O Concello de Betanzos vén de presentar na Mesa Xeral de Negociación de hoxe unha proposta de regulamento de asignación do complemento de produtividade, logo de que a Inspección de Traballo lle fixese un requirimento para negociar este reparto a raíz dunha denuncia da CIG pola asignación irregular que o Concello de Betanzos lle viña facendo a determinados traballadores deste complemento retributivo que estaba pendente de regular.
A CIG adiantou que non está de acordo con que se exclúa a unha parte do persoal para o reparto do complemento de produtividade porque entende que é discriminatorio, tamén da necesidade de que o Concello conte cun organigrama claro que na actualidade non existe. Así mesmo, indicou que dubida da legalidade de que a valoración en moitos casos sexa directamente realizada por concelleiros que nin están diariamente no Concello, como pasa en varios departamentos cuxo responsable directo está nese caso e que debería incluírse un apartado sobre a a publicidade do reparto do complemento e sobre as obrigas de información aos representantes dos traballadores.
Ao igual que no caso do regulamento anterior, as seccións sindicais poden presentar achegas ata o 31de decembro. A CIG achegará nas vindeiras semanas as súas propostas para este documento e calquera traballador que queira facer algunha achega pode poñerse en contacto con calquera dos delegados da CIG ou través do correo cigconcellobetanzos@gmail.com.
Ningún comentario:
Publicar un comentario