Recentemente
algúns representantes do persoal laboral soubemos por compañeiros
que o Concello pretende poñerlle fin a unha discriminación histórica en materia de retribucións, o non pagamento dos trienios
ao persoal subvencionado. É case normal, que a pesar de que o Comité
de Empresa ten denunciado por rexistro en múltiples ocasións esta
situación, o Concello non lle comunicase ao propio Comité sen el
preguntar polo tema, e dicimos que é case normal porque é ben
sabido que darlle a razón aos representantes do persoal e aos
propios traballadores non é prato de bo gusto para o Concello de
Betanzos, e menos para quen leva anos asesorando e informando para
que esta discriminación se perpetuase.
Somos
conscientes tamén de que a bondade do Concello non é tal,
simplemente é unha resposta a unha situación completamente
insostible que está denunciada por rexistro, sobre a que a CIG sacou
o tema en todas as Mesas de negociación existentes e que mesmo ficou
reflectida no recurso presentado pola CIG aos orzamentos do ano 2012
que foi admitido a trámite polo Tribunal Superior de Xustixa de
Galiza. As reclamacións por vía xudicial deste problema retributivo
non farían máis que agrandar a carteira de xuízos que en materia
de persoal tivo este Concello dende que a CIG ten a maioría no
Comité de Empresa e parece, que por fin, está a entrar en razón e
decatarse de que as mentiras, por moito que se repitan seguen sendo
mentiras.
Mentira n.º 1: o persoal non permanente non ten dereito a días de asuntos propios
Logo de que
ao propio secretario do Comité, antes de despedilo, lle denegase por
escrito o Concello a través de dúas notificacións o dereito ao
desfrute dos días de asuntos propios que lle correspondían,
amparado non só polo propio convenio colectivo senón tamén polo
mesmo Estatuto do Empregado Público, sobre o que, ao parecer,
daquela se informaba que non era de aplicación para o persoal
laboral, de súpeto, á terceira foi a vencida e si que o persoal
subvencionado tiña dereito a estes días. Cómpre engadir que tamén
que isto non lle acontecía a todo o persoal subvencionado e ás
veces parecía máis un despropósito de nomes e apelidos que doutra
cousa.
Mentira n.º 2: o persoal non permanente non ten dereito a axudas sociais
Dende
que entrou este Comité non parou o Concello que segundo o convenio
colectivo non era de aplicación ao persoal con contrato ao abeiro de
subvención o artigo das axudas sociais e baseándose niso durante
anos houbo a quen llas denegaron pola vía da non resposta e houbo
quen nin as solicitaba porque xa lles dicían directamente que non
tiñan dereito. Por parte da CIG dende o primeiro momento tivemos
claro que esa decisión era arbitraria e caprichosa e quen informaba ao goberno municipal de tal non tiña máis que unha vontade de discriminación e crispación, e de gardar os cartiños para un
número inferior de traballadores, que sempre daba para máis. Pois
unha vez máis, e logo de moitos conflitos, chegaron novos informes que contradicían os de anos anteriores e que amparándose na
lexislación existente (a mesma que a CIG mencionada nos seus
rexistros) admitían o dereito que todo o persoal laboral do Concello
de Betanzos, independentemente do contrato, tiña a acceder ás
devanditas axudas.
Mentira n.º 3: o persoal non permanente non ten dereito ao cobro dos trienios
Hai anos que
esta mentira está espallada no Concello de Betanzos, e o que é peor
que de tanto repetila o argumento de que o persoal subvencionado
estaba fóra do ámbito de aplicación no convenio xa se tomaba como
normal, de feito ningún persoal afectado denunciou ao Concello por
este motivo a pesar de ser plenamente consciente de que estaba a
ser discriminado e coidamos que a primeira vez que isto chegou ao
tribunais foi nas alegacións presentadas aos orzamentos pola CIG.
Aínda así, dende a CIG rexistramos en múltiples ocasións escritos, mesmo argumentando cos propios informes do persoal
municipal e denunciamos a inxustiza que isto supuña, máis aínda
cando os últimos informes municipais sinalaban o que defendiamos
nós, que non se podía discriminar ao persoal en función do súa
relación contractual co Concello. Ademais, nos últimos tempos,
sempre que o Concello falaba dos informes municipais nas propias
Mesas Xerais botabámoslle en cara que os aplicaban cando lle viña
en cara e non os usaban para pagarlle os trienios ao persoal que llos
adebedaban, a situación chegaba a ser insostible, porque os
argumentos eran débiles e sen base.
Logo de todo
o acontecido semella, ou cando menos iso di, que o Concello lle vai
pagar ao persoal subvencionado os trienios e recoñecer a antigüidade
nas retribucións, se finalmente isto é así, tal e como informou o concelleiro de Persoal aos representantes do persoal laboral logo de lle preguntar polo tema, este feito desmontaría a terceira das mentiras sobre este
dereito e tería cambiado os informes do persoal municipal nos que
tantos anos se levan baseando os distintos gobernos que promoveron e
permitiron esta discriminación.
Todo isto
vennos a demostrar varias cousas, que todos aqueles que nos dicían
que escusabamos loitar sindicalmente porque neste Concello non había
amaño estaba equivocados e simplemente pretendían disuadirnos no
noso empeño por diversos intereses; que as mentiras, por moito que se repitan, non deixan de ser o que son, mentiras; que os informes
cambian, a pesar de que a lexislación non mude, e iso dálles cada
día menos credibilidade a quen os fai e a quen se ampara neles, e
que, aínda que os resultados non sempre sexan todo o satisfactorios
que quixésemos os traballadores temos (aínda) ferramentas legais
que podemos e debemos utilizar cando vemos vulnerados os nosos
dereitos, por moito que os resultados se vexan a longo prazo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario