15/02/19

Convocatoria das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia (EGAP)

A EGAP convoca un total de 1900 prazas en cursos de teleformación das cinco materias que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia dirixidas aos empregados públicos galegos e cunhas probas de avaliación descentralizadas nas seste grandes cidades galegas. 

Persoal destinatario: o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza, das entidades locais de Galicia e da administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).


Matrícula: desde as 8 horas do 13 de febreiro ás 23.55 horas do 22 de febreiro en https://egap.xunta.gal/matricula

O número máximo de actividades que se poden solicitar limítase a tres. 

11/02/19

O Concello segue sen convocar a Comisión Negociadora do Convenio, a pesar de que o compromiso era que esta tivese lugar a primeira semana de febreiro

Debido a esta demora, á que se lle suman todas as anteriores e ao desastre acumulado de meses facendo caso omiso aos acordos tomados cos representantes do persoal laboral, a representante do Comité de Empresa optou por reiterar a solicitude e lembrarlle ao concelleiro que se comprometera a convocar a reunión a comezos de febreiros, mais que na actualidade segue sen data nin convocatoria.

A CIG solicita información sobre os acordos do novo regulamento de axudas sociais e a Oferta de Emprego Público do ano 2018

O 12 de novembro na Mesa Xeral de Negociación tomáronse unha serie de acordos relativos, entre outros ao novo regulamento de axudas sociais e mais á oferta de emprego público do ano 2018 e os criterios de reparto da produtividade.
A previsión do Concello era que os dous primeiros acordos fosen, como moi tarde, ao pleno do mes de decembro, tres meses despois aínda non se someteron a aprobación plenaria e o Concello non nos comunicou os motivos, de aí que lle pedísemos información ao goberno municipal sobre a tramitación destes acordos e o motivo da demora.
O mesmo acontece cos criterios de reparto da produtividade, que debería estar acordados desde o mes de decembro, mais que o Concello teima en non negociar mentres reparte ao seu antollo a partida orzamentaria como lle vén en gana.

A CIG solicita que o Concello reúna a Mesa Xeral de Negociación para acordar os servizos mínimos para a folga do 8M


A CIG solicítalle ao Concello que paralice os traballos de pintado e vernizado na Casa do Concello en horario laboral

A delegada de prevención da CIG vén de lle solicitar ao Concello que paralice os traballos de pintado de vernizado da Casa do Concello que está realizando en horario laboral e que poden prexudicar ao persoal, especialmente tendo en conta que o vernizado debe realizarse con máscara e durante estes días, tanto estes traballos como os de pintura se están a realizar en horario laboral e mentres os traballadores e traballadoras están nas oficinas, o que xa provocou queixas do persoal.
Esta actitude do Concello non está xustificada e é imprudente, ademais de que atenta contra a saúde do persoal que presta os seus servizos nas oficinas municipais. O Concello pode facer estes traballos cando non hai persoal nin público e logo ventilar os espazos o suficiente para que os traballadores non o padezan, mais no canto disto opta por sometelos a un risco innecesario e aunhas condicións non adecuadas para traballar.
A CIG rexistrou esta solicitude agardando que o Concello tome unha determinación, de non cesar de inmediato os traballos cursará unha denuncia ante a Inspección de Traballo provincial.

07/02/19

Considerado accidente laboral o estrés xerado por un “incómodo ambiente de traballo”

O maxistrado titular do Xulgado do Social 8 de Bilbao, fallou unha sentenza na que considera como accidente laboral dun traballador o “incómodo ambiente de traballo” xerado dentro da súa empresa cara á súa persoa e que tiveron a súa orixe nas reclamacións salariais e de categoría que este expuxera e condena á empresa aseguradora, ao Instituto Nacional e á Tesourería da Seguridade Social e á empresa para responsabilizarse das súas consecuencias.

“Non nos atopamos ante o concepto xurídico de acoso no traballo (…), senón máis ben outra figura que vén emerxendo na actualidade e que son os riscos psicosociais, isto é a denominada tensión laboral”, causado polas circunstancias mencionadas.

A empresa, Construcións e Reformas, non aceptou as reclamacións do traballador. Ademais, levou a cabo “uns cambios” na súa “estrutura organizativa” que provocaron no afectado “un estado de ansiedade”.

De acordo co fallo, o empregado comezou a traballar en Construcións e Reformas, como auxiliar de segunda administrativo o 18 de xuño de 2014, desempeñando as súas tarefas no departamento administrativo da empresa. O 2 de febreiro de 2017 iniciou un proceso de incapacidade temporal por continxencias comúns co “diagnóstico de ansiedade”. Foi dado de alta o 30 de marzo dese mesmo ano e despedido o 24 de abril de 2017 recoñecendo a empresa a improcedencia do despedimento.

No informe da Inspección de Traballo consta que tanto o representante da empresa como dous traballadores recoñeceron a existencia dun conflito co traballador denunciante, -orixinado pola reclamación dun incremento salarial e de categoría- que derivou nunha perda de confianza do Administrador, que lle revogou as claves que o traballador utilizaba para acceder ás contas bancarias da empresa “ao obxecto de desenvolver as súas tarefas de control e xestión dos pagos e cobros”.

Nesa época, ademais, produciuse a incorporación dun novo responsable do departamento financeiro a tempo completo. Ata setembro de 2016 dita función realizábaa unha persoa externa que faleceu, polo que boa parte da carga de traballo que era responsabilidade do traballador demandante, foi asumida polo novo responsable.

Dende o punto de vista do maxistrado “En esencia o actor está a expor que como consecuencia dun suposto ‘acoso’ no traballo xeróuselle un estado de ansiedade”.

“O acoso moral (“mobbing”) consiste nun agresión do empresario, ou dalgún dos seus empregados co coñecemento e tolerancia daquel, mediante feitos, ordes ou palabras, repetida e duradeira no tempo, co fin de desacreditar, desconsiderar e illar ao traballador, que pode chegar mesmo a deteriorar a súa saúde, con obxecto de conseguir un auto-abandono do traballo, producindo un dano progresivo e continuo á súa dignidade. A resistencia do traballador ante este ataque depende da súa fortaleza psicolóxica e da súa capacidade de sobrepoñerse á adversidade”, apunta o maxistrado.

 “Non nos atopamos ante o concepto xurídico de acoso no traballo como tal (…), senón máis ben outra figura que vén emerxendo na actualidade e que son os riscos psicosociais, isto é a denominada tensión laboral, causado por un incómodo ambiente laboral, como consecuencia da conflitividade laboral orixinada polas reclamacións salariais e de categoría deste, non aceptada de entrada pola empresa, e acompañadas de cambios na estrutura organizativa da empregadora, que provocaron no demandante un estado de ansiedade, que deu lugar ao proceso de IT”, explica.

 “A cualificación como accidente de traballo deste tipo de enfermidades vén sendo admitida pola xurisprudencia, a condición de que se acredite fehacientemente a relación causa/efecto entre a realización dun traballo e a aparición posterior da enfermidade”.

E correspondíalle á empresa a carga da proba: “demostrar que a lesión, trauma ou defecto non se produciu a consecuencia da realización da tarefa”.

“Para que unha enfermidade sexa cualificada como accidente de traballo, sen conexión ou vinculación con enfermidade previa, é preciso que concorran os seguintes requisitos a) que a enfermidade fose contraída con motivo do desempeño da actividade laboral e b) que o traballo sexa a única ou exclusiva causa da súa aparición, extremos ambos cuxa proba incumbe á persoa traballadora que pretende incardinar a súa padecemento na consideración de accidente de traballo”, relata o maxistrado.

En canto ao primeiro elemento ou requisito dos dous, “no caso das enfermidades de corte psíquico, ha de engadirse, ademais, que abonda con que a actividade laboral haxa provocado a doenza, aínda que non poida vincularse a mesma a unha concreta actuación laboral ( STS do 18 de xaneiro de 2005, RJ 1157)”.

En canto ao segundo dos requisitos, “un indicio que evidencia a existencia de nexo causal directo entre o traballo e a patoloxía en cuestión é a inexistencia de sintomatoloxía previa allea ao traballo e doutras causas que puidesen facer xurdir a enfermidade. En todo caso, é preciso que concorra algún axente externo que explique a aparición da enfermidade”.

 “No caso que agora se axuíza”, conclúe o maxistrado, non cabe “ningunha dúbida acerca de que a situación de Incapacidade Temporal iniciada o 02/02/2017 obedece á ambiente conflitividade laboral, orixinado polas reclamacións salariais e de categoría do demandante, non aceptadas pola Empresa, acompañadas de cambios na estrutura organizativa da empregadora, o que evidencia que foi ese ambiente na empresa nos duros termos en que se produciu, o que foi o único detonante da enfermidade, o que provoco no actor o cadro de ansiedade, en consecuencia a demanda debe ser estimada”.

Fonte: Confilegal


A xustiza condena a unha empresa por discriminación por asignar todos os postos de confianza a homes

As empresas non poden designar postos de confianza a dedo se con esta medida está a discriminarse indirectamente ao persoal feminino. Así se establece nunha recente sentenza dun xulgado do social de Palma de Mallorca, que obriga a unha empresa municipal a sacar a concurso as sete prazas de xefe de sector que asignara directamente aos empregados homes que viñan realizando interinamente estas funcións.

O tribunal considera que, aínda que a priori é unha decisión neutra que consolida unha situación fáctica, na práctica discrimina indirectamente ás mulleres do persoal, ás que non se lles dá a oportunidade de acceder a estes postos de mando. Ademais, condena á empresa para indemnizar con 2.000 euros a cada demandante polos danos morais que esta situación xerou.

Esta decisión ten en conta que a actuación da compañía foi formalmente correcta, pois segundo o convenio colectivo do sector tiña potestade para designar e revogar libremente os postos que implicasen mando ou especial confianza, que quedaban excluídos da regra xeral prevista no convenio de empresa que obrigaba a sacar a concurso ou promoción as prazas vacantes ou de nova creación.

A empresa procedeu a consolidar a categoría dos traballadores que viñan desempeñando funcións efectivas de xefes de sector durante certo tempo sen antes ofrecer a posibilidade de desempeñar estas tarefas, aínda de forma temporal, ás mulleres traballadoras. Non promoveu por tanto os postos a través promoción interna.

Deste xeito, o persoal feminino da empresa, grupo minoritario que se estaba representado nalgúns postos directivos, non puido optar a cubrir as prazas, o que motivou a demanda do comité de empresa.

A través do correspondente conflito colectivo pediu a anulación da medida por vulnerar os dereitos das traballadoras e supoñer unha discriminación sexista. Ademais, esixían unha indemnización de 30.000 euros a cada un dos demandantes polos danos causados e pola posposición do seu dereito á promoción profesional.

Pola súa banda, o ministerio fiscal tamén entendeu vulnerado o dereito á non discriminación por razón de sexo.

Para resolver o conflito, o xuíz aplica o principio de igualdade consagrado no artigo 14 da Constitución na súa vertente de prohibición de discriminación indirecta, apoiándose na xurisprudencia do Tribunal de Xustiza Europeo. Non se trata de que neste caso, explícase, estea a tratarse mellor aos empregados que ás empregadas, senón que a medida resulta prexudicial na práctica para as mulleres da empresa. A pesar de que a decisión fose aparentemente neutral e conforme a convenio, explica na súa sentenza, non deberon consolidarse as prazas sen ofrecer a posibilidade ás traballadoras de realizar as devanditas funcións polo menos de forma temporal.

Por este motivo, condénase á empresa para ofertar en igualdade de condicións ditas prazas e a indemnizar con 2.000 euros ás traballadoras demandantes, rexeitando así a suma de 30.000 euros que solicitara o comité debido a que, como razoa o xuíz, non podería determinarse a priori que os demandantes accedesen efectivamente aos postos tras o proceso selectivo.

O Tribunal Constitucional estimou que a estatística é un medio revelador da existencia de discriminación sexista indirecta. Neste senso, os xulgadores poden apoiarse nestes datos como fonte de indicios de discriminación.

O concepto de discriminación indirecta por razón de sexo vén definido na directiva relativa á aplicación do principio de igualdade de oportunidades e igualdade de trato entre homes e mulleres en asuntos de emprego e ocupación. A norma di que é a situación en que unha disposición, criterio ou práctica aparentemente neutros sitúan a persoas dun sexo determinado en desvantaxe particular respecto a as persoas do outro sexo, salvo que se poida xustificar obxectivamente cunha finalidade lexítima.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea decartou, por este motivo, as diferenzas que se implantan atendendo só e exclusivamente ao menor número de horas traballadas, dado a porcentaxe de mulleres que se atopan empregadas a tempo parcial.
Fonte: cincodias. elpais.com


A CIG rexistra a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres de 24 horas para o vindeiro 8 de Marzo

Margarida Corral: "Non se recolleron as demandas do feminismo de clase para que as mulleres teñamos vidas dignas"

A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, acompañada polas compañeiras da Executiva Confederal e das que conforman a Comisión Nacional de Mulleres, presentou esta mañá, no rexistro da consellaría de Traballo, a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres de 24 horas para o vindeiro o de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.

A folga dará comezo ás 00:00 horas e rematará ás 24:00 horas agás naquelas empresas e organismos que teñan varias quendas de traballo. Neses casos o comezo da folga efectuarase na primeira quenda, aínda que comece antes das 00:00 horas do día 8 de Marzo, e a súa finalización terá lugar unha vez rematada a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24:00 horas.

Do mesmo xeito, naquelas empresas cunha única quenda de traballo que comece antes das 00:00 horas do día 8 de Marzo, o paro iniciarase á hora de comezo da actividade laboral e finalizará o día 8 de marzo na hora en que conclúa esta

Continúan as discriminacións e  agresións

Segundo explicou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, ás portas da consellaría de Traballo, a central sindical convoca esta folga recollendo as propostas do movemento feminista, do que fai parte, porque a pesar do masivo seguimento do paro e das mobilizacións convocadas para o pasado 8 de Marzo, transcorrido un ano “aínda non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se recolleron as reivindicacións que o feminismo de clase ten para que as mulleres teñamos vidas dignas”.

Denunciou que, porén, as mulleres seguen padecendo discriminacións e agresións, polo feito de ser mulleres e declarou que, por iso, “o obxectivo da folga é mostrar a repulsa á desigualdade e invisibilidade histórica que soportamos as mulleres, á discriminación laboral e social, que se incrementou debido á situación de crise económica que atravesamos, pero aínda máis, por mor das medidas que supostamente foron deseñalas para paliala”.

Medidas entre as que salientou os recortes no gasto público dos que denunciou o “grande impacto nas mulleres dada a nosa presenza no sector público, que fai que sexamos as principais afectadas pola redución de salarios e a eliminación de emprego”; a reforma laboral que “precarizou aínda máis as condicións de traballo”; a reforma das pensións que “afecta singularmente ás mulleres”, pola súa concentración na economía informal e polas interrupcións da vida laboral para o coidado de crianzas e maiores dependentes, que provoca que se topen con “máis atrancos á hora de acadar a cotización exixida”; as medidas para mellorar a empregabilidade da mocidade, das que denunciou que o que fixeron foi “impulsar aínda máis a temporalidade e precarizar o emprego das mozas a través de contratos lixo; a eliminación das retroactividade para as persoas beneficiarias das axudas á dependencia ou a reforma do réxime de empregadas do fogar que “perpetúa a discriminación dunha actividade historicamente feminina”.

Isto xunto coa denuncia das políticas da Xunta de Galiza que provocaron o “desmantelamento dos servizos sociais públicos” mentres financiaban “con cartos públicos a un bo número de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista no marco dunha lei, a de familia, que cousifica ás mulleres e que pretende devolvelas ao seu rol tradicional de nai-coidadora do fogar”, denunciou.

Corral apuntou ademais que esta folga é a ferramenta para denunciar que, a pesares de ser ilegal, a fenda salarial continúa sendo unha realidade moi frecuente nas empresas; do mesmo xeito que acontece co chan pegañento ou o teito de cristal, cos atrancos na conciliación ou co acoso e as agresións sexuais ás que someten as traballadoras, entre outras situacións discriminatorias e machistas. Esixindo, unha vez máis, que se derroguen todas as leis e reformas lexislativas que “perpetúan a vulneración dos dereitos que sofren as mulleres”.

Propostas

Por iso a secretaria das Mulleres da CIG propuxo toda unha serie de medidas “que evitarían a situación de desvantaxe das mulleres nos centros de traballo como diminuír a fenda salarial e establecer mecanismos de control para eliminar as discriminacións directas e indirectas nos convenios colectivos; a racionalización dos horarios de traballo e a redución da xornada laboral a 35 horas semanais; o recoñecemento efectivo do dereito fundamental á conciliación; establecer o dereito de acompañamento a consulta médica ou a titorías para o persoal con dependentes ou crianzas ao cargo e outras relacionadas cos permisos de lactación; sancións a empresas que non dispoñan dun plan de eliminación de riscos laborais específico para protexer a saúde de mulleres embarazadas, que non garantan a clasificación e a valoración dos postos de traballo con criterios obxectivos e medibles ou as que non teñan implantado medidas efectivas para detectar e eliminar situación de acoso e violencia no traballo.


Medidas que, lembrou, a CIG propón todos os anos nos órganos de representación institucional nos que está como sindicato máis representativo pero que non se aplican polo que “cómpre impulsarmos na Galiza un novo día de loita para que, dunha vez por todas, o poder entenda que non imos permitir retrocesos nos dereitos conquistados, cando aínda nos quedan moitos por alcanzar”.