Para que
todas as traballadoras poidan facer valer os seus dereitos
Desde a
CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da
convocatoria de Folga de Mulleres do vindeiro 8 de Marzo para que
todas as traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e
secundar a mobilización con liberdade.
1. Cal é
a miña situación laboral no día de folga?
Durante a xornada de
folga, o contrato de traballo está suspendido, ficando sen efecto as
obrigas recíprocas da traballadora e a empresa: traballar e
pagar o salario. Para os efectos da Seguridade Social, a traballadora
permanece nunha situación asimilada á alta.
2. Canto
me poden descontar pola folga?
No día de folga, descóntase a
parte proporcional dos conceptos salariais e extrasalariais que
correspondan a esa xornada, así como das partes proporcionais das
pagas extraordinarias. O teu dereito ao goce de festivos, vacacións
e descanso semanal non se ve prexudicado polo feito de ires á folga.
3. A
empresa pode substituírme se vou á folga?
Non. Esa conduta
denomínase esquirolaxe e é ilegal tanto nas súas modalidades
externa –empregar traballadoras doutros centros–, interna
–substituír as traballadora en folga por outras do mesmo centro de
traballo, mediante a mudanza das súas funcións ou posto de
traballo– e tecnolóxica –substitución de traballadoras por
medios automáticos–.
4. Teño
a obriga de comunicarlle á empresa que vou á folga?
Non, o
dereito á folga faise efectivo unha vez que esta comeza. Non tes a
obriga de comunicarlle á empresa se vas facer folga ou non. É máis,
pedir a unha traballadora que asine un escrito manifestando a súa
intención de ir ou non ir á folga é unha infracción
administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.
5. Se
asinei un papel na empresa dicindo que non vou facer folga, podo
mudar de opinión?
Aínda que llo asinases con sangue. O dereito á
folga é un dereito irrenunciábel e exércese no momento en que a
folga comeza. O documento que asinaches non é vinculante porque
vulnera un dereito fundamental.
6.
Pódenme despedir ou sancionar por ir á folga?
De ningunha
maneira. O dereito á folga é un dereito fundamental. En caso de
sanción ou despedimento, sería considerado nulo e o empresario ou
empresaria tería que reincorporarte nas mesmas condicións que
tiñas.
7. E se
a empresa é unha túzara e quere sancionarme ou despedirme
igual?
Non asines nada. Asinar un finiquito pode implicar unha
renuncia a reclamar. Ven ao sindicato de contado, porque os prazos
son curtos, e dirémosche como proceder.
8. Pode
calquera empresa fixar servizos mínimos?
Non. Os servizos mínimos
están destinados á estrita prestación dos «servizos esenciais
para a comunidade» (sanidade, educación, hixiene pública,
transportes públicos, etc.) durante a folga, polo que é a
Administración pública (autoridade laboral) a que estabelece en que
empresas e Administracións hai que facelos e en que consisten. As
empresas que non prestan estes «servizos esenciais para a
comunidade» só poden impor «servizos de mantemento», destinados a
garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento
(instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa
necesario, mais nunca con carácter produtivo.
9. Se me
designan para os servizos mínimos e son abusivos, teño que ir
traballar?
En principio, si. Non ires traballar cando es designada
para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de
despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de
traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se
entendes que son indebidos ou excesivos.
A CIG
proporá que, dado que estamos ante unha folga de mulleres, os
servizos mínimos sexan encomendados aos traballadores da empresa,
garantindo así que todas as mulleres que o desexen poidan facer
folga.
10. É
delito que a empresa me diga que se non vou traballar o día de folga
me ateña ás consecuencias?
Por suposto que o é. A folga é un
dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio
está tipificada como delito. Se a empresaria ou empresario fai iso,
debes comunicalo ao sindicato para presentarmos a correspondente
denuncia.
11.
Compútase o día de folga para os efectos de cálculo do absentismo
laboral?
Non. Está expresamente excluído este suposto para
os efectos de cálculo do absentismo laboral.
12. Teño
dereito a ir á folga se son traballadora autónoma ou traballadora
autónoma economicamente dependente?
Tecnicamente non. A folga é
un dereito das traballadoras asalariadas. Iso non significa que como
autónoma ou TRADE non poidas parar a túa actividade, mais por
desgraza isto non entra no dereito fundamental á folga. Deberás
valorar o que fas en función dos contratos mercantís que teñas
subscritos e da relación coa túa clientela.
13. Teño
dereito a ir á folga se son bolseira?
Non. É certo que hai
moitas «falsas bolsas» que encobren unha relación laboral. Porén,
iso deberá declaralo o xulgado e se non existe sentenza presúmese
que a bolseira á unha estudante. Tes que valorar as condicións de
concesión da túa bolsa para decidir se podes non asistir ese día e
as consecuencias que pode ter a inasistencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario