10/07/18

A CIG denuncia a falta de reunións do Comité de Seguridade e Saúde, que leva sen xuntarse desde outubro de 2017, cando o fixera logo dun requerimento da Inspección ao Concello

Como vén sendo costume desde hai sete anos o Concello de Betanzos menospreza o Comité de Seguridade e Saúde, que xa se constituíra logo dunha denuncia dos delegados de prevención da CIG na Inspección provincial de traballo hai varios anos. Desde ese momento son moitas as denuncias que houbo que interpor para que a Inspección lle requirise ao Concello que reunise o Comité de Seguridade e Saúde, que elaborase os plans de emerxencia ou que tomase medidas en instalacións con posible risco para o persoal.

O caso é que o Concello leva anos pagándolle a unha mutua mais aquí non se dá feito nada, demostrando que o das mutuas si que é un bo negocio e que non lle importa tirar os cartos nin a seguridade e saúde laboral do persoal. É lamentable ter que acudir continuamente á Inspección para denunciar incumprimentos dunha lei que se aprobou hai máis de vinte anos, mais tamén por incumprimento dos novos acordos do Convenio colectivo. 

Logo de falar en moitas ocasións este tema co concelleiro de Persoal, que se comprometía continuamente a que se reunise o Comité de Seguridade sen que ao final así fose, decidiuse comunicarllo, unha vez máis, á Inspección provincial para que lle requira ao Concello de Betanzos que convoque o Comité. O documento rexistrado na sede electrónica indicaba o seguinte:

PRIMEIRO. Que o pasado 4 de xuño de 2018 solicitamos que se reunise de xeito ordinario o Comité de Seguridade e Saúde que leva desde o pasado 25 de outubro de 2017 paralizado e sen actividade, por tanto, nove meses. Así mesmo, e antes de realizar a solicitude por rexistro falouse en numerosas ocasións co presidente do Comité de Seguridade e Saúde para que procedese a realizar a convocatoria sen que esta se levase a efecto.

SEGUNDO. Que o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos réxese por un regulamento de funcionamento aprobado o 8 de marzo de 2016 se aprobou que recolle expresamente que o devandito órgano terá que se reunir cada tres meses, ao igual que o recolle a Lei 31/95, e desde o pasado 25 de outubro de 2017 leva sen se reunir o Comité de Seguridade e Saúde.

TERCEIRO. Que, así mesmo, nesta reunión tomáronse unha serie de acordos que na actualidade seguen sen se levar a cabo, ou cando menos, os delegados de prevención non temos coñecemento, como é a elaboración e implantación dun plan de emerxencia do Cine Alfonsetti, a realización do primeiro simulacro do plan de emerxencia da Escola Infantil Municipal, así como a elaboración, segundo as prioridades dos plans de emerxencia dos distintos edificios municipais

CUARTO. Que os incumprimentos na dilixencia da convocatoria son continuos neste Concello e vulneran o recollido na Lei 31/95, motivo polo que non é a primeira vez que nos vemos obrigados a poñer isto en coñecemento da Inspección de Traballo provincial.


Ningún comentario:

Publicar un comentario