29/09/20

A Inspección de Traballo requírelle ao Concello de Betanzos que cumpra co artigo 34 do Estatuto dos Traballadores e negocie a implantación do rexistro da xornada

O requirimento vén motivado porque o Concello se nega a entregarlles aos representantes dos traballadores os rexistros da xornada, tal e como establece a lexislación vixente, non negociou a implantación do rexistro e implantou un sistema que afonda na discriminación entre o persoal.

As queixas do persoal veñen sendo múltiples pola aplicación discriminatoria deste rexistro que utiliza na actualidade unha ínfima parte dos traballadores e traballadoras. A falta duns criterios claros, da negociación na implantación do sistema, da negativa ao goberno municipal desde hai anos a negociar os horarios específicos e, a maiores, an pseudoimplantación dun sistema de teletraballo totalmente arbritario e que carece dun sistema de rexistro da xornada, afondaron nas discriminacións existentes desde mediados de 2018, momento no que se implantou un sistema temporal que ía ser de proba ata o sistema definitivo do que nunca máis se falou.

A maiores disto, o Concello de Betanzos ten a obriga de lle entregar esta información aos representantes dos traballadores, tal e como ratifica a Inspección de Traballo e vén incumprindo reiteradamente esta obriga de información nun claro exercicio de escurantismo e defensa de determinados privilexios dunha parte do persoal que non rexistra a xornada co consentimento do goberno municipal.

Desde ese mesmo ano a CIG, logo de queixas de diversos traballadores que advertían a discriminación da implantación dun sistema que non utilizaba a totalidade do persoal e que non fora negociado tal e como procede, advertíalle non só ao concelleiro de Persoal, Diego Fernández, en diversas ocasións, a necesidade de resolver esta situación, senón á propia María Barral, que era coñecedora do problema e que indicaba que se solucionaría en canto fose posible.

A maiores, a non implantación do rexistro da xornada leva anos sendo a escusa do goberno municipal para non implantar a flexibilidade da xornada que vén recoñecida como unha medida de de conciliación no propio Convenio colectivo e Acordo regulador. Esta queixa tamén se trasladou á Comisión Paritaria de Igualdade do pasado mes de febreiro, así como a necesidade de poder facer efectivo este dereito de flexibilización que debería poder exercitarse desde 2017, ano en que se aprobaron os novos marcos reguladores.

O inspector de traballo indica na resolución que existen limitacións no sistema de rexistro da xornada existente e falta a negociación para a implantación, e requírelle ao Concello que debe facilitar os rexistros de xornada solicitados tanto polos traballadores e traballadoras como polos representantes destes e debe negociar ou consultar coa representación legal dos traballadores con respecto ás modificacións que realice no sistema de rexistro da xornada.

A CIG vén de reiterarlle as solicitudes correspondentes ao Concello, á vista de que segue sen ningún tipo de información sobre esta cuestión e no caso de que o Concello non responda acudirá de novo á Inspección provincial para informala da reiteración no incumprimento, da persistencia nas discriminacións e da falta de negociación e consulta cos representantes dos traballadores e traballadoras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario