21/03/19

Resumo da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo (15.03.2019)

Na reunión da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo que tivo lugar o pasado venres 15 de marzo o Concello, en principio, aceptou a modificación dos seguintes artigos do Convenio Colectivo do persoal laboral:

Artigo 22.1.
Artigo 22.2.
Artigo 22.3.
Artigo 37.
Artigo 29.1.C.
Cláusula Transitoria Primeira. Complemento Persoal Transitorio
Anexo I. Sistema retributivo
Anexo III. Complemento por funcións extraordinarias
Anexo IV. Profesorado do Conservatorio de Música

Nesa mesma reunión acordouse que en dúas/tres semanas haberá unha nova reunión na que o goberno presentará unha proposta concreta con respecto á proposta do Comité de continuar coa equiparación salarial co funcionariado, cun cronograma de aplicación para varios anos, tamén un texto concreto de aplicación para os órganos de dirección do Conservatorio que non estean ocupados por persoal a xornada completa e mais para novas dispoñibilidades, aínda que nun principio, de entre as propostas presentadas, só aceptou unha dispoñibilidade para o coordinador de Protección Civil, na liña da que na actualidade ten o encargado do servizo dos electricistas.

A presidenta do Comité solicitou que se entregase a proposta con tempo e que non se demorase, tendo en conta que último pleno ordinario desta lexislatura será o 30 de abril e que para que a proposta de modificación do convenio puidese ir a este pleno debería estar acordada co Comité antes da semana do 22 de abril. 

11/03/19

Milleiros de mulleres secundan a folga e as mobilizacións convocadas pola CIG neste 8 de Marzo


"O poder ten que entender que non imos permitir retrocesos nos nosos dereitos cando aínda nos quedan moitos por conquistar"

Miles de galegas están a secundar a folga e as preto de 30 mobilizacións convocadas pola CIG ao longo de toda Galiza neste 8 de Marzo, para reclamar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. No Día Internacional da Muller Traballadora, as galegas toman as rúas de novo, reivindicando a orixe obreira e revolucionaria desta data, "para que dunha vez por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos cando aínda nos quedan moitos por conquistar".

Galiza enteira treme: da Mariña ao Morrazo, da Costa da Morte a Valdeorras, de Ferrolterra a Compostela, de Lugo a Ourense, do Salnés a Betanzos, da Coruña a Vigo... miles de mulleres traballadoras da sanidade, do ensino, do comercio, da industria, dos centros de chamadas, da administración, do téxtil, do mar, das conserveiras,... saíron hoxe coa CIG á rúa no marco da xornada de folga laboral; mais tamén o fixeron as xubiladas, as estudantes, as desempregadas, as mulleres que traballan arreo pero non teñen unha remuneración "para denunciar a inxustiza que supón discriminar a máis da metade da sociedade pole mero feito de sermos mulleres".

Así se pronunciaba a secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, horas antes da saída da manifestación na Coruña convocada pola central sindical, durante o transcurso dun dos piquetes informativos que hoxe percorreron as rúas galegas. Corral apuntou ademais que esta folga é a ferramenta que temos para denunciar que, a pesares de ser ilegal, a fenda salarial continúa sendo unha realidade moi frecuente nas empresas; ao igual que o chan pegañento ou o teito de cristal, os atrancos na conciliación ou o acoso e as agresións sexuais ás que someten as traballadoras, entre outras situacións discriminatorias e machistas.

Seguimento na sanidade, o ensino e os centros do Consorcio

En canto ao seguimento da folga, no conxunto do país, na sanidade pública só están entrando os servizos mínimos e a folga está a ter unha especial incidencia na Atención Primaria, malia os "servizos máximos" decretados pola Xunta.

Nos sectores máis precarizados e feminizados da Administración, como son os centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (residencias de maiores e escolas Galiña Azul), o paro é masivo e un éxito rotundo, cinguíndose exclusivamente a cubrir os servizos mínimos impostos polo Goberno galego.

Na administración xeral da Xunta de Galiza foi desigual en atención aos departamentos, centros e xefaturas territoriais, cun seguimento de arredor dun 50% de traballadoras que secundaron a convocatoria de 24 horas na quenda de mañá na Xunta de Galiza. Desde a CIG-Administración salientan, porén, que houbo edificios administrativos que mesmo quedaron baleiros na provincia de Pontevedra, onde a incidencia foi maior. Desde a federación denuncian que o establecemento dos servizos mínimos abusivos, que xa foron denunciados pola CIG, dificultou a moitas traballadoras a súa participación na folga.

O 100% das traballadoras de ambulancias, que están na terceira semana de folga por un convenio colectivo digno, tamén se sumaron á convocatoria de folga de mulleres, reivindicando o seu traballo nun sector profundamente masculinizado.

Produciuse tamén unha paralizacion absoluta no ensino secundario e universitario e unha moi alta participacion na folga das mestras e profesoras, superando o seguimento do ano pasado. A imaxe de aulas baleiras foi a imaxe desta xornada nos centros de ensino.

Seguimento en Vigo

A folga está a ter un elevado seguimento na comarca de Vigo a pesar do intento de moitas empresas por boicoteala. A limpeza das escolas infantís e do hospital Álvaro Cunqueiro está a verse afectada a causa do paro de 24 horas, como tamén o servizo de cociña do centro médico vigués. Ao igual que a recollida do lixo (que xestiona a empresa FCC) e o mantemento dos parques e xardíns (do que se encarga Althenia).

No sector industrial hai que salientar a incidencia en empresas como Denso, GKN, Alonarti, Marsan, BorgWarner, Plastic Omnium, Grupo Copo, Asientos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, Domiberia ou Carchidea. Outras empresas nas que está a ter impacto son algunhas de alimentación como Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato ou Conservas Rías Baixas e do téxtil como Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez e Selmark.

Por último, empresas do transporte como Gefco ou Vitrasa tamén rexistran un importante seguimento, a pesar de que a concesionaria do servizo de autobuses do Concello de Vigo non lle comunicou os servizos mínimos ás súas traballadoras.

En cadeas de supermercados como Alcampo e Froiz tamén está a ter un grande impacto, ao igual que en empresas importantes do sector dos centros de chamadas como Bosch e Unísono. No sector de oficinas e seguros tamén están a secundar a folga moitas traballadoras de compañías como Satec, Experis, Boycor, Cetmar, Prosegur BPO, AXA, Construdata 21, Lidera, IS2 e Ader.

Seguimento na Coruña

Na Coruña o seguimento da folga déixase notar na administración pública, pois están pechados todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María Pita. E tamén parte das traballadoras de axuda a domicilio se sumaron ao paro. O impacto da folga tamén se está a notar nunha zona comercial tan céntrica como a da Praza de Lugo, onde un piquete informativo da CIG estivo repartindo volantinas explicando os motivos da convocatoria e das mobilizacións convocadas nesta xornada.

As tendas de Oysho do centro comercial Marineda City e Catro Camiños permanecen pechadas e tamén as de Stradivarius de Marineda e Praza de Lugo, e aínda que desigual, tamén hai seguimento no resto das tendas do Grupo Inditex. Destacar que o comedor de Zara Loxística non pode prestar servizo porque a maioría das  traballadoras están en folga.
No sector industrial, as traballadoras de Celsa Atlantic da Laracha tamén foron á folga e o 50% da traballadoras de Ferroatlántica de Cee. Na conserveira Calvo de Carballo a práctica totalidade das mulleres parou e en Extel e Atento, dúas das grandes empresas do sector de atención telefónica da Coruña, o seguimento supera o 80%.

Seguimento en Compostela

Na comarca de Compostela, a folga déixase sentir a esta hora no sector servizos, onde máis do 60% das traballadoras das tendas Inditex (Zara, Bershka, Stradivarius, Oysho, Lefties, Zara Home…) do centro comercial As Cancelas están secundando a folga. De igual xeito as compañeiras das tendas Oysho e Stradivariuss do centro da cidade están en folga.
No hospital Clínico, alén do seguimento entre o persoal sanitario, o 100% das traballadoras da cafetería non acudiron aos seus postos. E pararon tamén compañeiras do concesionario de Toyota, de Intelsis e de Senande. Ademais en empresas como Indra, o seguimento foi do 50%; en Feafes do 75% e en Dinahosting do 60%.

Na Administración local, arredor do 90% das empregadas do Concello de Santiago están en folga e máis do 50% das traballadoras de axuda no fogar do Concello de Brión e Ames. Caso salientábel o da condutora do lixo de Sogama, a única muller que hai neste servizo, que tamén está facendo folga.

En Padrón, o 100% das traballadoras de Cortizo secundan a folga e na zona do Barbanza o paro ten especial relevancia nas conserveiras Frinsa e Escurís e na empresa de conxelados López Soto (no Barbanza), nas que meirande parte das traballadoras están en folga.

 Seguimento en Ferrol

En Ferrol a esta hora o paro séntese entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde houbo un piquete informativo ás portas da antiga Bazán, na fábrica de Einsa (As Ponte) e na planta de Indipunt (Narón). Rexístrase paro tamén en Arteixo Telecom, na Administración local, nas oficinas de Correos e en tres residencias da comarca o seguimento é do 100%.

Censurábel o comportamento do Concello de Mugardos, que notificou a dúas traballadoras para servizos mínimos no últimos momento e a través dunha mensaxe de texto, sen respectar o acordo alcanzado coa representación social sobre os mínimos, no que non se facía referencia a estas dúas empregadas. En reposta a esta actuación, esta mañá un piquete informativo acudiu ás portas do concello "para demostrar que as traballadoras non imos consentir este boicot".

Seguimento en Pontevedra e Ourense

No caso de Pontevedra, a folga déixase notar en empresas de frío industrial situadas no Porto de Marín como Marfrio ou Cabomar. En Treves, firma do sector da automoción, o seguimento está a ser total, mentres que en Ferrovial, concesionaria da limpeza viaria sitúase en torno ao 80%. Esta mesma porcentaxe rexístrase na limpeza dos colexios públicos, mentres que no caso de Acciona, que ese encarga da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo baixa ao 40%.

Na comarca do Salnés o paro ten impacto nas conserveiras Thenaisie Provote (O Grove) e Perez La Fuente (Vilanova de Arousa), cun 100% de seguimento. Noutras  empresas como Serpeixe, Roma, Friscos, Cefrico, Atunlo e Isabel a incidencia está a ser tamén bastante importante. En Pull&Bear o paro de mulleres é total, mentres que en Bershka ten un seguimento moi elevado.

En Ourense, a folga a está a ter especial repercusión nas tendas do grupo Inditex e en Desigual, en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa.

Seguimento en Lugo

En Lugo a folga estase facendo notar con especial incidencia no Centro Comercial das Termas, onde se rexistra un elevado seguimento da folga entre as traballadoras do Eroski non cooperativistas -de feito a sección de frescos non puido abrir por non haber quen a atendera-. E está pechada a tenda de Lefties. No caso do Carrefour, o 40% das traballadoras non entrou traballar.

Así mesmo, nas residencias de maiores de Outeiro de Rei, Castro Ribeiras de Lea e Abeiro Gold hai un alto seguimento da folga, tal e como acontece tamén en Abante BPO, empresa do sector dos centros de chamadas e unha das máis grandes da cidade, onde parou o 70% das mulleres.

En Monforte a folga de mulleres estase sentido amplamente no servizo de axuda no fogar e entre as traballadoras do Concello.

As reivindicacións das mulleres non foron atendidas

"Tras da histórica xornada do 8 de Marzo de 2018, as mulleres volvemos ás rúas porque transcorrido un ano non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se recolleron as reivindicacións e demandas para que teñamos vidas dignas", aseverou Corral. Mais ao contrario, estamos asistindo a un rearme da dereita nas institucións nas que ostenta o seu poder, cuestionando a lexislación para a igualdade, os nosos dereitos reprodutivos, o dereito ás pensións públicas, o dereito á conciliación, negando a fenda salarial ou a existencia da violencia machista.

Dende a CIG insístese tamén en que é preciso desmontar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres, tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema, "tanto polos gobernos que aprobaron as reformas laborais e das pensións e non as derrogaron, como pola dereita que continúa a atacar frontalmente os nosos dereitos máis fundamentais”.

Por iso, aseverou a secretaria das Mulleres da CIG "para nós hoxe é un día de denuncia, de combate e de loita  revolucionaria, non para que nos feliciten nin nos agasallen con flores. O poder ten que tomar nota das nosas reivindicacións, porque somos máis da metade desta sociedade e non imos permitir ningún retroceso cando aínda nos quedan tantos dereitos por conquistar".

Desigualdade e discriminacións no mercado laboral

Margarida Corral puxo o acento nas discriminacións que padecen as traballadoras no mercado laboral, con especial atención no feito de que unha de catro mulleres en Galiza vive por debaixo do limiar da pobreza. Mais tamén na persistencia dunha fenda salarial do 21.5% con respecto aos homes, o que supón que as traballadoras galegas ingresan ao ano como media 4431 euros menos. Unha fenda que se agrava no caso das pensionistas, que acada o 36.6%; é dicir, as pensionistas galegas ingresan 5000€ menos ao ano que os homes e moitas nin tan sequera teñen acceso a unha pensión contributiva. Xunto a isto, subliñou que o 77.3% dos traballos a xornada parcial son desempeñados por mulleres e que máis do 94% dos novos contratos subscritos por mulleres foron de carácter temporal.

A pesar das declaracións de boas intencións, dos protocolos, da sinatura de plans de igualdade, ás mulleres "impídesenos conciliar, vivindo con medo a ser despedidas ou represaliadas cando nos convertemos en nais. Somos nós as que coidamos e por tanto facemos uso dos dereitos de conciliación, dereitos totalmente insuficientes que non ofrecen a posibilidade de compaxinar traballo con coidado sen perda salarial, abocadas a excedencias ou reducións de xornada", alerta Corral.

Mais tamén sufrimos de xeito maioritario os efectos dos recortes no estado de benestar, os coidados seguen fóra do centro das políticas e son asumidos de xeito maioritario polas mulleres, que tamén son as que en maior medida traballan na economía somerxida, nos traballos invisíbeis e non remunerados. "Todas estas son razóns de abondo para saír hoxe e todos os días do ano á rúa, para esixir medidas reais e efectivas para rematar coas discriminacións, os acoso na rúa, na casa, no lugar de traballo, as agresións, as violacións e que nos asasinen polo mero feito de sermos mulleres".

Neste senso, criticou que ao poder "non lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos poderes políticos e económicos, contra quen nos explota como clase, nos discrimina por sermos mulleres e nos oprime por ter conciencia de nación". Ao contrario, advertiu, "ao sistema interésalle homoxeneizar o discurso, banalizalo, pretenden ritualizar o 8 de marzo, chamándolle Día da Muller, e que quede nunha data festiva, baleira  de discurso crítico contra o capitalismo e contra o patriarcado, e desposuída da súa orixe obreira e revolucionaria".

Neste punto, Corral lembrou a figura de Rosalía de Castro ("unha galega adiantada a súa época que deu palabra a denuncias aínda hoxe plenamente vixentes") e reivindicou as revoltas e mobilizacións de mulleres que hai máis de cen anos percorrían o país de Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo; dos motíns de subsistencia e os tumultos convocados o século pasado na Galiza por mulleres contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos; das labregas enfrontadas aos caciques e á garda civil, "neses mitins e manifestacións de mulleres das clases populares do país, que percorreron as rúas galegas, loitas tantas veces esquecidas, neste país colonizado, e que deben ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos dereitos, elas son as que comezaron a loita que agora seguimos".

Convocatoria da Comisión Negociadora do Convenio colectivo do persoal laboral 15/03/2019


Imaxes da concentración de Betanzos do 8M









A CIG recorrerá os servizos mínimos do Concello de Betanzos da folga do 8 de marzo por abusivos e critica a discriminación das traballadoras municipais


O goberno municipal do PSOE, apoiado pola UGT, CSIF e CCOO, impídelles ás traballadoras da Escola Infantil Municipal facer folga cun servizos mínimos que obrigan a traballar a 5 das 7 traballadoras que ten a Escola. O acordo tomouse na Mesa Xeral de Negociación do pasado 28 de febreiro co voto en contra da CIG que anunciou que recorrería estes servizos en canto se publicase o decreto. A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos recorrerá estes servizos mínimos que son claramente abusivos e que van na contra nos dereitos das traballadoras dun servizo que na actualidade está composto na súa totalidade por traballadoras.

A gravidade desta decisión do Concello de Betanzos que impide o dereito á folga das traballadoras aumenta de termos en conta que o Concello incumpriu a ratio en moitísimas ocasións con denuncias das traballadoras e da CIG pola falta de persoal e coa intervención da propia inspección da Xunta, que lle requiriu ao Concello que solucionase a situación. Agora, e nunha folga de mulleres, o Concello impídelle a folga das traballadoras da Escola Infantil e desatende o significado dos servizos mínimos ampliándoo ata o máximo para que estas non poidan secundar a folga convocada con motivo do 8 de marzo.

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos denuncia, a maiores, que nesta Administración local existe un teito de cristal xa que o 77% dos postos con responsabilidade están ocupados por homes, fronte a un escaso 33% que ocupan mulleres, así mesmo a maioría dos homes cobran por esa responsabilidade a maiores, mentres que no caso das mulleres, só se remunera esta nun posto. Por tanto, non só lles resulta ás mulleres case imposible ascender na carreira profesional, senón que cando se consegue un posto de maior responsabilidade, esta non adoita ser remunerada en igualdade de condicións que os homes.

Aínda máis grave resulta a fenda salarial existente entre homes e mulleres que ocupan o mesmo posto e realizan as mesmas funcións, xa que tanto entre o funcionariado como entre o persoal laboral existen graves discriminacións salariais que o Concello non foi quen de resolver co convenio colectivo do persoal laboral nin cunha Relación de Postos de Traballo que as solucione e que deixan patente que os postos ocupados por homes encabezan os salarios máis altos das distintas categorías profesionais.

Desde a CIG recorreremos os servizos mínimos por abusivos e por impedir o dereito á folga das traballadoras e seguiremos traballando pola igualdade a pesar de que o goberno municipal do PSOE teime en perpetuar discriminacións que afondan na situación de desigualdade das traballadoras.


07/03/19

Cursos FEGAMP ano 2019


Desde o luns 4 de marzo a FEGAMP abriu o prazo de inscrición nos cursos do Plan de F-C 2019. Na páxina web  http://www.fegamp.gal/formacion/continua poderás atopar todos as ligazóns e a información necesaria: bases da convocatoria, ficha de inscrición, accións formativas e outros documentos. 

INSCRICIÓNS:

PRAZO: do 4 ao 13 de marzo (incluído)

PRESENTACIÓN: só por correo electrónico a formacion.continua@fegamp.gal

OBRIGATORIO: selo da entidade local e sinatura da persoa solicitante.

06/03/19

O teito de vidro e a fenda salarial, unha realidade para as traballadoras do Concello de Betanzos

O teito de vidro é a limitación do ascenso laboral das mulleres no interior das organizacións, limitando as súas carreiras profesionais e resulta invisible porque non existen leis ou dispositivos sociais establecidos e oficiais que impoñan unha limitación explícita na carreira laboral ás mulleres.

De facermos un pequeno repaso pola realidade laboral actual do Concello de Betanzos, tendo en conta os datos do anexo de Persoal dos orzamentos do ano 2017, únicos aprobados nos últimos anos polo pleno e que ata hai pouco mesmo se podían consultar no portal da transparencia, non así agora; a realidade laboral dos postos con responsabilidade do Concello de Betanzos é a seguinte:

POSTOS CON RESPONSABILIDADE OCUPADOS POR HOMES (10) 

Director Biblioteca 
Director Conservatorio 
Director Centro de Formación Ocupacional 
Director Radio
Encargado limpeza
Encargado servizo eléctrico
Xefe grupo Grumir
Xefe grupo Grumir
Inspector Policía Local
Inspector Policía Local

POSTOS CON RESPONSABILIDADE OCUPADOS POR MULLERES (3)

Coordinadora Servizos Sociais
Directora Escola Infantil
Directora Escola Municipal de Folclore

Nesta análise non se incluíron os postos que teñen algún outro de responsabilidade por riba como os oficiais de Policía (todos ocupados por homes tamén), ou o resto de postos con responsabilidade do Conservatorio municipal (todos ocupados por homes igualmente).

Como se pode ver, só 3 postos con responsabilidade son ocupados por mulleres, fronte aos 10 ocupados por homes, por tanto só o 23% dos postos con responsabilidade e traballadores/as ao seu cargo do Concello de Betanzos están ocupados por mulleres, cando o 77% restante están ocupados por homes. É curioso, ademais, como xusto nos postos ocupados por homes, hai duplicidades de mando como no caso dos xefes de grupo e dos inspectores da Policía Local mais nunca así nos postos que ocupan mulleres.

A situación aínda se agrava de termos en conta que dous dos postos de responsabilidade desempeñados por mulleres non teñen ningunha remuneración por esta responsabilidade a maiores, e só no caso da coordinadora, un posto de funcionaria, si que é así. Aínda por riba, o goberno municipal teima en non recoller estes postos na nova Relación de Postos de Traballo o que dificulta que esta discriminación se solucione, e agrava a discriminación ao nin sequera lle recoñecer a responsabilidade de dirección a unha traballadora que leva décadas execérdoa.

Para os homes parece máis doado, posto que aínda que na actualidade, no caso dos postos ocupados por laborais efectivamente non hai unha valoración específica dos postos con responsabilidade, nunha grande parte dos casos os traballadores con responsabilidades teñen salarios por riba do Convenio colectivo e un complemento persoal transitorio que lles supón cobrar máis que o resto do persoal do seu mesmo grupo e nivel. Por tanto, e téndomos en conta este dato, pódese concluír que o 70% dos postos con responsabilidade ocupados por homes si que cobran por esta, cando no caso das mulleres esta porcentaxe baixa ao 33%, é dicir, a menos da metade.

Se ben o convenio colectivo do persoal laboral do ano 2017 solucionou unha discriminación histórica entre as traballadoras de limpeza e axuda no fogar do grupo V, que antes cobraban menos que os traballadores de limpeza do mesmo grupo (mentres o propio concelleiro de Persoal o xustificaba), non foi quen de amañar outras moitas das existentes noutros grupos, xa que na actualidade e no caso do persoal laboral nos grupos I, II, III e IV os traballadores que máis cobran de cada un dos grupos son todos homes, que teñen salarios por riba do Convenio colectivo e contan con Complementos Persoais Transitorios que demostran que o convenio non acadou a xustiza retributiva de homes e mulleres nin de todos os traballadores e traballadoras e que é máis necesario ca nunca continuar coa renegociación de salarios do persoal laboral, porque mentres haxa diferenzas salariais haberá discriminacións salariais.

No caso do funcionariado, se ben os salarios son moito máis altos que os do persoal laboral, tendo en conta a asignación dos niveis máis altos posibles e unhas valoracións de complementos específicos sen criterios obxectivos, a situación de discriminación por xénero non é moi diferente, tendo en conta que nos grupos C1 e C2 os salarios máis altos son para postos ocupados por homes, e que casualmente no grupo C2 os postos ocupados por homes teñen un complemento específico moitísimo máis alto que os postos ocupados por mulleres, mesmo no mesmo posto de traballo. A discriminación tamén queda máis que patente se reparamos en que un peón de obras do grupo E cobra máis complemento específico que a coordinadora de Servizos Sociais, que desempeña o único posto de responsabilidade ocupado por unha muller funcionaria no Concello.


Na man do goberno municipal está solucionar as discriminacións, mais ata o momento está claro que non hai unha política de igualdade interna que se estea a aplicar de xeito efectivo nin que intente paliar as discriminacións existentes e históricas.

Respostas ás preguntas máis frecuentes sobre a Folga de Mulleres do 8 de Marzo


Para que todas as traballadoras poidan facer valer os seus dereitos

Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga de Mulleres do vindeiro 8 de Marzo para que todas as traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade.

1. Cal é a miña situación laboral no día de folga?

Durante a xornada de folga, o contrato de traballo está suspendido, ficando sen efecto as obrigas recíprocas da  traballadora e a empresa: traballar e pagar o salario. Para os efectos da Seguridade Social, a traballadora permanece nunha situación asimilada á alta.


2. Canto me poden descontar pola folga?

No día de folga, descóntase a parte proporcional dos conceptos salariais e extrasalariais que correspondan a esa xornada, así como das partes proporcionais das pagas extraordinarias. O teu dereito ao goce de festivos, vacacións e descanso semanal non se ve prexudicado polo feito de ires á folga.


3. A empresa pode substituírme se vou á folga?

Non. Esa conduta denomínase esquirolaxe e é ilegal tanto nas súas modalidades externa –empregar traballadoras doutros centros–, interna –substituír as traballadora en folga por outras do mesmo centro de traballo, mediante a mudanza das súas funcións ou posto de traballo– e tecnolóxica –substitución de traballadoras por medios automáticos–.


4. Teño a obriga de comunicarlle á empresa que vou á folga?

Non, o dereito á folga faise efectivo unha vez que esta comeza. Non tes a obriga de comunicarlle á empresa se vas facer folga ou non. É máis, pedir a unha traballadora que asine un escrito manifestando a súa intención de ir ou non ir á folga é unha infracción administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.


5. Se asinei un papel na empresa dicindo que non vou facer folga, podo mudar de opinión?

Aínda que llo asinases con sangue. O dereito á folga é un dereito irrenunciábel e exércese no momento en que a folga comeza. O documento que asinaches non é vinculante porque vulnera un dereito fundamental.


6. Pódenme despedir ou sancionar por ir á folga?

De ningunha maneira. O dereito á folga é un dereito fundamental. En caso de sanción ou despedimento, sería considerado nulo e o empresario ou empresaria tería que reincorporarte nas mesmas condicións que tiñas.


7. E se a empresa é unha túzara e quere sancionarme ou despedirme igual?

Non asines nada. Asinar un finiquito pode implicar unha renuncia a reclamar. Ven ao sindicato de contado, porque os prazos son curtos, e dirémosche como proceder.


8. Pode calquera empresa fixar servizos mínimos?

Non. Os servizos mínimos están destinados á estrita prestación dos «servizos esenciais para a comunidade» (sanidade, educación, hixiene pública, transportes públicos, etc.) durante a folga, polo que é a Administración pública (autoridade laboral) a que estabelece en que empresas e Administracións hai que facelos e en que consisten. As empresas que non prestan estes «servizos esenciais para a comunidade» só poden impor «servizos de mantemento», destinados a garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento (instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa necesario, mais nunca con carácter produtivo.


9. Se me designan para os servizos mínimos e son abusivos, teño que ir traballar?

En principio, si. Non ires traballar cando es designada para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se entendes que son indebidos ou excesivos.


A CIG proporá que, dado que estamos ante unha folga de mulleres, os servizos mínimos sexan encomendados aos traballadores da empresa, garantindo así que todas as mulleres que o desexen poidan facer folga.

10. É delito que a empresa me diga que se non vou traballar o día de folga me ateña ás consecuencias?

Por suposto que o é. A folga é un dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito. Se a empresaria ou empresario fai iso, debes comunicalo ao sindicato para presentarmos a correspondente denuncia.


11. Compútase o día de folga para os efectos de cálculo do absentismo laboral? 

Non. Está expresamente excluído este suposto para os efectos de cálculo do absentismo laboral.


12. Teño dereito a ir á folga se son traballadora autónoma ou traballadora autónoma economicamente dependente?

Tecnicamente non. A folga é un dereito das traballadoras asalariadas. Iso non significa que como autónoma ou TRADE non poidas parar a túa actividade, mais por desgraza isto non entra no dereito fundamental á folga. Deberás valorar o que fas en función dos contratos mercantís que teñas subscritos e da relación coa túa clientela.



13. Teño dereito a ir á folga se son bolseira?

Non. É certo que hai moitas «falsas bolsas» que encobren unha relación laboral. Porén, iso deberá declaralo o xulgado e se non existe sentenza presúmese que a bolseira á unha estudante. Tes que valorar as condicións de concesión da túa bolsa para decidir se podes non asistir ese día e as consecuencias que pode ter a inasistencia.

Anulada a sanción disciplinaria imposta por Correos a unha traballadora de Boiro

O xulgado do Social de Santiago impón á empresa pública unha sanción de 10.478,66€.

No ano 2016 a empresa pública Correos impuxo a unha carteira de Boiro unha sanción de 6 meses de emprego e soldo. Dous anos despois o Xulgado do Social nº 3 de Santiago de Compostela declarou a nulidade da sanción disciplinaria imposta e condenou a Correos a abonar os salarios deixados de percibir durante ese período na contía de 10.478,66€.

O xulgado admitiu todas as alegacións presentadas pola traballadora que, porén, se negara a admitir a empresa pública establecendo na sentenza que a carteira fixo correctamente o seu traballo e que a devolución dunha notificación seguiu estritamente o estipulado nos procedementos internos de reparto.

Xunto a isto establece que a empresa que denunciou que non recibira unha notificación postal da Axencia Tributaria levaba desde o ano 2014 sen actualizar o seu enderezo postal nin fiscal, como sería de obrigado cumprimento tal e como se recolle na lexislación.

Segundo Anxo Álvarez, delegado da CIG en Correos, isto demostra que a denuncia que no seu día fixeron Xunta de Persoal, comité de empresa e a propia central sindical, “isto respondía a unha caza de bruxas froito da presión mediática derivada da denuncia da empresa que se fixo pública no seu momento”.

Álvarez denuncia que “esta situación de acoso vivida no seu día pola traballadora continúa na actualidade como demostra o feito de que non lle concederan todos os días de vacacións correspondentes ao ano 2018 e que ademais, recentemente, os seus superiores lle denegaran a quincena de vacacións no prazo que ela solicitou para o ano 2019”.

Diante desta situación a CIG denuncia que é “intolerable” que unha empresa pública “trate deste xeito ao seu persoal, en lugar de asumir a súa responsabilidade por ter sancionado a esta carteira sen base algunha e sen sequera admitir as alegacións que lle terían permitido demostrar que non había causa que xustificara a máis mínima sanción”.

Con todo, para a CIG, “quen tería que responsabilizarse tanto do trato recibido por esta traballadora como de abonar as cantidades ditadas polo xulgado deberían ser os mando intermedios que a denunciaron”.


