Logo dos acontecementos
da última semana queda perfectamente claro que o Goberno local tiña
todo preparado para saírse coa súa, non contar co persoal para a
negociación da RPT e “beneficiar” a uns poucos en detrimento da
maioría. Todo isto aderezado con mentiras de que estas modificacións
van supor a mellora dunha parte do persoal, cando, por exemplo, o
persoal que non está na RPT efectivamente estaba sendo discriminado
dende hai anos mais pola vontade dos distintos gobernos locais de
pasar por riba das leis ou sempre utilizalas en contra dos dereitos
dos traballadores e a pouca disposición do persoal a denunciar as
situacións de discriminación.
As mentiras ao persoal
son o eixe da política de recursos humanos deste Concello e así
quedou patente cando o concelleiro de Persoal, no pleno do pasado 31
de xullo, tivo a cara de dicir que os compañeiros do GRUMIR non
foron despedidos cando hai xa cinco sentenzas que condenan ao
Concello por despido improcedente, e iso só é unha gota do vaso,
porque neste Concello a maior parte do persoal está nunha situación
contractual irregular e iso é culpa exclusivamente de quen gobernou
e goberna, por moito que intenten enganar está máis que claro que o
persoal laboral é menosprezado polos gobernos municipais que
propiciaron que a situación actual sexa desastrosa. Dende a CIG
agardamos que isto non se traduza en despedimentos amparados en
decretos do Goberno estatal que disque están para saír.
Como xa dixemos, moitos
son os postos modificados nesta nova RPT sen consultar cos
traballadores, só a uns cantos escollidos se lle comunicaron as
mudanzas mais á grande maioría non se lle dixo nada a pesar de que
as mudanzas poden afectar substancialmente á súa situación
laboral. Aproveitando o argumento de que non pode haber melloras
colectivas increméntanlle complementos a algúns compañeiros e o
problema volve ser o de sempre, dende a CIG estamos a favor de que,
sempre dentro do que é o emprego público e os seus límites legais,
se recoñeza o traballo ao persoal que o realiza mais o que nunca
poderemos defender é para uns si e para outros non, é dicir, que
habendo moito máis persoal en situacións semellantes non se lle
recoñeza tal traballo e o Goberno presente unha RPT totalmente
arbitraria que non xustifica as diferenzas salariais desorbitadas
nalgúns casos entre postos semellantes. Se hai traballadores de
primeira e segunda para este Concello que o diga alto e claro dunha
vez e que non intente enganar, nin irse de legal cando só recorre a
falar de leis cando pretende confundir ao persoal coa estratexia do
quero e non podo.
En xeral, son moitos os
erros desta Relación de Postos de Traballo feita unilateralmente
polo Concello e sen ningunha negociación, mais entre eles hai
mudanzas nas denominacións dos postos de traballo que se converten
en equívocas e pouco clarificantes, hai erros de vulto na forma de
provisión de postos de traballo e as prazas de persoal laboral
aparecen como cubertas cando están todas vacantes, posto que o
persoal laboral é todo temporal, e os requisitos de titulación son
arbitrarios e non aparecen en todos os postos. Ademais, e o máis
grave, é que falta o sistema empregado para valorar cada posto
(manual) como a aplicación deste sobre cada posto valorado, e en
xeral, o que se pode constatar son unhas diferenzas inxustificadas
moi grandes no complemento específico entre o persoal da mesma
categoría, igualmente, a desproporción na valoración dos postos
ocupados por funcionarios e persoal laboral e tamén na diferenza de
valoración entre postos coas mesmas ou similares funcións. Non
deixa de ser significativo que o funcionariado teña perfectamente
definidas as funcións do seu posto e ao persoal laboral non lle
reflictan unha grande parte das que realiza, ademais de que se
recollan melloras salariais para tres funcionarios e un laboral,
cando o persoal laboral é case o dobre de traballadores que o
funcionariado e, aínda por riba, nunha grande parte dos casos
realiza moitas máis funcións que as propias do seu posto de
traballo, como veñen de demostrar as sentenzas do GRUMIR.
Dende a CIG do Concello
de Betanzos temos claro que o camiño iniciado comeza a dar os seus
froitos e aínda que é ben triste que o Concello non deixe outra
opción recorreremos a el todas as veces que faga falla. Se logo dun
mes os orzamentos se aprobasen automaticamente de xeito provisional
iniciaríase un proceso onde se poderán presentar alegacións á
toda a Relación de Postos de Traballo e mais individuais a cada un
dos postos, e entón é cando dende a CIG actuaremos de novo en
consecuencia co que levamos defendendo dende que acadamos
representación neste Concello e manteremos informado a todo o
persoal puntualmente porque iso é o que fai falla neste Concello
máis información e menos mentiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario