Hoxe tivo lugar a reunión da Comisión Paritaria de Igualdade cuxos puntos principais eran a presentación dos resultados da diagnose interna e a revisión do cronograma para a elaboración e aprobación do Plan de igualdade que agora vén regulada polo Real decreto 901/2020 que urxe os prazos para que estea aprobado nos primeiros meses de 2021.
O Concello presentou uns datos moi interesantes non só fornecidos polo Departamento de Persoal senón tamén como resultado das enquisas realizadas. Se ben só o 17% do persoal cubriu as enquisas e na meirande parte foron mulleres con base a esa diagnose continuará a elaboración do Plan de igualdadade.
A seguinte fase será a das entrevistas nos distintos servizos, cos grupos sindicais e cos representantes políticos coa intención de que en marzo o Concello presente unha proposta de plan de igualdade que se debería aprobar na Comisión Paritaria de Igualdade e levarse ao pleno con posterioridade, para logo rexistralo unha vez aprobado, tal e como exixe a lexislación vixente.
O Departamento de Igualdade realizou un inxente traballo de recompilación de datos que ofreceu luz sobre moitas cuestións e que proximamente nos facilitará polo miúdo e vos achegaremos en canto sexa posible. Se ben é certo que parece que desta volta hai unha clara intención de levar o plan adiante esta contrasta co incumprimento dos acordos que se tomaron na Comisión paritaria anterior.
A flexibilización horaria que vén recoñecida tanto no acordo regulador como no convenio colectivo é unha medida de conciliación que o goberno municipal levan adiando tres anos coa escusa de que non ten implantado un sistema de control do horario que debería estar implantado hai un ano e medio, cando de publicou a norma que obriga a rexistrar a xornada do persoal.
Se ben o goberno local sempre se escusa en que na práctica non hai ningún tipo de problema cos permisos de persoal e as medidas de conciliación, estas deben regularse para poder aplicarse en igualdade de condicións á totalidade dos traballadores, porque do contrario a política de desleixo na implantación efectiva desta medida de conciliación tradúcese en que a non regulación dun dereito do persoal disfrázase como beneficio a determinados traballadores a través seus responsables e redunda e agrava as discriminacións entre quen non ten a posibilidade e/ou capacidade de negociar indivualmente mais si de acollerse aos dereitos que recollen os marcos reguladores de dereitos do persoal.
As medidas de conciliación son un dereito e deben regularse en igualdade de condicións para todo o persoal, máis aínda cando o goberno de María Barral foi quen aprobou o Convenio colectivo e mais o acordo regulador e tamén dixo que non había problema con esta cuestión en varias mesas de negociación e comisións. Se efectivamente non hai problema debería ter fácil solución e non tardar tres anos en regularse, porque resulta bastante lamentable xa que a proximidade cunha parte do persoal leve a pensar que todo o persoal está na mesma situación cando as discriminacións son máis que evidentes e o equipo de goberno é ben coñecedor delas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario