Logo de varios meses agardando a que o Concello de Betanzos constituíse o grupo de implantación do teletraballo no Concello de Betanzos que el mesmo propuxo no protocolo de reincorporación ao traballo presencial que claramente incumpre na actualidade e de que o goberno do Estado aprobase a modificación do Texto refundido do Estatuto básico do empregado público para inclusión do teletraballo, a CIG vén de lle solicitar ao goberno de María Barral que reúna a Mesa de Negociación con carácter urxente para realizar esta negociación.
O propio decreto di que en 6 meses as Administracións deben adaptar esta normativa e regulala e este prazo vén dado porque esta modificación é froito da crise sanitaria e, en principio, propón a regulación do teletraballo na situación actual de pandemia.
Na solicitude, a CIG lémbralle ao goberno do PSOE que na actualidade e desde a apertura das oficinas municipais unha parte do persoal do Concello de Betanzos vén realizando as súas funcións en modalidade de teletraballo a pesar da inexistencia duns criterios para esta regulación e que este feito vén redundando nunha discriminación entre o persoal xa que se descoñecen os postos de traballo, os criterios de adxudicación e as condicións laborais de acceso ao teletraballo.
O escurantismo na adxudicación do teletraballo e falta dun criterios claros veñen redundado en discriminacións directas como que o control de asistencia ao traballo só se vén realizando a quen asiste presencialmente. A maiores a CIG observou e vén denunciando nesta e noutras administracións que o teletraballo está dando nalgúns casos como resultado unha peor atención á cidadanía que non pode realizar as súas xestións nas administracións con normalidade, e, por tanto, redunda nunha peor calidade dos servizos públicos.
Por outro lado, na actualidade, a desregulación e a falta dun acordo escrito deixa no aire o cumprimento das condicións laborais, a achega dos medios por conta do Concello e acceso remoto que tampouco se lle facilita á totalidade do persoal.
Desde a CIG consideramos necesario regular o teletraballo como unha ferramenta nesta situación de pandemia, mais sempre que este non se convirta nunha nova fonte de discriminacións, desregulación e precariedade laboral. Igualmente, defendemos unha regulación igualitaria para o persoal laboral e o funcionariado que logo se traslade aos marcos normativos de cada colectivo, coma sempre, defendemos iguais condicións laborais e igual salario a igual traballo, aínda pendentes de que o goberno de María Barral deixe de teimar en non equiparar salarialmente ao persoal laboral municipal.
Por todo isto, a CIG rexistrou unha solicitude para que o Concello de Betanzos reúna con carácter urxente a Mesa Xeral de Negociación para a adaptación da normativa ao teletraballo e a regulación deste no Concello de Betanzos en igualdade de condicións para o persoal laboral e o funcionariado e con criterios obxectivos, transparentes e non discriminatorios, así como a garantía de cumprimento dos dereitos laborais do persoal municipal independemente da modalidade de traballo en que preste servizos. Tamén lle lembrou ao Concello a obrigatoriedade e a necesidade de levar a cabo esta negociación para regular a prestación do teletraballo na situación actual derivada da crise sanitaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario