30/05/14

Mentira tras mentira... e houbo que volver ao xulgado

Hai unhas semanas informábamos de que o alcalde, Ramón García, lle dixera á representante legal do persoal laboral que o goberno municipal tiña intención de pagar os 14 días que nos deben da paga do ano 2012 coa nómina do mes de maio; daquela afirmabamos que o tempo nos diría se efectivamente isto era así ou só era unha declaración de intencións que quedaría niso; hoxe afirmamos que o alcalde mentiu e que nos parece unha total e absoluta vergoña que xogue así coas esperanzas dos traballadores e traballadoras deste Concello.

Co tempo chegamos a pensar que gaña realmente o goberno municipal con enganar e manter falsas esperanzas máis que perder credibilidade como gobernantes, se non tiñan intención de pagar puidérono dicir xa en febreiro e iamos ao xulgado daquela, aínda que se así o chegamos a facer, dirían que non hai diálogo pola nosa parte cando o que non hai é vontade pola súa, neste coma noutros casos, a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos só se limita a facer o seu cometido, ese para o que foi escollido polos traballadores e traballadoras deste Concello, e se o goberno municipal non quere facer a súa parte o problema será del, que cada quen cumpra co seu, e neste caso e logo de falar ata en tres ocasións co concelleiro de Persoal e unha co alcalde do tema e agardar catro meses... houbo que volver ao xulgado.

Por parte da CIG, pois, xa solicitamos a execución sentenza e comunicámoslle ao xulgado do Social da Coruña que o Concello aínda non nos pagou dende febreiro os cartos que nos debe para que sexa este quen llo requira. Realmente resulta bastante patético a estas alturas que haxa que acudir ao xulgado para amañar o que se debería amañar de portas para dentro mais a total pasividade ante o que acontece na área de Persoal por parte do propio alcalde e materializada no que xa se pode definir como pésima xestión da súa área por parte do concelleiro de Persoal, Diego Fernández, obrígannos a tomar este tipo de medidas.


Son varios os compañeiros e compañeiras que nos preguntan por este tema, sobre todo cando se afirmara que iamos cobrar o que nos pertencía, agora fica esperar a que o xulgado faga o seu traballo, mais entre tanto animamos aos traballadores e traballadoras a que transmitan as súas queixas directamente a quen conta con responsabilidades directas no Concello e está retendo os cartos que son nosos, porque o mínimo, xa que non se fai máis que o xulgado require, é escoitar o que ten que dicir o persoal.

O vindeiro luns 2 de xuño comeza o horario de verán


Logo de que o Comite de Empresa solicitase unha aclaración ao Concello con respecto ao horario de verán para os distintos departamentos, e de que a día de hoxe non teñamos información sobre o tema puxémonos en contacto co Departamento de Persoal onde nos indicaron que a redución se realizaría no horario de anteriores anos, é dicir na última hora para a maior parte do persoal, coa excepción daqueles casos que traballan a quendas, como é a Escola infantil municipal que alternación a redución á entrada e á saída por motivos de servizos e o persoal de axuda a domicilio que debido á imposiblidade de realizar a devandita redución disporá de varios libres máis anuais, que corresponden ao cómputo da redución da xornada nos tres meses de verán.

Tamén nos indicaron que se informaría por escrito nos distintos departamentos sobre a devandita redución, mais á vista de que hoxe, 30 de maio de 2014, non temos aínda comunicación, entendemos que o Concello non foi quen de realizar un trámite tan sinxelo partindo da base de que todo o persoal presupón o que se vai facer cando as múltiples chamadas que os delegados reciben con respecto a este tema demostran que non é así. En todo caso, se o Concello non informa, nós seguirémolo facendo. Lembrade que esta redución horario realizarase entre o 1 de xuño e o 31 de agosto.

28/05/14

Convocatoria da Mesa Xeral de Funcionarios

O goberno municipal nun alarde de optimismo convocou tamén a Mesa Xeral de Funcionarios con motivo do acordo regulador para unha hora despois que a Comisión Negociadora do convenio colectivo do persoal laboral.
Xunto coa convocatoria achegouse a proposta de texto de acordo regulador de funcionarios que xa foi enviada tamén á Asesoría da CIG. A esta xuntanza asistirá a representante da CIG no Concello de Betanzos e mais o asesor da CIG de Administración Local que tentarán velar porque haxa un trato igual en situacións iguais para persoal laboral e funcionario e mais para que o Concello cumpra a legalidade vixente en todo o relativo ao persoal ao servizo desta Administración local


Convocatoria de Comisión Negociadora do convenio colectivo

Logo de case catro meses e das insistencias por parte do Comité de Empresa en que se retome a negociación do convenio (e si, levamos tres anos retomando as negociacións, que xa é difícil), o Concello vén de adiantar por correo electrónico a convocatoria da Comisión Negociadora do convenio colectivo para o vindeiro venres día 6 de xuño. Non está mal que eles tarden catro meses e a nós nos dean unha semana para estudar todo polo miúdo, entendemos perfectamente que esa é a idea do goberno municipal de que ambas partes esteamos en igualdade de condicións na mesa negociadora correspondente.

Coa convocatoria achegouse unha proposta dunha parte do convenio, entendemos que é unha parte porque faltan anexos e todo o relativo a retribucións, sobre a que cómpre facer unha primeira lectura para a que xa a enviamos á Asesoría da CIG.

Tendo en conta que este venres xa estaba convocada a reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de maio, mais como é moi posible que non estea analizado polo miúdo o texto dun día para outro, a CIG proporá unha nova reunión na vindeira semana para debater posturas no Comité de Empresa e logo levalas á Comisión Negociadora do convenio colectivo. En todo caso, reparando que polo momento tampouco observamos a primeira vista que se traten dos temas máis relevantes no texto, tentaremos seguir defendendo as propostas do texto aprobado pola asemblea de traballadores en decembro de 2012 e convocaremos asemblea de persoal cando comecen as decisións importantes e sempre, por suposto, se consultará o texto final na asemblea, antes de asinar acordo ningún co Concello.

Coma sempre ao longo de todo este proceso, se calquera traballador ou traballadora quere calquera tipo de información puntual sobre o tema pode acudir a calquera dos delegados e delegadas da CIG, e seguir a información do noso blog, no que iremos informando puntualmente e tamén publicaremos as nosas impresións unha vez que analicemos o texto polo miúdo.


Afíliate: con máis CIG ti es máis forte!

A central pon en marcha unha campaña de afiliación para consolidar e ampliar a capacidade de resposta
A CIG vén de poñer en marcha unha campaña de afiliación nunha nova aposta coa que respostar a todos os ataques que sofre a clase traballadora galega e o desmantelamento de Galiza. Con esta iniciativa preténdese consolidar e ampliar a nosa capacidade de resposta. Nos tempos que corren é vital afortalar a nosa organización sindical, que ten unha traxectoria histórica de firmeza, coherencia, insubornábel, de confronto co sistema, e constitúe unha alternativa ao sindicalismo español do pacto social e de colaboración co poder. 
Faise preciso incrementar a base afiliativa e reforzar a presenza da CIG nos centros de traballo se queremos avanzar cara a nunha saída á crise favorábel para a clase traballadora galega. Sendo máis afiliados e afiliadas na CIG temos máis forza para combater as reformas laborais, os recortes e perdas de dereitos, a destrución de emprego, o empobrecemento dos salarios, o retroceso nas condicións laborais, etc.
Con esta campaña de afiliación reforzamos a nosa independencia económica como única forma de garantir o proxecto sindical da CIG, que dende o seu nacemento dá unha resposta combativa e representa unha alternativa real ao capitalismo. A independencia económica permitiunos ser o que somos e manter a coherencia na defensa da clase traballadora galega. 
Servizos de apoio á acción sindical 
Para apoio da nosa acción sindical e para unha mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega, creamos todo un conxunto de servizos e mecanismos que podemos resumir nos seguintes:
-O departamento de servizos xurídicos, que cobre todo tipo de asesoramento e defensa en casos de despedimentos, reclamación de cantidades, vacacións, xornada laboral, pensións, prestacións por desemprego, etc, sendo totalmente gratuíto este servizo a partir de levar cinco anos afiliado/a. 
-Os departamentos de asesoramento económico, laboral e de igualdade, que cobren todo tipo de asesoramento en materia de informes para ERES, descolgues de convenios, economía social, plans e políticas de igualdade e conciliación, informes sobre novas ordes, decretos ou leis, etc. Totalmente gratuíto.
-O departamento de formación profesional, que a través dun convenio coa fundación FORGA leva anos impartindo cursos de formación, nos nosos propios centros, nos que se formaron miles de traballadores/as, con fondos públicos e de forma totalmente gratuíta.
-O Plan de Axuda Alimentaria Solidario da CIG, creado nos últimos tempos coas achegas solidarias da afiliación para dar apoio a todos aqueles afiliados/as que como consecuencia da crise teñen dificultades para poder cubrir as necesidades máis básicas de alimentación. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo este servizo de axuda á afiliación. 
-A Caixa de Resistencia, de apoio en caso de folga, posibilitando que os afiliados/as, que levan máis de tres meses de afiliación á central sindical, poidan cobrar até o equivalente do salario mínimo interprofesional, a partir do cuarto día de folga, este incluído, compensando así unha parte importante do salario perdido como consecuencia da folga. Este mecanismo tenlle servido até hoxe a moitos compañeiros/as afiliados/as para aguantaren a folga na súa empresa e permitirlle así gañar o conflito fronte á patronal. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo este servizo de apoio á afiliación. 
Para informarte e afiliarte 
-Ponte en contacto coa representación sindical da CIG no Concello.
-Chama por teléfono ou envía un correo electrónico ao local da CIG máis próximo ao teu enderezo.
-Descarga a folla de afiliación da páxina web da CIG, cúbrea e envíaa ao local da CIG ou entrégalla á representación sindical da CIG no teu centro de traballo.





Bases para a contratación temporal dun ou dunha axente TIC no Concello de Betanzos

No Boletín Oficial da Provincia de onte saiu publicada a convocatoria para a contratación temporal con carácter temporal dun ou dunha axente TIC. Como vén sendo costume o Concello nin sequera informou aos representantes dos traballadores e neste caso nin sequera lle achegou unha copia das devanditas bases.
Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos estudaremos o texto polo miúdo e farémoslle ao goberno municipal as achegas que consideremos pertinentes. Si que cómpre dicir que estas bases, non sabemos porqué publicadas con tanta premura, adoecen de diversos problemas e son unha boa mostra de como neste Concello non hai quen elabore unhas bases dun proceso con sentido común e sempre somos os representantes dos traballadores os que lle temos que lembrar ao Concello a legalidade vixente en materia de contratación. Un detalle pasa porque unha das carreiras exixidas non existe, o que restrinxe estas bases a un só perfil que se podería considerar o adecuado ou non, mais o certo é que si que pode resultar estraño que se priorice a formación en educacion social fronte á formación en informática (tendo en conta a dificultade de que se presenten persoas diplomadas nunha carreira na que non hai diplomatura) para un posto relacionado coas novas tecnoloxías.
Unha vez que fagamos a valoración, no caso de considerarmos que estas bases non se adecúan á legalidade vixente trasladarémollo, coma sempre, ao goberno municipal a través do rexistro e iniciaremos os pasos que consideremos oportunos.

26/05/14

A exposición durante anos a desengraxantes, pegamentos ou pinturas prexudica á memoria

HIXIENTE

A ciencia coñecía xa os efectos adversos para a saúde que pode chegar a ocasionar pinturas e pegamentos. Agora un estudo da Escola de Saúde Pública de Harvard (EUA) sinala que as persoas que están expostas a pintura, pegamento ou fumes desengraxantes no traballo poden ter problemas de memoria e pensamento durante a vellez cando se xubilan, décadas despois da súa exposición.

"Os disolventes representan un risco real para a saúde cognitiva no presente e o futuro dos traballadores e, como a idade de xubilación aumenta, a cantidade de tempo que as persoas están expostas tamén sobe", alerta a autora do estudo, Erika L. Sabbath.
Ao subir a idade de xubilación tamén hai o o tempo que as persoas están expostas. O estudo -publicado na edición imprimida de Neurology- incluíu a 2.143 xubilados da empresa de servizo público nacional francesa, dos que se avaliou a súa exposición de por vida aos disolventes clorados e os derivados do petróleo e o benceno, incluíndo o tempo da última exposición e a dose de por vida.
Dos participantes, o 26% foron expostos ao benceno, o 33%, aos disolventes clorados e o 25%, aos derivados do petróleo. O benceno úsase para fabricar plásticos, caucho, tinguiduras, deterxentes e outros materiais sintéticos, mentres os disolventes clorados se poden encontrar nas solucións de limpeza en seco, limpeza de motores, decapantes e desengraxantes, e os disolventes derivados do petróleo se utilizan en goma das alfombras, ceras para mobles, pintura, diluínte de pintura e verniz.
Os participantes completaron oito probas de memoria e habilidades de pensamento uns dez anos despois de xubilarse, cando tiñan uns 66 anos. O 59% dos participantes presentaban deterioración en entre unha e tres das oito probas; o 23% tiña deficiencias en catro ou máis probas, e o 18% non tivo unha puntuación deficiente en ningunha.
Persoas expostas entre 12 e 30 anos mostraron deterioración en case todas as áreas cognitivas. A investigación encontrou que as persoas con alta exposición recente aos disolventes se encontraban en maior risco de déficit de memoria e de pensamento.
Por exemplo, as persoas con alta exposición recente aos disolventes clorados tiñan un 65% máis de probabilidades de presentar puntuacións deterioradas nas probas de memoria e atención visual e a conmutación de tarefas que os que non foron expostos aos disolventes. Os resultados foron os mesmos despois de ter en conta factores como o nivel de educación, a idade, o tabaquismo e o consumo de alcohol.
"As persoas con alta exposición nos últimos entre 12 e 30 anos mostraron deterioración en case todas as áreas de memoria e pensamento, incluídas as que non adoitan asociarse coa exposición a disolventes", detalla Sabbath.
Pero o que realmente chama a atención é que tamén se detectaron algúns problemas cognitivos nos que foran altamente expostos hai moito máis tempo, ata 50 anos antes da proba, o que suxire que o tempo non pode diminuír por completo o efecto da exposición a disolventes nalgunhas habilidades de memoria e cognitivas cando a exposición de por vida é alta.
Esta experta cre que os resultados poden ter implicacións nas políticas sobre os límites de exposición aos disolventes no lugar de traballo.
Fonte :Preventionworld.com

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.


De que te pode contaxiar a empresa na que traballas?

SAÚDE LABORAL

O estrés, a dependencia das novas tecnoloxías e os problemas musculares son as principais causas de absentismo no actual mercado laboral. Un bo sistema de xestión do desempeño pode evitalos.
Dores de cabeza, problemas de costas, falta de concentración e trastornos psicosociais son algunhas das patoloxías asociadas ás novas maneiras de traballar, o medo a quedar sen emprego e o uso abusivo das novas tecnoloxías.
Aínda que é certo que as molestías osteomusculares continúan á cabeza das enfermidades relacionadas coa vida laboral, os problemas psiquiátricos están a gañar forza. Segundo Antonio Iniesta, presidente da Asociación Española de Especialistas en Medicina do Traballo (AEEMT), "o primeiro grupo aumentará polo envellecemento da poboación laboral española, e a patoloxía psiquiátrica conforma un caixón de xastre onde sobresaen por frecuencia os trastornos adaptativos e a ansiedade reactiva".
E para mostra, as cifras. Xavier Bareza, director do máster universitario en prevención de riscos laborais da Universitat Oberta de Catalunya (UOC), asegura que, a pesar de que "aproximadamente o 45% das baixas son por causas musculares, sorprende o aumento das patoloxías mentais, que xa representan o 15% das causas de absentismo".
O abuso das novas tecnoloxías provocan xornadas eternas que afectan ao descanso.
O impacto das novas tecnoloxías está a provocar tecnodependecia, tecnoestrés e tecnoadicción. Josep Ginesta, responsable da área laboral e de capital humano de Ribe Salat Consulting, advirte do uso abusivo que algúns profesionais fan dos dispositivos que nos manteñen conectados á oficina. "Esta obsesión dá lugar ao aumento da síndrome do traballador queimado", alerta Ginesta quen, ademais, avisa de que poden orixinar xornadas eternas, o que resta horas de descanso aos profesionais.
Ginesta non é o único en poñer o foco de atención sobre as TIC. Simon Dolan, profesor de Esade, tamén considera que, aínda que as novas tecnoloxías chegaron para axudarnos, algunhas empresas as utilizan como un xeito de controlar os seus traballadores: "Hai máis presión coa tecnoloxía. Ademais, os empregados saben que o traballo escasea e se senten obrigados a estar sempre atentos. Cando non podemos separar as responsabilidades laborais do descanso xorden moitos problemas". Pero Dolan considera que a responsabilidade última é do profesional que debe ser consciente deste enganche.
Javier Merino, director en España de Recursos Humanos e comunicación de Bull, recomenda "un bo sistema de xestión do desempeño ligado a resultados e non a horas para solucionar os males dos traballadores do século XXI". A eficiencia non debe estar suxeita a horario.
A falta de oportunidades tamén enferma
Aínda que a definición de saúde laboral require ter emprego, o certo é que estar fóra do mercado comporta un risco psicosocial. Frustración, depresión e falta de autoestima son algunhas das patoloxías que sofren os que se encontran en situación de desemprego.
Simon Dolan, profesor de Esade, considera que moitos dos problemas psicolóxicos asociados ao paro se producen pola desilusión que xera non saber buscar un novo emprego. Cando alguén se encontra ante este dilema debe pedir axuda. Os psicólogos saben que a depresión aparece cando nos sentimos vítimas, cando cremos que non temos control sobre a nosa vida,".
Normalmente son os profesionais que se ven na rúa tras décadas traballando para a mesma empresa os que o sofren. Así o cree Xavier Baraza, director do máster universitario en prevención de riscos laborais da Universitat Oberta de Catalunya (UOC), quen apunta tamén a outro colectivo como de risco: a xeración perdida, os mozos de pouco máis de trinta anos que deixaron os estudos para traballar na construción e agora se ven obrigados a reciclarse.
Poñerse límites tampouco facilita o labor de encontrar un novo posto e pode orixinar reveses cando esa persoa debe rebaixar as súas aspiracións. Os maiores de 45 anos que descobren a dificultade para recolocarse poden sufrir tamén esta frustración. Acudir a profesionais que te axuden nesta tarefa e ampliar o raio de busca poden ser de grande axuda.
 Fonte: expansión.com


Máis info www.cigsaudelaboral.org.

O Estado axustará 227 millóns acurtando baixas médicas

Mutuas

O Plan Nacional de Reformas 2014 remitido a Bruxelas presume do aforro que suporá, segundo os cálculos gobernamentais, a reforma da Administración pública. O Executivo estima que se aforrará 13.569 millóns no período 2013-2015, o que supón ao redor de 7.129 millóns derivados da posta en marcha da polémica lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local (recorrida no Tribunal Constitucional pola oposición e varias comunidades) e outros 6.440 procedentes de distintas actuacións da Comisión para a reforma da Administración Pública (CORA).
Modificarase ademais a lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo e haberá nova lei de subvencións.
Outro dos anuncios que fai o Executivo popular no seu Plan Nacional de Reformas é a aprobación dunha nova lei de mutuas (xunto á aprobación dun decreto de xestión e control de procesos de incapacidade temporal) que, a tenor das contas do Goberno, pode supor novos recortes en sanidade, duns 227 millóns de euros, por un maior control dos procesos de incapacidade temporal para traballar. "Mellorará a produtividade das empresas, reducindo o absentismo laboral inxustificado", alégase.
A proximidade das eleccións europeas atrasou o impulso desta norma no Consello de Ministros, unha norma da que tamén se espera un aforro de 25 millóns anuais por asimilación retributiva de altos cargos; ademais dun achegue de liquidez para a Seguridade Social (2.143 millóns) polo establecemento de límites ás reservas das mutuas. A obriga que se establecerá de que as mutuas propietarias de sociedades de prevención de riscos laborais teñan que vendelas ou liquidalas antes de decembro de 2014 comportará así mesmo recuperar 40 millóns en débedas pendentes de cobro, o que se sumará ao aforro de 305 millóns por un uso maior dos seus recursos sanitarios.
As diferentes partidas de gasto social son as que máis van sufrir o axuste dos próximos anos para lograr que o déficit do conxunto das administracións pase do 6,6 por cento anotado no 2013 ao 1,1 por cento programado para o 2017.
Fonte: redaccionmedica.com

Publicadas as bases das axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de fillos/as

As persoas solicitantes deberán terse acollido á redución entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013

A Secretaría de Muller da CIG informa que acaba de saír publicada no DOG a resolución que regula as axudas dirixidas aos homes e familias monoparentais, que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013 se acollesen a unha redución da súa xornada de traballo para o coidado dos/das fillos/as.

Poderán beneficiarse das axudas previstas nesta resolución:


- Homes que se acollan á redución de xornada e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario, e os socios das sociedades cooperativas, sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.
-Familias monoparentais nas cales a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada. Por familia monoparental enténdese o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.
Para ter dereito a axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. O período máximo subvencionábel será de oito meses comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013. En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.
A contía desta axuda estará en función da porcentaxe de redución de xornada laboral gozada, da duración desta e do número de fillas/os a cargo da persoa solicitante.
Os formularios de solicitude pódense descargar no documento anexo a esta nova, na sede electrónica da Xunta de Galiza (https://sede.xunta.es). O prazo para presentar as solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza (DOG do 22 de maio de 2013).

23/05/14

O Concello incumpre o convenio colectivo e o Estatuto dos Traballadores de xeito descarado e consciente. O concelleiro de persoal, mentres tanto, parece que está de paso...

A lamentable situación dalgún persoal do Concello, motivada pola falta de traballadores, a negativa a cubrir baixas e vacantes e o mantemento de privilexios dalgún persoal sobre outro agrava día a día os problemas laborais nesta Administración. Ante esta situación son moitas as ocasións en que os representantes do Persoal intentan expoñerlle os problemas ao concelleiro correspondente, neste caso Diego Fernández, que se presenta cunha actitude de total pasividade logo de tres anos sen resolver algúns dos problemas históricos de persoal neste Concello. Resulta penoso dirixirse a un concelleiro que non ofrece solución a nada, que non dá resposta a nada e que nin sequera ten coñecemento do que se coce neste Concello na área de Persoal, pero máis penoso aínda que que os representantes dos traballadores o informemos dos problemas na súa propia área é que unha vez que é coñecedor mire descaradamente a outro lado.

Desta volta, e van tropecentas así, o Concello decidiu unilateralmente cambiarlle o horario a unha compañeira dun día para outro e sen sequera informala por escrito, é dicir, nun só paso infrinxiu o artigo 41 da Lei do Estatuto dos Traballadores e mais o artigo 19 do Convenio colectivo, sen meternos xa en cuestións de conciliación laboral e familiar que tanto predica co Plan de Igualdade e que logo tira por terra na súa política laboral. O que esta claro é que este é un problema específico do persoal laboral porque non nos consta que a un funcionario lle cambiasen o horario de traballo con este procedemento. Cando coa traballadora afectada nos diriximos ao concelleiro de Persoal a actitude dunha pasividade total e absoluta déixanos perplexos e máis aínda cando o propio concelleiro é coñecedor e admite que o procedemento non se seguiu. 

O problema non é puntual, é repetido no tempo, o Concello, a pesar de que a lexislación llo permite, négase a cubrir as baixas no departamento de limpeza e isto motiva unha continua mobilidade dalgún persoal, só dalgún, porque como se sabe "ata para isto hai que ter sorte neste Concello". O problema da limpeza de edificios está agravado porque non todas as traballadoras de limpeza desempeñan o traballo en limpeza e isto tamén provoca as queixas das traballadoras deste sector, discriminadas explicitamente dende o momento que non todas desempeñan as funcións propias do posto de traballo, e dependendo de quen sexas podes ser destinado a outro posto de traballo sen solicitar a segunda ocupación, tal e como legalmente é preceptivo, isto motiva malestar no sector e máis agora co aumento de carga de traballo derivado de dúas baixas que se lle suman ás xubilacións dos anos anteriores, e así se lle trasladou ao concelleiro de Persoal que teima en favorecer a unhas traballadoras sobre outras en base a uns motivos que descoñecemos mais que dan que pensar. Un problema se lle suma a isto, xa que o Concello podería estar a incorrer nunha fraude administrativa dende o momento que lle paga a unha traballadora por un traballo que sabe con certeza que non realiza, mais xa se sabe que a lexislación só a teñen en conta cando e como lles covén e lles vén ben.

Máis unha vez, tal e como se trasladou ao concelleiro de Persoal, se o Concello segue incumprindo o convenio e o Estatuto dos Traballadores acudiremos á Inspección de Traballo, e así llo manifestamos a Diego Fernández, porque a burla que este goberno municipal lle está facendo ao seu persoal está chegando a un punto inaturable, e o mínimo que como representantes dos traballadores podemos facer, xa que o goberno do PSOE non está polo labor de amañar nada, é denunciar a vergoñenta política de Persoal que se leva a cabo neste Concello publicamente e nos organismos que legalmente procedan, porque despois de tres anos, múltiples denuncias na Inspección de Traballo e nos xulgados e máis de 100 000 euros en salarios de tramitación dos compañeiros e compañeiras despedidas vai sendohora de que, como mínimo, lles caia a cara de vergoña e reaccionen de cara a poder amañar algo máis que beneficiar a Galivalia, a empresa da RPT, e seguir a estela das políticas caciquís que tantos anos gobernaron Betanzos, están a tempo de mudar o rumbo e dende a CIG sempre amosamos a nosa boa vontade e diálogo, só que como nin unha nin outro existe por parte do goberno municipal obrígannos continuamente a tomar outras vías, nada agradables para ninguén, mais desde logo, se algo non imos ser, iso está máis que claro a estas alturas, é cómplices das irregularidades e ilegalidades que o Concello de Betanzos comete en materia de persoal.


22/05/14

Presentada unh nova denuncia na Inspección de Traballo

Logo de que o Comité de Seguridade e Saúde leve máis de tres meses sen reunirse, tal e como debería segundo indica a Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais; logo tamén de que os delegados de prevención da CIG  solicitaran no pasado mes de abril que se reunise o devandito Comité sen éxito ningún e sen que nin sequera o Concello se puxese en contacto cos delegados de prevención desde hai case máis dun mes; nos pasados días decidiron acudir de novo á Inspección de Traballo.

Na denuncia presentada na Inspección Provincial infórmase ao ente de que os delegados de prevención da CIG do Concello de Betanzos denuncian ao responsable de recursos humanos e/ou de prevención de riscos laborais do Concello porque o Comité de Seguridade e Saúde, constituído xa o 26/04/2012 logo doutra denuncia na Inspección provincial, porque xa o goberno municipal teimaba en non constituílo daquela, debe reunirse, como mínimo, cada tres meses e de forma repetida dende o ano 2012 son os delegados de prevención os que instan ao Concello cada vez que é procedente para que reúna o devandito órgano e este faino moito tempo despois e case sempre fóra de prazo.

Parece que ao Concello tanto lle teñen os apercibimentos da Inspección provincial que avalan o traballo dos delegados de prevención da CIG, obviamente iso significa que tanto lle ten a seguridade e a saúde laboral do persoal, como sempre se di "ata que non pase nada" mais á CIG si que nos importa porque consideramos que é crucial que as condicións de traballo do persoal en materia de seguridade e saúde sexan as óptimas e o Concello tome conciencia disto, por iso, se ao goberno non lle importa, acudiremos as veces que sexa necesario á Inspección provincial para que teña coñecemento do que pasa nesta Administración local, que por moi forte que soe constituíu un Comité de Seguridade e Saúde por primeira vez no ano 2012 e a instancias da CIG, cando a Lei que obriga á existencia deste organismo encargado de velar pola seguridade e saúde do persoal é do ano 1995... coidamos que con este dato cómpre non dicir máis nada, fala por si só.

14/05/14

Tres anos convosco

Nestes días hai tres anos que este blog comezaba a súa andaina pola rede, hoxe, perto das 17 000 visitas demostráronnos que a información era máis que necesaria e dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos queremos agradecer a fidelidade dos/as nosos/as lectores/as que é a que fai que este pequeno recuncho na rede siga adiante.

Lembrando aquel 17 de maio de 2011 e a entrada de apertura do blog non podemos máis que dicir que as palabras seguen vixentes e o obxectivo co que o abrimos cúmprese con cada nova da que informamos, os agradecementos tamén seguen sendo os mesmos, a todos/as aqueles/as que nos apoiaron no camiño e tamén, porqué non, a quen nos puxo pedras porque iso nos fixo máis fortes e nos axudou a continuar con máis ganas.

Benvid@s!

Dende a CIG do Concello de Betanzos abrimos esta xanela ao mundo ao momento que iniciamos a nosa andaina neste Concello betanceiro.

Agardamos que este espazo resulte de utilidade para todos os compañeiros e compañeiras do Concello que desexen estar ao día do que está a acontecer neste no que ten a ver co persoal.

Sen dúbida non poderiamos iniciar a andaina neste camiño sen a colaboración da Unión Comarcal da Coruña da Confederación Intersindical Galega, e, como non, de todas as compañeiras e compañeiros que apoiaron e apoian a CIG neste Concello dende que a necesidade dun cambio nos nosos representantes sindicais e os sindicatos maioritarios ata este momento no Concello comezou a coller forzas.

O cambio de rumbo na representación sindical do Concello de Betanzos está nas nosas mans, e dende a CIG traballaremos arreo pola mellora da situación laboral de todos os traballadores e traballadoras desta Administración local.


A desesperación de cobrar 14 días da paga extra que nos roubaron en 2012

Dende que hai varios meses a CIG gañase o conflito colectivo relativo aos 14 días da paga extra do ano 2012 o Concello anda a demorar o pagamento do que, na realidade, e máis tendo en conta os salarios da maioría do persoal laboral deste Concello, supón unha miseria para as contas municipais. Todos os meses a pregunta ao concelleiro de Persoal repítese e a resposta é a mesma, que non se sabe, desta volta, a semana pasada e á vista da indecisión do Concello dende a Sección sindical da CIG decidimos falar coa asesoría xurídica para que tramitase a execución da sentenza, á vista de que este Concello decidiu que quere traballar a este ritmo e de que as nosas únicas opcións pasan por recorrer ao xulgado ou á Inspección de Traballo constantemente.

Con posterioridade, infórmannos dende o Concello dun dato que o concelleiro de Persoal ocultou durante estes meses, supoñemos que deliberadamente, que é que o Concello pediu un informe a unha empresa externa para saber se o funcionariado podería cobrar tamén esta parte proporcional da paga extra de 2012, ao igual que o persoal laboral. Dito isto parece ser que o informe xa está no Concello e que indica que si que existe esta posibilidade e que agora que o funcionariado tamén a pode cobrar isto tomará un pulo, o propio alcalde informounos que a súa intención é pagalo coa nómina deste mes, mais o tempo dirá se efectivamente é así (que non estaría mal tendo en conta o tempo que xa deixaron transcorrer) ou simplemente é unha declaración de intencións que queda simplemente niso.

O que peor queda aquí é o concelleiro de Persoal porque cando a CIG lle dixo que o Concello podía, mediante resolución da Alcaldía proceder ao pagamento destes 14 días da paga de 2012, tal e como fixeron noutros concellos galegos, o goberno municipal obrigounos a presentar un conflito colectivo e acudir ao xulgado do social porque o persoal técnico (funcionario) indicáballe que era a única forma legal de solucionar o conflito; daquela Diego Fernández non decidiu recorrer a unha empresa externa para pedir un informe, decidiu que o persoal laboral tiña que ir a xuízo para facer valer os seus dereitos; desta volta, meses despois, segundo parece, os compañeiros funcionarios terán este dereito grazas a un informe xurídico dunha empresa externa ao Concello (non sabemos se é a mesma que quedou hai dous meses de entregar unha proposta de convenio), o persoal laboral teno grazas a unha sentenza xudicial, se iso non é trato diferenciado e discriminatorio, que alguén non explique esta dobre moral do goberno municipal para laborais e funcionarios.

Aínda así é unha moi boa nova que todo o persoal deste Concello recupere ese dereito porque o fai grazas ao traballo sindical da CIG, que foi quen iniciou este proceso para que recuperemos pequenos anacos dos que nos rouban os distintos gobernos ano a ano, e que por primeira vez neste Concello, e aínda que sexa cun trato diferenciado, o funcionariado consegue algo grazas a unha loita que comezou o persoal laboral, porque se algo está claro é que se non existise unha sentenza xudicial aquí non cobraban nin uns nin outros.

Declaración da renda 2013: aviso para afiliados/as

Como sabedes estamos na datas de realización da Declaración da Renda, e podedes realizala nas oficinas que a Confederación Intersindical Galega ten no Edificio Sindicatos, 6.º andar, na Avenida Alfonso Molina da Coruña, para pedir a vosa cita podedes facelo previamente no 981 169 293, teléfono da centraliña da comarca da Coruña. 

 A maiores, se o que precisades é unha certificación do pagamento da cota sindical durante o ano 2013, que é un gasto deducible no IRPF segundo o artigo 19.2 da Lei do IRPF e desgrava a contía total pagada polas cotas sindicais reducindo a base impoñible, podedes solicitala podedes enviar un correo electrónico a cigconcellobetanzos@gmail.com ou solicitala nas propias oficinas da CIG. Lembrade revisar o borrador da renda porque aínda que debería incluír as cotas no seu cálculo rara vez o fai e para desgravar a cota sindical haberá que modificar o borrador en moitos casos.

Ademais, o persoal que con motivo dos procesos xudiciais cobrou no ano pasado salarios atrasados de anos anteriores ou mesmo os ten pendentes de cobrar é recomendable que acuda ás oficinas da CIG tendo en conta que os casos teñen distintas especificidades que hai que ter en conta á hora de presentar a declaración.

Nota informativa: días adicionais de asuntos propios para o ano 2014

O Concello vén de informar que finalmente resolveu conceder dous días máis de asuntos propios, en compensación de dous festivos, para o ano 2014, ao abeiro das resolucións da Secretaría do Estado de Administracións públicas e mais da Dirección Xeral da Función pública, tal e como solicitara por rexistro a CIG no pasado mes de marzo.

Nota Informativa by cigconcellobetanzos

08/05/14

O Comité insta ao Concello, unha vez máis, a que retome a negociación do convenio

Logo dun mes e medio esperando a que o Concello entregue unha proposta de convenio, tal e como se comprometera o concelleiro de Persoal na reunión do pasado mes de marzo, mentindo unha vez máis, como vén sendo de costume, o Comité de Empresa decidiu na súa reunión ordinaria do mes de abril instar, unha vez máis, ao Concello, a que retome a negociación do convenio e cumpra o acordado. 
Con posterioridade a isto, o concelleiro de Persoal informou de que hai máis dunha semana que a empresa lle enviou ao Concello a proposta de convenio mais que agora o estaba a revisar o persoal técnico do propio Concello, o que case é aínda peor, porque gastar máis de 20 000 euros nun contrato para que ao final faga o traballo o persoal do propio Concello resulta case vergoñento, mais xa se sabe, ao persoal non son quen de devolverlle, nin despois dunha sentenza xudicial, os 14 días da paga de 2012 que lle corresponden... mais cando se tratar de darlle os cartos a empresas de fóra non hai problema, no momento!

O horario de verán comeza o vindeiro mes de xuño

O Comité de Empresa vén de lle solicitar por escrito ao Concello que especifique en que horario se vai realizar a redución do horario de verán, á vista de que o Convenio colectivo non concreta nin o horario nin a compensación pertinente para o persoal que por motivos do servizo non pode realizar a redución horaria.

Hai que lembrar que o artigo 9.2. do Convenio colectivo do persoal laboral indica o seguinte con respecto á redución na xornada de verán:

Os meses de xuño, xullo e agosto, todo o persoal desfrutará dunha redución da xornada de 1 hora diaria, que se establecerá segundo as necesidades do servizo.”

Por tanto, segundo o convenio colectivo a xornada de verán comeza o vindeiro luns 2 de xuño e o Concello non comunicou especificación con respecto á redución horaria que se viña facendo ao final da xornada na maior parte dos departamentos e a modo de compensación en días libres nos que por motivos do servizo non podían desfrutar da devandita redución diaria, aínda que de xeito verbal o concelleiro de Persoal indicou que esta especificación se faría mediante unha resolución ou unha nota informativa para os traballadores antes de que comece o horario reducido.

Debido a isto, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG solicitou por rexistro que o Concello especifique o horario da redución diaria que comeza a vindeira semana en aplicación do convenio colectivo e estableza e comunique o sistema de compensación pertinente para o persoal que por motivos de servizo non pode realizar a redución horaria de xeito diario e que o Concello lle comunique canto antes todo o mencionado ao colectivo do persoal laboral de cara a lle dar a coñecer o horario en que poderá exercer o dereito recollido no artigo 9.2. do convenio colectivo.

05/05/14

Revisións médicas 2014

Segundo informaron dende o Departamento de Persoal na semana pasada está aberto o prazo para inscribirse nas revisións médicas que terán lugar a mediados deste mes. Os/as traballadores/as interesados/as deben inscribirse no Departamento de Persoal e lembrade que estas revisións son de carácter voluntario.

É unha boa nova comprobar como parece que se retoma a normalidade de realizar as revisións médicas de xeito anual, tal e como se debe facer, logo de anos onde a Administración aforraba os cartos e miraba cara a outro lado cando se trataba de comprobar a saúde laboral do persoal ao servizo desta Administración local. Agora só queda vermos as condicións en que se van realizar este ano logo de que o ano pasado o goberno recibise múltiples queixas polo xeito en que se realizaron. Igualmente, agardamos que o concelleiro de Persoal, tal e como dixo, se encargue de que as revisións sexan adecuadas a cada posto de traballo e non xerais para todo o persoal. 

A importancia dunhas revisións específicas radica en que nestas se pode observar como cada posto de traballo lle vai afectando á saúde dun traballador ou traballadora ao longo dos anos e estas revisións lle poidan servir á hora de acreditar unha enfemidade profesional, é dicir, derivada do traballo específico realizado no seu posto, porque, obviamente, non ten xeito que lle fagan a mesma revisión a un administrativo que a un varredor ou un xardineiro, porque as enfermidades que nun futuro poden ter derivadas do seu traballo non teñen nada que ver, e as revisións xerais son as que se poden facer no médico de cabeceira.

Solicitan que se reúna o Comité de Seguridade e Saúde, a obrigada reunión trimestral debeu realizarse no mes de abril

Máis unha vez, e xa por non perder os malos hábitos, pasou o mes de abril, onde tocaba reunión do Comité de Seguridade e Saúde e o Concello non o convocou, máis unha vez tamén os delegados de prevención da CIG víronse na obriga de rexistrar unha solicitude para que o Concello fixase a data da obrigada reunión.


No escrito proponse que os temas que se traten nesta reunión do Comité de Seguridade e Saúde sexan:

1. Avaliacións de riscos e plans de prevencón pendentes.
2. Condicións de certos locais.
3. Carga laboral
4. EPIS (Indumentaria para maquinaria perigosa)

E lémbraselle ao Concello que a última reunión tivo lugar o pasado 23 de xaneiro e que, como mínimo, o devandito Comité debe reunirse cada tres meses.

Igualmente, xa no mes pasado, os delegados de prevención da CIG informaron ao Concello de que a Oficina de Turismo non cumpre o establecido na Lei de Prevención de Riscos Laborais no relativo ás condicións de lugares de traballo, e, igualmente, nas oficinas de Servizos Sociais, facendo referencia específica ao problema do ruído que fai a calefacción e sobre o que teñen recibido queixas do persoal polas consecuencias que isto provoca. 

Os compañeiros de prevención están á espera de que se fixe a reunión do Comité de Seguridade e Saúde para poder ir avanzando neste e noutros temas relativos á saúde e a seguridade laboral do persoal do Concello de Betanzos.




A potestade de dar altas médicas atrasa a reforma das mutuas

Entre os plans do Ministerio de Emprego sempre estivo aprobar na primeira metade de 2014 a nova regulación das Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais, que son entidades colaboradoras da Seguridade Social que xestionan xa as baixas laborais de preto do 90% dos traballadores.

Non obstante, a nova regulación destas entidades rexistra constantes e sucesivos atrasos. Sen ir máis lonxe, estaba previsto que o anteproxecto de lei fose mañá venres ao Consello de Ministros pero finalmente non será así. A súa aprobación volverá pospoñerse, segundo fontes que negocian esta nova normativa.

Os responsables do Ministerio de Emprego mantiveron na tarde do martes unha reunión con representantes da patronal CEOE-Cepyme e os sindicatos CCOO e UXT para expoñerlles a situación pola que atravesa o proxecto de lei cuxa última versión é de hai tres meses, rexeitada frontalmente polos sindicatos.
Segundo fontes coñecedoras do contido deste encontro, o secretario de Estado da Seguridade Social, Tomás Burgos, expuxo aos axentes sociais que na última versión do anteproxecto de lei que está a elaborar o seu departamento, xa non aparece a posibilidade, que se daba nun borrador anterior, de que as mutuas propuxesen a alta aos médicos de familia que emitiran a baixa a través da Inspección médica dos Servizos Públicos de Saúde. E este tería cinco días para contestar e aceptar a proposta de alta da mutua ou denegala e xustificalo. No caso de non se pronunciar neses cinco días, os médicos das mutuas poderían dar a alta ao traballador.
Esta proposta de Emprego, que contaba co respaldo dos empresarios de CEOE, foi rexeitada de plano polos sindicatos. Ademais, segundo fontes do sector, esta intención de dar máis poder aos facultativos das mutuas topouse con problemas legais relacionados coas competencias dos médicos de cabeceira dependentes dos servizos de saúde das comunidades autónomas. E tamén co rexeitamento do Ministerio de Sanidade, que teme a oposición dos médicos, reactivando unha nova rebelión das batas brancas, segundo fontes do sector.
Ante isto, o novo texto que prepara Emprego limítase a reducir a cinco días o prazo no que a Inspección médica do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) -en lugar dos servizos rexionais de saúde- debe responder se acepta ou non a proposta de alta dunha mutua. Pero se non responde, o silencio administrativo significará que o facultativo da mutua poida dar a alta ao traballador.
Non obstante, a Oficina Económica do Goberno é a que, tras este cambio, paralizou a aprobación deste proxecto de lei e os seus responsables queren ser os que teñan a última palabra. Por iso, nin os sindicatos -que apoiarían esta renuncia-, nin os empresarios, que son contrarios a ela, queren posicionarse ata que teñan un texto por escrito. 
Fonte: Cinco Dias
Máis info en www.cigsaudelaboral.org


Un Xulgado do Penal condena a nove meses de cárcere a un coordinador de seguridade que aprobou un plan de seguridade manifestamente deficiente

O Xulgado do Penal número 3 de Albacete ten condenado a F.C.M., a C.G.M. e a A.G.C. a indemnizar con 181.815,24 euros un dos seus traballadores, tras sufrir un accidente laboral sen que houbese medidas de seguridade.


Ademais, o xulgado impúxolles, a cada un dos tres condenados, unha pena de nove meses de cárcere por consideralos presuntos autores dun delito contra a seguridade no traballo e un delito de lesións por imprudencia grave.

Segundo recolle a sentenza, declárase probado que en maio de 2005 unha mercantil promoveu a edificación de vivendas en Almansa (Albacete), para o que contratou a unha empresa construtora a realización da estrutura destas.
A empresa contratista non elaborou un plan de seguridade para a obra, senón que simplemente realizou un documento de carácter xeral sen referencia específica a algunha obra, que foi aprobado, a pesar das deficiencias, polo aparellador e acusado F.C.G., que asumiu as funcións de coordinador de seguridade.
Como medidas de seguridade durante a realización da obra adoptouse a colocación de redes que impedían a caída de traballadores ao exterior da obra, pero sen adoptar medida ningunha que impedise a caída entre os ocos que no interior da obra había, circunstancia que coñecía tanto este acusado como os outros dous, que eran os administradores da empresa contratada, e que exercían funcións de dirección dos seus traballadores que na obra prestaban servizos.
O 3 de maio de 2005 o traballador, A.G.O., encontrábase colocando taboleiros de encofrar á altura da quinta planta, sen levar arnés ou outra medida de seguridade, ao non constar que estivese prevista no plan, cando nun momento dado perdeu o equilibrio e caeu ata a cuarta planta, dende unha altura aproximada de 2,70 metros.
Como consecuencia da caída, o traballador sufriu diversas lesións, como traumatismo cranioencefálico, que lle ocasionaron alteración da memoria, perda da forza, síndrome postconmocional con sintomatoloxía ansiosa e depresiva, e dos que tardou en curar 379 días, todos de baixa, dos cales 15 foron de hospitalización.

Fonte: lainformacion.com



Días de asuntos propios correspondentes ao ano 2014

Son moitos os compañeiros e compañeiras que nos preguntan sobre os días de libre disposición que nos corresponden para este ano 2014. Estas dúbidas, como é normal, veñn motivadas porque nos últimos anos a lexislación foi mudando para nos quitar dereitos e, a maiores, porque a solicitude que o Concello nos facilita está máis que obsoleta e contén grandes diferenzas con respecto aos permisos a que temos dereitos na actualidade. En varias ocasións tanto por escrito como verbalmente lle trasladamos este problema ao concelleiro de Persoal para que simplemente o Concello actualizase o modelo de solicitude que hai un tempo repartiu polos departamentos, mais polo visto este traballo é demasiado complicado e apuntouno entendemos que coa idea de facer algo, aínda que estamos empezando a pensar que cando o concelleiro de Persoal apunta algo débeo facer nunha berza e darlla de comer ao coello porque nunca máis sabemos nada máis do tema.

Ben, na actualidade, segundo o EBEP, aplicado ao persoal laboral do Concello de Betanzos na súa totalidade (segundo pensamos, porque ata hai pouco era "para ti si e para ti non") correspóndennos 4 días de asuntos propios para o ano 2014. A maiores, quen non desfrutou o día que recuperamos a finais de decembro de 2013, tería 5, un deles, este último, tería como prazo máximo de desfrute ata o 30 de decembro (que na resolución pon 31 mais non o entendemos porque segundo convenio é non laborable) e os outros catro poderían desfrutarse, coma sempre, ata o vindeiro 15 de xaneiro.

Ademais destes días, a CIG solicitou que o Concello compense dous festivos nacionais con dous días máis de asuntos propios tal e como a Dirección Xeral da Función pública resolveu para os traballadores ao servizo da Xunta de Galiza a comezos do pasado mes de marzo e o concelleiro de Persoal indicou que en principio non habería problema en acceder ao solicitado, non obstante, mentres o Concello non publique unha resolución ao respecto non temos este dereito. Por parte da CIG xa lle insistimos ao goberno municipal da importancia de non demorar a concesión deste dereito para que o persoal e os departamentos se puidesen planificar do mellor xeito posible.

Tamén no pasado mes de marzo publicouse en diversos medios que o ministro de Facenda devolvería este ano 2014 outro máis dos días que nos roubaron no ano 2012, mais isto parece ser que virá da man dunha modificación normativa que a día de hoxe aínda non se fixo e non está en vigor, non sería raro que, como o ano pasado, se fixese ás presas, correndo e no último momento.