O
goberno municipal do PSOE, apoiado pola UGT, CSIF e CCOO, impídelles
ás traballadoras da Escola Infantil Municipal facer folga cun
servizos mínimos que obrigan a traballar a 5 das 7 traballadoras que
ten a Escola. O acordo tomouse na Mesa Xeral de Negociación do
pasado 28 de febreiro co voto en contra da CIG que anunciou que
recorrería estes servizos en canto se publicase o decreto. A Sección
sindical da CIG do Concello de Betanzos recorrerá estes servizos
mínimos que son claramente abusivos e que van na contra nos dereitos
das traballadoras dun servizo que na actualidade está composto na
súa totalidade por traballadoras.
A
gravidade desta decisión do Concello de Betanzos que impide o
dereito á folga das traballadoras aumenta de termos en conta que o
Concello incumpriu a ratio en moitísimas ocasións con denuncias das
traballadoras e da CIG pola falta de persoal e coa intervención da
propia inspección da Xunta, que lle requiriu ao Concello que
solucionase a situación. Agora, e nunha folga de mulleres, o
Concello impídelle a folga das traballadoras da Escola Infantil e
desatende o significado dos servizos mínimos ampliándoo ata o
máximo para que estas non poidan secundar a folga convocada con
motivo do 8 de marzo.
A
Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos denuncia, a maiores,
que nesta Administración local existe un teito de cristal xa que o
77% dos postos con responsabilidade están ocupados por homes, fronte
a un escaso 33% que ocupan mulleres, así mesmo a maioría dos homes
cobran por esa responsabilidade a maiores, mentres que no caso das
mulleres, só se remunera esta nun posto. Por tanto, non só lles
resulta ás mulleres case imposible ascender na carreira profesional,
senón que cando se consegue un posto de maior responsabilidade, esta
non adoita ser remunerada en igualdade de condicións que os homes.
Aínda
máis grave resulta a fenda salarial existente entre homes e mulleres
que ocupan o mesmo posto e realizan as mesmas funcións, xa que tanto
entre o funcionariado como entre o persoal laboral existen graves
discriminacións salariais que o Concello non foi quen de resolver co
convenio colectivo do persoal laboral nin cunha Relación de Postos
de Traballo que as solucione e que deixan patente que os postos
ocupados por homes encabezan os salarios máis altos das distintas
categorías profesionais.
Desde
a CIG recorreremos os servizos mínimos por abusivos e por impedir o
dereito á folga das traballadoras e seguiremos traballando pola
igualdade a pesar de que o goberno municipal do PSOE teime en
perpetuar discriminacións que afondan na situación de desigualdade
das traballadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario