En 2017, o crecemento mundial dos
salarios caeu ao seu nivel máis baixo desde 2008, moi por baixo dos
niveis anteriores á crise financeira mundial, segundo un novo
informe da Organización Internacional do Traballo (OIT). O Informe
Mundial sobre Salarios 2018/2019 constata que en termos reais
(axustados á inflación) o crecemento mundial do salario
desacelerouse, pasou de 2,4 por cento en 2016 a 1,8 por cento en
2017. As conclusións baséanse en datos de 136 países. As
diferenzas de remuneración entre homes e mulleres, de ao redor 20
por cento a escala mundial, seguen sendo inaceptablemente altas.
Ao analizar o crecemento do salario, o
informe observa que nos países avanzados do G20 o crecemento real do
salario diminuíu, de 0,9 por cento en 2016 a 0,4 por cento en 2017.
Pola contra, nos países emerxentes e en desenvolvemento do G20, o
crecemento dos salarios reais fluctuou entre 4,9 por cento en 2016 a
4,3 por cento en 2017.
“É desconcertante observar que nas
economías de altos ingresos o lento crecemento dos salarios está
acompañado por unha recuperación do crecemento do PIB e unha
diminución do desemprego. Ademais, as primeiras indicacións suxiren
que este lento crecemento do salario continuará en 2018”, declarou
o Director Xeral da OIT, Guy Ryder. “Este estancamento dos salarios
constitúe un obstáculo para o crecemento económico e a mellora dos
niveis de vida. Os países deberían analizar, xunto aos seus
interlocutores sociais, as maneiras de lograr un crecemento do
salario sustentable dende o punto de vista económico e social”.
Nos últimos 20 anos, os salarios reais
case se triplicaron nos países emerxentes e en desenvolvemento do
G20, mentres que nos países avanzados do G20 aumentaron só 9 por
cento, sinala o informe. Pero, en numerosas economías de ingresos
baixos e medianos, as desigualdades salariais seguen sendo altas e
con frecuencia os salarios son insuficientes para cubrir as
necesidades dos traballadores e as súas familias.
O informe calcula as disparidades de
remuneración por razón de xénero de maneira innovadora e máis
precisa, utiliza datos que abarcan uns 70 países e preto de 80 por
cento dos asalariados do mundo. Constata que, a escala mundial, as
mulleres seguen percibindo un salario aproximadamente 20 por cento
inferior ao dos homes.
“As disparidades de remuneración por
razón de xénero constitúen unha das maiores manifestacións de
inxustiza social da actualidade" comenta Guy Ryder, Director
Xeral da OIT . “As disparidades de remuneración por razón de
xénero constitúen unha das maiores manifestacións de inxustiza
social da actualidade, e todos os países deberían esforzarse por
comprender mellor que se esconde detrás disto e avanzar máis
rapidamente cara á igualdade de xénero”, agregou .
O informe constata que nos países de
altos ingresos, a diferenza de retribución entre ambos os sexos é
máis elevada no extremo superior da escala salarial, mentres que nos
países de ingresos baixos e medios, é maior entre os traballadores
peor remunerados.
Ao utilizar datos empíricos, o informe
mostra tamén que as explicacións tradicionais, como as diferenzas
nos niveis de educación entre mulleres e homes que teñen un emprego
asalariado, desempeñan un papel limitado para explicar as
disparidades de remuneración por razón de xénero.
“En numerosos países, as
mulleres teñen un nivel de educación máis alto que o dos homes
pero perciben salarios inferiores, aínda cando traballen nas mesmas
categorías profesionais”, sinalou Rosalia Vázquez-Álvarez,
especialista en econometría e salarios da OIT e unha das autoras do
informe. “Os salarios das mulleres e dos homes tamén tenden a ser
inferiores nas empresas e as profesións cunha forza de traballo
predominantemente feminina. Por tanto, a fin de reducir as
disparidades de retribución por razón de xénero é necesario facer
máis para garantir a igualdade de remuneración entre homes e
mulleres, e para rectificar a infravaloración do traballo das
mulleres”.
Outro factor que ten un peso nas
disparidades de remuneración por razón de xénero é a maternidade.
O informe mostra que as mulleres con fillos xeralmente perciben
salarios inferiores aos das mulleres que non teñen fillos. Isto pode
estar relacionado con múltiples factores, como as interrupcións na
carreira profesional, a redución do horario de traballo, traballos
que permiten conciliar a vida profesional e a familiar con salarios
máis baixos ou decisións estereotipadas sobre os ascensos a nivel
empresa.
Segundo o informe, unha distribución
máis equitativa das responsabilidades familiares entre homes e
mulleres en moitos casos permitiría que as mulleres tomasen
decisións profesionais diferentes.
Sorprendentemente, a evidencia mostra
que aínda antes da maternidade as mulleres enfrontan unha
desigualdade de remuneración. Isto indica que é necesario combater
os estereotipos e a discriminación desde o seu ingreso ao mercado de
traballo.
Fonte: ilo.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario