Logo dun ano, neste Concello seguimos a voltas cos mesmos problemas de persoal de sempre, moitos debidos a que a Relación de Postos de Traballo en vixencia é do ano 2008 e non se corresponde en moitos casos coa situación actual dos postos de traballo. O certo é que segundo nos leva informando o Concello parece que hai intención de presentarlle unha nova proposta de Relación de Postos de Traballo aos representantes dos traballadores mais ese día non dá chegado. O único que sabemos ata o momento é que o Concello falou con determinados compañeiros para informalos de que as modificacións da RPT lles afectarían aos postos que ocupan mais en ningún momento presentou esta proposta na Mesa Xeral de Negociación, trámite imprescindible de negociación que o Concello está a obrigado a seguir antes de levar a Pleno ese novo documento.
O pasado xoves, 7 de xuño, un partido da oposición, o BNG, convocou a todos os representantes dos traballadores, tanto do persoal laboral como do persoal funcionario para exporlle a súa postura fronte ás negociacións sobre os orzamentos, en concreto sobre a Relación de Postos de Traballo que está a ter co Goberno municipal. O encontro co partido da oposición non serviu máis que para constatar todo o que dende a CIG levamos meses denunciando, e polo pouco que puidemos saber da nova RPT o goberno municipal presenta de novo un texto no que non se conta coa participación dos traballadores, cando menos da do persoal laboral e que pretende facer modificacións substanciais, por unha banda, que afectarían nomeadamente ao persoal laboral, e por outra, incorre de novo en vellos erros do pasado, como é non reflectir correctamente a situación de moitos postos de traballo ou mesmo non facer unha valoración de todos os postos para aclarar a atribución dos distintos complementos salariais en función dos distintos postos de traballo. En xeral, a reunión foi, cando menos informativa, xa que o BNG achegou moita información dese novo documento que o Concello non lle dá presentado aos representantes dos traballadores, a única mágoa é que, unha vez máis, algún dos compañeiros presentes da UGT non fixo máis que falar da súa situación particular como traballador no canto interesarse polas propostas destinadas a todos os postos de traballo en xeral e aos que veñen padecendo diversos problemas dende hai tempo en particular, ademais de pola desoladora privatización de servizos que sen présa mais sen pausa se está a producir neste Concello.
De todos estes problemas é ben coñecedor o goberno municipal porque o Comité de Empresa os puxo sobre a mesa tanto por escrito como verbalmente, e ata o momento os representantes dos traballadores seguen sen saber nada da Relación de Postos de Traballo que o goberno pretende aprobar e aínda por riba a última información que ofreceu o Concello é que están intentando consesuar con algúns partidos da oposición e logo lla presentarán aos representantes dos traballadores. É triste ver como o persoal sempre é o último da cadea en opinar sobre os cambios na súa propia situación laboral, ben sabemos que neste Concello parece que as cousas sempre foron así, mais cando semellaba que comezaba a haber vontade de diálogo seguimos a observar que á hora da verdade o que menos importa aquí son os propios traballadores mais si consesuar cos compañeiros políticos do Pleno o que lles vén en gana independentemente de que siga ou non á marxe da lei.
Desde a CIG continuaremos achegando as nosas propostas ao Concello aínda que para este sexamos os últimos en opinar e se algo temos claro é que grazas ao novo Comité saíron á palestra pública os problemas da actual RPT e do persoal laboral en xeral e aínda que nos alegramos moito de que agora haxa partidos da oposición que apoian as nosas propostas só agardamos que isto sirva para que de verdade se solucionen os problemas do persoal e que o propio goberno conte coa representación do persoal dunha vez por todas e aínda máis para temas tan importantes como dos que se está a falar na actualidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario