30/04/19

Proposta de RPT. O argumento tendencioso e interesado de existencia ou non e validez ou non da RPT do ano 2008.

O despropósito apoiado polo goberno municipal e a Central Sindical de Funcionarios e Comisións Obreiras sobre que a RPT do ano 2008 que seica non existe ou non é válida, é un argumento tendencioso e utilizado claramente por quen apoia o texto novo para excluír os postos do persoal laboral deste, coa conseguinte destrución de emprego público que isto suporá a medio e longo prazo no Concello de Betanzos.

PORQUÉ DICIMOS QUE É INTERESADO E TENDENCIOSO O ARGUMENTO DA INEXISTENCIA/INVALIDEZ DA RPT DO ANO 2008?

1. Porque o goberno municipal levou á Xunta de Goberno Local do 14 de marzo para aprobación dunha Oferta de Emprego Público dos anos 2018 e 2019, que podedes consultar aquí, e que indica expresamente o seguinte:

Visto que no cadro de persoal e correspondente Relación de Postos de Traballo figuran vacantes e dotadas presupuestariamente diversas prazas, cuxa cobertura se considera necesaria para o bo funcionamento dos servizos municipais.

Por tanto, o 14 de marzo de 2019 existía unha Relación de Postos de Traballo, e non era a proposta de texto que aínda non foi aprobado nin sometido ao debate plenario.

2.  Porque o goberno municipal acordou na Xunta de Goberno do 28 de marzo estimar unha reclamación de salarios, pola vía da reclamación patrimonial, a unha funcionaria, con base a un complemento de destino recollido na RPT do ano 2008, e que podedes consultar aquí.

A estimación da reclamación faise con base a unha asignación errada do complemento específico, tendo en conta que o cobra non é o mesmo que o se recolle no "instrumento de ordenación do persoal", tal e como denomina o asesor xurídico ao documento que o Concello tradicionalmente chamou RPT. 

Non obstante, o relevante da cuestión é que se a RPT non existe, ou non é válida, como di o Concello, NON O DEBERÍA SER EN NINGÚN CASO, MAIS CURIOSAMENTE, VALE PARA APROBAR UNHA OPE DE FUNCIONARIOS E PARA ESTIMAR UNHA RECLAMACIÓN SALARIAL DE PERSOAL DO MESMO COLECTIVO, MAIS NON PARA TOMALA COMO BASE PARA FACER UNHA NOVA RPT QUE INCLÚA A TOTALIDADE DE POSTOS DO PERSOAL LABORAL.

Proposta de Relación de Postos de Traballo. O factor discrecional do complemento específico.

A RPT asinada polo goberno municipal, a Central Sindical Independente de Funcionarios e mais Comisións Obreiras, pretente implantar un sistema de valoración do complemento específico que ten como eixe a discriminación entre a valoración dos postos de laborais e de funcionarios derivada dunha desigual asignación do complemento de destino, e, que entre outras múltiples cuestións inclúe un factor denominado "varios", que se aplica discrecionalmente a unha serie de postos e que se describe do seguinte xeito:

"AGLUTINA DIVERSOS FACTORES PARA COMPENSAR A ESPECIFICACIÓN DE DISTINTOS POSTOS, TALES COMO O CONTROL DA MUNICIÓN, AS TAREFAS DESENVOLVIDAS A MAIORES DAS FUNCIÓNS PROPIAS DO POSTO, RESPONSABILIDADES DE XESTIÓN MONETARIA, ETC."

"DADO QUE É UNHA VARIABLE MÚLTIPLE CONCEDÉRONSE 100 PUNTOS AO PERSOAL POR TER MÁXIMAS RESPONSABILIDADES, LABORES DE COORDINACIÓN, XEFATURA, ETC"

De repasarmos a totalidade dos factores de valoración dos postos acordados polos sindicatos indicados enriba temos os seguintes:

VALORACIÓN COMPLEMENTO ESPECÍFICO
FACTOR PESO
Nivel 43,47%
N.º de postos dependentes
6,57%
Especial dificultade técnica: titulación
3,15 %
Especial dificultade técnica: reciclaxe
3,15%
Responsabilidade penal
3,60%
Incompatibilidade
5,58%
Perigosidade
6,48%
Penosidade
6,30%
Tipo de horario
5,85%
Dispoñibilidade
1,35%
Duplicidade
0,90%
Atención ao público
3,60%
Varios
10%

O FACTOR "VARIOS" DISCRECIONAL É O QUE TEN O MAIOR PESO LOGO DO FACTOR "NIVEL", E PUNTÚA POR SEGUNDA VEZ O MESMO CRITERIO DE RESPONSABILIDADE, XEFATURA E COORDINACIÓN QUE XA SE PUNTÚA NOUTROS DOUS FACTORES "NIVEL" E "N.º DE POSTOS DEPENDENTES", do que se deduce claramente que esta RPT ESTÁ FEITA A MEDIDADE DE DETERMINADOS POSTOS DO MÁIS ALTO NIVEL E EN DETRIMENTO DOS POSTOS MÁIS BAIXOS DA ESCALA.

Queremos aclarar, ademais, que no momento en que as funcións aparecen na ficha de descrición dun posto xa non poden ser consideradas funcións a maiores, e na RPT só se valoran as funcións propias dos postos.

Ademais, tal e como expuxemos na Mesa de Negociación, se o control da munición, que segundo a RPT só é tarefa dun policía e non do resto e por este motivo cobraría este policía 1400 euros máis ano no 2019(10 puntos x 140 euros), 1600 euros máis no 2020 e 1800 euros máis ao ano no 2021. Ese posto, moito mellor valorado que o dos resto de policías debería ser provisionado polos procedementos legalmente establecidos, e deberían ter acceso a el o resto de Policías, non proveerse a dedo tal e como defendeu tanto o Concello como o sindicato de funcionarios na Mesa de Negociación.

MÁIS CURIOSO RESULTA, AÍNDA, OS POSTOS AOS QUE SE LLE APLICA ESTE FACTOR "VARIOS" DISCRECIONAL:

POSTOS CO FACTOR “VARIOS”
Técnico/a de Admón. xeral - Asesor xurídico
Tesoureiro/a
Responsable Urbanismo
Coordinador/a de Traballador/a social
Encargado/a técnico especialista en electricidade
Encargado/a de limpeza
Director/a Museo/Arquivo
Inspector/a xefe Policía Local
Policía Local (responsable de munición)


A CIG estivo en contra deste factor desde o primeiro momento, non só porque volve remunerar con 1400 euros (2019) / 1600 euros(2020) / 1800 euros (2021) a maiores, factores que xa se valoran no complemento específico senón porque afonda da concepción dunha Relación de Postos de Traballo pensada por e para os postos de traballo das escalas máis alta e en detrimento do persoal de departamentos unipersoais ou das escalas máis baixas.

Primeiro de Maio: Recuperar dereitos para avanzar


Na Galiza emprego, salarios e pensións dignas

Camiñamos cara ao 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, coa necesidade de tomar as rúas para esixir un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise, porque segue a medrar a precariedade e a pobreza laboral e continúa a perda de poder adquisitivo da clase traballadora galega.

As novas formas de explotación laboral introducidas coas reformas laborais están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e un incremento das discriminacións de xénero, ao que se lle suma o desmantelamento da nosa industria, os ERE, os peches e a deslocalización de empresas.

O Goberno español do PSOE demostrou que non tivo intención real de cambiar as políticas impostas polo PP, mantén basicamente o modelo económico e de relacións laborais nacido das reformas laborais aprobadas no 2010 e no 2013, e que ten significado un verdadeiro “golpe de Estado “aos dereitos laborais, sociais, da negociación colectiva, das liberdades públicas e do sistema público de pensións.

Discurso fraudulento do PP

Nesta situación, o presidente da Xunta de Galiza, disfrazado nun discurso fraudulentamente crítico contra o Goberno de Madrid, está a demostrar, coas súas accións, que non ten vontade de facer nada para evitar o dano que están a provocar as políticas neoliberais nin para frear a grave emerxencia nacional e social que atravesamos en Galiza.
Máis ben ao contrario, é un Goberno pasivo, cando non protagonista, na aprobación de duras políticas en favor das multinacionais e dos fondos de inversión, ben sexa promovendo privatizacións e recortes nos servizos públicos ou ben facilitando o expolio dos nosos recursos enerxéticos e naturais en favor do emprego e da industria doutros territorios, mentres en Galiza a perda de emprego e a constante emigración, especialmente da nosa mocidade, están á orde do día.

Un Goberno do PP que renega de actuar en defensa do pobo galego, que non ten vontade algunha para tomar iniciativas a favor da creación de emprego digno na nosa terra, do desenvolvemento económico, industrial e social de Galiza. Son tempos de acción e mobilización!!!

Tomar a iniciativa

Temos a responsabilidade de tomar iniciativas, como as das moitas loitas que estamos a vivir; a do pasado 8 de Marzo; as do sector das ambulancias e da sanidade pública; a do persoal de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal; e na defensa dunhas pensións públicas dignas.
Este 1º de Maio afrontámolo nun momento de incerteza política, no que as próximas convocatorias electorais son unha oportunidade para cambiar esta realidade, pero as posibilidades de avanzar en dereitos laborais e sociais van depender de que creamos nas nosas propias capacidades colectivas como clase traballadora e como pobo galego.

Forzas propias

De igual maneira que os e as traballadores e traballadoras apostamos maioritariamente polo sindicalismo nacionalista e de clase, nestas eleccións políticas non podemos ter medo, nen caer nos enganos de que as solucións chegarán por concesión dun poder político que está ao servizo do capital ou dunhas forzas políticas españolas, incluídas as de esquerda, que nas súas prácticas diarias vemos como aproban leis que rouban e saquean á maioría do pobo galego, facilitando a concentración da riqueza en mans duns poucos e en territorios lonxe de Galiza.

Temos que ser conscientes de que as saídas para o noso futuro pasan por apostar por forzas políticas propias, autenticamente galegas, nacionalistas e de esquerdas, de teoría e de acción, que defendan os nosos intereses como clase traballadora galega, sen complexos de ningún tipo e sen submisións a Madrid.

Dende a CIG temos claro que está moito en xogo!!! A recuperación dos dereitos para poder avanzar virá da capacidade de nos organizar e mobilizar socialmente, de intensificar a loita obreira e popular, porque é dende onde debemos seguir dando resposta para forzar os cambios necesarios para conquistar políticas alternativas coas que en Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas.

LUGAR E HORA DAS MOBILIZACIÓNS
  • Vigo: 12:00 h. A Dobrada.
  • Ferrol: 12:00 h. Avenidad de Esteiro.
  • Pontevedra: 12:00 h. Praza da Ferrería.
  • Vilagarcía: 12:00 h. Casa do Mar.
  • A Coruña: 12:00 h. Praza de Vigo.
  • A Estrada: 12:00 h. Praza do Mercado.
  • Santiago: 12:30 h. Praza Roxa.
  • Ribeira: 12:00 h. Praza do Peixe.
  • Ourense: 11:30 h. Praza Maior.
  • Cee: 12:00 h. Diante do Concello.
  • Lugo: 12:00 h. Edificio Sindical.
  • San Cibrao: 12:00 h. Casa do Mar.
  • Cangas: 18:30 h. Diante do Concello.


Unha mutua condenada a pagar 12.400 euros a unha clínica privada que atendeu un accidente laboral



A Audiencia desestimou o recurso de apelación presentado pola mutua, que rexeitaba facerse cargo dos custos porque alegaba que o home podía ter sido trasladado ao hospital público de Can Misses e sostiña que permaneceu no centro privado por vontade propia, extremos que o Tribunal non considera acreditados. A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Baleares condenou a unha mutua colaboradora coa Seguridade Social a pagar máis de 12.400 euros a unha clínica privada de Ibiza pola atención prestada a un home que sufrira un accidente laboral.

A Audiencia desestimou o recurso de apelación presentado pola mutua, que rexeitaba facerse cargo dos custos porque alegaba que o home podía ter sido trasladado ao hospital público de Can Misses e sostiña que permaneceu no centro privado por vontade propia, extremos que o Tribunal non considera acreditados.

O accidente aconteceu en decembro de 2014, cando o home sufriu unha caída en altura, lesionouse e foi trasladado en ambulancia. Segundo consta no informe de urxencias da clínica privada, o traballador sufriu un politraumatismo, presentaba lesións no tórax e o abdome e sospeitábase de que puidese ter unha fractura craneal, polo que foi ingresado na UCI.

Un dos médicos da clínica explicou que non era aconsellable o traslado a Can Misses. Así mesmo, outra empregada sinalou que en Ibiza os accidentados laborais trasládanse á clínica privada porque esta ten un convenio coas mutuas laborais, pero precisamente non coa demandante. Así, apuntou que a ambulancia puido decidir trasladar ao home á clínica por este motivo ou porque a empresa para a que traballaba o paciente así llo indicase.

A mutua acusaba á clínica de esaxerar a gravidade das lesións con obxectivo de poder facturar os seus servizos e consideraba que podería ser trasladado dende o primeiro momento a Can Misses.

Neste senso, os maxistrados consideran que non pode afirmarse que non houbese urxencia vital, porque as probas médicas reflectiron unha "moi dubidosa imaxe" de posible fractura non desprazada do óso temporal dereito, así como "dubidosos focos hemorrágicos" no córtex frontal dereito, cuxa evolución debía avaliarse en 24 horas.

Así mesmo, a Sala determina que a clínica privada "non ten por que aterse aos prezos da sanidade pública".

Fonte: Mallorcadiario


No estado español as mulleres sofren unha das maiores desigualdades laborais de xénero de todo o mundo desenvolto





O índice que é elaborado dende hai uns anos pola consultora PwC, sitúa ao estado español no posto 28 entre un total de 33 países da OCDE en materia de igualdade laboral de xénero, estando máis discriminadas as mulleres soamente en Italia, Chile, Grecia, México e Corea

Así é, o “Women  in  work  index” que actualiza dende hai 7 anos a consultora  PwC, traballa con cinco variables para marcar a posición que ocupan os países da OCDE na clasificación da igualdade laboral das mulleres en relación aos homes.

 Estas variables son:

a) A diferenza de ingresos, que  pondera un 25%.
b)  A porcentaxe da participación da muller no mundo laboral, que pondera outro 25%,
b)  As diferenzas de xénero na participación no emprego, que pondera un 20%.
c) O nivel de desemprego feminino, que pondera un 20%.
d) A porcentaxe de mulleres que traballan a tempo completo, que pondera un 10%.

O Estado español destaca negativamente situándose no posto 28 da clasificación entre un total de 33 estados, quedando detrás soamente de Italia, Chile, Grecia, México e Corea do Sur,  non conseguindo avanzar un só posto dende o ano anterior. Os datos cos que traballou a consultora corresponden a 2016 e 2017.

A desigualdade salarial por razóns de xénero no Estado español practicamente non se corrixiu nada nos últimos 17 anos, situándose preto do 15%, a pesares de terse aumentado case en 20 puntos o acceso das mulleres ao mundo laboral nese período, superando agora claramente o 70%.

 A variable con peor puntuación no caso de Estado español, só superada por Grecia, é a do desemprego feminino, lixeiramente por baixo dun significativo 20%.

O estudo tamén revela que os cinco mellores países para traballar unha muller, son aqueles nos que menos se discrimina ás mulleres respecto dos homes, isto é:  Islandia, Suecia, Nova Zelandia, Eslovenia e Noruega.

Os autores do estudo, cuxo texto completo achégase ao final desta nova, destacan que o pouco progreso acadado en materia igualdade nestes dous últimos anos estudados, explícase a unha pequena redución media da diferenza salarial e tamén a unha certa caída do desemprego, mais no resto de variables apenas se produciron cambios. As puntuacións a longo prazo poderán mellorar basicamente pola maior participación feminina na forza laboral, que reducirá o diferencial e o nivel de desemprego.

Nesta importantísima materia de igualdade, non só está en xogo o dereito fundamental á igualdade de xénero, senón tamén a necesidade de avanzar polo enorme beneficio económico que en si mesma xera a igualdade. Segundo o informe, se todos os países da OCDE conseguisen igualar o nivel de desemprego feminino de Suecia, as ganancias para o Produto Interior Bruto (PIB) do total dos países analizados, superaría os 6 billóns de dólares, e así mesmo, eliminar as diferenzas salariais por discriminación de xénero incrementaría os ingresos para as mulleres en máis de 2 billóns.

Aínda que China e India non figuran na clasificación deste informe por non ser membros da OCDE, o estudo si realizou en cambio unha prospección que nos indica que China estaría dous postos por enriba do Estado español, mentres que a India ocuparía o último lugar debido a que ten o maior diferencial de salarios (36%), e unha moi baixa participación da muller no mundo laboral (9%). Se a India avanzara ata o 69% de participación laboral da muller que ostenta Suecia, o PIB da India aumentaría un 79%.

Por outra banda, Estados Unidos, a gran potencia económica mundial, sae retratada negativamente no estudo, ao ser o país que dende o ano 2000 retrocedeu máis postos no ranquing de igualdade de xénero, pasando do noveno posto  ao 23.

Ligazón ao informe: “Women in  work  index 2019

Fonte: lacelosia.com


Un 28 de abril na defensa dos nosos dereitos e da nosa saúde como traballadores/as e como galegos/as


O 28 de abril é a data estabelecida pola OIT e elixida polo movemento sindical mundial para render homenaxe aos traballadores e traballadoras vítimas dos accidentes de traballo e as enfermidades profesionais.

Sen dúbida na celebración deste ano 2019, dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) non podemos deixar de reivindicar se cabe esta vez con maior forza que nunca, a necesidade de abordar con determinación a loita pola recuperación dos dereitos laborais de todos os/as traballadores/as galegos/as, logo dun nefasto período de Goberno do PP no que a maiores dunha descomunal e extensa práctica de corrupción nas políticas públicas, se impuxeron dun xeito antisocial e cruel políticas económicas, laborais e sociais destinadas a destruír e eliminar importantes dereitos fundamentais das clases traballadoras, estendendo por doquier a pobreza, a inxustiza, a represión e a desigualdade.

A precarización laboral, a temporalización, os baixos salarios, as sobrecargas de traballo, a falla de garantías xurídicas, a indefensión antes os empresarios, as horas extras non pagadas, os contratos fraudulentos, a limitación da negociación colectiva ou a minimización e desvalorización da seguridade e a saúde laboral, forman parte entre outras moitas consecuencias, da aplicación dunha reforma laboral neoliberal despótica e antisocial, destinada literalmente a escravizar e empobrecer ao conxunto da clase traballadora e a favorecer a unha minoría empresarial e capitalista, ávida sen límites de ningunha clase de riqueza e de poder.

Así as cousas, faise necesario e imprescindible, non só mudar aos Gobernos e aos partidos que lexislan e gobernan a favor dunha minoría social que acumula inxustamente mediante o “roubo legal” ou mesmo “ilegal” a maior parte da riqueza en contra dos intereses e os dereitos da gran maioría social traballadora, senón que sobre todo, faise necesario mudar o tipo de políticas que se fan dende os Gobernos “democráticos” para que dunha vez por todas sirvan honesta e lealmente aos intereses e necesidades reais da maioría do pobo galego. Políticas económicas, fiscais, sociais e laborais que redistribúan a riqueza, que velen polo noso desenvolvemento económico, que afonden na xustiza social e que establezan un marco galego de relacións laborais propio, vinculado á nosa realidade nacional como País e como sociedade. Políticas que defendan a nosa identidade, o desenvolvemento sostible e equilibrado da nosa economía e o noso territorio, que defendan o noso patrimonio histórico, lingüístico e cultural e persigan como obxectivo fundamental elevar a calidade de vida da nosa xente asegurando unhas condicións de traballo realmente dignas e seguras para todos os nosos traballadores/as.

A estas alturas a ninguén se lle escapa que como consecuencia da reforma laboral e a brutal e inxusta imposición por parte do PP de políticas neoliberais extremas, as condicións de seguridade e saúde laboral nas empresas se ten deteriorado dun xeito altamente preocupante, incrementándose de maneira constante tanto o número de accidentes laborais como a súa gravidade sen que até agora se teña producido unha actuación política eficaz e decidida por parte do PP na Xunta de Galicia nin do PSOE no Estado para reverter esta escalada de sinistralidade.

Hoxe máis que nunca cumpre ser consecuentes e actuar con contundencia na defensa dos nosos dereitos, a nosa saúde e a nosa dignidade, como traballadores/as e como galegos/as.
Acadar unhas condicións de traballo dignas e seguras na nosa terra, constitúe un obxectivo irrenunciable e prioritario no marco da nosa acción sindical. Sen loita, sen implicación e sen mobilización non hai xustiza nin recompensa. Pola defensa dos teus dereitos, loita con nós, loita coa Confederación Intersindical Galega.

Francisco Xabier Cartelle Pérez
Secretario Confederal de Saúde Laboral


Prevención de riscos psicosociais no coidado das persoas con dependencia

O ISSGA pon a disposición este documento no que se indican os riscos para a saúde e o benestar emocional que se dan no traballo cotiá do persoal traballador que atende a persoas dependentes.


25/04/19

Hoxe ás 19:30 h Asemblea informativa no CFO

Lembra que hoxe ás 19:30 h a CIG convoca aos traballadores e traballadoras a unha asemblea informativa sobre a Relación de Postos de Traballo. 

Explicaremos as principais liñas e obxectivos do documento que o goberno municipal acordou con CSIF e CCOO, os motivos do rexeitamento da CIG, as posibles consecuencias da súa aprobación e as posibilidades de alegacións individuais e colectivas. 

Así mesmo, estamos a ter diversas reunións cos partidos da oposición e comentaremos a postura que estes nos transmiten no caso de que o documento se someta a aprobación plenaria, tal e como é preceptivo.

Finalmente, falaremos de posibles vías de negociación colectiva de cara ao futuro e para continuarmos traballando na equiparación salarial da totalidade do persoal que traballa no Concello de Betanzos e para eliminar as discriminacións existentes e que o goberno municipal e os sindicatos CSIF e CCOO pretenden perpetuar con esta Relación de Postos de Traballo.

11/04/19

Datos sobre a RPT acordada con CSIF e CCOO

A pesar de que seguimos sen saber cando irá ao pleno para a súa aprobación, a empresa contratada para a elaboración do documento comentou na Mesa Xeral de Negociación algúns datos relacionados co documento sobre os que cómpre reflexionar, así como algunhas outras cuestións ben relevantes.

Seica a RPT lle vai custar ao Concello de Betanzos 300000 euros, dos cales 33000 van destinados aos postos do persoal laboral, o que supón que 267 000 euros da mellora salarial van destinados ao persoal funcionario. Ademais, indicou que dará lugar á creación de 6 complementos persoais transitorios, polo que só serían 6 os funcionarios e funcionarias que na actualidade teñen unha valoración do complemento específico maior á que terían logo da entrada en vigor do documento.

Se temos en conta que cando se negociou o convenio colectivo falábase de que a súa aplicación custaría arredor de 60 000 euros,  cando menos eses son os datos que o goberno municipal lle dera aos representantes dos traballadores, as contas están claras. O goberno do PSOE en catro anos pretende destinar ao persoal laboral, que é case o dobre que o funcionariado, 93 000 euros, e ao outro colectivo 267 000 euros. A situación complícase se temos en conta a situación salarial actual:


FUNCIONARIO
LABORAL
DIFERENZA APROXIMADA
A1
I
-27%
A2
II
-30%
C1
III
-24%
C2
IV
-18%
AP
V
-24%

O goberno do PSOE obvia que na actualidade os traballadores laborais cobran entre un 30% e un 18% menos que o funcionariado do mesmo grupo (comparando o CE máis baixo de cada grupo) e incide na discriminación ao non valorar en igualdade de condicións os postos ocupados por un ou outro colectivo e que dá lugar a gravísimas diferenzas salariais entre traballadores que realizan o mesmo traballo, como as que seguen:


POSTO RELACIÓN FUNCIÓNS SALARIO BASE NIVEL C.
DESTINO
PUNTOS
RPT
C.
ESPECÍFICO
TOTAL DIFERENZA
OPERARIO LIMPEZA VIARIA FUNCIONARIAL IDÉNTICAS 8149 13 4192,32 34,5 4830 17171,32

OPERARIO LIMPEZA VIARIA LABORAL
FIXO
IDÉNTICAS 8149 7 2697,1 25,2 3528 14367,1 -2804,22

A situación é aínda máis grave se temos en conta que o operario de limpeza discriminado con respecto ao seu homónimo funcionario leva case corenta anos traballando no Concello de Betanzos e sen poder acceder a un proceso de funcionarización. Por tanto, o goberno municipal non só discrimina ao persoal laboral, senón que o castiga por unha pésima xestión municipal que impediu a funcionarización mesmo de traballadores fixos e que agora lles vai repercutir no salario grazas ao acordo do PSOE, CCOO e CSIF.

Un outro dato que non carece de importancia, é que cando a CIG asinou o Convenio colectivo, a mellora salarial para os traballadores laborais non supuxo ningunha discriminación para o funcionariado, mais o acordo ao que chegaron CCOO e CSIF tira beneficio para os postos do persoal funcionario, a custas de afundir a valoración do persoal laboral, e iso si que resulta lamentable cando a totalidade do persoal traballamos cos mesmos condicionantes no día a día, independentemente da relación laboral ou funcionarial. Xa non é, pois, só o propio goberno municipal, os representantes sindicais do funcionariado buscaron un acordo en beneficio deles sen importarlle nun só momento a realidade da situacións dos laborais, nin a situación na que fica o resto do persoal

A mutua FREMAP condenada por non diagnosticar nin tratar a rotura do tendón de Aquiles dun traballador



Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, confirma que houbo un retraso diagnóstico imputable ao persoal de Fremap que atendeu ao traballador lesionado. Polo que confirma a condena para indemnizar ao paciente nos danos e prexuízos sufridos polo mesmo como consecuencia do retraso diagnóstico

Un traballador autónomo da cidade de Barcelona sufriu un accidente laboral ao caer dunha escaleira en febreiro do 2012. Foi atendido pola súa Mutua Laboral que neste caso era Fremap que tras diagnosticarlle unha lesión maléolo tibial inmobilizoulle a perna.

O Defensor do Paciente denuncia que debido a unha exploración e un diagnóstico deficiente pasou desapercibida a rotura do tendón de Aquiles que sufría. Non foi ata xuño do 2012, e pola insistencia do paciente, que se lle realizou unha RNM que obxectivou a lesión do tendón.

O retraso no diagnóstico propiciou que o estado dos extremos rotos do tendón estivesen en tan mal estado, polo tempo transcorrido sen tratamento, que foron necesarias dúas cirurxías, consistindo a última na colocación dunha ancoraxe para unir os extremos rotos do tendón.

Respecto diso, o Xulgado do Contencioso nº 3 de Barcelona confirmou as pretensións que formulou a letrada Luisa Branco Delgado, dos Servizos Xurídicos da Asociación ‘O Defensor do Paciente’, indicando literalmente na sentenza de primeira instancia que: “… o retraso no diagnóstico provocou, como se probou, un tratamento incorrecto e prexudicial para a lesión xa que provocou a retracción dos extremos do tendón roto”

A Sentenza foi recorrida pola demandada Fremap, e resolveuse mediante a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, que confirma que houbo un retraso diagnóstico imputable ao persoal de Fremap que atendeu ao traballador lesionado. Polo que confirma a condena para indemnizar ao paciente nos danos e prexuízos sufridos polo mesmo como consecuencia do retraso diagnóstico, que non se cuantificou nas Sentenzas por tratarse dunha demanda de contía indeterminada.

Tras dúas sentenzas favorables, a letrada do traballador tivo que reclamar extraxudicialmente a Fremap para que cumprise coa súa obriga legal de indemnizar ao lesionado, e non foi ata finais do ano 2018 que Fremap consignoulle ao lesionado a indemnización estabelecida por unha cantidade total de 50.000 euros.
Fonte: Consalud

Concesión das axudas sociais 2018

Na Mesa Xeral de Negociación saiu adiante a proposta de reparto presentada polo Goberno municipal co voto a favor de todos os sindicatos. Esta decisión supón, que, en principio, estas axudas deberán pagarse coa nómina do mes de abril, tal e como indican as propias bases da convocatoria.

Non obstante, a CIG reiterou o que xa lle manifestara ao concelleiro de Persoal, con respecto a esta cuestión, que se está a incumprir o Convenio colectivo e que a partida orzamentaria debería incluír as subas dos incrementos da Lei de orzamentos do Estado dos anos 2015, 2016, 2017 e 2018, é dicir, desde o momento en que se asinou o Convenio colectivo do Persoal Laboral e o Acordo do funcionariado. Isto redundaría en beneficio dos traballadores xa que na actualidade a partida orzamentaria é insuficiente e produciuse unha redución proporcional no reparto destas.

Así mesmo, a CIG indicou que non se debería vulnerar o procedemento administrativo e no caso das axudas denegadas cumpriría comunicarllo aos traballadores afectador e darlles un prazo para posibles correccións de erros. O Concello indicou que as reclamacións poderían facelas unha vez pagadas as axudas.

MODIFICACIÓNS DO R.D. 6/2019. DEREITOS CONCILIACIÓN 2019

MODIFICACIÓNS DO R.D. 6/2019 
DEREITOS CONCILIACIÓN 2019* 
*Os permisos recollidos son os que estarán en vigor para o ano 2019. A comezos de 2020 algúns aumentarán de duración 

PERMISO PARA O COIDADO DO/A LACTANTE  (ANTES LACTACIÓN) 
Quen?

Pai e nai de crianzas menores de 9 meses NON É TRANSFERIBLE 

Como/ Cando?

1 hora diaria de ausencia do posto de traballo, que poderá fraccionarse. 
½ hora de redución ao comezo ou ao final da xornada. 
Acumulación en xornadas Completas Despois dos 9 meses poderase optar por unha redución de ½ hora ate os 12 meses por este mesmo motivo que vai suxeita á prestación recollida ao final deste cadro. 

PERMISO PARA A PERSOA DIFERENTE Á NAI BIOLÓXICA (ANTES PATERNIDADE) 

Quen?

Proxenitor ou proxenitora diferentes á nai biolóxica 

Como/ Cando?

 8 semanas das que, polo menos, 2, serán desfrutadas despois do nacemento. 
As seis semanas restantes poden desfrutarse en períodos semanais ate que a crianza teña 12 meses. 
A nai poderá ceder até 4 semanas de suspensión. 

PERMISOS POR ADOPCIÓN OU ACOLLEMENTO 

Quen?

Cada persoa adoptante, gardadora ou acolledora 6 semanas de desfrute obrigatorio para cada persoa proxenitora 

Como/ Cando?

Até 12 semanas a desfrutar de xeito ininterrompido dentro dos 12 meses desde o feito causante. Destas 12 semanas, a mesma persoa só poderá coller ate 10 semanas, quedando as outras 2 a disposición da/o outro/a proxenitor/a. 

ADAPTACIÓN HORARIA 

Quen?

Persoas con fillas ou fillos menores de 12 anos 

Como/ Cando?

Dereito a solicitar a adaptación da ordenación do tempo de traballo para poder conciliar. 
Estas adaptación teñen que ser razoables e proporcionadas ás necesidades. 
Tras a solicitude, abrirase coa empresa un proceso de negociación que pode durar un máximo de 30 días. 
Tras este período, a empresa aceptará, proporá unha alternativa ou negará a solicitude. 
No caso de non aceptala, indicará as razóns obxectivas nas que se sustenta esta decisión.

EXERCIZO CORRESPONSÁBEL DO COIDADO LACTANTE. Nova prestación 

Quen?

Proxenitor e proxenitora de crianzas de entre 9 meses e 12 meses 

Como/ Cando?

Prestación da seguridade social que se lle dá as persoas que reduzan a xornada de traballo por lactación de menor de 12 meses, a partir dos 9 meses. 
REQUISITO: Que sexan as dúas persoas proxenitoras as que reduzan a xornada.

09/04/19

Asemblea informativa sobre a RPT o próximo 25 de abril


A CIG CONVOCA UNHA REUNIÓN INFORMATIVA ABERTA A TODO O PERSOAL, LABORAL E FUNCIONARIO, O PRÓXIMO XOVES 25 DE ABRIL NO CENTRO DE FORMACIÓN OCUPACIONAL.

O ESPAZO FOI SOLICITADO E TAMÉN SE LLE COMUNICOU AO CONCELLO A XUNTANZA E ESTAMOS Á ESPERA DE AUTORIZACIÓN. 

NA REUNIÓN EXPLICAREMOS COMO FOI O PROCESO DE NEGOCIACIÓN DA RPT, OS MOTIVOS DO REXEITAMENTO DO TEXTO DA CIG E MAIS OS PASOS A SEGUIR DE AQUÍ EN DIANTE DURANTE O PROCESO DE TRAMITACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO.

ASÍ MESMO, FALAREMOS DOUTROS TEMAS DE PERSOAL, ASÍ COMO DA ÚLTIMA REUNIÓN QUE TIVEMOS COA ALCALDESA A PASADA SEMANA.

