29/09/20

Inspección de traballo require da Xunta que proporcione máscaras ao seu persoal

Desde a Xunta argüían que como non é un EPI non tiñan obriga de proporcionalas

A Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña fai un requirimento agora á consellería de Emprego e Industria para que proporcione máscaras ao persoal das oficinas de emprego tras unha denuncia presentada no mes de xullo pola CIG. 

Neste requirimento a inspección de traballo insta á Xunta a proporcionar máscaras a todo o persoal incluído o administrativo e vén sumarse a outras resolucións e requirimentos que van nesta liña, como o das escolas infantís de Política Social.

“O interesante é que, desta vez, a inspectora aclara que, malia haber mamparas e metro e medio de distancia entre os postos, a administración esta obrigada a proporcionar as máscaras ao seu persoal. Unha resolución aclaratoria que elimina o custo da súa adquisición para as persoas traballadoras -xa que é obrigatorio o seu uso dentro dos centros administrativos- e garante a seguridade de todos/as dotando en número e calidade adecuada e responsabiliza a empresa do uso correcto deste medio de protección colectivo fronte o coronavirus”, matiza a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos.

A Xunta vén facendo unha dotación desigual deste medio de protección empregando argumentos como “non é un EPI e polo tanto non estou obrigado a proporcionalo”. Neste sentido Burgos sinala que “se ben é certo que as máscaras cirúrxicas non son EPI porque non protexen ao portador/a senón que protexen ao resto das persoas traballadoras e usuarias,si son unha medida preventiva colectiva”.

Outras xefaturas afirman, segundo Zeltia Burgos, que non se lles informou ou que non se modificou o protocolo de reincorporación.Ante isto, a responsable nacional da CIG-Autonómica afirma  que “nós si que informamos e mesmo explicamos o Real Decreto que desde xullo obriga a todas as empresas a dotar de máscaras de protección ao seu persoal”. 

Burgos denuncia que “algunhas mesmo chegaron  a afirmar que había metro e medio entre postos e, polo tanto, non era necesario telas colocadas no traballo...pero esquecéronse que no centro de traballo dos corredores, servizos, fotocopiadoras, salas de reunión, accesos… e que non nos teletransportamos”.

Para a CIG, “é unha verdadeira mágoa que a Xunta siga a xogar coa saúde das persoas traballadoras e das usuarias dos edificios administrativos e que teñamos que facer denuncias masivas a inspección para que se recoñeza o noso dereito a un ambiente de traballo seguro”.

Lembran que desde a CIG-Administración Autonómica téñense presentado denuncias deste tipo en case todas as consellarías e en todo o país á espera de que a resolución sexa similar a esta. “Gustaríanos que non houbera que denunciar este tipo de cuestións e que a administración actuara con tanto “sentidiño” co seu persoal como pide que faga o conxunto da poboación en Galiza na súa propaganda institución”.

O Goberno volve prorrogar os ERTE incidindo nas condicións inxustas, recortando coberturas e sen dar solución ao persoal máis precarizado

Afóndase na desprotección da clase traballadora e négase unha saída xusta á crise

Unha vez máis o Goberno español, UGT, CCOO e a patronal pactan unha prórroga dos ERTE que incide nos aspectos máis inxustos desta medida: non hai garantías de mantemento dos postos de traballo, déixase toda a capacidade de decisión ás empresas, e segue sen achegarse solución aos traballadores e traballadoras temporais que perderon o seu emprego dende o 14 de marzo.

Dende o inicio da pandemia, transformada nunha enorme crise económica e social, as medidas adoptadas van na liña contraria do que a CIG entende resultaría máis beneficio e xusto para o conxunto da clase traballadora. "En cada acordo que sae do diálogo social afóndase na desprotección da clase traballadora e négase unha saída xusta á crise", alerta o secretario xeral, Paulo Carril. Neste senso, reitera que calquera medida para afrontar o crítico momento actual non pode manterse sobre a vixencia das políticas laborais e económicas aplicadas con dureza nestes anos, nomeadamente as reformas laborais e das prestacións por desemprego de 2010 e 2012.

Necesidade de derrogar as reformas laborais

"Anular estas reformas permitiría que a negociación dun ERTE ou ERE non estea en mans exclusivas da empresa, senón que requiriría do acordo coa representación sindical e recuperaríase o exercicio do control e, no seu caso, da autorización previa pola Administración", explica. Xunto a isto, Carril subliña que, para minimizar o impacto dos ERTE, débese prohibir  que se simultaneen con outras medidas lesivas como un descolgue salarial ou a inaplicación do convenio; e garantir de xeito xeral  para toda a clase traballadora que todo o tempo de regulación se considere como tempo de paro non consumido (o chamado contador a 0).

Tamén obrigar as empresas a completar até o 100% dos salarios; reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas (ETTs , empresas multiservizos, etc.) que foi despedido e, como data límite, facelo no último mes de vixencia do ERTE.

Así mesmo, a CIG defende que estas coberturas sexan aplicábeis a todas as persoas traballadoras, incluíndo as que foron despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa percibindo prestación por desemprego, tendo en conta que nesta nova prórroga redúcese o número de persoas traballadoras que poden acceder ás condicións máis beneficiosas, deixando fóra precisamente a aqueles colectivos máis precarizados e aos que o Salario Mínimo Vital non está dando resposta suficiente. "Estas persoas deben poder beneficiarse, cando menos, do "contador a cero" e ter garantido o cobro do 70% da base reguladora máis alá dos seis primeiros meses no desemprego".

Mánteñense as exoneracións pero non se muda a política fiscal

En relación con isto, Carril subliña á problemática de como afrontar o enorme gasto público xerado por esta situación extraordinaria, xa que a protección do capital prima sobre a protección social; é dicir, mantéñense as exoneracións abusivas das cotas empresariais (sendo as compañías de maior tamaño as grandes beneficiadas) mentres se desvían os fondos da Seguridade Social, do FOGASA e do SEPE.

"En vez de aplicar unha política fiscal progresiva ou recorrer a outras partidas (como os gastos militares ou os destinados á casa real), a solución que se ofrece pasa por reducir as coberturas e financiar estas medidas cos cartos de todos os traballadores e traballadoras", advirte.

A CIG pide habilitar un procedemento especial para o cobro do paro

Xunto a isto, a CIG demanda que se habilite un procedemento especial para o cobro puntual a día primeiro do mes das prestacións por desemprego e solucións aos problemas que o SEPE está xerando no recoñecemento da prestacións segundo as circunstancias persoais (fillos/as a cargo, etc.).

A Inspección de Traballo requírelle ao Concello de Betanzos que cumpra co artigo 34 do Estatuto dos Traballadores e negocie a implantación do rexistro da xornada

O requirimento vén motivado porque o Concello se nega a entregarlles aos representantes dos traballadores os rexistros da xornada, tal e como establece a lexislación vixente, non negociou a implantación do rexistro e implantou un sistema que afonda na discriminación entre o persoal.

As queixas do persoal veñen sendo múltiples pola aplicación discriminatoria deste rexistro que utiliza na actualidade unha ínfima parte dos traballadores e traballadoras. A falta duns criterios claros, da negociación na implantación do sistema, da negativa ao goberno municipal desde hai anos a negociar os horarios específicos e, a maiores, an pseudoimplantación dun sistema de teletraballo totalmente arbritario e que carece dun sistema de rexistro da xornada, afondaron nas discriminacións existentes desde mediados de 2018, momento no que se implantou un sistema temporal que ía ser de proba ata o sistema definitivo do que nunca máis se falou.

A maiores disto, o Concello de Betanzos ten a obriga de lle entregar esta información aos representantes dos traballadores, tal e como ratifica a Inspección de Traballo e vén incumprindo reiteradamente esta obriga de información nun claro exercicio de escurantismo e defensa de determinados privilexios dunha parte do persoal que non rexistra a xornada co consentimento do goberno municipal.

Desde ese mesmo ano a CIG, logo de queixas de diversos traballadores que advertían a discriminación da implantación dun sistema que non utilizaba a totalidade do persoal e que non fora negociado tal e como procede, advertíalle non só ao concelleiro de Persoal, Diego Fernández, en diversas ocasións, a necesidade de resolver esta situación, senón á propia María Barral, que era coñecedora do problema e que indicaba que se solucionaría en canto fose posible.

A maiores, a non implantación do rexistro da xornada leva anos sendo a escusa do goberno municipal para non implantar a flexibilidade da xornada que vén recoñecida como unha medida de de conciliación no propio Convenio colectivo e Acordo regulador. Esta queixa tamén se trasladou á Comisión Paritaria de Igualdade do pasado mes de febreiro, así como a necesidade de poder facer efectivo este dereito de flexibilización que debería poder exercitarse desde 2017, ano en que se aprobaron os novos marcos reguladores.

O inspector de traballo indica na resolución que existen limitacións no sistema de rexistro da xornada existente e falta a negociación para a implantación, e requírelle ao Concello que debe facilitar os rexistros de xornada solicitados tanto polos traballadores e traballadoras como polos representantes destes e debe negociar ou consultar coa representación legal dos traballadores con respecto ás modificacións que realice no sistema de rexistro da xornada.

A CIG vén de reiterarlle as solicitudes correspondentes ao Concello, á vista de que segue sen ningún tipo de información sobre esta cuestión e no caso de que o Concello non responda acudirá de novo á Inspección provincial para informala da reiteración no incumprimento, da persistencia nas discriminacións e da falta de negociación e consulta cos representantes dos traballadores e traballadoras.

23/09/20

Unha sentenza dálle a razón á CIG e o persoal dos obradoiros do Concello de Betanzos debe cobrar por Convenio colectivo

Desde hai anos a CIG do Concello de Betanzos víñalle advertindo ao goberno do PSOE que o persoal contratado para os obradoiros debía cobrar segundo os salarios do Convenio colectivo e non moi por baixo do estipulado, tal e como teimaba en facer o goberno de María Barral en detrimento dos dereitos dos traballadores e traballadoras dos obradoiros de emprego para aforrar uns cartiños e, de paso, recortar os seus dereitos retributivos.

A CIG denunciou esta situación en diversas ocasións publicamente, por rexistro, en reunións co concelleiro Diego Fernández e mesmo coa propia María Barral quen asina os contratos e, por tanto, decide as condicións laborais do persoal laboral do Concello de Betanzos.

Foi en plenas eleccións sindicais do ano 2019 nas que o sindicato dos funcionarios (CSIF) e os delegados da Policía Local en concreto, teimaban en lembrarlle ao persoal do obradoiro que a postura de quen informaba no Concello era contraria a esta reclamación e que, pouco máis, non había moito que facer. Nada nos sorprendía daquela que un sindicato se asesorase internamente no propio Concello, porque iso é algo que historicamente tamén fixera UGT en detrimento dos dereitos do persoal, e que a CIG nunca fixo posto que os delegados e as delegadas da CIG sempre se asesoraron no sindicato e non cos propios asesores do Concello que teñen informado contrariamente aos dereitos do persoal laboral en demasiadas ocasións. 

Naquel momento a CIG asesorou ao alumnado do obradoiro en múltiples reclamacións previas que o goberno local denegou tarde, mal e arrastro e despois de que as propias traballadoras chegaron a ter unha reunión con María Barral porque non lles daban respondido á reclamación. 

Varias traballadoras decidiron continuar con esta reclamación pola vía xudicial e na primeira das sentenzas o Xulgado do Social determina que non hai dúbida de que a demandante era traballadora laboral do Concello de Betanzos e de que o Convenio colectivo en vigor lle afecta á totalidade do persoal do Concello de Betanzos, xa que non contempla ningunha excepción contractual, por tanto, debía cobrar o estipulado no Convenio colectivo para a súa categoría profesional e condena ao Concello a pagarlle a diferenza e estima a demanda.

Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos celebramos esta sentenza porque desde o inicio da negociación do Convenio colectivo en 2011 sempre defendemos que a totalidade do persoal laboral debía cobrar o que lle correspondía sen facer distinción entre o persoal cun contrato ao abeiro dunha subvención doutra Administración pública ou non. 

Sempre defendemos que igual traballo e igual salario e desa defensa saíu o acordo do Convenio colectivo de 2017. A pesar dese novo convenio o goberno do PSOE teimou desde 2017 en discriminar a unha parte do persoal, en concreto todo o persoal que pasou polos obradoiros de emprego, e pagarlle menos do que indicaba o Convenio colectivo e a CIG foi o único sindicato que defendeu o acordado no Convenio, mesmo a pesar de que outros sindicatos seguían defendendo a postura do goberno municipal e desanimando ao persoal a presentar reclamacións.

Agora, á espera do resto das sentenzas o único camiño é que o goberno de María Barral, rectifique, non reitere co persoal de futuros obradoiros esta discriminación, tendo en conta que xa foi condenado por ela e reflexione sobre a interpretación unilateral contraria ao acordado que vén realizando do Convenio colectivo en detrimento dos dereitos dos traballadores e traballadoras, agora mesmo coa complicidade da CSIF e da UGT que desde xuño de 2019 lle deron manga ampla ao goberno municipal para facer e desfacer o que lle pete sen dicir nin chío.

A propia CSIF na reunión do Comité de Empresa de xaneiro deste ano negouse a que o Comité de Empresa lle comunicase ao goberno municipal unha queixa por esta discriminación, tal e como propuxo a CIG, e demostrou  así a súa complicidade para que esta discriminación salarial non se solucionase e que o Comité de Empresa, o máximo organismo de representación do persoal laboral, amosase a súa conformidade co mal facer do goberno de María Barral e dese o visto bo ás discriminacións salariais existentes.

Agora que o xulgado determinou que a reclamación era pertinente e que condenou ao Concello a solucionar a situación, fica máis que nunca patente para a CIG a necesidade de defender os dereitos do persoal laboral xa non só ante o propio Concello senón ante unha maioría do Comité de Empresa que antepón os intereses do goberno municipal aos dos traballadores e traballadoras.

Hemeroteca

O Concello deberalle subir o SMI ao alumnado dos obradoiros logo da entrada en vigor do RD 231/2020

A CIG denuncia que a lei do teletraballo non establece as bases para garantir unhas condicións laborais dignas

 O Goberno español interrompeu de maneira insólita a tramitación normativa para trasladar o debate ao marco do diálogo social

A CIG considera que o Real Decreto-lei aprobado hoxe no Consello de Ministros/as para regular o traballo a distancia nace con dous defectos insalvábeis: dunha banda é unha norma de mínimos que non dignifican a prestación do traballo neste modalidade e por outra banda, esta lei chega despois de terse interrompido o proxecto normativo que estaba en marcha, que se veu paralizada no CES "de maneira inaudita e sen antecedentes en favor do diálogo social".

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, segundo o que transcendeu nos medios xa que a central non dispón aínda do texto aprobado, este Real decreto non resolve a actual situación laboral derivada da pandemia da covid19 "na que se impuxo o teletraballo sen dereitos e que se mantén en vigor con carácter xeral". Carril critica que se obvien os trámites ordinarios e se menosprecen as institucións e organismos paritarios de representación, para levar a negociación desta lei ao marco do diálogo social.

Cómpre lembrar que o Goberno español abrira unha consulta pública para a elaboración da futura lei do teletraballo, na que a CIG presentou as súas achegas e consideracións a respecto da regulación desta modalidade de prestación do traballo. "Pero a tramitación da lei quedou suspendida de xeito insólito estando no CES, para pactar un acordo con UGT, CCOO e a patronal que non establece as bases para garantir unhas condicións dignas de teletraballo", asevera.

Inconcreción na cobertura dos gastos

Neste senso, Carril chama a atención sobre a inconcreción no relativo á cobertura dos gastos xerados por esta modalidade de traballo e como as empresas se farán cargo destes, "tendo en conta que non asumirán os custes na súa totalidade". Cuestiona tamén a consideración que se fai do traballo a distancia do punto de vista da prestación e da ordenación da xornada.

"Vincúlase a consideración do teletraballo ao número de horas en relación coa xornada laboral, facilitando a desregulación e que, polo tanto, o carácter voluntario e a revogabilidade que se me menciona no RD estean moi imposibilitadas na realidade", advirte. Considera o secretario xeral da CIG que as empresas pretenderán aproveitar esta circunstancia "para impor, cando o poidan prestar, unha flexibilización do teletraballo prexudicial e sen dereitos para os traballadores e traballadoras".

Ademais, tal e como está formulada, esta lei non significa un avance en termos de conciliación, senón un atraso, á vista de como se está a desenvolver esta modalidade de traballo no tempo que levamos de pandemia.

Atendendo a esta realidade, Carril amosa a preocupación porque as consideracións que aparecen na lei sobre o dereito á desconexión dixital, a intimidade e dignidade "quedan no enunciado, sen que isto realmente desenvolva ningún dereito neste eido". Xunto a isto, a CIG alerta que tampouco se avanza nas garantías dos dereitos sindicais do persoal que non traballe de xeito presencial.

Regulación de mínimos

Fica por comprobar o alcance que pode ter este texto xa que se trata dunha regulación de mínimos que empraza na negociación colectiva a concreción do resto de asuntos. "En todo caso, eses mínimos non son defensores dunha dignificación da prestación do traballo a distancia e terá que ser na negociación colectiva onde se conclúa a regulación, mais nunha dialéctica moi regresiva por parte da patronal".

A CIG mantén o seu rexeitamento a asinar á proposta de regulación do teletraballo do Ministerio

 Remataron xa as negociacións sen que se recolleran as aportacións da central sindical no EBEP

A Área Pública da CIG vén de manifestar a súa posición en relación coa negociación do grupo de traballo da mesa xeral de negociación das administracións públicas, creado para a regulación do traballo a distancia no EBEP. A central sindical mantén o rexeitamento a asinar a proposta porque a representación da administración do Estado non aceptou trasladar á parte dispositiva do EBEP (art.47 bis) a redacción aportada na última proposta da propia administración que figura na exposición de motivos.

Entre outras cuestións, a Área Pública da CIG defendía que se contemplara que a regulamentación do teletraballo non pode significar unha redución de dereitos das persoas administradas, nin das persoas empregadas públicas. Entende que “a modalidade de traballo en remoto non pode supor para a cidadanía unha brecha dixital coas administracións”, polo que demanda que estea garantida, en todo caso, a atención presencial permanente.

Por iso considera que a lei debe incluír a matización de que a modalidade de teletraballo non será considerada ordinaria, nin absoluta. Isto é, cada administración deberá analizar en cada ámbito e recoller na normativa reguladora, a porcentaxe de servizos que poden desenvolverse a distancia, combinando a presencialidade e o teletraballo.

Impacto de xénero


Advirte ademais que esta modificación no EBEP non pode ser utilizada para “afondar na privatización de servizos públicos” nin formularse como unha medida de conciliación, polo que “non pode substituír as medidas específicas de conciliación da vida laboral e familiar”.

De feito, a central sindical parte da necesidade de que se faga unha avaliación do impacto de xénero e que se inclúan medidas de perspectiva de xénero que garantan a “non feminización desta modalidade de traballo”.


Voluntario e con dereito a desconexión


Para a central sindical tamén é necesario que se inclúa expresamente que o traballo a distancia ten quer “voluntario e reversible” e que non debe comprender a totalidade do horario laboral. Isto xunto co recoñecemento do dereito á desconexión dixital, subliñándose que “en ningún caso a administración poderá exixir a realización de tarefas nin recepción de documentación fóra do horario laboral”.

Debe ser ademais, a administración, que facilite, instale e manteña os equipos, aplicacións e conexións asumindo o custo de pór á súa disposición un espazo na vivenda da persoa traballadora e a adquisición de mobiliario.


Inviolabilidade do domicilio


A Área Pública da CIG demanda tamén que os dispositivos facilitados garantan a inviolabilidade do domicilio, “quedando expresamente prohibidos o uso de videocámaras, micrófonos ou programas de control, seguimento e monitorización do traballo”.

En todo caso, as administración teñen que estar obrigadas a proporcionar formación previa e continua ás traballadoras nas competencias dixitais necesarias para a prestación do traballo remoto; ten que garantirse o cumprimento das medidas de prevención, con avaliación dos espazos e lugares nos que se vai desenvolver a actividade.


Canles de comunicación


Xunto a estas cuestión, a CIG defende o establecemento de canles de comunicación e participación coa representación do persoal, facilitando a administración sistemas de comunicación instantánea, así como medidas de control e seguimento específico desta actividade.

A administración debe estar obrigada ademais a contratar un seguro que cubra as posibles incidencias no relativo á lei de protección de datos.

A CIG-Administración acusa a presidenta da Deputación pontevedresa de mentir na xestión da covid

Dende a central reclaman información veraz e máis axilidade nas probas PCR

A CIG-Administración denuncia que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, minte cando afirma que o persoal que foi posto en corentena tras o positivo dun menor do centro Príncipe Felipe deu negativo nas probas PCR.

Dende a central critican que a máxima responsábel da institución provincial traslade aos medios de comunicación información non veraz, “xa que non é certo que todo o persoal pasase xa as probas cando o asegurou a presidenta; de feito, onte ao mediodía aínda había persoas ás que non se lle fixeran”.

Neste senso, reclaman máis axilidade coas probas ante un caso coma este, “pois entendemos que se lles deberan facer ao persoal e aos menores ao mesmo tempo e no propio centro, e non obrigar o persoal en corentena a ir ao hospital para realizalas”.

16/09/20

A CIG non asinará o acordo para regular o teletraballo nas administracións públicas

Rexeita que se formule como medida de conciliación e demanda evitar a súa feminización

A Área Pública da CIG non asinará o acordo co Ministerio de Administracións Públicas sobre traballo a distancia tras fracasar as negociacións na Mesa Xeral. O seu portavoz, Xabier Picón, explica que o Ministerio presentou unha proposta inicial “bastante cativa” á que a central sindical presentou unha serie de alegacións que “foron asumidas en boa parte” pero só para a súa inclusión na exposición de motivos, mais “sen carácter vinculante para as distintas administracións públicas”. Fronte a isto, a CIG demanda que se teñan en conta para a súa inclusión no articulado e que obriguen ás administracións ao seu cumprimento. Demanda coa que coinciden as outras organizacións sindicais presentes na mesa de negociación.

Entre outras cuestións, a Área Pública da CIG defende que a regulamentación do teletraballo non pode significar unha redución de dereitos das persoas administradas, nin das persoas empregadas públicas. Entende que “a modalidade de traballo en remoto non pode supor para a cidadanía unha brecha dixital coas administracións”, polo que demanda que estea garantida, en todo caso, a atención presencial permanente.

Por iso considera que a lei debe incluír a matización de que a modalidade de teletraballo non será considerada ordinaria, nin absoluta. Isto é, cada administración deberá analizar en cada ámbito e recoller na normativa reguladora, a porcentaxe de servizos que poden desenvolverse a distancia, combinando a presencialidade e o teletraballo.

Impacto de xénero

Advirte ademais que esta modificación no EBEP non pode ser utilizada para “afondar na privatización de servizos públicos” nin formularse como unha medida de conciliación, polo que “non pode substituír as medidas específicas de conciliación da vida laboral e familiar”.

De feito, a central sindical parte da necesidade de que se faga unha avaliación do impacto de xénero e que se inclúan medidas de perspectiva de xénero que garantan a “non feminización desta modalidade de traballo”.

Voluntario e con dereito a desconexión

Para a central sindical tamén é necesario que se inclúa expresamente que o traballo a distancia ten quer “voluntario e reversible” e que non debe comprender a totalidade do horario laboral. Isto xunto co recoñecemento do dereito á desconexión dixital, subliñándose que “en ningún caso a administración poderá exixir a realización de tarefas nin recepción de documentación fóra do horario laboral”.

Debe ser ademais, a administración, que facilite, instale e manteña os equipos, aplicacións e conexións asumindo o custo de pór á súa disposición un espazo na vivenda da persoa traballadora e a adquisición de mobiliario.

Inviolabilidade do domicilio

A Área Pública da CIG demanda tamén que os dispositivos facilitados garantan a inviolabilidade do domicilio, “quedando expresamente prohibidos o uso de videocámaras, micrófonos ou programas de control, seguimento e monitorización do traballo”.

En todo caso, as administración teñen que estar obrigadas a proporcionar formación previa e continua ás traballadoras nas competencias dixitais necesarias para a prestación do traballo remoto; ten que garantirse o cumprimento das medidas de prevención, con avaliación dos espazos e lugares nos que se vai desenvolver a actividade.