A revolta feminista enche as rúas de Lugo "por todas as mulleres e por todos os nosos dereitos"

Milleiros de persoas súmanse á manifestación de Galegas8M, na que se chamou a secundar a Folga de Mulleres do 8 de Marzo

Milleiros persoas encheron este domingo as rúas de Lugo para reivindicar un futuro de dignidade para as mulleres nunha sociedade igualitaria, xusta e libre. Baixo o lema "Por todas as mulleres, por todos os dereitos: Revolta feminista", o feminismo galego colleita outra xornada histórica de loita, amosando o seu poder de convocatoria e que serve como preludio da folga internacional de mulleres convocada para o vindeiro 8 de Marzo.

A manifestación saía pasado o mediodía dende a Porta Falsa, percorreu parte da Ronda da Muralla, cruzou o centro histórico de Lugo, e volveu saír á Ronda até rematar na Praza da Horta de Santo Domingo. Alí, Ana Carreira e Cristina Lombao presentaron o acto final, dando paso a María Reimóndez e María Osoiro, que foron as encargadas de dar lectura ao manifesto, e ás actuacións de Batuko Tabanka e do Grupo Teatro Feminista de Lugo.

Entre a morea de faixas de mulleres que percorreron as rúas de Lugo estaba a da Secretaría das Mulleres da CIG, coa súa secretaria á cabeza, Margarida Corral, acompañada de centos de delegadas e afiliadas da organización.

Corral salientou o éxito da mobilización , así como o feito de que “unha vez máis, Galiza é vangarda no Estado español", sendo un dos poucos territorios do mundo que organiza unha mobilización previa á xornada do 8 de marzo, "onde milleiros de mulleres de todas as idades e militancias marchan unidas baixo unha mesma loita, amosando a diversidade do feminismo galego e o seu poder de convocatoria".

Antesala da folga de mulleres do 8 de Marzo

"Como di o lema deste ano, subliñou, estamos aquí por todas as mulleres, por todos os dereitos, participando nunha revolta feminista, coa mirada posta nas nosas antergas, que hai máis dun século percorrían as rúas do país protagonizando tumultos e mobilizacións en demanda dunha sociedade máis xusta para todas". A este respecto, a responsábel da secretaría das mulleres da CIG salientou que "o que está a acontecer hoxe é unha antesala do que vai ter lugar o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora", xornada na que hai convocada unha folga de mulleres de 24 horas e unha morea de mobilizacións ao longo do día.

Margarida Corral lembrou que “estamos na rúa para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos as mulleres, impulsando na Galiza un novo día de loita para que o poder entenda que estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos”.

E engadiu “mais as mulleres da CIG tamén queremos insistir en que é preciso desmontar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres, tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema, tanto polos gobernos que aprobaron as reformas laborais e das pensións e non as derrogaron, como pola dereita que continúa a atacar frontalmente os nosos dereitos máis fundamentais”.

Por iso, aseverou que para "para nós hoxe é un día de denuncia, de combate e de loita  revolucionaria. Que o poder tome nota das nosas reivindicacións, porque somos máis da metade desta sociedade e non imos permitir ningún retroceso cando aínda nos quedan tantos dereitos por conquistar".

Finalmente, Corral lanzou un chamamento a todas as galegas a que vindeiro 8 de Marzo secunden a convocatoria de folga laboral, estudantil, de coidados e de consumo e a que participen tanto nas mobilizacións que a CIG ten organizadas ao longo do país, como nas que para esa xornada vai realizar Galegas8M.

Manifesto: "Por todas as mulleres, por todos os dereitos: Revolta feminista"

Ateigamos Lugo en sororidade con todas as mulleres que neste 8 de marzo faremos folga en todo o mundo! Lembremos, irmás, como no 2018 fixemos historia: milleiros de galegas sumámonos ás mobilizacións e ao paro internacional de mulleres, demostrándolle ao patriarcado que se as mulleres paramos, o mundo para! E hoxe, continuamos aquí, loitando por todas as mulleres e por todos os nosos dereitos. Porque hoxe é unha xornada de loita, unha mostra da nosa forza e determinación para conquistarmos un futuro digno para todas! Porque todas temos voz e todas somos necesarias! Porque cando a inxustiza é lei, a revolta feminista é unha obriga!

En marzo de 1918, hai máis de cen anos, as nosas irmás ergueron unha revolta polo pan, pola terra e pola vida digna na Galiza, combateron ao berro de “Temos Fame. Abaixo os acaparadores!” a quen onte coma hoxe explota á nosa clase e espolia a nosa terra.  Hoxe recollemos o seu legado, a súa loita contra os tiranos que é tamén a nosa, e reivindicamos a nosa revolta coma filla daquela, co empeño de manter acesa a revolución que as mulleres construímos contra o patriarcado, o capitalismo, o racismo e todas as formas de explotación. E neste 8 de marzo millóns de mulleres en todo o mundo secundaremos a folga laboral, estudantil, de consumo e de coidados:

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para esixir un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas, e que estea dotado de recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos reais e eficaces. Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas.

Queremos parar de contar cantas teñen que denunciar e cantas non o fan, cantas son as acosadas, as humilladas, as calumniadas, represaliadas ou xulgadas elas en vez dos agresores. Porque as múltiplas faces da violencia machista teñen un só rostro: o terrorismo como sostén do patriarcado, e porque todo este terror só vai rematar o día que acabemos con el.

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para que os coidados sexan asumidos polo conxunto da sociedade até que leis eficaces, con orzamentos e medidas concretas en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados! Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas mentres o capital nos paga todo este traballo con violencias.

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para demandar unha reforma laboral con perspectiva social e de xénero que erradique a fenda salarial, a precariedade, o acoso sexual e por razóns de xénero, o teito de cristal, a división do traballo, o chan pegañento e a feminización da pobreza. Porque as dobres xornadas non se erradican con declaracións nin con leis ditadas polos señores do capitalismo.

Porque hoxe as mulleres máis novas están condenadas ao traballo escravista, parcial e precario, á exclusión social e á pobreza, ou a emigraren para buscar unha saída; e as maiores están abocadas ao abandono, a soidade, sen recursos nin comunidades que as sustenten. Porque estamos fartas de percibir as pensións máis baixas do estado, unhas pensións de miseria, que nos obrigan a sufrir pobreza na vellez.

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para esixir un ensino público, galego, de calidade, igualitario e non sexista; no que a igualdade e a diversidade sexan eixos centrais de todos os currículos, materias e actividades, e no que exista unha educación afectiva e sexual dende a primeira infancia e adaptada a todas as idades, que propicie o desenvolvemento libre e saudábel da propia sexualidade, a normalización e a celebración da diversidade, e que erradique o machismo e a misoxinia desde a súa raíz!

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para que os poderes públicos se involucren nunha loita real contra o abandono e destrución do medio rural, e para nos relacionar co medio e co consumo de forma radicalmente diferente e sustentábel. Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla ou tripla precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas comunidades, senón tamén unha fonte de sustento para todas que o poder condena á morte. Porque precisamos a soberanía alimentaria para transformarmos o mundo e porque debemos rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos naturais.

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo porque somos diversas: Somos migradas, xitanas, con diversidade funcional e racializadas. Mulleres de todas as idades. Lésbicas, trans, bisexuais, inter, queer, hetero… E o patriarcado capitalista instrumentaliza esa diversidade para nos dividir, para nos desartellar con violencias e discriminacións específicas e para impedirnos avanzar a todas cara unha sociedade igualitaria, xusta e libre.

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo porque sobre as mulleres migradas recae a violencia dunha Lei de Estranxeiría criminalizadora e mercantilista, ademais da represión atroz dentro e fora das fronteiras. Represión que se materializan en sistemas de vixilancia, nas devolucións “en quente”, nas redadas racistas, nos Centros de Internamento de Estranxeiras/os e nos voos de deportación forzosa. Porque o racismo e o colonialismo seguen a impregnar todas as esferas sociais, subordinando os corpos e identidades non brancas, explotándonos e facéndonos cidadás de segunda clase.

Porque as mulleres en situación de empobrecemento e exclusión resistimos ao embate dunhas políticas sociais inexistentes ou nefastas, con instrumentos que afondan no control social, na estigmatización da pobreza e en culpabilizarnos por un problema estrutural: poñer as vidas e a satisfacción de necesidades ao servizo dos intereses do mercado. Porque son esas mulleres as que soportan co seu traballo precario a “liberación feminina” daquelas mulleres mais privilexiadas que aínda poden xogar a ser princesas, señoras respectábeis e feministas de efeméride.

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo porque queremos visibilizar e lexitimar a diversidade identitaria, de xénero e sexual da cultura xitana; para elo é necesario un cambio estratéxico que empodere as mulleres xitanas e acabe coa presión transversal, clasista e racista. Porque queremos ser artífices do noso propio cambio e xunto ao movemento feminista defender os nosos lexítimos dereitos. Polas mulleres xitanas libres: Opre Romnia!

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo porque o menosprezo, a humillación, as agresións, a discriminación laboral, a patoloxización e as violencias médicas baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex. Porque todas as feministas esiximos a despatoloxización das persoas trans e intersex sen ambigüidades, á vez que rexeitamos a transfobia, a difamación e os intentos de exclusión das mulleres trans e intersex, que xa formamos, e sempre formaremos, parte dos feminismos.. Porque todas queremos ser libres para gozar das nosas vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo sen violencias.

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo porque as mulleres con diversidade funcional están dobremente expostas á discriminación (por razón de xénero e diversidade), afectadas por índices de paro aínda máis elevados, e moito máis expostas, se cabe, á pobreza, aos abusos, á violencia e á precariedade.

- Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para que os poderes públicos se involucren nunha loita real, contra a industria da trata, porque as mulleres explotadas polas mafias sofren a expresión mais extrema e cruel da alianza entre patriarcado, capitalismo e colonialismo; porque non as vamos invisibilizar, non as vamos esquecer!

Por todo isto, as mulleres saímos á rúa hoxe e seguiremos saíndo cada 8 de marzo. Porque só así seremos capaces de construír unha Galiza, un mundo, e unhas vidas xustas, igualitarias e libres para todas! E seguiremos revoltándonos polas nosas vidas e polos nosos dereitos, até que todas sexamos libres! Por nós e por todas as que non poden facela. Polas que non paran nunca porque nin tan sequera teñen o privilexio de poder parar. Por todas aquelas que teñen pendurado un mandil na casa.