E xa van algo máis de dous meses dende que abrimos este espazo e comezamos a andaina no Concello de Betanzos, con 1400 visitas no noso blogue amosástenos a necesidade de difusión de información que tanto se precisaba entre os traballadores e traballadoras do Concello e coas múltiplas subscricións ao noso voceiro en liña demostrades o interese por recibir as nosas novas puntualmente.Hai pouco máis dun mes a CIG gañou as eleccións sindicais do persoal laboral do Concello e dende ese momento cada un dos nosos delegados e delegadas traballan arreo por mellorar a situación do persoal desta Administración local. A chegada da CIG a este Concello abriu un novo panorama entre o persoal laboral, non só porque nunca antes ningún sindicato dos que tiñan representación abrira un espazo público na rede, senón tamén, porque por primeira vez se editou un voceiro, o noso "abrindo camiños", do que xa van cinco números e nos próximos días sairá un sexto.
Boa proba de que o noso traballo está a dar os primeiros froitos, é que, por vez primeira, e grazas á iniciativa previa da CIG, paralizouse un proceso de selección de persoal que non cumpría os requisitos que se exixen hoxe en día para o acesso á función pública. O propio Pleno deunos a razón ao acordar modificar as bases xerais dos procesos selectivos do Concello, e iso si que supuxo toda unha revolución no panorama da representación sindical do Concello porque nunca antes se denunciaran publicamente por parte dos representantes dos traballadores este tipo de irregularidades, ou, cando menos, se así foi, non tiveran as consecuencias pertinentes.
Dende a CIG do Concello de Betanzos non entendiamos nin entendemos cómo se pretende contratar persoal cando se lle negan dereitos básicos recollidos no Estatuto Básico do Empregado Público, como o recoñecemento dos trienios ou o acesso a axudas sociais, a persoas que levan anos e anos traballando nesta Administración. Entendemos, pois, que esta Administración ten pendentes demasiadas situacións alleas á normalidade para unha Administración Pública como para permitirse o luxo de seguir contratando persoal con bases totalmente incompletas e de dubidosa legalidade para logo poder xogar ao seu antollo cos dereitos dos traballadores e a súa situación contractual.
O Concello, pola súa parte, responde á nosas demandas excluíndo o Comité de Empresa dos procesos selectivos cando polo que nos comentaron anteriores representantes sindicais, sempre, todos os gobernos anteriores contaran cun representante proposto polo Comité para os tribunais dos procesos selectivos, tal e como recollían as bases das convocatorias e mais como indica o artigo 30 do Real Decreto 364/1995. Ademais de non facilitarlle ao Comité documentación ou, cando menos, de demorar ao máximo a súa entrega, tendo en conta que hai solicitudes sen responder dende o propio día da constitución do Comite de Empresa, o 13 de xuño.
Aínda así, a nosa avaliación deste curto período inicial é positiva, non só polos folgos que compañeiros e compañeiras nos transmiten a diario, senón porque simplemente pedimos o que é xusto e o que segundo a lei lle corresponde aos traballadores públicos, por iso seguiremos defendendo a igualdade de trato, condicións e dereitos para todos os traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos en todas e cada unha das nosas reivindicacións.
Coma sempre, moitas grazas polo voso apoio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario