28/12/18

Información sobre a xubilación anticipada da Policía Local


Abrindo camiños n.º 65. Decembro 2018

Abrindo camiños n.º 65. Decembro de 2018

O Comité de Empresa solicita a información das horas extraordinarias atrasadas.

O Comité de Empresa vén de lle solicitar ao Concello a información sobre as horas extraordinarias dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Así mesmo, lembroulle que o obriga de entregar esta información é mensual, segundo indica o propio convenio colectivo en vigor.
Non hai que esquecer que nos últimos anos o goberno municipal só foi quen de lle entregar esta información en múltiples ocasións aos representantes dos traballadores cando acudiron á Inspección de Traballo. Sen ir máis lonxe, nos pasados meses houbo que denunciar ao Concello na Inspección para que este lle entregase a información das horas extraordinarias da primeira metade do ano.
Desta volta, e unha vez rexistrada a solicitude, no caso de non llas entregar neste vindeiro mes, volverá a acudir ao organismo provinicial.

Novo réxime retributivo en situación de Incapacidade Temporal desde o 17 de decembro de 2012

Texto do acordo sobre o réxime retributivo en situación de Incapacidade Temporal que está en vigor desde o LUNS 17 DE DECEMBRO DE 2019, día no que se aprobou o acordo plenario:

De conformidade co previsto pola disposición adicional quincuaxésima cuarta apartado seis da Lei 6/2018, de 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, apróbase o acordo adoptado pola Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos do día 19/11/2018, sobre o réxime retributivo na situación de incapacidade temporal do persoal ao servizo do Concello de Betanzos, polo que se establece a plenitude retributiva para o persoal funcionario ou laboral ao servizo do Concello de Betanzos que estea na situación legal de incapacidade temporal, garantindo durante esta situación a percepción do cento por cento das retribucións ordinarias correspondentes ao mes de inicio da incapacidade temporal.

O Concello adebédalle ao persoal os atrasos da suba retributiva do ano 2018

Os traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos aínda non cobraron os atrasos da suba retributiva contemplada nos orzamentos do Estado aprobados no pasado mes de xullo. Esta suba do 1,5% desde xaneiro e dun 0,25% a maiores desde xullo foi aplicada por primeira vez coa nómina de outubro de 2018, non obstante o Concello, a finais do mes de decembro aínda non foi quen de pagarlle os atrasos desta suba ao persoal municipal, a pesar de que leva varios meses dicindo que o vai facer.

O peor de todo é que todo apunta a que pagará no ano 2019 os atrasos dunha suba retributiva de 2018, cargando eses cartos ao orzamento de persoal do ano 2019, cando en realidade deberían corresponder ao 2018. Aínda por riba na nómina de xaneiro xa se debería producir o incremento relativo ao ano 2019 e publicado recentemente no BOE, e haberá que estar pendente se este se fai en tempo e forma, toda vez que seis meses despois non se cobraron os atrasos do incremento de 2018.

A CIG solicítalle ao Concello que publique a convocatoria das axudas sociais do ano 2018

Á vista de que  a finais do mes de decembro aínda non hai información ningunha sobre a convocatoria das axudas sociais do ano 2018, a CIG vén de solicitarlle ao Concello de Betanzos que convoque, tal e como procede, as axudas sociais do ano 2018 nos prazos comprometidos polo concelleiro de Persoal. A pesar de que o propio concelleiro indicou que as axudas se convocarán en xaneiro, como o ano pasado, varios compañeiros que preguntaron en persoal informáronnos de que neste departamento non tiñan coñecemento de cando se realizaría a convocatoria, de aí que se realizase esta solicitude.

RD Lei polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público


27/12/18

Malia os abusivos servizos mínimos, as 5 xornadas de folga no Concello de Lugo contra a RPT foron un éxito

As organizacións convocantes estudan continuar coas mobilizacións durante o próximo mes.

A representación da CIG no Concello de Lugo valorou de xeito moi positivo as cinco xornadas de folga desenvolvidas para esixir a retirada da nova Relación de Postos de Traballo e que se abra unha negociación coa participación de toda a representación sindical. A central destaca o altísimo seguimento do paro ao longo de toda esta semana que, malia os abusivos servizos mínimos impostos, superou de longo as expectativas das organizacións convocantes, o que demostra "o amplo rexeitamento que xera nos traballadores e traballadoras do Concello esta RPT".

Á vista do éxito das cinco xornada de folga, Fernando Fernández, voceiro da CIG no Concello de Lugo, adiantou que as centrais convocantes (Ágora, AFI-USO e CIG) valoran continuar coas mobilizacións á volta das festas do nadal. O masivo seguimento do paro deixouse notar en todos os departamentos pero con especial incidencia nas áreas de Economía, Actas, Cultura e Asesoría Xurídica.

Neste senso, Fernández cualificou de "sorprendente" e "frustrante" a postura mantida polo Goberno municipal nestas últimas semanas "que nin sequera se dignou a chamar ao comité de folga pata tentar abrir unha negociación que puideran evitar a folga. A actitude ditatorial deste Goberno resulta incríbel", sinalou.

Que se valore por igual a todo o persoal

A respecto das declaracións da alcalde sobre a necesidade de sacar adiante a RPT porque a policía local "esta mal pagada", Fernández apunta que, efectivamente, este colectivo ten uns salarios baixos con respecto a outros concellos de Galiza, pero esta situación é extensiva ao conxunto dos traballadores e traballadoras da administración lucense, "que no aspecto retributivo estamos á cola das sete grandes cidades de Galiza".

O que non di a Sra. Alcaldesa é que despois desta RPT a policía local, igual que o colectivo de bombeiros/as, que se ven sen querer arrastrados por esta valoración, quedará como unha das policías locais mellor pagadas, cando non a mellor, de Galiza, mentres que o resto do persoal seguiremos á cola", asevera.

Neste senso, Fernández subliña que os sindicatos que rexeitan esta RPT non se opoñen á valoración que se fai dos postos de traballo da policía local, "nós o que reclamamos é que esta mesma valoración se faga para o resto das traballadoras e traballadores que conforman o cadro persoal deste Concello, algo que polo demais xa se dicía no informe da Xefa de Persoal".

Críticas á alcaldesa

O representante da CIG cualifica de "impresentábel, inadmisíbel e discriminatorio" que dende a Alcaldía "só se mire para un colectivo e se menosprece ao resto do persoal municipal". A este respecto, preguntouse como pensa motivar as traballadoras e traballadores para unha boa realización do seu cometido, "cando hai compañeiros e compañeiras que van ver baixar os seus ingresos", a causa da desaparición do complemento de produtividade.


Así as cousas, as centrais sindicais críticas coa RPT aseguraron que "con estas actuacións resulta evidente que a alcaldesa queda incapacitada para xestionar este Concello agora e no futuro" e  estudan continuar coas mobilizacións durante o vindeiro mes.

O Concello de Ferrol terá que integrar o persoal do Imfacofe e os padroados

O Tribunal Supremo admitiu o recurso presentado pola CIG-Administración.

O Concello de Ferrol terá que integrar no seu cadro de persoas as traballadoras e traballadores procedentes do extinto Instituto Municipal de Facenda (Imfacofe) e dos padroados de Deporte e Música. Así o vén de fallar o Tribunal Supremo, que admitiu o recurso de casación presentado pola CIG para esixir que se respectara o acordo plenario de 2012, no que se acordou a supresión destes organismos autónomos e a subrogación do seu persoal.

Dende a CIG-Administración de Ferrol manifestan a satisfacción polo fallo do TS, que pon fin a 18 anos de inseguridade laboral do persoal do Imfacofe e dos entes autónomos e ademais, crea xurisprudencia nos casos de subrogación na administración pública. Neste senso, destacan que a CIG foi en solitario quen tivo que levar adiante esta batalla laboral e critican a falta de firmeza do alcalde para defender a legalidade do acordo, en referencia ao feito de que o recurso municipal non foi admitido á tramite polo Tribunal Supremo.

A Federación de Administración critica o pouco interese do Goberno municipal durante todo este tempo para dotar de estabilidade os/as traballadores/as procedente destes organismos, "permitindo un falso enfrontamento cando a propia sentenza declara que os dereitos á carreira profesional non se ven menoscabados pola subrogación dese persoal". A este respecto, a CIG-Administración apunta que a incorporación deste persoal non prexudica ao resto dos empregados e empregadas do Concello.

Acordo plenario de 2012

A orixe do conflito remóntase ao ano 2012, cando o Concello de Ferrol decidiu disolver o Imfacofe e os padroados, no marco dos recortes que se estaban a aplicar nas administracións públicas e nos dereitos do seu persoal. No mes de decembro dese ano aprobouse no pleno municipal o proceso para a integración dos servizos que viñan prestando estes entes e a subrogación dos/as traballadores/as, que foi recorrido pola Asociación Profesional de Persoal do Concello de Ferrol.


O xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol e o TSXG admitiron en parte o recurso, anulando a parte do acordo referida á subrogación do persoal dos entes. O Concello (con escaso interese, á vista de que non foi admitido) e a CIG presentaron entón recurso de casación ante o Supremo, que vén de dar a razón ao defendido pola central nacionalista e a recoñecer os dereitos dos/as traballadores/as, tras anos de persecución e inestabilidade laboral.  

A CIG defende que o SMI chegue en 2019 alomenos ao 60% do soldo medio


Demanda ademais a derrogación do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM)

A CIG vén de responder por escrito ao Director Xeral de Traballo, Angel Allué, en relación co Borrador do Real Decreto polo que se fixa o salario mínimo interprofesional, que manterá a súa posición en defensa de que para 2019 este se sitúe, tal e  como recomenda a Carta Social Europea, en cando menos o 60% do salario medio.

Tal e como explica o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, na misiva a demanda da CIG respecto do incremento do SMI fundaméntase “na necesidade urxente de acabar co empobrecemento xeneralizado dos salarios e das rendas de traballo, como se constata no Informe sobre Ingresos Salariais 2017, realizado polo Gabinete Técnico Confederal da central sindical.


Ao tempo a CIG demanda a derrogación do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e a utilización do salario mínimo interprofesional “como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social pública”. Para Sío, de feito, “é un contrasentido ir incrementando o SMI sen eliminar o IPREM”.