03/08/11

Valoración da reunión de hoxe

Hoxe, 3 de agosto, todo o Comité estaba chamado a unha reunión co interventor e co delegado de persoal para nos pór ao tanto da situación económica do Concello e como isto nos afectaría ás demandas do persoal. En xeral, cómpre sinalar que foi unha reunión moi útil por toda a información que se nos facilitou, pola explicacións canto a temas que nos atinxen e posibles solucións por parte da Interveción municipal e a boa predisposición para intentar solucionar a longo prazo algúns dos problemas máis graves do persoal laboral.


Na reunión púxose en claro que temos que traballar para lle trasladar á Intervención as deficiencias que detectamos na situación laboral do persoal, aínda que, pola nosa parte, tamén deixamos claro que o comentabamos era en base ao que nos dicía o persoal porque xa hai máis dun mes e medio que o Concello non nos facilita diversa documentación solicitada. Esta falta de documentación implica que non poidamos facer unha valoración final da situación e consecuentemente trasladarlle as nosas demandas, que serán trasladadas unha vez que o Concello amose boa vontade para facilitar información que por lei ten que ter o Comité de Empresa.


Se unha cousa tiramos en claro todos e todas é que aquí hai moitas cousas que cambiar para que isto repercuta nunha mellora da situación laboral e, como non, consecuentemente, nun mellor funcionamento do Concello. Polo momento, tal e como se nos indicou, haberá modificacións na compensación das horas extra para adaptármonos ao que marca o noso convenio e as leis de superior rango. Haberá pois, que solicitar a compensación das horas extra en horas libres e se o servizo non permite tal dispoñibilidade será cando sexan cobradas, mais unha vez que isto sexa informado polo concelleiro ou concelleira correspondente. Para este trámite facilitaránsenos uns modelos de documentos, tal e como se nos indicou dende o Concello.


Coidamos, logo, que se inicia un novo período onde todo o persoal ten que ter claro que o descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento, tal e como hoxe nos lembraron dende o Concello, e que hai uns procedementos administrativos que cómpre que sexan empregados con asiduidade para así poder facer valer tamén os nosos dereitos efectivamente. Así o recolle o noso propio convenio, a proposta de novo convenio da CIG e así tamén, considera o Concello que se debe facer, porque hoxe mesmo falouse da creación dun protocolo que se daría a coñecer ao persoal, boa iniciativa sen dúbida para termos claros os procedementos oportunos e aforrar problemas á hora de solicitar facer efectivos os nosos dereitos como traballadores dunha Administración pública.


Ademais de todo isto, falouse da elaboración dunha nova e mellorada Relación de Postos de Traballo, onde realmente haxa unha valoración dos postos de traballo e da remuneración correspondente en función da especificidade de cada un deles e que esta xa debemos a comezar a traballar nela porque este tamén será un dos traballos a longo prazo e no que os representantes do persoal teremos que traballar arreo para plasmar nesa nova RPT moitas das demandas históricas de recoñecemento de funcións do persoal laboral.





Ningún comentario:

Publicar un comentario