AGARDAMOS A PRESENZA E PARTICIPACIÓN DO PERSOAL E ANIMAMOS A TODOS OS TRABALLADORES A ASISTIR PARA POÑERMOS EN COMÚN AS NOSAS PREOCUPACIÓNS SOBRE OS TEMAS LABORAIS E TENTAR BUSCAR PROPOSTAS DE MELLORA DA SITUACIÓN ACTUAL.

O goberno municipal levará ao pleno unha RPT que non aprobou a maioría social da Mesa de Negociación

O goberno municipal acordou bilateralmente co CSIF e CCOO unha RPT que levará ao pleno municipal para a aprobación inicial. A proposta foi rexeitada pola maioría social da Mesa Xeral de Negociación, composta pola CIG e UGT.

A CIG amosou a súa postura e explicou os motivos de rexeitamento do texto, e que foron os seguintes:

Non respecta as sentenzas xudiciais de indefinición do persoal laboral para a creación dos postos, nin incorpora a totalidade destas.

Non incorpora o 82% das prazas na actualidade ocupadas por persoal laboral, polo que esta RPT é posible que supoña a maior desorganización que nunca tivo este Concello, xa que regula exclusivamente o 48% dos postos do Concello de Betanzos, e deixa fóra do organigrama ao 52%. Así mesmo, elimina postos de traballo.

O documento ten diversos erros e fai referencia a postos non descritos nin contemplados no organigrama. Tampouco coincide, en ocasións, a puntuación das táboas coa das fichas descritivas dos postos.

O goberno utiliza o criterio da non validez da RPT do ano 2008 ao seu antollo e en contra dos postos de laborais, xa que, tal e como nos confirmou na propia Mesa, na Xunta de Goberno Local do 28 de marzo vén de recoñecerlle a unha funcionaria un complemento de destino do nivel que vén reflectido na RPT de 2008 coa estimación dunha reclamación patrimonial polos atrasos salariais, por tanto, a RPT  do ano 2008 é válida para estimar reclamacións salariais do funcionariado.

Esta RPT agrava as discriminacións salariais entre o persoal laboral e o funcionariado e non aplica un sistema de valoración equitativo para a totalidade dos postos de traballo. Non valora igual postos iguais simplemente pola relación laboral ou funcionarial.

A valoración incorpora un factor discrecional na valoración do complemento específico e o resto dos factores non se aplican á totalidade dos postos.

Carece dunhas normas de xestión e da definición dos conceptos e dos distintos niveis, que non aparece xustificada.

Incumpre o artigo 79 do Convenio colectivo que indica que o persoal comprendido no ámbito de aplicación do convenio ocupará postos de traballo na correspondente relación e que esta incluirá os correspondentes a todo o cadro de persoal funcionario e laboral.

Supón unha rebaixa salarial con respecto ao Convenio colectivo vixente para o persoal laboral, especialmente nos postos dos grupos máis baixos e un incumprimento do acordo de progresiva equiparación co funcionariado acadado no ano 2015 e que tivo como primeiro paso o acordo do Convenio colectivo. 

A CIG trasladaralle aos partidos da oposición a súa postura para rexeitar este documento e solicitará unha reunión nas vindeiras semanas para lle explicar os motivos polos que considera esta RPT inxusta, discriminatoria e desreguladora.

Así mesmo, trasladaralle aos traballadores laborais a Relación de Postos de Traballo acordada polo goberno municipal do PSOE con CCOO e CSIF e os informará sobre a situación laboral no caso de que este documento finalmente se chegue aprobar de xeito inicial no Pleno da corporación.


O goberno municipal someterá mañá a aprobación unha RPT pode supor a maior brecha histórica entre o persoal laboral e o funcionariado

O goberno municipal do PSOE segue adiante coa primeira RPT do Concello de Betanzos que pretende excluír o 82% dos postos do persoal laboral e o 52% da totalidade dos postos de traballo do Concello de Betanzos.

No caso de se aprobar este documento suporá a maior desregularización existente ata o momento e a aplicación dun organigrama que lle afectará a menos da metade do persoal do Concello. 

O peor de todo é que o goberno do PSOE pretende levar adiante este documento, de continuar as posturas previas dos sindicatos, co apoio do minoritario 37% da parte da social da mesa, composto polos sindicatos CCOO e CSIF, fronte ao restante 63% que lles corresponde a CIG e UGT. Non hai que esquecer que a maioría do persoal deste Concello, é persoal laboral, representado por estes sindicatos, e que sae gravemente prexudicado pola non incorporación dos postos, así como pola clara discriminación na valoración destes.

O goberno de María Barral incumpre con esta negociación os acordos adoptados co persoal laboral desde hai seis anos, que prometían comezar un proceso de equiparación de salarios co funcionariado e o propio convenio colectivo vixente, no que se fan expresas referencias á Relación de Postos de Traballo e que indica no artigo 79 o seguinte:

O persoal comprendido no ámbito de aplicación deste Convenio ocupará postos de traballo, singularizados ou non singularizados, de acordo coa correspondente relación. 

A relación de postos de traballo incluirá os correspondentes a todo o cadro de persoal funcionario e laboral, así como os que haxa que dotar a través da correspondente oferta de emprego. 

Igualmente, a Relación de Postos de Traballo determinará a forma de provisión e acceso aos postos singularizados nela  determinados.

Isto supón que a aprobación desta RPT sen a totalidade dos postos suporá un incumprimento do convenio colectivo vixente que a CIG denunciará ante os organismos pertinentes, para alén das posibles alegacións e recursos que o documento poida ter no caso de se aprobar tal e como o propoñen.

Reunión coa alcaldesa

A pasada semana, logo dun mes agardando, os representantes da CIG tiveron unha reunión coa alcaldesa na que trataron, entre outros, estes temas:

1. Falta de respecto ás decisións dos aos órganos negociación colectiva

2. Situación actual de salarios

3. Exclusión do persoal laboral da nova Relación de Postos de Traballo

4. Falta de persoal

5. Discriminacións entre o persoal

6. Incumprimento do acordo de flexibilización do horario

7. Horas extraordinarias

8. Problemas na Escola Infantil Municipal

9. Problemas coas vacacións do persoal de axuda no fogar

10. Discriminacións nas revisións médicas


11. Outros problemas pendentes

A CIG trasladoulle o seu malestar porque despois de moitas reunións mensuais co concelleiro de Persoal ao longo destes anos non só non deu resposta a moitos dos problemas existentes, que claramente non ten intención de solucionar, senón que lle manifestamos a nosa discrepancia cos tempos de negociación que marca o goberno municipal, sempre apegados ás propias eleccións locais, con présas e problemas, cando se poderían levar a cabo ao longo de catro anos demoradamente e de xeito máis reflexionado.

En concreto, e aínda con descoñecemento se finalmente o goberno aceptará a proposta de modificación do convenio colectivo, non ten xeito ningún que durante dous anos o concelleiro de persoal poña mil e unha trabas para levar adiante os acordos que toma cos representantes dos traballadores, para que agora, a dous meses das eleccións locais amose unha vontade negociadora que claramente non se corresponde coa que tivo nos últimos catro, onde non foi quen de dar un paso adiante e continuar coa igualación de salarios entre o persoal laboral e funcionario.

Para alén dos temas concretos que se trataron na reunión e aínda que, nun principio, valoramos esta de xeito positivo, a posterior convocatoria da reunión para a aprobación dunha RPT que abre unha brecha aínda máis fonda entre os salarios do persoal laboral e do funcionariado, e que regula exclusivamente os postos do 48% da totalidade do persoal que traballa no Concello de Betanzos e deixa fóra o 82% dos postos do persoal laboral, supuxo unha reafirmación do que xa hai tempo nos viñan comentando varios traballadores, que as boas palabras deste goberno, especialmente da alcaldesa, non se traducen nos feitos necesarios para afrontar as discriminacións, senón, pola contra, tradúcense nunha política de Persoal, cuxa máxima responsable é a propia alcaldesa, María Barral, que afonda nas discriminacións entre os traballadores e non busca solucións para os problemas que se suceden derivados da pésima xestión desta área. 


Concentración no SEPE para esixir que lle recoñeza ao persoal do GES de Guitiriz o dereito a cobrar o paro


"O Concello aplica un ERTE ilegal e os únicos prexudicados son os traballadores/as"

A CIG continuou este xoves as mobilizacións en defensa dos dereitos das e dos traballadores do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) de Guitiriz afectados por un ERE temporal pero a quen o Servizo Público de Emprego non lles recoñece a prestación por desemprego por entender que o expediente é manifestamente ilegal.

Con esta concentración, explica o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, quérese demandar do SEPE que lle recoñeza os traballadores e traballadoras o dereito a cobrar o paro, posto que a súa negativa "déixaos nunha situación absolutamente precaria e de indefensión". Aproveitando a protesta, solicitouse unha reunión coa directora provincial do organismo quen reiterou que as Administracións públicas non poden aplicar un ERE ao amparo do artigo 47 do Estatuto de Traballadores/as, e por iso entende que o expediente é nulo e que este persoal non está en situación de desemprego.

Neste senso, Neto apunta que, aínda compartindo o parecer do SEPE sobre a ilegalidade da regulación executada polo Concello de Guitiriz, hai un feito obxectivo: aos traballadores/as aplicóuselles un ERE temporal e están involuntariamente nesta situación, tal e como así o acreditan as demandas presentadas no xulgado do Social.

Pero ademais, o secretario de Organización da CIG de Lugo lembra que non é competencia do SEPE determinar a nulidade ou non do expediente de regulación, senón da xustiza, polo que "a Dirección Provincial do SEPE estase excedendo nas súas funcións. Ao noso entender o que debería facer é recoñecerlle o dereito a percibir o paro a este persoal, que ten o contrato suspendido dende o pasado 30 de xaneiro, e logo pasarlle a correspondente liquidación ao Concello".

Indefensión da clase traballadora ante os abusos das Administracións

Para Neto "este caso demostra ás claras cal é o nivel de indefensión das traballadoras e traballadoras ante os abusos das Administración, xa que tanto a Inspección de Traballo como o SEPE recoñecen a nulidade do ERTE pero din non ter mecanismos para darlle unha saída. É máis, no caso do servizo de emprego, o único mecanismo do que dispón é prexudicar o persoal afectado denegándolle o dereito ao paro".

De feito, engade, a única solución que se lles ofrece é recorrer aos xulgados do Social que, aínda por enriba, na provincia de Lugo viven un auténtico colapso, acumulando longas demoras na resolución dos procesos, a pesar do cal o Ministerio de Xustiza negouse a autorizar a creación dun cuarto xulgado que alivie este atasco.


"O Concello de Guitiriz executa un ERTE ilegal e non hai lexislación que ampare os empregados/as afectados/as. Demóstrase a precariedade que ten a clase traballadora á hora de defenderse dos abusos das administracións", asevera. Para atallar esta inxustiza, Lois Neto volveu reclamar do Concello de Guitiriz, principal responsábel desta situación, que suspenda de inmediato a execución do ERTE e dea de alta o persoal, a todos os efectos, desde a data de inicio do expediente.