Os
consultores e enxeñeiros franceses que desempeñan cargos de
responsabilidade poden respirar máis tranquilos: estarán obrigados
a apagar durante 11 horas diarias os móbiles e ordenadores que os
conectan coa oficina. E as empresas deberán supervisar que se cumpre
esa prohibición de estar online.
Algúns
expertos acollen esta medida como un mal menor que delata outro
maior: sobrecargas de traballo cada vez máis frecuentes e
conectividade e dispoñibilidade -alentada polas novas tecnoloxías-
sen freo que supera os límites das xornadas de traballo.
Dous
grandes sindicatos, a Confederación Francesa Democrática do
Traballo (CFDT) e a Confederación Francesa de Cadros Directivos
(CFE-CGC), asinaron un acordo con dous patronais do sector de
asesoría técnica, enxeñaría, servizos informáticos, recursos
humanos e consultoría para intentar poñer fin á xornada
interminable dos traballadores. Para iso, aborda principalmente dúas
cuestións: os tempos de traballo e de descanso do empregado e a
carga de traballo.
En
concreto, o epígrafe 4.8.1 do documento, que deberá ser aprobado
polo Goberno antes da súa publicación no Journal Officiel (elBOE
francés), refírese ao "tempo de repouso e obriga de
desconexión". O documento empeza por afirmar que os asalariados
sometidos a este acordo "dispoñen dun tempo de descanso diario
mínimo de 11 horas consecutivas, e dun repouso semanal de 35 horas
mínimas consecutivas". Pero, para evitar que o empresario
deduza que todo o que non é tempo mínimo de descanso pode ser
ocupado pola xornada laboral, "recórdase que os devanditos
límites non teñen por obxecto definir unha xornada habitual de
traballo de 13 horas diarias, senón a duración máxima excepcional
que pode ter a xornada laboral".
Nese
contexto, o acordo establece que "a efectividade do respecto,
por parte do traballador, deses períodos de repouso implica a súa
obriga de desconectar as ferramentas de comunicación a distancia".
Ao empregador corresponderalle, por un lado, "a posta en marcha
dunha ferramenta de seguimento para garantir o tempo de descanso
diario e semanal" do traballador; e por outro, tomar as medidas
necesarias para que o empregado "teña a posibilidade de
desconectarse das ferramentas de comunicación a distancia postas á
súa disposición". É dicir, non poderá dedicar a tarefas
relacionadas co traballo nin o seu tempo de ocio ao final da xornada
laboral nin o fin de semana.
As
partes asinantes acordan tamén que, para "vixiar a saúde e a
seguridade dos traballadores", o empresario convoque polo menos
unha reunión anual co traballador para tratar a carga de traballo, a
repartición de tarefas na empresa, "a articulación entre a
actividade profesional e a vida privada" e, tamén, a
remuneración do empregado.
As
persoas concernidas por ese acordo son aquelas que exerzan
responsabilidades de xestión, misións comerciais, de consultoría,
ou que realicen tarefas de concepción, elaboración e supervisión
de proxectos, e que dispoñan de "unha grande autonomía e
independencia na organización e na xestión do seu tempo de traballo
para levar a cabo as misións encomendadas".
Marie
Buard, dirixente do sindicato CFDT, indica que este acordo afecta a
uns 850.000 traballadores, pertencentes a empresas como Atos e
Accenture. E explica que "cada compañía deberá negociar cos
seus traballadores o xeito de aplicar este acordo". "O
empresario ten a responsabilidade de velar pola saúde do
traballador. Para evitar a prolongación ilegal das xornadas
laborais, algunhas empresas poden establecer que as ferramentas
electrónicas de traballo non estean accesibles de venres a luns, por
exemplo".
A
representante sindical está de acordo en que este tipo de medidas
están relacionadas coa preocupación social ante o aumento dos
chamados riscos psicosociais. "O ano pasado asinamos outro
acordo para protexer os traballadores respecto á carga de traballo
que busca rematar cos empregados que están conectados 24 horas ao
día", afirma Buard. Queremos máis saúde para os traballadores
e lograr unha mellor conciliación entre a vida privada e a vida
laboral".
Que
eses riscos psicosociais son reais en Francia (e noutros países)
demóstrao a existencia dunha preocupación xeneralizada sobre o burn
out ou o esgotamento profesional, así como os casos de suicidios en
grandes empresas. Segundo o Observatorio do Estrés e da Mobilidade
Forzosa, os suicidios por motivos laborais son un problema notable en
Francia e están relacionados coas condicións de traballo. Só no
primeiro trimestre de 2014 houbo unha decena de suicidios en Orange
(antes France Télécom).
Pierre-Jean
Benghozi, científico e profesor da École Polytechnique de Palaiseau
especializado no estrés laboral e a relación coas tecnoloxías,
considera que "é unha boa idea" forzar empresa e
traballador a desconectarse unha vez rematada a xornada laboral. "É
unha protección para os máis débiles, para os que non teñen
posibilidade de dicir non, de protexerse ante un abuso por parte dos
seus superiores", di. "Aínda que non estou seguro de que
sexa tan doado levar a cabo ese acordo", matiza.
Segundo
Benghozi, "todos os estudos demostran que o desenvolvemento de
ferramentas de xestión en Internet empurra unha confusión entre o
espazo da vida privada e profesional". E esa situación vese
reforzada polo feito de que "os cidadáns están
hiperconectados".
Para
este experto, tamén inflúe "a dinámica interna das empresas,
que dende hai moito tempo está a aumentar a presión sobre a
produtividade e os resultados,". Iso leva moitos empregados "a
postergar determinadas tarefas, que non requiren presenza física, ao
final da xornada, e mesmo á chegada á casa". Aínda que iso
depende, non tanto da tecnoloxía, " senón dos modos de xestión
e de organización do traballo" que adopte unha empresa.
O
acordo francés suscitou sorpresa en España. Tras ler o documento,
no sindicato CC OO, só ven "un pequeno avance" no pacto.
"Garante que non se pode estar de garda 24 horas, xa que polo
menos 11 horas, ou 35 en fin de semana, hai que desconectarse, e
establece así un tempo mínimo de descanso", sinala María
Jesús García Gasalla, responsable do sector de novas tecnoloxías
da información e a comunicación do sindicato. Esas gardas que,
asegura, carecen dunha normativa sectorial en España. "Nalgunhas
empresas están reguladas e noutras, non".
Non
creo que as empresas españolas obriguen a [os traballadores] estar
24 horas conectados coa oficina", sinala unha voceira da
patronal CEOE que non entra a opinar sobre o pacto francés.
"Limitar
a 11 horas seguidas o tempo no que non se pode comunicar coa oficina
quere dicir que durante 13 horas si se pode", recalca Constanza
Tobío, catedrática de Socioloxía da Universidade Carlos III de
Madrid e experta en conciliación. E o mesmo é aplicable ao lapso de
35 horas seguidas sen comunicación durante o fin de semana que tamén
inclúe o acordo galo. "E iso que se conseguira que os fins de
semana fosen de dous días e medio e as xornadas diarias, de oito
horas, ou 35 semanais en Francia," ironiza. " Que pasa para
que os sindicatos consideren que isto é un bo acordo? ",
pregúntase para logo responderse: "Non" se poñen "límites
ao traballo. Non só existe unha xornada laboral, senón que a ela se
suma un tempo dispoñible para o traballo. Este é un fenómeno novo
que fan posible as novas tecnoloxías e cuxa consecuencia é que se
pode sobrecargar o traballador". Así as cousas, Tobío cre que
o acordo sindical francés "máis que un avance, ilustra un
retroceso".
Ao
seu xuízo, o retroceso plásmase no xurdimento do "tempo de
dispoñibilidade", ese lapso no que o xefe pode chamar o
empregado fóra da xornada laboral e facerlle que traballe malia
cubrir as súas horas, polo menos as teóricas. "Hai unha
intensificación dese lapso de dispoñibilidade", critica a
socióloga. "En definitiva, o acordo ilustra unha situación
negativa", conclúe.
Un
punto de partida similar observa o tamén catedrático de Socioloxía
Gerardo Meil, da Universidade Autónoma de Madrid: "11 horas de
desconexión supoñen 13 de conexión", sentenza. Considera que
o acordo francés é "unha forma de enmascarar unha xornada
demasiado elevada". Pero ve algún aspecto positivo: "A
conciliación é un tema que se debate". Resúltalle un magro
consolo ante o problema que subxacer: a sobrecarga de traballo, "unha
cuestión estrutural, non conxuntural".
"Bienvenido
sexa o acordo, pero só arranxa unha das manifestacións do problema,
e non o problema en si. Se as empresas queren resolver as
dificultades para conciliar a vida persoal e laboral, deben resolver
tamén a sobrecarga de tarefas, moi ligada á redución do tamaño
dos equipos e á repartición das tarefas entre menos persoas,"
afirma este experto.
Como
conciliar cando hai un exceso de tarefas ou se traballaba con
obxectivos a miúdo difíciles de alcanzar? A peza clave, para Meil,
é o xefe inmediato e en que medida é flexible. Unha fórmula como o
teletraballo, moi favorecida polas novas tecnoloxías, non é
forzosamente a panacea. "A unhas persoas permítelles conciliar
mellor, pero para outras é unha sobrecarga porque caen na
autoexplotación ou se encontran con que o responsable lles pide
demasiado", asegura Meil. "Tamén se pode teletraballar
dende o lugar de vacacións. Todo depende do uso que se dea ás novas
tecnoloxías", ironiza.
"Sempre
defendemos que as novas ferramentas deben estar ao servizo do
cidadán, do traballador, e non servir para escravizalo, terza
Ignacio Buqueras. É o presidente da Comisión para a Racionalización
dos Horarios Españois, unha organización que promove a conciliación
entre traballo e vida persoal con dúas ferramentas básicas: menos
tempo pero maior eficacia no posto de traballo e horarios máis
temperáns.
"No
mundo da empresa e no da política hai os que cren que hai que estar
ao servizo 24 horas ao día, e iso non pode ser", lamenta
Buqueras. "Ademais, impera a cultura do presentismo, que tamén
pode ser a distancia. Ben está que se hai unha emerxencia todo o
mundo se envorque, pero non se pode facer por sistema", formula
este experto, que demanda políticas de conciliación non só en
España, senón tamén no ámbito da UE. "Todos temos 86.400
segundos ao día. É o único que nos iguala. Depende de como os
organice cada un, e de como llelos deixen organizar, vivirá máis ou
menos feliz".
Nova tirada de www.cigsaudelaboral.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario