06/08/18

Segue pendente o cobro do incremento salarial do 1,5% + 0,25% para o ano 2018

A Administración estatal xa ditou o pasado 17 de xullo as instrucións para o pagamento dos atrasos das subas correspondentes ao ano 2018, que na actualidade xa está confirmado que son un 1,5% + 0,25% que estaba pendente.
Hai que lembrar que o incremento do 1,5% é con efectos do 1 de xaneiro, por tanto, o Concello non debería só aplicalo de inmediato, senón tamén pagar os atrasos desde o pasado 1 de xaneiro de 2018. Canto ao 0,25%  a suba debe aplicarse desde o 1 de xullo e calcúlase sobre as retribucións vixentes a 31 de xaneiro de 2018.
Na actualidade o Concello de Betanzos non aplicou ningunha das dúas subas na nómina e o ano pasado, cunha situación similar, aplicou o incremento retributivo coa nómina do mes de outubro e cun atraso de catro meses, e os atrasos adebedados pagounos en decembro, cun atraso de seis meses. 
Este demora nos prazos vén sendo habitual nun departamento de Persoal que presenta serios problemas de xestión que repercuten nos propios traballadores e traballadoras do Concello que levan meses sen cobrar horas extraordinarias e que vén como as distintas subas reguladas nos orzamentos estatais son demoradas até o infinito ou os convenios aprobados e os acordos e dereitos en materia retributiva teñen un periplo xa non de meses, senón de anos en distintos casos, que lle crean desánimo ao persoal e que demostran unha nefasta xestión desta área.

Os datos do paro do mes de xullo confirman o aumento da temporalidade na contratación


Ademais consolídase a desprotección social, xa que máis da metade das persoas desempregadas non perciben prestación

Os datos do paro do pasado mes de xullo feitos públicos hoxe confirman a consolidación da temporalidade, da precariedade e da desprotección social instalada no mercado laboral galego e o descenso da contratación indefinida, xa que o 93,21% dos 118.568 contratos asinados neste período foron de carácter temporal. Paralelamente, a desprotección social das persoas desempregadas continúa en niveis insoportábeis: máis da metade non ingresa ningún tipo de prestación.

O mes de xullo rematou con 163.412 persoas desempregadas no noso país, 6653 menos con respecto a xuño, polo que paro descendeu un 3,9% neste período. Esta leve baixada do paro contrasta cos 118.568 contratos asinados (14.898 máis que en xuño, o que supón un incremento do 14,4%). Destes, un total de 110.516 foron de carácter temporal (93,21%). 
Deste xeito, á escasa duración dos contratos hai que sumarlle a elevada rotación dos mesmos, algo que vén sendo tónica habitual.

Ao mesmo tempo, a reducida contratación indefinida que se rexistra mes a mes decreceu aínda un 2,8% (231 contratos menos que en xuño) polo que a porcentaxe de contratos rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida descende até o 6,8% (no mes anterior fora do 8,5%).

O descenso do paro en termos absolutos prodúcese maioritariamente no sector servizos, o que explica esta elevada temporalidade, parcialidade e rotación dos contratos.

De xeito paralelo, continúa a desprotección social das persoas desempregadas, xa que máis da metade non percibe ningún tipo de prestación. Dos 163.412 parados/as rexistrados/as, só 80.125 obtén algún tipo de prestación por desemprego (49,0%).

Consolídase o modelo PP

Para o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, estes datos amosan claramente que “o modelo PP segue a asentarse, cun mercado laboral caracterizado pola temporalidade, o descenso da contratacion indefinida e a escasa cobertura das persoas desempregadas”.

Considera que mentres se sigan a aplicar as mesmas políticas obteranse os mesmos resultados: máis precariedade, máis temporalidade e máis parcialidade no emprego e sostén que “non temos nada do que parabenizarnos, pois de pouco vale que aumenten as as porcentaxes de ocupación se todo o emprego que se crea é precario”.

Finalmente, fai fincapé en que para a CIG é o momento de actuar sobre a calidade do emprego para garantir que ter un traballo signifique poder vivir en condicións dignas, xa que na actualidade a maior parte dos contratos que se rexistran son de escasa duración e con salarios miserábeis. Tanto é así que a día de hoxe en Galiza un 30% de persoas asalariadas perciben ao ano uns ingresos inferiores ao SMI.

Reclamación das subas absorbidas no Complemento Persoal Transitorio do Persoal Laboral

Logo do recordatorio que a CIG lle fixo ao Concello sobre os criterios de absorción do CPT que veñen recollidos nas distintas leis de orzamentos do Estado e que o goberno municipal obviou en detrimento dos traballadores e traballadoras afectadas, seguimos á espera de que o Concello aplique a lexislación estatal nesta cuestión.

Debido a isto, e mentres as modificacións do Convenio colectivo non entren en vigor, o Concello de Betanzos debería aplicar a lexislación estatal no relativo á absorción do CPT, que se entende como supletoria para o persoal da Admón. local.

Recomedamos, pois, que aqueles traballadores e traballadoras ás que o Concello lles absorbeu a totalidade das subas, así como os novos trienios nos anos 2017 e 2018, logo da entrada en vigor do Convenio colectivo, que fagan a reclamación correspondente a través do Rexistro xeral e que lembren que teñen dereito a un ano de atrasos. 

Canto á postura do Concello, o propio concelleiro de Persoal, na última reunión mantida cos representantes dos traballadores por este tema, indicou que ata o momento as modificacións do Convenio colectivo non foron ao pleno porque están pendentes de informar e nesta semana na que se incorpora o interventor acumulado é cando lle entregarían o expediente, pendente de se informar para seguir o seu curso. Non obstante, a representante do Persoal laboral, lembroulle a importancia de levar adiante canto antes estes acordos e a obrigatoriedade do Concello de aplicar a lexislación estatal correspondente entretanto non entran en vigor as devanditas modificacións.

A CIG solicita que se reúna a Mesa Xeral de Negociación para o cobro do 100% das retribucións en situacións de incapacidade

Logo da publicación da Lei de orzamentos do Estado do ano 2018, as Administracións poden, previo acordo da Mesa Xeral de Negociación, acordar  a restitución do dereito ao cobro do 100% das retribucións en situacións de incapacidade temporal. Debido a isto, a CIG solicitoulle ao Concello de Betanzos a convocatoria dunha reunión nunha solicitude que indicaba o seguinte:

O Real decreto lei 20/2012 do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, modificou temporalmente o réxime retributivo do persoal das administracións públicas incluído no Réxime Xeral da Seguridade Social durante a situación de incapacidade temporal.

O artigo 37 de Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos recolle o réxime de retribucións en procesos de baixa por incapacidade temporal ao abeiro do Real decreto mencionado.

Así mesmo, o artigo 7 do devandito Convenio recolle o seguinte con respecto ás condicións máis beneficiosas:

“As melloras establecidas noutras disposicións de carácter xeral aplicables a calquera empregado/ público/a, que se diten con posterioridade e que non se reflicten neste Convenio colectivo despois da súa aprobación, serán de aplicación, segundo o principio de norma máis favorable ou condicións máis beneficiosa para os/as traballadores/as.”

Igualmente, a disposición adicional quinquaséxima da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, establece que cada Administración pública poderá determinar, previa negociación colectiva, as retribucións para percibir polo persoal ao seu servizo ou ao dos organismos autónomos e entidades dependentes, en situación de incapacidade persoal, e no caso do persoal funcionario ao que se lle expedise licenza por enfermidade e determínanse as regras do complemento retributivo que pode chegar ata un máximo do cento por cento das súas retribucións, básicas e complementarias, correspondentes ás retribucións fixas do mes de inicio da incapacidade temporal.

Esta disposición adicional ten carácter básico, tal e como se indica no seu apartado sete.

No que ten a ver co persoal ao servizo do Concello de Betanzos, tal disposición permite a recuperación do dereito ao cento por cento das retribucións mensuais ordinarias íntegras.

Ademais, a Real decreto 956/2018, do 27 de xullo, polo que se aproba e publica o Acordo adoptado pola Mesa Xeral de Negociación da Administración xeral do Estado do 23 de xullo de 2018, con relación ao réxime retributivo de situación de incapacidade do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e organismos ou entidades públicas dependentes, establece a plenitude retributiva para o persoal funcionario, estatutario ou laboral ao servzio da Administración xeral do Estado, que estea en situación legal de incapacidade temporal, garantindo, durante esta situación a percepción do cento por cento das retribucións ordinarias correspondentes ao mes de inicio da incapacidade temporal.

Polo exposto, PROPOÑEMOS:

Que o Concello de Betanzos reúna a Mesa Xeral de Negociación para acordar, con relación ao réxime retributivo do persoal laboral e funcionario que estea en situación legal de incapacidade temporal, a percepción do cento por cento das retribucións ordinarias correspondentes ao mes de inicio da incapacidade temporal.

30/07/18

Hai unha semana que o Comité de Empresa pediu unha reunión de urxencia co concelleiro de Persoal e segue sen resposta

O pasado 24 de xullo a presidenta do Comité de Empresa solicitou a través da sede electrónica unha reunión de urxencia co concelleiro de Persoal para aclarar a información relativa aos acordos da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo do colectivo do persoal laboral pendentes de se facer efectivos logo de múltiples reunións e máis dun ano por medio.

Na solicitude lembróuselle ao Concello que o cumprimento dos acordos ten un prazo e que o Comité de Empresa leva máis dun ano intentando resolver os problemas derivados da interpretación unilateral que o goberno municipal fixo do texto, mesmo en contra da lexislación vixente. 

Así mesmo, indicou que o concelleiro de Persoal dixo na última Mesa de Negociación que xa non era preciso modificar o convenio mais o Comité lembroulle que  Concello non pode tomar decisións en contra do acordado na Comisión Paritaria e moito menos sen sequera informar aos representantes do persoal. Calquera decisión que se tome sobre o Convenio Colectivo debe ser acordada pola Comisión Paritaria e non polo goberno municipal de xeito unilateral, mais parece que ao Concello de Betanzos lle custa entender o significado e a finalidade da negociación colectiva.

A urxencia da reunión viña dada porque o concelleiro de Persoal leva dicindo durante tres meses consecutivos que as modificacións do convenio van ir ao pleno e, tendo en conta que mañá hai pleno ordinario, a representación do Comité pretendía reunirse para saber se desta volta efectivamente iría para debaterse ou o concelleiro de Persoal incumpría, unha vez máis, a súa palabra, e os prazos de cumprimento dos acordos da Comisión Paritaria.

No caso de que nos vindeiros días o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, siga sen querer reunirse co Comité de Empresa por esta cuestión, os representantes do persoal laboral solicitarán unha reunión coa alcaldesa en funcións, María Barral, para lle manifestar a súa preocupación porque o concelleiro de Persoal non faga efectivos os acordos que se toman cos representantes dos traballadores e máis aínda cando esta decisión de non facelos efectivos vai en detrimento dos dereitos do persoal, mesmo vulnerando lexislación vixente.

Abrindo camiños n.º 64 (xullo 2018)


26/07/18

O Comité de Empresa informou á Inspección de Traballo da Coruña que o Concello de Betanzos leva seis meses sen lle entregar a información das horas extraordinarias do persoal laboral

Logo de seis meses sen recibir a información das horas extraordinarias do persoal laboral, de reclamarllo por rexistro ao Concello e lembrarllo en múltiples ocasións ao concelleiro de Persoal, a presidenta do Comité de Empresa puxo en coñecemento da Inspección de Traballo da Coruña que o Concello de Betanzos vulnera o Convenio colectivo ao non lle facilitar esta documentación, tal e como indica expresamente o documento que obriga á Admón. local a lle facilitar esta documentación con carácter mensual aos representantes do persoal. Fíxoo a través do rexistro na súa sede electrónica dunha solicitude que indicaba o seguinte:

Que por medio do presente escrito formulo unha denuncia contra o Concello de Betanzos, con domicilio en Praza de Galicia 1, Betanzos, A Coruña con base aos seguintes feitos:
PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos non lle entrega desde decembro de 2017 a información correspondente ás horas extraordinarias do persoal laboral ao Comité de Empresa do Concello de incumprindo a Disposición adicional 3.ª do RD 1561/95.
SEGUNDO. Que solicitamos esta información en diversas ocasións, tal e como achegamos no documento anexo, ao longo deste tempo con respecto á solicitude de información das horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral nos pasados meses e que en ningún caso tivemos resposta en todos estes meses.
Polo exposto, SOLICITO desta Inspección:
Que tendo presentado este escrito o admita, teña por formulada unha denuncia contra o Concello de Betanzos enriba indicado e, se o estima, adopte as medidas que considere oportunas para que o Comité de Empresa poida velar polo cumprimento da normativa en vigor na materia.


A CIG solicítalle ao Concello a información sobre as gratificacións do funcionariado

A CIG vén de lle solicitar ao Concello de Betanzos a información sobre as gratificacións do funcionariado ao abeiro da Lei de transparencia. Esta solicitude faise tendo en conta a total escuridade coa que o goberno local trata a información das gratificacións que o funcionariado recibe e que a partida é común para o persoal laboral e funcionario. Non é a primeira que a CIG solicita que esta información se publique, cando menos por departamentos, nos taboleiros de información, mais ao goberno municipal sempre lle custou moito facilitar este tipo de información que desde a CIG entendemos que é de interese non só para o persoal, senón tamén para tomarmos decisións nas mesas de negociación que lle afectan a ese colectivo.

Por isto, a CIG solicitou esta información por rexistro coa intención de continuar cos pasos que resulten necesarios no caso de que o Concello non a facilite, porque entedemos que como sindicato que forma parte da Mesa Xeral de Funcionarios temos dereito a dispoñer de toda a información. A solicitude fíxose a través do rexistro telemático e indicouse o seguinte:

COMUNÍCOLLE:

Que como sindicato maioritario con representación na Mesa Xeral de Negociación solicito a información correspondente ás gratificacións pagadas ao persoal funcionario no ano 2018 e con cargo á partida orzamentaria correspondente ao abeiro da Lei da 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e bo Goberno.

Esta solicitude faise atendendo especialmente ao artigo 2, do ámbito de aplicación, que comprende as entidades que integran a Administración local, ao artigo 12 de dereito de acceso á información públicas e tendo en conta que a información solicitada non está comprendida en ningún dos supostos de límites ao dereito de acceso recollidos no artigo 14 da mencionada Lei.

Igualmente, solicitamos esta información de cara a dispor de toda a información necesaria para poder tomarmos decisións na Mesa Xeral de Funcionarios e contarmos como sindicato que forma parte do devandito órgano de negociación colectiva coa información relativa ás retribucións correspondentes ao persoal funcionario desta Administración local, sempre atendendo ao cumprimento da Lei orgánica 5/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e co sixilo que proceda nestes casos.

Esta solicitude para o exercicio do dereito de acceso á información faise ao abeiro do 17 da mencionada Lei da 19/2013 e cumpre os requisitos indicados no punto 2 deste artigo.

A CIG lémbralle ao Concello que os criterios de absorción do CPT veñen regulados na Lei de orzamentos do Estado

A CIG vén de rexistrar un documento sobre a entrada en vigor da Lei de orzamentos do Estado, que non afecta só ás retribucións, senón tamén aos criterios de absorción do Complemento Persoal Transitorio, e indicoulle ao Concello de Betanzos o seguinte:

PRIMEIRO. Que o pasado mércores 4 de xullo de 2018 publicouse a Lei 6/2018 de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018.

SEGUNDO. Que o capítulo I dos gastos do persoal ao servizo do sector público, entre o que se inclúe a Administración local indica o seguinte no punto 2:

“No ano 2018, as retribucións do persoal ao servizo do sector público non poderán experimentar un incremento global superior ao 1,5 por cento con respecto ás vixentes a 31 de decembro de 2017... Ademais do anterios, se o incremento do PIB a prezos constantes no 2018 alcanzase ou superase o 3,1 por cento enhadiríase, con efectos do 1 de xullo de 2018, outro 0.25 por cento de incremento salarial”.

TERCEIRO. Que a Disposición transtoria segunda, relativa aos complementos persoais e transitorio indica o seguinte:

“Un. Os complementos persoais e transitorios e demáis retribucións que teñan análogo carácter rexeranse pola súa normativa específica e polo disposto na correspondente Lei de orzamentos do Estado.

Dous. Os complementos persoais e transitorios recoñecidos en cumprimento do disposto no artigo 13 da Lei 50/1984, de 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 1985, ao persoal incluído no ámbito de aplicación da Lei 30/1984, de 2 de agosto, manteranse nas mesmas contías que a 31 de decembro do ano anterior, sendo absorbidos polas melloras que poidan derivarse do cambio de posto de traballo.
...
En ningún caso se considerarán os trienios, o complemento de produtividade nin as gratificacións por servizos extraordinarios.”

CUARTO. Que no Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos vén recollida a existencia dun complemento persoal transitorio e absorbible para o persoal que no momento de entrada en vigor do Convenio superaba as retribucións correspondentes previstas neste.

QUINTO. Que o Concello, desde o 7 de abril de 2017 vén realizando unha absorción total dos incrementos salariais, detraéndoos do complemento persoal transitorio, tanto dos na Lei de orzamentos do estado do 2017 como dos novos trienios e de calquera suba non derivada do cambio de posto de traballo e incumprindo a disposición transitoria segunda da Lei de orzamentos do Estado de 2017.

SEXTO. Que a Comisión Paritaria do Convenio Colectivo acordou en diversas reunións uns criterios de absorción do complemento persoal transitorio do persoal laboral que están pendentes de entrar en vigor.

POR TODO O EXPOSTO, SOLICITO:

PRIMEIRO. Que o Concello aplique o disposto para retribucións na Lei 6/2018 de orzamentos do Estado, así como a disposición transitoria segunda no relativo ao complemento persoal transitorio, tendo en conta que os criterios de absorción do complemento persoal transitorio acordados na Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento do Convenio Colectivo aínda non estarán vixentes ata a publicación das modificacións do convenio no Boletín Oficial da Provincia.

SEGUNDO. Que, igualmente, e en aplicación da disposición mencionada da Lei de orzamentos do Estado do ano 2017, lle devolva ao persoal afectado os atrasos correspondentes da interpretación unilateral dos criterios de absorción do complemento persoal transitorio e que se aplicaron en contra do disposto nunha lei de superior rango como é a Lei 3/2017.

12/07/18

Guía de conciliación da CIG actualizada (xullo 2017)


Pomos á túa disposición a "guía de conciliación" da CIG, actualizada a xullo/2018, coa inclusión dos cambios no permiso de paternidade.
No documento inclúense os seguintes apartados:
  • Permisos, xestións relacionados coa maternidade.
  • Permisos, xestións relacionados coa paternidade.
  • Permiso de lactación.
  • Redución de xornada por coidado de fillas/os e familiares.
  • Redución de xornada por coidado de menores afectados/as por candro e enfermidade grave
  • Excedencia por coidado de crianzas e familiares.
  • Permisos para coidado de familiares con enfermidade.
  • Flexibilidade horaria e outros permisos para conciliar a vida familiar, laboral e persoal.
  • Risco no embarazo e na lactación natural.
  • Acoso sexual e por razón de sexo.
  • Violencia de xénero.
  • Plans, protocolos e medidas de igualdade.
  • Modelos de solicitudes.
  • Propostas da CIG en materia de negociación colectiva con perspectiva de xénero.