Canles de comunicación

Xunto a estas cuestión, a CIG defende o establecemento de canles de comunicación e participación coa representación do persoal, facilitando a administración sistemas de comunicación instantánea, así como medidas de control e seguimento específico desta actividade.

A administración debe estar obrigada ademais a contratar un seguro que cubra as posibles incidencias no relativo á lei de protección de datos.


15/09/20

A CIG no Concello de Santiago anuncia recurso e mobilizacións contra o acordo que 'repaga' o traballo en domingos e festivos

 Advirten que a decisión da Xunta de Goberno xera discriminacións retributivas entre o persoal municipal

A sección sindical da CIG no Concello de Santiago advirte que o acordo da Xunta de Goberno do pasado 22 de xullo, polo cal se duplica o pago da festividade ao persoal do servizo da Policía Local e de Bombeiros, establece unhas condicións laborais distintas ás pactadas na Mesa Xeral de Negociación e xera discriminacións retributivas entre o persoal municipal, en función do servizo ao que pertenzan.

Xabier Picón, delegado da sección sindical da CIG no Concello e secretario nacional da CIG-Administración, compareceu este mércores en rolda de prensa acompañado por delegados e delegadas da central para explicar o posicionamento da CIG con respecto a este acordo. Lembrou que o ano pasado se fixo unha modificación do convenio pactada coa representación sindical maioritaria na Mesa Xeral de Negociación, polo que se procedía a pagar os sábados como festivos á policías locais e bombeiros/as e a mellorarlles a compensación do traballo nocturno.

Agora, o acordo da Xunta de Goberno estende a compensación do pago da festividade pactada para os sábados tamén aos domingos e festivos. "É dicir, os servizos de policía e extinción de incendios, que viñan cobrando dende 1991 un complemento específico polo seu traballo en domingos e festivos, seguirán a cobrar ese complemento e ademais o novo complemento diferencial por traballar eses mesmos días, co que es producirá un “repago” do traballo en domingos e festivos", explica Picón.

Advirte que deste xeito se establece un tratamento discriminatorio entre o persoal, xa que mentres para estes dous colectivos se duplica a compensación, para o resto dos traballadores e das traballadoras mantense a mesma compensación por traballar en domingos e festivos.

Critica ademais que este "repago" se aprobe sen dar solución á escaseza efectivos nestes dous servizos, a causa da que se están a realizar centos de horas extraordinarias "e se chegan a duplicar os soldos". "Non é de recibo que se repartan estes sobresoldos cando se poderían crear no Concello máis de 40 postos de traballo" polo mesmo custe.

300.000 euros para o repago pero o complemento da carreira adiado en tres anualidades

Xunto a isto, Picón lembrou que en 2019 chegouse a un acordo co Goberno local para adiar en tres anualidades o pagamento do complemento de carreira de todo o persoal, xa que o Concello alegou imposibilidade para abonalo completo polos límites establecidos na Lei de Orzamentos. Mais agora, "si se poden aprobar 300.000 euros de repago da festividade".

A este respecto, a CIG teme que o acordo de Goberno teña o reparo suspensivo de intervención, pois adoptouse coa advertencia do secretario xeral do Pleno da ausencia de informes de fiscalización.

"Baixo a falsa aparencia de interpretar o pactado, na práctica este acordo da Xunta de Goberno agocha a modificación dos acordos colectivos e obvia, ademais, a negociación coa representación sindical maioritaria", xa que o Goberno municipal tratou este cambio cos sindicatos que non teñen representación na Mesa Xeral. Engade o representante da CIG que este acordo racha co carácter unitario do convenio colectivo e co equilibrio retributivo e non discriminatorio establecido neste.

De igual xeito, Picón criticou o "desprezo amosado polo Goberno de Sánchez Bugallo cara a representación maioritaria elixida polo persoal do Concello nas eleccións sindicais, para favorecer a sindicatos que non teñen representación na mesa xeral". Así mesmo valorou que este tipo de prácticas e decisións constitúen "un desprezo polo traballo da maioría dos e das profesionais municipais".

Por todas estas razóns, a sección sindical da CIG no Concello de Santiago presentará recurso contencioso-administrativo contra o acordo e anuncia a convocatoria de mobilizacións para o mes de setembro, esixindo que se anule este acordo "e se volva á negociación colectiva de boa fe".


Atinxido un acordo no SAF da Cañiza que recoñece a condición de persoal laboral ás traballadoras e garante a xestión pública do servizo

A CIG subliña que foi posíbel pola organización e a firmeza das compañeiras para esixir a dignificación do seu traballo


As traballadoras dos SAF da Cañiza, coa representación da CIG no Concello, asinaron hoxe un acordo co alcalde,  Luís Piña, que recoñece a condición de persoal laboral ás auxiliares de axuda do fogar e o compromiso do Goberno local de manter o servizo municipalizado.

Principais puntos do acordo

No acordo recóllense as seguintes cuestións moi elementais para o conxunto das traballadoras do SAF, que supoñen un paso de xigante sendo base do recoñecemento e dignificación do seu traballo:

- Inclusión na RPT da categoría de auxiliar de fogar cun salario base mensual por xornada completa de 1151,70 no ano 2019

- Incorporación no vindeiro convenio de persoal laboral da Cañiza das condicións particulares das traballadoras do SAF

- O pagamento da quilometraxe dende as instalacións de asuntos sociais do concello

- A procura dun sistema de rotación para o traballo en domingos e festivos

- A creación dun plus de domingos e festivos

- O establecemento dun criterio de reparto de traballo equitativo e a fixación dunha xornada máxima de 37,5 horas, tendo como obxectivo unha xornada mínima de 25 horas semanais

- O establecemento dun procedemento de seguimento de incidencias no servizo

- A negociación antes do remate do ano 2020 dun plan de prevención de riscos e dun protocolo de acoso laboral e sexual específicos para este servizo

Dos intentos de privatización a dar visibilidade a un sector esencial

A Unión Local da CIG do Porriño valora moi positivamente o acordo alcanzado, explicando que, hai ano e medio, cando as traballadoras contactaron coa CIG e comezaron as súas reivindicacións, sendo alcalde Miguel Domínguez do PP, "non contaban con roupa de traballo, non tiñan recoñecido un salario para a súa categoría, negándolle o edil do PP dereitos tan elementais como o goce das súas vacacións ou descansos en fin de semana".

De feito, explica Mercedes Domínguez, responsábel de Muller da CIG-Porriño, en varias reunións o anterior alcalde negou as traballadoras a condición de persoal do Concello, "malia que algunha leva traballando no servizo máis de dez anos". Neste sentido, hai que subliñar que a CIG xa ten gañadas catro sentenzas declarando as traballadoras persoal laboral indefinido do Concello da Cañiza.

Meses antes de perder a alcaldía, Domínguez intentou a privatización do servizo, que finalmente non foi efectiva debido a que a empresa adxudicataria "renunciou por non acadar o miserento prezo de saída ofrecido no prego os custes do persoal a subrogar".

A este respecto, Domínguez salienta que o cambio de escenario neste Concello foi posíbel grazas á organización das traballadoras, á súa firmeza en denunciar a súa precariedade e esixir da man da CIG a valorización do seu traballo, reclamando o recoñecemento da súa enorme responsabilidade, dando na Cañiza visibilidade a un sector esencial abandonado durante anos, que atende os coidados básicos da vida diaria de preto dun cento de maiores e dependentes do Concello.

Compromiso de manter municipalizado o servizo

Os servizos de axuda no fogar e as residencias foron entregados polo goberno da Xunta e dos concellos á empresas que sacan beneficio de cartos públicos a conta da precariedade de milleiros de mulleres no país, precariedade que necesariamente repercute na asistencia que ofrecen e da que tivemos bo exemplo na crise sanitaria que acabamos de sufrir.

Por esta razón a CIG agradece a decisión de cambio de rumbo do actual alcalde, "polo seu compromiso de manter municipalizado o servizo en contra das directrices da Xunta do PP, pola súa determinación de incrementar a calidade dos coidados ás persoas maiores, e polo recoñecemento ao traballo das súas veciñas como traballadoras esenciais que son".