16/04/21

O Concello avanza na privatización da xestión de persoal e contrata a unha empresa para a asistencia técnica dunha empresa para o reparto da produtividade e a implantación da carreira profesional

O Concello acaba de contratar a unha empresa para a asistencia técnica para o reparto da produtividade e a implantación da carreira profesional.

A necesidade de regular o reparto da produtividade vén determinada por un requirimento da Inspección de Traballo con motivo dunha denuncia da CIG pola asignación dun complemento de produtividade a unha persoa traballadora sen a existencia duns criterios de reparto. Desde a CIG levabamos anos insistindo na necesidade de regular este reparto mais o Concello non dera ningún paso adiante ata que acudimos á inspección de traballo.

Desde a CIG criticamos que o goberno de María Barral privatice continuamente os servizos públicos municipais no canto cubrir os servizos necesarios con empregados públicos. Unha privatización que xa non afecta só aos servizos externos senón tamén aos traballos que deben ser desenvolvidos polo funcionariado. A nula xestión para a cobertura de efectivos necesaria logo de múltiples xubilacións e falta de persoal deriva na continua contratación de empresas para asesorar ao Concello nunhas negociacións colectivas e escudarse en empresas para levar adiante as decisións do goberno polas que non queren dar a cara.


Lembramos que a avaliación do desempeño vén recollida do seguinte xeito na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia:

Sección 2ª. Avaliación do desempeño

Artigo 83. Concepto e principios inspiradores

1. A avaliación do desempeño é o procedemento mediante o cal se mide e valora a conduta profesional e o rendemento ou o logro de resultados dos empregados públicos.

2. As administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei establecerán sistemas que permitan a avaliación do desempeño de todo o seu persoal, nos termos que se establezan regulamentariamente en desenvolvemento dos principios recollidos nesta sección. No deseño e establecemento destes sistemas serán oídas as organizacións sindicais.

3. Os sistemas de avaliación do desempeño adecuaranse, en todo caso, a criterios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación, e aplicaranse sen menoscabo dos dereitos dos empregados públicos por órganos especializados dotados de autonomía funcional.

Artigo 84. Criterios

1. A valoración da conduta profesional dos empregados públicos mediante a avaliación do desempeño terá en conta necesariamente os seguintes criterios:

a) O grao de cumprimento dos deberes profesionais que esta lei impón aos empregados públicos.

b) O grao de interese, iniciativa e esforzo con que os empregados públicos realicen o seu traballo e, en particular, a súa implicación na actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional.

2. A valoración do rendemento ou do logro de resultados por parte dos empregados públicos mediante a avaliación do desempeño basearase como criterio necesario na medición da contribución individual de cada empregado público, no marco da avaliación da unidade administrativa en que preste os seus servizos, aos seguintes fins:

a) A consecución dos obxectivos da devandita unidade administrativa.

b) A mellora da organización e da xestión administrativas a través da participación en procesos de innovación e de boas prácticas a prol da excelencia e mais a normalización e a racionalización de procesos.

Artigo 85. Periodicidade e efectos

1. As administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei establecerán unha planificación da avaliación periódica das súas unidades administrativas que mida e valore o rendemento e o logro de resultados destas, así como, mediante a aplicación dos sistemas previstos no artigo 83, o desempeño do persoal destinado nelas.

2. A obtención polos empregados públicos dun resultado negativo na avaliación planificada poderá comportar a non percepción do complemento retributivo de desempeño previsto pola letra c) da alínea segunda do artigo 137 ou concepto retributivo equivalente e, de ser o caso, a obrigatoriedade da actualización e perfeccionamento da súa cualificación profesional mediante a participación nos cursos de formación regrada que se establezan, sen prexuízo do disposto no artigo 94 sobre remoción de postos de traballo obtidos por concurso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario