Múdanse
aspectos referidos á negociación dos EREs ou cuestións relativas
ao desemprego
O
pasado venres, o Consello de Ministros presentaba, máis unha vez vía
Real Decreto Lei, unha serie de “melloras técnicas” na reforma
laboral que veñen deteriorar aínda máis as condicións laborais
das traballadoras e traballadores. Así o explica Luís Burgos, do
Gabinete Técnico da CIG, que vén de facer unha análise do seu
contido e alcance.
Hai
oito días que CCOO e UGT pactaron co Goberno do PP a translación
normativa da Sentenza do Tribunal Constitucional ( STC 61/2013, de 14
de marzo) que declaraba nula e inconstitucional a regra de
cómputo dos períodos de carencia necesarios para acceder a unha
pensión de xubilación aplicada ás persoas que traballan a tempo
parcial. Esa regra declarada nula por atentar contra o dereito á
igualdade e por discriminación indirecta por razón de sexo, en
canto afecta fundamentalmente ás mulleres,´tamén fora pactada por
CCOO e UGT no ano 1998.
Agora,
por fin, cando xa non tiñan outra posibilidade, intentan establecer
que as persoas a tempo parcial poidan acceder ás correspondentes
prestacións económicas en igualdade de condicións coas persoas
traballadoras a tempo completo. Era hora.
Pero
o Consello de Ministros do día 2 de agosto aproba un Real
Decreto-Lei (RD-L 11/2013) que non só incorpora ese Acordo,
senón que introduce unha serie de “melloras técnicas” na
reforma laboral que veñen a ser unha nova volta de torca contra a
clase traballadora.
En
primeiro lugar, para negociar os EREs, as medidas de mobilidade
xeográfica ou de modificacións substanciais, constituirase só unha
mesa negociadora, aínda que afecte a varios centros de traballo. Así
forzan unha negociación centralizada e centralista, facilitando a
integración, en caso de acordo, dun centro de traballo rebelde, por
exemplo, porque a CIG é maioritaria. Ademais, establécese un número
máximo da Comisión Negociadora de 13, en representación do
persoal. Se non se constitúe, o período de consultas non se
paraliza e o tempo sigue contando. A Empresa comunica á
representación sindical “de
forma fehaciente” que
vai realizar un ERE e desde entón dáse un prazo xeral de sete días
para que se constitúa a Comisión Negociadora e a partir de aí
empeza a contar o prazo do período de consultas.
En
segundo lugar, cando se trate dun despedimento colectivo dunha
empresa pertencente a un grupo, só terá que presentar as contas
consolidadas cando a sociedade dominante ou principal teña o seu
domicilio no Estado español, o que favorece ás multinacionais
estranxeiras.
En
terceiro lugar, como nalgúns casos os tribunais viñan declarando
nulos os despedimentos porque a empresa negociaba de mala fe e mesmo
ocultaba información relevante á representación sindical, agora
limítanse as causas de nulidade. “Unicamente” poderán ser
declarados nulos se non houbo período de consultas, non se entregou
a documentación legalmente prevista ou vulneráronse dereitos
fundamentais. As empresas saben agora que negociar de mala fe non
pode ser sancionado polo xuíz coa nulidade e, ademais, que un
despedimento colectivo que non cumpra as causas económicas,
produtivas ou organizativas alegadas poderá ser declarado
improcedente pero non nulo.
En
cuarto lugar, limítase notablemente a posibilidade de reclamar
individualmente contra os despedimentos colectivos. A norma precisa
que terá efecto de causa xulgada tanto a sentenza como a
conciliación e por iso as demandas individuais deben basearse en
aquelas cuestións de carácter individual que non fosen
obxecto da demanda colectiva.
Neste
Real Decreto-Lei tamén se modifican cuestións relativas ao
desemprego, de forma que se estás en paro e saes máis de 15 días
ao estranxeiro, perdes a prestación. Porén, establécese como
suposto de suspensión da prestación a estancia no estranxeiro ate
un período de 90 días, ou ben o traslado de residencia ate 12
meses, para a busca de traballo, que ven sendo unha medida de fomento
da emigración.
En
definitiva, unha reforma da reforma, máis fonda do que a primeira
vista parece, e que atenta aínda máis contra os dereitos dos
traballadores e traballadoras.
Luís
Burgos Díaz
Gabinete
Técnico de CIG
Ningún comentario:
Publicar un comentario