Baixo
o lema “Coa CIG somos máis fortes”
A
Confederación Intersindical Galega celebra a vindeira fin de semana,
27 e 28 de maio, o seu VII Congreso, no Pazo de Congresos de
Santiago, baixo o lema “Coa CIG somos máis fortes”. Un Congreso
que foi presentado esta mañá en rolda de prensa e no que está
prevista a participación dun total de 706 delegados e delegadas que
elixirán á nova Executiva Confederal e acordarán as liñas de
traballo que rexerán a acción sindical no vindeiro período.
O
secretario xeral, Suso Seixo, anunciou ademais que está pactada unha
candidatura unitaria para a Executiva Confederal, encabezada por
Paulo Carril, ademais de todos os cargos. En todo caso matizou que o
Regulamento precongresual contempla a posibilidade de que se
presenten candidaturas até 48 horas antes de comezar o Congreso.
“Pensamos que non se van presentar pero, en calquera caso, hai que
agardar aos prazos que fixa a normativa que temos establecida para
ver se finalmente hai máis candidaturas que unha”, explicou.
Loita
de clases
Seixo
-que compareceu acompañado pola secretaria das Mulleres da CIG,
Margarida Corral, e o secretario confederal de Comunicación e
Propaganda, Francisco Miranda Vigo- sinalou que co lema escollido
para este Congreso, “Coa CIG somos máis fortes”, preténdese pór
en valor a importancia da organización sindical, fronte á idea que
transmite o neoliberalismo de que non hai clases sociais; que a loita
de clases está superada e que, polo tanto, “as organizacións
sindicais tradicionais non temos moita razón de existir porque todos
somos cidadanía, promovendo así o individualismo e a
insolidariedade”.
Lonxe
diso denunciou que realmente asistimos a un período no que se “está
agudizando a loita de clases” e que, polo tanto, é fundamental que
as traballadoras e traballadores estean organizados e “teñan
capacidade para defenderse de forma colectiva”.
Explicou
que para a CIG o actual modelo de sociedade camiña cara un recorte
importante de dereitos; unha distribución moi desigual da riqueza;
un incremento das diferenzas sociais e unha cada vez maior
acumulación da riqueza, do poder político e económico, en poucas
mans. “Un tipo de sociedade cada vez máis antidemocrático, no que
quen toma as decisións que realmente despois condicionan as nosas
vidas en todos os ámbitos son as institucións políticas e
financeiras que funcionan totalmente á marxe do control da
cidadanía”. Por iso asegurou que os sindicatos seguen estando
totalmente de actualidade, nomeadamente a CIG, entendendo que
“tampouco serve calquera tipo de sindicalismo”.
Fronte
o sindicalismo de pacto social
A
este respecto, e facendo un percorrido polos aspectos esenciais que
se recollen nos textos a debate no Congreso, valorou que nos últimos
anos asistimos a unha integración no sistema dos que practican un
sindicalismo de pacto social, un sindicalismo de colaboración que
“leva a desmotivar, desmobilizar e despolitizar á clase
traballadora”. E denunciou, en concreto, que CCOO e UGT “mesmo en
momentos tan difíciles como os que estamos a vivir seguen nesa
política de colaboración, de compadreo e de entreguismo ao poder
económico e político”.
Fronte
a iso, apostou polo modelo sindical, “completamente distinto”,
que representa a CIG, que entende que hai que debater, nos centros de
traballo, sobre se este modelo de sociedade no que vivimos está
realmente ao servizo da clase traballadora ou non, cando non garante
dereitos fundamentais como o dereito a vivenda, a un posto de
traballo, a unha pensión, a uns servizos públicos ou a un salario
digno.
Subliñou
ademais que é precisamente ese modelo o que levou á CIG a situarse
como primeira central sindical de Galiza en afiliación,
infraestrutura, capacidade mobilizadora e a unhas décimas de ser a
primeira forza sindical en canto a representación nos centros
de traballo. “Conseguímolo sen ceder para nada nos nosos
principios e na nosa acción sindical: de combate, de contrapoder e
contraria ao pacto social”.
Do
mesmo xeito considerou que coas circunstancias políticas que se dan
hoxe no Parlamento español, cun PP sen maioría absoluta, daríanse
as condicións para promover proxectos de lei que tiraran abaixo esas
políticas regresivas que se impuxeron. Porén, lamentou, “non está
presentando ningún proxecto nese camiño e entendemos que tiñamos,
as organizacións sociais e nomeadamente as sindicais, que
mobilizarnos e presionar ás forzas políticas, sobre todo ás da
esquerda, para que empecen a presentar proxectos que vaian no camiño
de recuperar dereitos perdidos”.
De
feito lembrou que neste período a CIG valorou, diante desta
situación, a necesidade de promover unha nova convocatoria de folga
xeral, pero que, porén, por parte do sindicalismo estatal “non se
fixo nada”.
Análise
crítica da UE
Nos
textos tamén se cuestiona o papel dunha Unión Europa que o
secretario xeral da CIG cualificou como “cada vez máis
antidemocrática e antisocial”. Unha UE ao servizo do capital
financeiro que impuxo políticas que provocaron, nos estados
periféricos de Europa en situación de profunda crise económica
“unha grave perda de dereitos e moita pobreza, mesmo favorecendo
claramente a especulación coa débeda pública en función dos
intereses do capital”.
Unha
UE da que denunciou o seu carácter “antihumanitario”, tal e como
está a actuar cos refuxiados que están chegando a Europa e aos que
se lles negan os seus dereitos humanos fundamentais.
Papel
marxinal de Galiza
O
secretario xeral da CIG denunciou ademais o papel cada vez máis
marxinal que ocupa Galiza por mor das políticas emanadas desa UE e
do estado español. “Unha Galiza máis dependente, onde hai unha
destrución importante do noso tecido produtivo que está provocando
que, de novo, moitos miles de galegos e galegas, sobre todo mozos e
mozas, teñan que marchar a buscarse a vida”.
Seixo
asegurou que todo isto estase a facer co consentimento e, en moitos
casos, coa colaboración da Xunta de Galiza, que “non está a
promover ningún proxecto alternativo para a sociedade galega que
permita que realmente todos os galegos/as poidan gozar dun posto de
traballo e dunha calidade de vida digna na nosa terra”.
Reforzo
organizativo
No
VII Congreso reitérase novamente a necesidade de mellorar nos
métodos de traballo e facer un sindicato cada vez máis
próximo, máis presente nos centros de traballo. Unha máxima que
Seixo entende que debe guiar a actuación de todos os cargos da
central sindical e dos liberados e liberadas. “Non se pode agardar
a que todos os traballadores e traballadoras veñan polo sindicato,
ten que ser o sindicato quen vaia aos centros de traballo, porque os
problemas están aí e nós temos que ser unha arma operativa clara
nas mans da clase traballadora para defenderse de tantas agresións”,
concluíu.

Ningún comentario:
Publicar un comentario