O Concello vén de lle pagar aos traballadores e traballadoras que teñen complemento persoal transitorio os atrasos referentes ás subas retributivas e os trienios dos pasados anos pola absorción da totalidade destas no complemento persoal transitorio.
Este pagamento realizouse días antes do primeiro dos xuízos por esta reclamación e con varios procesos máis por esta cuestión iniciados na Asesoría xurídica da CIG. Resulta lamentable que o Concello tarde anos en solucionar este tipo de problemas derivados da interpretación unilateral do Convenio, incumpra os acordos que toma co Comité de Empresa e obrigue aos traballadores a recorrer ao xulgado continuamente para exercer os seus dereitos.
O Concello desta volta tomou de novo unha decisión diferente nos criterios de absorción do complemento, que non se corresponde nin coa acordada co Comité de Empresa na Comisión Paritaria, nin coa que recolle a Lei de orzamentos de Estado. Non obstante, a pesar de que verbalmente ofreceron información, na actualidade os representantes dos traballadores aínda non teñen ningún documento de acordo ou resolución que explicite os criterios aplicados, así como os atrasos pagados.
Este complemento deriva da aplicación do convenio colectivo e acordouse para que persoal que cobraba por riba das retribucións deste non tivese unha baixada delas logo da aplicación do convenio. Os complementos persoais actuais, segundo o último anexo de salarios que ten a CIG, xa que o goberno se nega a entregarlle a información dos CPT aos delegados sindicais, varían entre os 400 ata os superiores a 10 000 euros anuais, dos cales arredor dun 70% están asignados a postos ocupados por homes, e o resto por mulleres, que curiosamente, ademais, e coma o resto de salarios neste Concello, son as que teñen os complementos persoais máis baixos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario