou cheas de cubículos é o ruído non desexado.

Novas investigacións demostraron que poida que non sexa o son en si mesmo o factor principal que nos distrae, senón que o principal sexa quen ou que o está a facer. De feito, un certo nivel de murmurio de oficina en segundo plano podería beneficiar á nosa capacidade para realizar tarefas creativas, a condición de que non nos involucremos na conversa. En lugar dun silencio total, o ambiente de traballo ideal para as tarefas creativas ten un pouco de ruído de fondo. Ese é o motivo de que poidamos concentrarnos moi ben nunha cafetería ruidosa, pero apenas sexamos capaces de facelo nunha oficina ruidosa.

Un estudo publicado no Journal of Consumer Research, atopou que o nivel correcto de ruído ambiental provoca que as nosas mentes pensen de maneira máis creativa. Un equipo de investigación, liderados polo profesor da Universidade de Illinois Urbana- Champaign (EE. UU.) Ravi Mehta, examinou a reacción dos participantes a varios niveis de ruído mentres completaban probas de pensamento creativo. Os participantes foron asignados aleatoriamente a catro grupos e pedíuselles a todos que completasen unha Proba de Asociacións Remotas (unha medida comunmente utilizada que xulga o pensamento creativo ao pedir aos participantes que atopen a relación entre unha serie de palabras que, a primeira vista, parecen non estar relacionadas). Dependendo do grupo, os participantes estiveron expostos a varios niveis de ruído de fondo, dende o silencio total ata 50, 70 e 85 decibelios. As diferenzas entre a maioría dos grupos foron estatisticamente insignificantes; con todo, os participantes no grupo de 70 decibelios (aqueles expostos a un nivel de ruído similar á charla de fondo nunha cafetería) superaron significativamente aos outros grupos. Como os efectos foron pequenos, isto pode suxerir que o noso pensamento creativo non difire moito en resposta ao silencio total e a 85 decibeis de ruído de fondo (o equivalente a un triturador de lixo ruidoso ou a unha motocicleta silenciosa).

Como (presumiblemente) ninguén quere traballar xunto a estes elementos de ruído, este resultado sorprendeu. Os resultados do estudo a 70 decibelios si que foron significativos, así que a investigación tamén suxire que o nivel adecuado de ruído de fondo (nin demasiado alto nin o silencio total) pode aumentar a capacidade do pensamento creativo. O nivel adecuado de ruído de fondo pode interromper os nosos patróns normais de pensamento o suficiente como para permitir que a nosa imaxinación se desvíe, sen imposibilitar que nos concentremos. Este tipo de "enfoque distraído" parece ser o estado óptimo para traballar en tarefas creativas. Como escriben os autores, "meterse nun ambiente relativamente ruidoso pode desencadear que o cerebro pense en abstracto e, por tanto, xere ideas creativas".

Noutro estudo os investigadores utilizaron electroencefalogramas do lóbulo frontal (EEG) para estudar as ondas cerebrais dos participantes que completaron as probas de creatividade mentres estaban expostos a varios ambientes sonoros. Os investigadores atoparon cambios estatisticamente significativos nas puntuacións de creatividade, e unha conexión entre esas puntuacións e certas ondas cerebrais. Do mesmo xeito que no estudo anterior, un certo nivel de ruído branco demostrou ser o son de fondo ideal para as tarefas creativas.

A charla dos/as compañeiros/as e o suave murmurio da climatización debería axudarnos a concentranos. O problema pode ser que nas nosas oficinas, non podemos evitar deixarnos arrastrar ás conversacións dos demais nin que nos interrompan mentres tentamos concentrarnos. De feito os investigadores do EEG descubriron que as interaccións cara a cara, as conversacións e outras interrupcións afectan negativamente o proceso creativo. Pola contra, un espazo de traballo ou unha cafetería proporciona un certo nivel de ruído ambiental e, ao mesmo tempo, posibilita estar libre de interrupcións.

En conxunto, a lección que se pode extraer é que o espazo ideal para un traballo en concentración non é aquel libre de ruído, senón aquel libre de interrupcións. Atopar un espazo no que esconderse, independentemente do ruidoso que sexa, pode ser a mellor estratexia para asegurarse de poder facer o traballo importante.

Fonte: Harvard Business Review


Suspensión de emprego e soldo dun traballador por non utilizar protectores auditivos


Saúde laboral

Esta sentenza resolve sobre a procedencia ou non da sanción disciplinaria de suspensión de emprego e soldo a un traballador que non utilizou as proteccións auditivas durante dous días seguidos e o feito de que o traballador tivese recoñecida unha patoloxía previa por exposición a ruído, susceptible de agravación. O Tribunal desestima o recurso de suplicación exposto, confirmándose a sentenza recorrida.

Mediante carta de data 20 de novembro de 2015 a empresa procede a sancionar ao traballador, por falta moi grave, con suspensión de emprego e soldo por 16 días, por incumprimento de normas de prevención de riscos laborais -sempre que de tal incumprimento derive un risco grave e inminente para a seguridade e saúde dos traballadores- e sobre feitos sucedidos os días 19 e 21 de setembro de 2015 ao estar a traballar sen os EPIs necesarios (protección auditiva) e relacionar a súa deficiencia auditiva cos niveis de ruído no seu posto de traballo.

En zona de portería, oficinas, loxística, planta de nitrato de estroncio, entre outras, ten carteis que indica que se trata de zona vídeo vixiada e que pode estar vixiado e con referencia á lei de protección de datos e así mesmo en determinadas zonas, que é preciso uso obrigatorio de protección auditiva, como na planta de nitrato do estroncio. O traballador aparece sen protección auditiva, cando debía portala e reiteradamente á beira de cartel que prescribe uso obrigatorio de protección auditiva.

Foille entregado material de seguridade, entre outros de protección auditiva. O traballador foi declarado por resolución do INSS en 2015 afecto de Lesións Permanentes Non Incapacitantes, Baremo 009 (Enfermidade Profesional) por hipoacusia.

O traballador sancionado manifesta que non sucederon os feitos como os describe a empresa e no seu caso non teñen transcendencia para ser catalogados como falta moi grave. Alega trato discriminatorio, por canto outro empregado foi sancionado por non levar protector auditivo o 27 de setembro de 2015, por falta grave con amoestación por escrito. Así mesmo, o xefe de quenda non foi sancionado, incumpríndose o acordo de empresa segundo o cal, a sanción a un empregado, comporta a do superior xerárquico por falta de vixilancia.

Respecto da falta de sanción ao superior xerárquico segundo comunicación interna da empresa en relación coa protección auditiva fronte ao ruído establécese que o traballador que non faga uso dos mesmos, serán sancionado xunto co mando superior, por non obrigar aos seus subordinados á súa utilización, adición que non pode aceptarse xa que a súa inclusión en feitos probados non afectaría ao fallo que se puidese ditar xa que o ventilado en autos é a sanción imposta ao actor e de ningún xeito que deba sancionarse ao Xefe de Quenda cando se descoñece a súa intervención nos feitos, polo que iso de ningún xeito afectaría á sanción imposta ao actor, máxime cando no feito probado quinto recóllese que os feitos foron detectados mediante fotografías dunha cámara de vídeo vixilancia, sen que conste intervención do referido Xefe.

Respecto do posible trato discriminatorio, a empresa cualificou de maneira diferente uns mesmos feitos, no caso do actor como falta moi grave e respecto doutro traballador como falta grave; alegación que non pode sosterse xa que para iso debese acreditarse que os feitos son idénticos; con todo, no feito probado undécimo recóllese que o outro traballador foi sancionado por falta grave, con amoestación por escrito, ao non levar protector auditivo o día 27 de setembro de 2015, mentres que o actor realizou tal conduta dous días, o que indubidablemente aumentou o risco para a súa saúde máxime cando xa anteriormente fóronlle recoñecidas lesións permanentes non invalidantes pola súa situación de hipoacusia, polo que a súa conduta indubidablemente podía provocarlle maior dano e, ademais, de maneira próxima e inminente.

Respecto da consideración de falta moi grave, non pode prosperar xa que o traballador demandante tiña recoñecida a situación de lesións permanentes non invalidantes a consecuencia de hipoacusia en resolución de Instituto Nacional da Seguridade Social do 31 de marzo de 2015, non obstante o cal en dúas ocasións posteriores, días 19 e 21 de setembro de 2015 (feitos polos que se lle sanciona) non utilizou as medidas de protección auditiva, aínda a propósito da súa situación, o que indubidablemente podía provocarlle maior dano polo que o risco era de maior gravidade e, ademais, de forma inminente, estando, por tanto, exposto a unha agravación da súa patoloxía debido á exposición a niveis de ruído por encima dos permitidos.

Por todo iso, e con aceptación dos argumentos desestímase o recurso de suplicación exposto, confirmándose a sentenza recorrida.

Ligazón á Sentenza

Máis info en www.cigsaudelaboral.org

Formación. Convocatoria Plan formativo ofimático de Galicia - EGAP

No DOG do  Venres 16 de febreiro de 2018 publícase unha resolución da EGAP pola que se convocan, de xeito conxunto, as actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza, das entidades locais e persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).
O certificado expedido pola EGAP que acredite a superación das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia permitirá obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX), nos termos previstos no Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.
Como novidade importante para este ano, coa que se dá resposta a unha reiterada demanda do alumnado e da CIG, é a descentralización das probas de avaliación das actividades enmarcadas no plan formativo ofimático.
Convócanse 1900 prazas en accións formativas impartidas na modalidade de teleformación integradas no Plan formativo ofimático de Galicia.
As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula, desde as 8.00 horas do 17 de febreiro de 2018  e ata as 23.55 horas do 26 de febreiro de 2018. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar limítase a cinco.
A totalidade das prazas de cada actividade formativa repartirase nun 70 por cento para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, e nun 10 por cento para o persoal das entidades locais, 10 por cento para a Administración de xustiza de Galicia e outro 10 por cento para o persoal de administración e servizos das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e Uvigo).

Formación. Convocatoria cursos de idiomas - EGAP

No DOG do martes 20 de febreiro de 2018 publícase unha resolución da EGAP pola que se convocan, as actividades de formación continua en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza, das entidades locais e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).
As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula, desde as 8.00 horas do 21 de febreiro de 2018  e ata as 23.55 horas do 2 de marzo de 2018. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar limítase a tres. As actividades formativas obxecto desta convocatoria impartiranse en modalidades de teleformación e presencial.
A totalidade das prazas de cada actividade formativa repartiranse nun 70 por cento para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; nun 10 por cento para o persoal das entidades locais; outro 10 por cento para a Administración de xustiza de Galicia; e o 10 por cento restante para o persoal de administración e servizos das universidades galegas do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e Uvigo).

Formación. Cursos do primeiro semestre da Deputación da Coruña


A Deputación da Coruña vén de abrir o prazo para inscribirse nos cursos do Plan de formación agrupado 2018 que organiza a Deputación da Coruña e que van dirixidos ao persoal das entidades locais da provincia.

As solicitudes presentaranse a través da plataforma telemática Subtel. Para acceder a esta plataforma cómpre ter unha conta de correo activa no Directorio público local. 

Toda a información relativa a esta convocatoria está dispoñible na web de Formación www.dicoruna.es/formacion que conta cos seguintes apartados:

Bases da convocatoria

Información dos cursos que se van realizar. Premendo no botón "info" abrirase una ventá con toda a información de cada acción formativa. É moi importante que se fixe nos contidos, destinatarios, sedes e calendario/horario de cada curso. Tome nota dos códigos e títulos dos cursos que lle interesan para poder facer a solicitude na plataforma Subtel.

Compensacións horarias aprobadas na Mesa de Formación (só para o persoal da Deputación).

Información sobre o novo procedemento de matrícula a través da plataforma Subtel.

09/02/18

Inscrición nas probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas maiores de dezaoito anos. (ESO)

Publicado no DOG do 23 de xaneiro de 2018
Os prazos de matrícula serán:
Convocatoria de maio: 12 ao 23 de marzo de 2018, ambos os dous incluídos.
Convocatoria de setembro: 2 ao 9 de xullo de 2018, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.

06/02/18

Negociación da Relación de Postos de Traballo (01/02/18)

O pasado xoves tivo lugar a última mesa de traballo da Relación de Postos de Traballo e a estas alturas xa hai moitas cousas avanzadas grazas a distintos acordos do goberno municipal con CSIF, CCOO e UGT.

Cómpre lembrar que de xeito definitivo o goberno asumiu a inexistencia da Relación de Postos de Traballo do ano 2008 e comeza os traballos de elaboración dun novo documentos que só conterá os postos de funcionarios/as, de laborais fixos e os de obrigada creación por unha sentenza de indefinición. Arredor de 60 traballadores e traballadoras laborais ficarán á marxe do documento de ordenación e nunha situación certamente irregular, a pesar de que o goberno municipal se comprometera aínda hai un par de meses non só a que a totalidade dos postos formasen parte do documento senón que faría unhas adscrición provisional dos laborais temporais aos postos da RPT.

A estas alturas, e logo da reunión informativa convocada pola CIG a pasada semana, todo o persoal é coñecedor de que a solución que lle dá o goberno municipal a todos estes traballadores que ficarán á marxe da RPT é que acudan ao xulgado reclamar a indefinición.

Non obstante, a negociación segue o seu curso e polo momento os acordos que o goberno municipal tomou cos outros sindicatos foron os seguintes:

Os postos de funcionarios fican co nivel máis alto posible de cada tramo.

Os postos de laborais fican co nivel máis baixo posible de cada tramo.

Por tanto, non existe un sistema de valoración igual para todos os postos os postos da RPT e si unha nova discriminación do persoal laboral.

Ademais, aplicarase un sistema matemático mixto para a valoración dos postos que exclúe  aos habilitados nacionais.

Os factores que formarán parte do complemento específico serán os seguintes: nivel, n.º de postos dependentes, especial dificultade técnica, especial dedicación e dispoñibilidade, incompatibilidade, perigosidade, penosidade, horario, duplicidade, atención ao público e responsabilidade penal. O reparto porcentual destes supón un novo revés para os postos do persoal laboral, posto que o nivel suporá o 48,30% do complemento, e por tanto, os postos de laborais, co nivel de destino máis baixo de cada grupo, parten dun complemento específico que vén definido principalmente por un factor que privilexia os postos do persoal funcionario. A maiores, unha grande parte dos factores só se poderían aplicar a determinados postos e non á totalidade, maiormente tamén os postos de funcionarios.

A maiores prosperou unha proposta do goberno municipal, apoiada por CCOO, UGT e CSIF da inclusión dun novo factor discrecional que o Concello reserva para outorgar ata un 10% a determinados postos baixo parámetros que non están definidos polo momento mais cuxas explicacións deixaron claro que non se aplicaría á totalidade dos postos nin aclararon os criterios de reparto.

Finalmente, a empresa Quorum indicou que para a vindeira reunión traería unha simulación da aplicación dos factores do complemento específico cos resultados aplicados a cada un dos postos e decidiríase a aplicación da escala de factores a cada un destes.

O concelleiro de Persoal convoca aos traballadores a unha reunión informativa

Tempo despois da nova postura do goberno municipal na Mesa Xeral de Negociación, o goberno municipal informará ao persoal sobre o proceso de elaboración da Relación de Postos de Traballo.

05/02/18

Declarado accidente laboral o suicidio dun empregado de banca que discutiu cun cliente

SENTENZA

Segundo se desprende da sentenza, o suicidio do empregado non pode considerarse unha "continxencia común" ao apreciarse unha posible conexión de causalidade entre o traballo e a conduta de suicidio.

O Xulgado do Social de Almería declarou como accidente laboral a morte dun traballador dunha sucursal de Cajamarquen se suicidou instantes despois de discutir cun cliente, sentido no que aprecia a "relación de causalidade que existe entre o conflito laboral previo, que é indiscutible, e o estado de nervios ou tensións" que sufriu o finado "por causa dese conflito".

Segundo se desprende da sentenza, o suicidio do empregado non pode considerarse unha "continxencia común" ao apreciarse unha posible conexión de causalidade entre o traballo e a conduta de suicidio. En concreto, segundo quedou probado, o empregado discutiu cun cliente da entidade por mor dun ingreso, de modo que chegou a recibir insultos por parte do mesmo, co que se viu obrigado a apercibirlle de chamar á policía se non depoñía a súa actitude.

Neste sentido, o xuíz recolle a declaración da interventora da sucursal ante a Inspección de Traballo, á que sinalou que tras a discusión, o falecido estaba "moi alterado, moi nervioso, suando" e "dando golpes na mesa polo estado de nervios que tiña", polo que tratou de acougalo e deulle permiso para que saíse á rúa para que se tranquilizase.

O fallo da sentenza, sobre a que cabe recurso de súplica ante o TSXA, determina que o falecemento do traballador "deriva de accidente de traballo" e obriga ao incremento das pensións de viuvez e orfandade cara aos familiares do empregado, pola continxencia de accidente de traballo con imputación, no seu caso, da responsabilidade á mutua colaboradora coa Seguridade Social. Igualmente, sinala que deberán percibir as correspondentes indemnizacións.



Dúas de cada dez denuncias por acoso ou violencia nas empresas navarras terminan co traballador/a despedido/a


SAÚDE LABORAL

O ano pasado o Servizo de Saúde Laboral do Goberno de Navarra contabilizou 211 casos de violencia, un número moi similar ao de 2016, que reflicte un problema silencioso moitas veces no ámbito laboral, pero que estala na consulta do médico de Atención Primaria.

“É especialmente importante que o persoal que investiga estas denuncias extreme as precaucións para manter a confidencialidade”, explicou Iñaki Moreno, xefe do Servizo de Saúde Laboral, durante a presentación dos protocolos de atención á violencia interna nas empresas e nas administracións públicas.

“A denuncia é o mellor nestes casos”, -explicou Fernando Domínguez, Conselleiro de Saúde- “Estamos a falar de trastornos mentais comúns, como a ansiedade e a depresión, pero tamén patoloxías cardiovasculares, as lesións musculoesqueléticas, os accidentes e o aumento das condutas non saudables ou o incremento do absentismo laboral”.

Os casos afectan principalmente a mulleres, que teñen dúas veces máis risco de ter danos derivados deste tipo de exposicións. Con datos dos casos xa pechados de anos anteriores, obsérvase que por actividade económica, estes problemas danse fundamentalmente en hostalería e na restauración, administración pública e outros servizos (organizacións sindicais, profesionais, políticas, ONG), fronte a sectores como construción, industria ou agricultura, que teñen niveis moito máis baixos.

“Canto menor é o estrato no rango ocupacional, o risco é maior, fronte aos grupos directivos ou profesionais de máis alto status”, explican dende o Goberno de Navarra. O 70% destes casos asóciase a riscos psicosociais laborais de natureza relacional. “A saúde laboral é unha prioridade crave do departamento de Saúde no plan de acción 2015-2019, cuxo primeiro obxectivo é asegurar a protección, a prevención e promoción da saúde”, dixo Domínguez quen explicou que “nas enquisas de condicións de traballo e saúde laboral, os riscos psicosociais consolídanse como un dos riscos emerxentes e que ademais reclaman unha actuación prioritaria”.

Nun estudo recente ponse de manifesto que só o 22,5% das empresas avaliaron estes riscos e só na metade delas executouse algunha medida correctora, comparando co resto de riscos que se avaliaron no 68% das empresas e executado medidas correctoras no 80%.
Así mesmo, o conselleiro sinalou que “tampouco existen suficientes ferramentas de apoio para a súa identificación e corrección, nin existen protocolos de prevención, atención a vítimas”.


Fonte: noticiasdenavarra. com

A Secretaría das Mulleres retrúcalle a Rajoy: xa vai sendo hora de que o seu goberno "se meta niso" de combater a fenda salarial

Ante as irresponsábeis declaracións do presidente do Executivo español

A Secretaría das Mulleres da CIG considera vergoñento que o presidente Goberno español, Mariano Rajoy, manifeste que o seu Executivo "nin se debe meter" e que "non é da súa competencia" a promoción de medidas para lograr a equiparación salarial entre homes e mulleres. Parafraseando as palabras de Rajoy, a secretaria confederal das Mulleres, Margarida Corral, sinálalle que "os gobernantes deben ser moi cautos á hora de saber cales son as súas obrigas" e non botar balóns fóra sobre unha problemática "que debería ser do seu coñecemento e da súa responsabilidade".

Así, lémbralle que a igualdade salarial é un dereito amparado pola Constitución española, que no artigo 14 proclama que non pode prevalecer discriminación algunha por razón de sexo; pola Lei Orgánica 3/2007 para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes; polo Estatuto das Traballadoras e Traballadores; e por numerosa normativa estatal e europea, incluída a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE.

Dende a Secretaría das Mulleres explícase a Mario Rajoy que se ben fenda salarial e discriminación salarial son dous conceptos diferentes, a existencia de diferenzas permanentes nas retribucións entre homes e mulleres reflicte unha realidade que hai que combater: que no mercado laboral persisten as discriminacións por razón de sexo.

A este respecto non hai máis que comprobar os últimos datos da Axencia Tributaria: no ano 2016 o salario medio anual dos homes en Galiza acadou os 20.243 euros mentres que o das mulleres só chegou aos 15.730 euros, é dicir, 4.513 euros menos, o que supón unha fenda salarial do 23%. Esta disparidade dáse en todos os sectores económicos e en todas as franxas de idade e canto maiores son as retribucións medias máis se acrecenta a distancia entre o que cobran homes e mulleres.

"As mulleres seguimos cobramos menos e facémolo aínda ocupando o mesmo posto e responsabilidade que un home. Que o presidente do Goberno español obvie unha realidade que as centrais sindicais levamos anos denunciando é unha irresponsabilidade manifesta e demostra a hipocrisía dos gobernos do PP cando conmemoran datas como a do 8 de Marzo", denuncia Corral.

Sobran razóns para a folga de mulleres do 8 de Marzo

Por iso, afirma que sobran as razóns para ir á folga de mulleres que a CIG convocará en Galiza o vindeiro 8 de marzo, facendo parte dunha iniciativa que se desenvolverá en máis de 50 países. "É preciso dar un paso adiante e poñer de relevo as situacións de discriminación que padecemos as mulleres, invisibilizadas e negadas mesmo por quen debería ter a obriga de velar polos nosos dereitos".Precisamente, estas semanas a CIG está a celebrar asembleas de delegada e afiliadas en todas as comarcas para dar a coñecer e debater sobre a convocatoria da folga de mulleres. Este martes realizáronse asembleas nos locais sindicais da CIG de Vigo e de Compostela, a onde pertencen as imaxes que acompañan esta nova.

8 de Marzo: camiñando cara á folga internacional de mulleres



Reivindicando os dereitos das mulleres

A CIG fai un chamamento a secundar este paro de mulleres para seguir reivindicando neste 8 de Marzo que queda moito por facer pola igualdade e por visualizar a contribución de todas as mulleres ao mundo. Unha folga que permita visibilizar a situación que padecen as mulleres, para esixir a mellora das súas condicións sociolaborais e a fin das discriminacións laborais (fenda salarial, atrancos nos dereitos de conciliación, acoso laboral, sexual e por razón de sexo e identidade, xornadas parciais, dobre xornada, chan pegañento, etc.); mais tamén para que se adopten medidas inmediatas para rematar coa violencia machista (sexual, agresións, feminicidios) e o resto das discriminacións.


Neste senso, a Secretaría das Mulleres da CIG explica que alén do paro laboral, con esta convocatoria tamén se fai un chamamento ás mulleres para que se absteñan de asistir ás clases, de realizar traballos domésticos ou de coidado, e ao tempo, realizar un boicot permanente ás empresas con políticas misóxinas.