26/07/18

A CIG solicítalle ao Concello a información sobre as gratificacións do funcionariado

A CIG vén de lle solicitar ao Concello de Betanzos a información sobre as gratificacións do funcionariado ao abeiro da Lei de transparencia. Esta solicitude faise tendo en conta a total escuridade coa que o goberno local trata a información das gratificacións que o funcionariado recibe e que a partida é común para o persoal laboral e funcionario. Non é a primeira que a CIG solicita que esta información se publique, cando menos por departamentos, nos taboleiros de información, mais ao goberno municipal sempre lle custou moito facilitar este tipo de información que desde a CIG entendemos que é de interese non só para o persoal, senón tamén para tomarmos decisións nas mesas de negociación que lle afectan a ese colectivo.

Por isto, a CIG solicitou esta información por rexistro coa intención de continuar cos pasos que resulten necesarios no caso de que o Concello non a facilite, porque entedemos que como sindicato que forma parte da Mesa Xeral de Funcionarios temos dereito a dispoñer de toda a información. A solicitude fíxose a través do rexistro telemático e indicouse o seguinte:

COMUNÍCOLLE:

Que como sindicato maioritario con representación na Mesa Xeral de Negociación solicito a información correspondente ás gratificacións pagadas ao persoal funcionario no ano 2018 e con cargo á partida orzamentaria correspondente ao abeiro da Lei da 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e bo Goberno.

Esta solicitude faise atendendo especialmente ao artigo 2, do ámbito de aplicación, que comprende as entidades que integran a Administración local, ao artigo 12 de dereito de acceso á información públicas e tendo en conta que a información solicitada non está comprendida en ningún dos supostos de límites ao dereito de acceso recollidos no artigo 14 da mencionada Lei.

Igualmente, solicitamos esta información de cara a dispor de toda a información necesaria para poder tomarmos decisións na Mesa Xeral de Funcionarios e contarmos como sindicato que forma parte do devandito órgano de negociación colectiva coa información relativa ás retribucións correspondentes ao persoal funcionario desta Administración local, sempre atendendo ao cumprimento da Lei orgánica 5/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e co sixilo que proceda nestes casos.

Esta solicitude para o exercicio do dereito de acceso á información faise ao abeiro do 17 da mencionada Lei da 19/2013 e cumpre os requisitos indicados no punto 2 deste artigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario