28/03/19

A CIG solicita que se reúna a Comisión Paritaria de Igualdade para comezar co traballo do Plan Interno

Segundo o Convenio colectivo, en marzo de 2018 tiña que estar aprobado o Plan de Igualdade Interno do Concello de Betanzos, na realidade, un ano despois desa data, nin sequera se aprobou o informe derivado do diagnose realizada, e que debe ser sometido á Comisión Paritaria de Igualdade.
A CIG, solicita, pois, que se reúna a Comisión Paritaria de Igualdade e pregunta tamén pola aplicación do artigo 22 do Convenio colectivo que facilita a flexibilización horaria e que o Concello leva dous anos sen aplicar, e indícalle o seguinte:
Que en todas as reunións do ano 2018 a CIG preguntoulle á presidenta da Comisión de Igualdade, María Barral, pola aplicación das medidas conciliadoras e de flexibilización horaria contidas no artigo 22 do Convenio colectivo:

2. A xornada ordinaria de traballo do Concello de Betanzos realizarase, con carácter xeral, nas mañás de luns a venres, entre as 09:00 h e as 14:30 h de cada día, agás modificacións ou flexibilidades negociadas coa representación sindical e con independencia dos horarios específicos que se estableza nos servizos con especiais características. O tempo de traballo restante ata completar a xornada semanal realizarase en horario flexible, entre as 07:30 h e as 15:30 h, ou a tarde do martes ou do xoves. Para a determinación da parte flexible da xornada, teranse en conta as preferencias do persoal, así como as necesidades e dispoñibilidades de cada un dos servizos, primando, en todo caso, a súa correcta cobertura e prestación. A flexibilidade de horario será solicitada por escrito ao alcalde ou concelleiro/a en quen delegue, dando conta ao Comité de Empresa tanto da solicitude como da resolución. Establecerase un horario de atención xeral ao público de 09:00 h a 14:00 h de luns a venres.

Mais na totalidade das 3 reunións nas que se preguntou polo tema, a presidenta nin deu unha resposta convincente, nin tomou as medidas para levar a cabo este acordo do convenio colectivo que xa cumpre dous anos.
A maiores, esta situación vese agravada, porque as diferenzas nos horarios do persoal do mesmo servizo, nomeamente o persoal de oficinas, son evidentes, e por tanto enténdese que hai flexibilidades horarias outorgadas a determinados traballadores e traballadoras, mais sen darlle conta ao Comité de Empresa, tal e como especifica o Convenio colectivo, e discriminando ao persoal ao que se lle impide o exercicio do dereito de flexibilización por conciliación desde hai anos baixo o pretexto da non implantación definitiva dun sistema control horario, que logo dun ano en modo de proba, o goberno parece non querer implantar, mais que utiliza como escusa para negarlle dereitos a determinados traballadores e traballadoras desde hai dous anos.

Finalmente, lémbralle a necesidade de comezar co Plan de Igualdade Interno e proponlle que na orde do día da reunión se traten os seguintes puntos:

  1. Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.
  2. Protocolo contra o acoso sexual, por razón de sexo e identidade no Concello de Betanzos. Corrección de sinaturas e plan de difusión
  3. Información sobre a aplicación no Concello de Betanzos do dereito de igualdade de trato e de oportunidades de mulleres e homes no Concello de Betanzos.
  4. Resultados da diagnose interna en materia de igualdade no Concello de Betanzos.
  5. Plan de igualdade interno: cronograma de elaboración e aplicación.
  6. Queixas por discriminacións de xénero entre os traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario