Once
manifestacións percorrerán, neste Primeiro de Maio, cidades e vilas
de Galiza baixo o lema “Contra a explotación e a pobreza.
Fagámoslle fronte á Unión Europea. Organización, loita e
soberanía”. Con elas a CIG quere denunciar a situación de
pobreza, precariedade e desemprego que afecta a miles de galegas e
galegos. Unha situación que está a provocar a masiva emigración da
nosa mocidade e que empeora por mor das políticas promovidas pola UE
e aplicadas pola Xunta de Galiza e o Goberno español. Por iso fai un
chamamento a organizarse contra o sistema capitalista e reclamar
outro modelo máis xusto, solidario e democrático.
Na
Galiza preto de medio millón de persoas están baixo o umbral de
pobreza, e desta cifra, case cen mil son menores de 18 anos, segundo
Cáritas. Cada mes máis de 150 familias perden a vivenda.
Políticas
promovidas desde a Unión Europea, coa colaboración da Xunta de
Galiza e do Goberno Español, están estrangulando a economía
galega, a nosa pesca, o noso sector agrogandeiro, o sector naval, o
sector do comercio ou o noso sector financeiro. O noso pobo sofre un
éxodo propio dun país empobrecido, colonizado e utilizado como man
de obra barata para os países ricos e as grandes multinacionais que
gobernan Europa.
O
número de desempregados/as alcanza cifras históricas, 280 mil
persoas no desemprego, o 22% da nosa poboación activa. Desde o
inicio da crise, máis de 100 mil galegas e galegos, principalmente
mozos e mozas menores de 35 anos, marcharon á emigración en busca
de traballo. Con eles, o desemprego real supera o 30%. Un dato que a
Xunta oculta e manipula.
O
PP está a gobernar abertamente en favor dos intereses dos grandes
poderes económicos, aportando miles de millóns de euros do erario
público para axudas á banca (107.000 millóns de euros);
convertendo o ensino, a saúde, a asistencia social e as pensións en
negocio para o capital privado; afondando nunha política fiscal
inxusta que incrementa os impostos indirectos e rebaixa os impostos
directos ao capital; promovendo contrarreformas laborais que só
buscan rebaixar salarios, facilitar os despedimento e substituír
contratos fixos e a xornada completa, por contratos temporais ou a
tempo parcial, incrementando así os beneficios e o poder da patronal
e empobrecendo e debilitando á clase traballadora.
Diante
da contestación social, fronte a estas políticas antiobreiras e
antisociais, o PP opta pola represión e polo recorte das liberdades
públicas, a través da modificación do Código Penal e da Lei de
Seguridade Cidadá, situándonos diante dun auténtico estado
policial que en moitos aspectos retrotráenos á época franquista.
O
capital, a nivel internacional, está a aproveitar a súa propia
crise sistémica para afondar nas políticas ultraliberais que
conducen a máis desigualdades sociais e a unha maior concentración
e centralización da riqueza e do poder. Para iso non reparan en
promover recortes de dereitos, de liberdades e en vulnerar a
soberanía dos Estados, mesmo recorrendo a provocar e financiar
guerras que destrúen países e deixan unha estela de miles de mortos
e millóns de persoas desprazadas.
Cómpre,
polo tanto, a loita solidaria da clase obreira de todo o mundo, desde
a súa propia realidade e autoorganización, contra este sistema
socioeconómico capitalista, na procura da conquista doutro modelo de
organización económica e social máis xusto, solidario e
democrático, que garanta un reparto igualitario da riqueza e que
sexa respectuoso co dereito á liberdade e soberanía de todas as
nacións, incluída a galega.
Manifestacións
convocadas
Vigo:
Ás 11,30h. na Doblada
A
Coruña: Ás 12,00h na Praza de Vigo
Pontevedra:
Ás 12,00h. Praza da Ferrería
Vilagarcía:
Ás 11,00h. na Casa do Mar
A
Estrada: Ás 12,00h. na Praza do Mercado
Ferrol:
Ás 12,30h. Av. de Esteiro (local CIG)
Compostela:
12,30h. na Praza Roxa
Ribeira:
Ás 12,00h. na Praza do Peixe
Lugo:
Ás 12,00h. Ronda da Muralla (Edificio Sindical)
Ourense:Ás
12,00h. Pavillón dos Remedios
Cangas:
As 19h. Praza do Concello
Ningún comentario:
Publicar un comentario