30/03/21

A CIG solicítalle ao goberno municipal que o reparto das máscaras sexa equitativo e coa periodicidade necesaria logo de advertir discriminacións no reparto actual

Logo de advertir nos pasados meses que o reparto das máscaras FPP2 non estaba a ser todo o periódico que debera na totalidade dos departamentos municipais, tendo en conta que na actualidade está clara a vida útil destes elementos de protección e que deberan ser repartidos dun xeito periódico e, por suposto, equitativo entre a totalidade do persoal. E tamén logo de advertirlle este problema aos delegados de prevención da CSIF e UGT no Comité de Empresa, con especial reticencia por parte da delegada da CSIF que negaba a existencia de ningún tipo de problema nin discriminación neste reparto, e tamén ante as continuas queixas de persoal de departamentos que mesmo levan meses sen recibir máscaras a CIG decidiu trasladarlle esta problemática ao goberno municipal e solicitarlle que cese a situación e busque solucións.

Os problemas actuais do inxusto e ocasional reparto do material veñen derivados da inexistencia dun sistema organizado para un reparto equitativo e periódico que ben podería realizar o propio Concello ou que simplemente podería informar ao persoal onde periodicamente pode recoller os seus equipos de protección individual. Na actualidade, o caos organizativo que domina o Concello de Betanzos tradúcese na inexistencia dun sistema que desemboca en discriminacións entre o persoal que ten acceso ás máscaras sen dificultade e o persoal que ten que solicitalas e non sabe nin sequera ben a que departamento  e aínda outro tipo de persoal que depende dos xefes de departamento para ter material e que se ese persoal non realiza a xestión fica sen el.

Debido a estes diferentes escenarios, á discriminación que supoñen e ao surrealista que é que un ano despois de que se declarase a pandemia no Concello de Betanzos sigamos así, a CIG solicitoulle ao Concello o seguinte:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos cumpra a lexislación en materia de prevención de riscos laborais e o seu propio Plan de continxencia da Covid-19 co reparto do material de prevención necesario na totalidade dos departamentos municipal.

SEGUNDO. Que o Concello informe claramente á totalidade do persoal sobre cal é o sistema para acceder ás máscaras precisas como EPIS na situación de pandemia, ben mediante o reparto periódico ou ben mediante a recollida no lugar que decida e que posibilite que a totalidade do persoal teña acceso e coñecemento sobre o acceso a este material que na actualidade non se está a facilitar nin coa cantidade nin coa periodicidade necesaria, tendo en conta a vida útil das máscaras, á totalidade do persoal municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario