11/11/12

O secretario xeral da CIG explica os motivos da convocatoria de folga xeral do 14-N nunha vídeo-entrevista


A conversa con Suso Seixo é un dos principais contidos da nova páxina web sobre a xornada de paro que vén de estrear a CIG

O secretario xeral da CIG explica na entrevista as principais razóns da folga xeral do 14-N, unha convocatoria “fronte as intencións do capital de aproveitar a crise para someter e precarizar o mundo do traballo” coa intención inmediata de “rebaixar os salarios nun 20-25%”. A conversa con Suso Seixo é un dos principais contidos da web que o sindicato vén de poñer en marcha para centralizar toda a información sobre a xornada de paro, na que tamén se poden atopar as respostas ás preguntas máis frecuentes sobre o dereito a secundala ou un repaso polas 13 folgas xerais nas que participou o sindicalismo nacionalista.
Aínda que a convocatoria “chega tarde”, xa que a CIG pretendía anunciala para setembro, Seixo valora de forma positiva a unidade sindical coa que se afronta a convocatoria e que responde á crise do modelo sindical pactista de CCOO e UGT “que xa non funciona e que os obriga a adoptar unha actitude mobilizadora”.

Seixo lembra, ademais, que se até agora non foi posíbel esta unidade non foi por culpa da CIG, “xa que non podiamos mantela con organizacións que cos seus acordos desmobilizaban a clase traballadora en plena crise”.

O máximo responsábel da central nacionalista insiste na necesidade de conquistar maior soberanía política para que o pobo traballador galego poida combater “as agresións aos sectores básicos da nosa economía” por parte dun capital “en pleno proceso de concentración e centralización”. Nesta liña, valora como “moi positiva” a convocatoria simultánea en varios estados europeos, lembrando que a CIG “apostou dende hai tempo polas mobilizacións internacionais, xa que as contestacións individualizadas deben acadar un carácter global para seren efectivas”.

Finalmente, agarda que “o resto de centrais sindicais europeas entendan que isto é un conflito de clase, global” e se unan a futuras convocatorias de dimensión internacional, aínda que cada país “conta coas súas problemáticas específicas”.

Podes ver o vídeo da entrevista aquí. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario